Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188-Bis Mércores, 16 de setembro de 2020 Páx. 36283

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2020 sobre levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos ditos concellos.

Mediante a Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, deuse publicidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade. O obxecto do dito acordo foi establecer as medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, tras a superación da fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade e ata o levantamento da declaración da situación de emerxencia sanitaria de interese galego efectuada polo Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 13 de marzo de 2020.

Conforme o punto sexto do Acordo do Consello da Xunta, do 12 de xuño de 2020, as medidas preventivas previstas nel serán obxecto de seguimento e avaliación continua co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderán ser obxecto de modificación ou supresión mediante acordo do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de sanidade.

Así mesmo, indícase no dito punto sexto, na redacción vixente, que a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade, como autoridade sanitaria, poderá adoptar as medidas necesarias para a aplicación do acordo e poderá establecer, de acordo coa normativa aplicable e á vista da evolución da situación sanitaria, todas aquelas medidas adicionais ou complementarias ás previstas no acordo que sexan necesarias. Dentro desta habilitación quedan incluídas aquelas medidas que resulten necesarias para facer fronte á evolución da situación sanitaria en todo ou parte do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e modifiquen ou, de modo puntual e cun alcance temporalmente limitado, impliquen o desprazamento da aplicación de medidas concretas contidas no anexo.

En aplicación do previsto no punto sexto citado, atendida a evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na comarca de Bergantiños, sobre a base do indicado no informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública o 2 de setembro de 2020 e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, ditouse a Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha.

Tal e como se indicou na orde, o fundamento normativo das medidas atópase na Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; no artigo 26 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade; nos artigos 27.2 e 54 da Lei 33/2011, do 4 de outubro, xeral de saúde pública, e nos artigos 34 e 38 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto sexto da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 3 de setembro de 2020, e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria. Para estes efectos, poderían ser obxecto de mantemento, de modificación ou poderían deixarse sen efecto por orde da persoa titular da consellería competente en materia de sanidade.

Ademais, as medidas foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 66/2020, do 4 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 4 da Coruña.

De acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica e sanitaria na comarca de Bergantiños, do 9 de setembro de 2020, e tras escoitar as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, mediante a Orde do 9 de setembro de 2020 acordouse o mantemento, nos concellos de Carballo e A Laracha, das medidas de prevención previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 e, por outra banda, a aplicación das mesmas medidas no concello de Ponteceso, ben que, nos tres casos, previuse, respecto das terrazas dos establecementos de hostalaría e restauración, fixar no setenta e cinco por cento a limitación da capacidade e suprimir, como medida específica, a relativa ao uso de máscara no caso de actividade física ou deportiva en ximnasios ou espazos pechados, ao ser aplicable, en relación con este último aspecto, a modificación operada no número 1.3 do anexo do Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020 por orde da mesma data do 9 de setembro de 2020.

As medidas limitativas de dereitos fundamentais foron obxecto de ratificación xudicial polo Auto 49/2020, do 11 de setembro de 2020, do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 da Coruña.

No que atinxe á eficacia das medidas, no punto terceiro da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 10 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a sete días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

Finalmente, de acordo co informe elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a comarca de Bergantiños, do 11 de setembro de 2020, tendo en conta a situación do concello de Laxe, ditouse a Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Laxe, en que se acordou estender as medidas que afectan os concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso a este outro concello.

Neste caso, no que atinxe á eficacia das medidas, no punto segundo da orde indicouse que terían efectos desde as 00.00 horas do 12 de setembro de 2020 e que serían obxecto de seguimento e avaliación continua e, en todo caso, nun período non superior a cinco días naturais desde a publicación da orde, co fin de garantir a súa adecuación á evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria.

As medidas restritivas de dereitos fundamentais recollidas na Orde do 11 de setembro de 2020 foron obxecto de ratificación xudicial por Auto número 159/2020, do 12 de setembro, do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 3 de Carballo.

En cumprimento do disposto no punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Laxe, procedeuse ao seguimento e á avaliación das medidas co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria existente nestes concellos. Neste sentido, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública, do 16 de setembro de 2020, sobre a comarca de Bergantiños, indícase que a incidencia acumulada a 3 e 7 e 14 días amosa unha clara tendencia descendente, que se ve tamén, de maneira xeral, coa taxa diaria. O número reprodutivo instantáneo está claramente por debaixo do valor 1. O número de casos reduciuse de forma significativa. Neste momento, os concellos de Carballo, A Laracha, Laxe e Ponteceso non tiveron casos nos últimos 3 días. No concello de Carballo seguen a producirse casos illados, pero tamén reduce as súas taxas. No momento actual o brote pode considerarse controlado. Tendo en conta a situación actual, o informe considera que poden retirarse as medidas restritivas nesta comarca.

Así, tras escoitar tamén as recomendacións do Comité Clínico reunido para estes efectos, a evolución da situación epidemiolóxica e sanitaria nos concellos de Carballo, A Laracha, Laxe e Ponteceso non impón a necesidade de manter medidas de prevención específicas nestes concellos, polo que procede deixar sen efecto as adoptadas na Orde do 2 de setembro de 2020, na súa redacción vixente, é dicir, tendo en conta as modificacións introducidas pola Orde do 9 de setembro de 2020 citadas, en todo este ámbito territorial. En consecuencia, nos ditos concellos aplicaranse as medidas de prevención xerais vixentes na Comunidade Autónoma de Galicia para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 contidas na redacción vixente do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para transición cara a unha nova normalidade.

En atención ao exposto, en aplicación do punto terceiro da Orde do 9 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo, A Laracha e Ponteceso, e no punto segundo da Orde do 11 de setembro de 2020 sobre medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 no concello de Laxe, e na condición de autoridade sanitaria, conforme o artigo 33 da Lei 8/2008, do 10 de xullo,

DISPOÑO:

Primeiro. Levantamento das medidas de prevención específicas nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe

Quedan sen efecto nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe as medidas de prevención específicas previstas na Orde do 2 de setembro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Carballo e A Laracha, na súa redacción vixente.

Segundo. Aplicación das medidas de prevención establecidas con carácter xeral

Serán de aplicación, nos concellos de Carballo, A Laracha, Ponteceso e Laxe, as medidas de prevención que con carácter xeral se establecen no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade, na súa redacción vixente.

Terceiro. Eficacia

Esta orde terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de setembro de 2020.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2020

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade