DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 44005

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2024 pola que se redistribúe o crédito orzamentario recollido na Resolución do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Os programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica ((Moves III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo están regulados polo Real decreto 266/2021, do 13 de abril, e foron convocados en Galicia pola Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021, publicada no DOG núm. 149, do 5 de agosto.

A Resolución do Inega do 26 de xullo de 2021 pola que se convoca o Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica ((Moves III)) foi modificada pola Resolución do 21 de outubro de 2021 (DOG núm. 207, do 27 de outubro); pola Resolución do 23 de decembro de 2021 (DOG núm. 8, do 13 de xaneiro); pola Resolución do 13 de outubro de 2022 (DOG núm. 201, do 21 de outubro); pola Resolución do 12 de xuño de 2023 (DOG núm. 116, do 20 de xuño); pola Resolución do 15 de decembro de 2023 (DOG núm. 243, do 26 de decembro) e pola Resolución do 6 de xuño de 2024 (DOG núm. 115, do 14 de xuño).

En canto á posibilidade de redistribuír o orzamento no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, recóllese que no repartición o orzamento do Programa de incentivos 1 non poderá superar o 80 % do orzamento e o orzamento do Programa de incentivos 2 non poderá superar o 50 %. De acordo con isto, a Xunta de Galicia notificou con carácter previo a redistribución ao IDAE, organismo responsable da coordinación e seguimento do Moves III conforme o artigo 9 do citado real decreto.

O artigo 4.2 da convocatoria prevé a posibilidade de redistribuír o crédito pasados tres meses desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes.

O artigo 31 do Decreto 11/2009 establece que, cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e das condicións previstas na normativa anteriormente citada,

RESOLVO:

Primeiro. Redistribuír 2.000.000,00 euros dos fondos destinados ao Moves III, modificando o punto 2 do artigo 4 da Resolución do 26 de xullo de 2021, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Programa de incentivos 1: adquisición de vehículos eléctricos

27.443.207,45

Programa de incentivos 2: implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

16.445.723,26

Total

43.888.930,71

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Esta redistribución, de producirse, respectará en todo caso as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 ata que finalice a vixencia da convocatoria. Finalizada a vixencia da convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, de ser o caso, os remanentes correspondentes ao orzamento que non se tivese podido destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma».

Segundo. Esta modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a modificación do prazo establecido para presentar solicitudes.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia