DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 4 de xullo de 2024 Páx. 40619

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 19 de xuño de 2024 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Florencio Delgado Gurriarán.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Florencio Delgado Gurriarán con domicilio na rúa San Roque, nº 8, no Barco de Valdeorras (Ourense).

Feitos:

1. O 21 de decembro de 2023, Débora Álvarez Moldes, secretaria do padroado da Fundación, presentou unha solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Florencio Delgado Gurriarán constituírona Emilio Vega Rodríguez, María Ildara Gillmore e Celia Martha Carmen Delgado Teijeiro, mediante unha escritura pública outorgada o 4 de decembro de 2023, ante a notaria do Barco de Valdeorras (Ourense) Gabriela Marqués Mosquera, co número de protocolo 1.830.

Tras o requirimento do 1 de marzo de 2024, a Fundación achega unha escritura outorgada o 4 de abril de 2024, no mesmo lugar e ante a mesma notaria, co número de protocolo 324, que inclúe unha nova composición do padroado (coa substitución da secretaria indicada no punto 1) e un texto completo dos seus estatutos.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «promover o estudo e a difusión da obra e vida do escritor galego Florencio Delgado Gurriarán; apoiar e fomentar a lingua galega como idioma vehicular das actividades culturais, contribuíndo ao proceso de normalización lingüístico de Galicia; asistir ao progreso da comarca de Valdeorras e ao enriquecemento, gozo, coñecemento, difusión e prestixio das manifestacións culturais e artísticas máis relevantes da súa historia e actualidade, dentro e fóra do seu ámbito territorial».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por María Ildara Gillmore, como presidenta; Emilio Vega Rodríguez, como vicepresidente; María Elva Delgado Vázquez, como secretaria; e Celia Martha Carmen Delgado Teijeiro, Miguel Bautista Carballo, Lucio Santalla Quiroga, Ángel Fernández Fernández, Camilo Fernández González, Ángel López Baranga e Aurelio Blanco Trincado, como vogais.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece a competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 11 de xuño de 2024,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer no prazo dun mes, previamente e con carácter potestativo, un recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes