DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 4 de xullo de 2024 Páx. 40622

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

DECRETO 165/2024, do 24 de xuño, polo que se aproba a creación da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE).

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia, recolle no seu artigo 5 a estrutura das universidades, da cal forman parte as escolas e facultades na súa condición de centros e unidades docentes, e no artigo 17 sinala que a súa creación, modificación e supresión serán aprobadas pola Xunta de Galicia, logo do informe do Consello Galego de Universidades.

No seu artigo 18.2, a citada Lei 6/2013 establece que as universidades, tendo en conta os principios de eficacia, eficiencia e racionalización, deseñarán o seu elenco de centros docentes para dar o mellor servizo formativo. Organizaranse preferentemente por ramas de coñecemento e o número mínimo dependerá de factores como o mellor servizo docente, a distancia xeográfica e o número de estudantes ou persoal, e manterán a máxima eficiencia dos recursos, así como a coherencia no eido disciplinar e unha dispoñibilidade de recursos humanos axeitada.

A creación de novas facultades supón un acto administrativo derivado da propia organización interna da universidade, dentro da súa autonomía recoñecida no artigo 27 da Constitución española e no artigo 3 da Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e sen que a presente norma vaia ter efectos sobre os intereses lexítimos dos cidadáns e das organizacións que os representan.

O acordo de inicio para a creación da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde ten a súa orixe na solicitude feita pola propia Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), recoñecida pola Lei 12/2021, do 15 de xullo, do Parlamento de Galicia.

A dita creación xustifícase no artigo 5 do Real decreto 640/2021, no cal se establecen as condicións e os requisitos para a creación e o recoñecemento dunha universidade no ámbito da actividade docente. En concreto, no seu punto primeiro, que dispón o seguinte:

«As universidades deberán dispor dunha oferta académica conformada por títulos universitarios oficiais de grao, de máster e de doutoramento. Concretamente, establécese como requisito no sistema universitario español que unha universidade conte, como mínimo, cunha oferta de ensinanzas conducentes á obtención de dez títulos oficiais de grao, seis títulos oficiais de máster e dous programas oficiais de doutoramento. No conxunto desta oferta estarán representadas, como mínimo, tres das cinco grandes ramas do coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura, que pola súa vez agrupan os diversos ámbitos do coñecemento), sen prexuízo do establecido na normativa autonómica aplicable a esta materia».

Aínda que o recoñecemento da UIE como universidade é anterior á entrada en vigor do citado real decreto, este, na súa disposición transitoria primeira, establece que:

«As universidades e centros xa creados ou recoñecidos, pero aínda non autorizados, disporán de ata cinco anos desde a concesión da autorización para que poidan adaptarse aos novos requisitos establecidos».

En atención ao requisito citado, o Padroado da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa (FUIE), aprobou a creación dunha nova facultade coa denominación de «Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde», que será o centro en cuxa oferta se incorporarán as titulacións adscritas a esta rama de coñecemento.

As iniciativas de recoñecemento de centros deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 640/2021, do 27 de xullo, de creación, recoñecemento e autorización de universidades e centros universitarios, e acreditación institucional de centros universitarios, así como o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e o recoñecemento de universidades e centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Para estes efectos, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) emitiu un informe favorable de valoración dos índices legais de calidade para a creación da citada facultade.

De acordo co establecido no artigo 13.1 do Real decreto 1509/2008, do 18 de setembro, polo que se regula o Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT), e no artigo 18.4 da Lei 6/2013, do 13 de xuño, unha vez acordada a creación do centro, a Xunta de Galicia daralle traslado ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

En uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, co informe preceptivo do Consello Galego de Universidades e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e catro de xuño de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Creación da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde

Autorizar a Universidad Intercontinental de la Empresa para a creación e o inicio de actividades da Facultade de Ciencia, Tecnoloxía e Xestión da Saúde, que se encargará da organización e dos procesos académicos, administrativos e de xestión de ensinanzas do seu ámbito.

Artigo 2. Inscrición no Rexistro de Universidades, Centros e Títulos (RUCT)

Darlle traslado ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para os efectos da súa inscrición no RUCT.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para que, no ámbito das súas competencias, dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional