Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188-Bis Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36279

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Lalín e Silleda.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do devandito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e en vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 11 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Subcomité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020, que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Lalín do 13 de setembro de 2020.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 11 de setembro de 2020, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente no concello de Lalín e noutros concellos da comarca do Deza. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre a comarca do Deza indícase que a taxa de incidencia acumulada está a medrar nesta comarca desde o 19 de agosto. As taxas a 3, 7 e 14 días tamén se observa que aumentan a respecto do informe anterior. Ademais, no concello de Silleda aumentou a súa incidencia acumulada a 3 días desde o informe anterior dun xeito importante. Este aumento da incidencia na comarca está a indicar que o gromo non está controlado. O número reprodutivo instantáneo está lixeiramente por riba do 1, co intervalo de confianza superior preto do 2, o que significa que cada caso pode estar contaxiando a outras dúas persoas e se está a incrementar a transmisión. Este gromo segue a ter características de alto/medio risco como son: a taxa de incidencia nos últimos 3 días, que aumentou desde o último informe; a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do gromo e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados. Respecto aos concellos da comarca, establecéronse restricións no concello de Lalín, pero a situación epidemiolóxica do concello de Silleda, cun incremento da incidencia acumulada a 3 días desde o informe anterior, ten unhas taxas de incidencia a 3, 7 e 14 días máis elevadas ca no concello de Lalín.

De acordo co informe, polo tanto, ademais do mantemento das medidas adoptadas no concello de Lalín, a situación do concello de Silleda fai recomendable establecer neste concello as mesmas medidas que se tomaron e se manteñen para o concello de Lalín.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos na Orde do 11 de setembro de 2020 no concello de Lalín e estender a aplicación das mesmas medidas ao concello de Silleda.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Lalín e Silleda

Unha vez atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca do Deza, mantense no concello de Lalín a eficacia das medidas de prevención previstas na Orde do 11 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Lalín. Ademais, as devanditas medidas serán de aplicación tamén no concello de Silleda.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén no concello de Lalín e se estende ao concello de Silleda serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración no concello de Silleda para os días 17 ao 20 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 16 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 11 de setembro de 2020, ben que os titulares dos establecementos deberán comunicalo á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade