DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Martes, 23 de xullo de 2024 Páx. 43998

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2024 pola que convoca o Curso superior de Administración electrónica.

De acordo co convenio de colaboración subscrito entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), para a convocatoria e o desenvolvemento de actividades de formación e divulgación en materia de administración electrónica e protección de datos,

RESOLVO:

Convocar, conforme o antedito convenio, e en colaboración co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Curso superior de Administración electrónica que se desenvolverá conforme ás seguintes bases:

Primeira. Obxectivos

Nos últimos anos puxéronse en marcha unha serie de iniciativas a nivel europeo, nacional e autonómico para impulsar o desenvolvemento da Administración electrónica. Con elas preténdese aproveitar as innovacións que as tecnoloxías dixitais, na súa constante evolución, poden achegar para construír un modelo de Administración máis transparente, sinxelo, eficaz e inclusivo, facilitando a interacción coa cidadanía, empresas e outras administracións.

Neste sentido, a formación do persoal empregado público en Administración electrónica é esencial, pois permite a mellora das súas competencias dixitais e a asunción de novos procedementos de traballo, o que contribúe, en grande medida, a conseguir unha Administración máis eficaz, eficiente, próxima, transparente e accesible.

O Curso superior de Administración electrónica pretende afondar nos aspectos máis importantes da Administración electrónica desde unha tripla perspectiva, xurídica, técnica e práctica. Deste xeito, poden destacarse como principais obxectivos do curso os seguintes:

• Concienciar o alumnado sobre a importancia que ten a implantación da Administración electrónica nas distintas administracións da nosa comunidade.

• Proporcionar coñecementos teóricos e prácticos de informática e do réxime xurídico da Administración dixital.

Segunda. Contidos

Este curso superior abordará os seguintes contidos:

• Réxime xurídico dunha Administración dixital.

• Identidade dixital: identificación e sinatura dixitais.

• Sede electrónica e Carpeta cidadá.

• Sistema único de rexistro. Canles electrónicas e presenciais.

• Notificación electrónica.

• Seguridade da Información. Impacto do Regulamento xeral de protección de datos.

• Cooperación interadministrativa. Instrumentos de coordinación no desenvolvemento da Administración electrónica. Iniciativas no marco europeo.

• GovTech. Tecnoloxía avanzada e ferramentas dixitais para mellorar a eficiencia, transparencia e accesibilidade dos servizos públicos.

• Interoperabilidade de datos e documentos.

• Arquivo electrónico e documentos electrónicos.

• Licitación e factura electrónicas.

• Atención á cidadanía. Transparencia e reutilización.

Terceira. Número de prazas

Setenta (70).

Cuarta. Persoas destinatarias

O curso está dirixido ao persoal empregado público en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional, que se encadren nas seguintes categorías:

• Grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario.

• Grupos I e II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderá acceder o persoal empregado público das ditas categorías, en situación de servizo activo ou asimilada, da Administración local e da Administración de xustiza.

Para os efectos do establecido na Resolución do 25 de xaneiro de 2022, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración de cursos de formación e perfeccionamento para os efectos do baremo de méritos xerais do persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 1,5 puntos.

Quinta. Desenvolvemento

Datas: o curso desenvolverase desde o 17 de setembro ata o 29 de outubro de 2024.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública (EGAP); rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Modalidade de impartición: mixta.

Duración: 114 horas lectivas, 30 horas de clases prácticas presenciais e 84 de teleformación.

As clases prácticas presenciais desenvolveranse os días 17 e 24 de setembro; 1, 8 e 15 de outubro de 2024.

Horario das clases presenciais: das 11.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

A proba final en liña será o último día do curso, 24 de outubro, a través da aula virtual da EGAP: (https://egap.xunta.gal/aulavirtual/).

Sexta. Inscrición

1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez se complete correctamente o proceso de matriculación.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo coas persoas destinatarias e requisitos de selección establecidos nas bases cuarta e oitava respectivamente desta convocatoria.

3. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado desde que se detecte o feito.

4. As persoas interesadas deberán seleccionar, en primeiro lugar, a área en que está integrada esta actividade (Administración electrónica, protección de datos e calidade administrativa) e, despois, seleccionar en «nome do curso»: Curso superior de Administración electrónica.

5. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 9.00 horas do primeiro día hábil seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.59 horas do día 4 de setembro de 2024.

Poderá obterse calquera outra información a través do correo electrónico novas.egap@xunta.gal ou, das 9.00 ás 14.00 horas, nos teléfonos 981 54 62 39 e 981 54 62 41.

Sétima. Comprobación de datos

1. Conforme o disposto no artigo 28.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para a tramitación do procedemento de selección, consultaranse automaticamente os datos das persoas solicitantes desta acción formativa necesarios para realizar o proceso de selección, salvo que a persoa interesada se opuxese a iso.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esta consulta deberá indicalo expresamente incluíndo os motivos de oposición relacionados coa súa situación particular e enviar, ademais, os documentos a cuxa consulta se opón, que indiquen a súa situación administrativa, tipo de persoal e antigüidade na Administración, a través do seguinte correo: <novas.egap@xunta.gal>.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A EGAP poderá pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios recollidos nesta convocatoria.

Oitava. Criterios de admisión

A admisión levarase a cabo de acordo cos criterios indicados para as persoas destinatarias na base cuarta desta convocatoria. A orde de admisión virá determinada pola data e hora de inscrición.

Novena. Publicación das listaxes de persoas seleccionadas, en reserva e excluídas

A EGAP publicará no enderezo web https://egap.xunta.gal as listaxes das persoas seleccionadas para participar neste curso superior; en reserva, no caso de que o número de solicitudes fose superior ao número de prazas e, de ser o caso, as persoas excluídas nesta actividade, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Décima. Cambios ou substitucións na selección. Renuncia. Asistencia

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas poderán renunciar á actividade formativa. A renuncia debe ser comunicada o máis axiña posible e, en todo caso e como máximo o día 12 de setembro de 2024, por correo electrónico dirixido a novas.egap@xunta.gal, sen prexuízo do disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

b) As persoas que incumpran o prazo previsto pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade, agás que a renuncia teña algunha das seguintes causas:

Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

Por razóns de conciliación familiar.

Por outras causas xustificadas documentalmente.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións presenciais da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia nas actividades presenciais:

c.1. Non poden superar, en ningún caso, o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, estas faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días, contados a partir do día da finalización da sesión á cal se faltou. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

d) Seguimento das actividades de teleformación:

Será obrigatorio completar e superar todas as actividades e tarefas propostas pola titoría para poder acceder ao exame final en liña e, en consecuencia, para superar o curso.

As persoas que non completen o 50 % das actividades e/o tarefas propostas pola titoría pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte, contado a partir do día da finalización desta actividade.

e) Na parte final do curso o alumnado deberá realizar un traballo proposto pola titoría e o último día do curso, 29 de outubro, terá lugar o exame final en liña.

Décimo primeira. Certificado electrónico de aproveitamento

Unha vez finalizado o curso emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula), a todas aquelas persoas que completasen a asistencia mínima requirida do 90 % das horas lectivas presenciais do curso; superado todas as actividades e tarefas; entregado e cualificado como apto o traballo final; e aprobado o exame final en liña. O dito certificado estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa o contido, a modalidade de impartición, a carga lectiva, as datas e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Décimo segunda. Facultades da EGAP e de Amtega

1. A Amtega e a EGAP reservan para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización, caso en que empregarán os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

2. A Amtega e a EGAP garantirán, na acción derivada desta convocatoria, a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2024

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública