DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Xoves, 18 de xullo de 2024 Páx. 43059

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 3 de xullo de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 2 de xullo de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Serra de Ladeiras, Costa e Lomba das Cortes, Outeiro Chans, Coto do Corvo, Uxal e Baralla, e Serra da Pena, Lomba, Cumieira e Lomba, Barco Maior e Ollo do Boi, no concello de Cortegada.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Serra de Ladeiras, Costa e Lomba das Cortes, Outeiro Chans, Coto do Corvo, Uxal e Baralla, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Meréns, e de Serra da Pena, Lomba, Cumieira e Lomba, Barco Maior e Ollo do Boi, pertencente á CMVMC de Rabiño, no concello de Cortegada, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC da parroquia de Meréns presentou un escrito (Rexel 2022/2411910) en que solicitaba a aprobación dun deslindamento coas comunidades das parroquias de Rabiño e de Louredo, respectivamente.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Actas de deslindamento.

– Informe técnico e planos.

Segundo. Posteriormente, a mesma comunidade presentou, o 7.9.2023, un novo escrito en que comunicaba que a CMVMC da parroquia de Louredo desistira da avinza, non chegando a asinala perante o xuíz de paz competente, e xuntou a seguinte documentación:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Cortegada.

– Certificacións de aprobación das respectivas asembleas xerais.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 13 de setembro de 2023, fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Serra de Ladeiras, Costa e Lomba das Cortes, Outeiro Chans, Coto do Corvo, Uxal e Baralla, pertencente á CMVMC da parroquia de Meréns, e o MVMC Serra da Pena, Lomba, Cumieira e Lomba, Barco Maior e Ollo do Boi, pertencente á CMVMC da parroquia de Rabiño, dende o vértice 1 (o situado máis ao E) ata o vértice 5 (o situado máis ao O).

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 13 de setembro de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 24 de xuño de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Serra de Ladeiras, Costa e Lomba das Cortes, Outeiro Chans, Coto do Corvo, Uxal e Baralla, pertencente á CMVMC da parroquia de Meréns, e MVMC Serra da Pena, Lomba, Cumieira e Lomba, Barco Maior e Ollo do Boi, pertencente á CMVMC da parroquia de Rabiño, no concello de Cortegada.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do ContenciosoAdministrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 3 de xullo de 2024

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense