Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188-Bis Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36274

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada mediante o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou en parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Pontevedra, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 9 de setembro de 2020 e, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto quinto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto número 70/2020, do 11 de setembro, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Pontevedra.

Por outra banda, de acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Pontevedra, do 11 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, tendo en conta da situación dos concellos de Poio e de Vilaboa e a interrelación destes concellos entre eles e co concello de Pontevedra, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, en que se acordou estender a aplicación das medidas de prevención previstas na Orde do 9 de setembro de 2020, antes citada, a estes dous concellos, engadindo, ademais, medidas específicas respecto das praias destes concellos.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto do 12 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Pontevedra, respecto do concello de Poio, e polo Auto do 13 de setembro de 2020, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Cangas, respecto do concello de Vilaboa.

En cumprimento do disposto no punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre a comarca de Pontevedra indícase que a incidencia na comarca leva en ascenso desde o 22 de agosto, mais esta incidencia aumenta máis rápido a partir do 30 de agosto. A taxa de incidencia tanto a 3 como a 7 días segue a aumentar, o que indica que o brote non está baixo control. Os concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa seguen a presentar unha taxa de incidencia importante e, ademais, mantense a aparición de casos. O intervalo de confianza superior do número reprodutivo instantáneo está preto do 1’5, o que indica que a transmisión pode ser importante. Este brote segue a ter características de alto/medio risco como son: a taxa de incidencia nos últimos 3 días, que aumentou desde o último informe; a porcentaxe de positividade de probas PCR realizadas na zona do brote, e a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas aos contactos dos casos detectados, que baixou desde o informe anterior pero que se mantén no nivel de risco medio. O informe recomenda continuar coas medidas xa establecidas nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa.

Así mesmo, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre a comarca do Morrazo, indícase que a taxa de incidencia nesta comarca está a aumentar desde principios de agosto. Este aumento da taxa de incidencia da comarca claramente débese ao aumento de casos e da taxa do concello de Marín, que ten unha taxa a 3 días que duplica á da comarca e a de Galicia. Este aumento da taxa de incidencia no concello de Marín podería deberse a un aumento da transmisión desde o veciño concello de Pontevedra, cunha alta taxa de incidencia desde hai tempo, dada a alta relación que existe entre ambos os concellos. A estimación puntual do número reprodutivo instantáneo supera o 1 co intervalo de confianza superior por riba do 1’5, o cal indica que a transmisión está activa e poden seguir a xerarse novos casos a partir dos xa existentes e aumentar así a transmisibilidade da infección. Os grupos de idade máis afectados, que son idades moi novas, poden tamén favorecer a transmisión da enfermidade dada a alta proporción de infectados sen síntomas ou practicamente asintomáticos. Este brote ten características de risco, pola taxa de incidencia nos últimos 3 días, especialmente no concello de Marín, a porcentaxe de positividade das probas PCR realizadas no período de evolución do brote e o feito de que o número reprodutivo instantáneo estea por encima de 1. Ademais, o feito de que os grupos máis afectados sexan os de idade moi nova e o feito da súa ampla interacción co concello de Pontevedra, con altas taxas de incidencia e suxeita tamén a restricións, sitúan este brote nun nivel de risco alto. Tendo en conta a mala evolución da situación epidemiolóxica do concello de Marín, cun aumento de casos nos últimos días que fai que as taxas a 3, 7 e 14 días sexan do dobre das da media da comarca, o informe recomenda establecer medidas restritivas neste concello.

De acordo co informe, polo tanto, ademais do mantemento das medidas específicas que actualmente se están aplicando nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa, a situación do concello de Marín e a súa proximidade e interrelación con aqueles concellos fai recomendable establecer neste concello as mesmas medidas.

Así, tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria impón, como consecuencia, o mantemento das medidas de prevención nos termos previstos nas ordes do 9 e do 11 de setembro de 2020 nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa e estender a aplicación das mesmas medidas ao concello de Marín.

Polo demais, as medidas deben seguir sendo obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, e proceder, segundo o caso, ao seu mantemento, modificación ou a deixalas sen efecto.

En atención ao exposto, en aplicación do punto quinto da Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Medidas de prevención nos concellos de Pontevedra, Poio, Vilaboa e Marín

Atendida a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria, mantense nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa a eficacia das medidas previstas na Orde do 9 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Pontevedra, e na Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Poio e Vilaboa. Ademais, as ditas medidas serán tamén de aplicación no concello de Marín.

Segundo. Eficacia, seguimento e avaliación

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020.

As medidas cuxa eficacia se mantén nos concellos de Pontevedra, Poio e Vilaboa e se estende ao concello de Marín serán obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da presente orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Para estes efectos, poderán ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderán deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

No caso das celebracións e eventos en establecementos de restauración no concello de Marín para os días 17 a 20 de setembro, que xa estivesen concertados con carácter previo ao día 16 de setembro, non serán aplicables as limitacións que se recollen no anexo da Orde do 9 de setembro de 2020, ben que deberán ser comunicados polos titulares dos establecementos á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, para que se poidan adoptar as medidas ou efectuar as recomendacións pertinentes.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade