DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44007

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2024, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dá publicidade da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, denominado secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela.

O Concello de Santiago de Compostela aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que remitiu á Dirección Xeral de Administración local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Dar publicidade da convocatoria e das bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Concello de Santiago de Compostela.

Posto: secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 40.335,68 euros.

Coñecemento da lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008 do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2024

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases reitoras para a provisión definitiva, polo sistema de libre designación,
do posto de traballo de secretario/a xeral do Pleno
do Concello de Santiago de Compostela

Primeira. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 02 de abril, reguladora das bases do réxime local, nos artigos 19 e 36 e seguintes do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, e o artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional, o posto de secretario/a xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior.

Segunda. Corporación

Concello de Santiago de Compostela.

Terceira. Denominación e clase do posto

Secretaría Xeral do Pleno do Concello de Santiago de Compostela, reservada a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional pertencente á subescala de secretaría, categoría superior.

Cuarta. Características do posto

1. O posto que se vai prover está incluído na relación de postos de traballo aprobada pola Xunta de Goberno Local e publicada no BOP da Coruña nº 100, do 27 de maio de 2011.

2. O complemento de destino asignado ao posto é o correspondente ao nivel 30 e o seu sistema de provisión é o de libre designación.

3. O complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2024, é de 40.335,68 euros brutos.

4. O posto está suxeito a especial dedicación, nos termos do artigo 3.5.1.f) do Acordo regulador-Convenio colectivo do Concello de Santiago de Compostela (BOP da Coruña, do 3 de febreiro de 2010). Tamén estará suxeito ao réxime de incompatibilidades da Lei 53/1984, do 26 de decembro, e seranlle de aplicación as limitacións ao exercicio de actividades privadas establecidas no artigo 11 e seguintes da Lei 3/2015, do 30 de marzo, reguladora do exercicio do alto cargo da Administración xeral do Estado.

5. Corresponderanlle á persoa titular da Secretaría Xeral do Pleno as competencias e funcións que recolle o ordenamento xurídico, sinaladamente no artigo 122 da Lei de bases do réxime local, ademais das que se indican a seguir:

a) Integridade e sistema interno de información.

b) Transparencia en información pública.

c) Queixas e suxestións.

d) Xestión do patrimonio municipal.

e) Coordinación e impulso de propostas normativas.

f) Planificación, impulso, dirección e coordinación da súa área e dos expedientes administrativos relativos ás materias da súa competencia, incluídos os relacionados coa xestión orzamentaria ou contractual e a dirección e coordinación do persoal adscrito.

g) Proposta e implementación das medidas organizativas, de funcionamento e procedementais que sexan necesarias e convenientes para acadar a maior eficacia e eficiencia no cumprimento dos obxectivos encomendados.

h) Aquelas funcións de orde superior e executivo que lle sexan encomendadas pola Alcaldía.

Quinta. Requisitos para o seu desempeño

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado/a:

1. Estar integrado/a na subescala de secretaría, categoría superior. Non poderá concorrer á convocatoria o persoal funcionario que se encontre nas circunstancias establecidas nas letras a), b) e c) do artigo 36.2 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

Na súa falta, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como apto ou non apto, destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a persoal funcionario con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

Sexta. Solicitudes

As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello de Santiago de Compostela (sede.santiagodecompostela.gal).

Alternativamente, poderanse presentar en soporte papel na Oficina de Asistencia en materia de rexistros do Concello de Santiago de Compostela ou en calquera das formas establecidas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As solicitudes dirixiranse á Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, dentro do prazo dos quince (15) días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), e nelas deberán indicarse, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada Lei 39/2015, o número de rexistro persoal, a situación administrativa en que se encontre a persoa solicitante e o seu destino, e deberán vir acompañadas da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base quinta.

Xunto coas solicitudes, as persoas aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno pór de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

Sétima. Nomeamento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a Alcaldía Presidencia procederá a ditar, no prazo dun mes, de ser o caso e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, a observancia do procedemento, a competencia para o nomeamento, os concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento, e as condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade da persoa funcionaria nomeada, e da cal dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para a publicación no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

En consideración co sistema de provisión, o nomeamento será realizado discrecionalmente pola Alcaldía Presidencia, en atención aos méritos achegados polas persoas aspirantes, e poderá declararse deserta a convocatoria se así o considera oportuno.

Otava. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; en consecuencia, será de tres días hábiles se se trata de postos de traballo na mesma localidade, ou dun mes en caso contrario. Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá efectuar no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Impugnación

Contra esta resolución e cantos actos administrativos deriven dela as persoas interesadas poderán interpor recurso potestativo de reposición, ante a Alcaldía Presidencia do Concello de Santiago de Compostela, nos termos e prazos sinalados na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (un mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación), ou directamente recurso contencioso-administrativo nos termos e prazos sinalados na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (dous meses contados a partir da mesma data).