DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 4 de xullo de 2024 Páx. 40617

II. Autoridades e persoal

a) Cesamentos

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 25 de xuño de 2024 pola que se dispón o cesamento dun membro do Consello Galego de Universidades.

Mediante a Orde do 21 de outubro de 2022 nomeáronse os representantes do Parlamento de Galicia no Consello Galego de Universidades por expiración do mandato dos representantes nomeados mediante Orde do 19 de febreiro de 2018.

O Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, regula a composición deste órgano colexiado e no seu artigo 5.1.h) establece que formarán parte del catro membros designados pola Comisión do Parlamento de Galicia competente en materia universitaria, en proporción á súa representación no Pleno do Parlamento.

O artigo 8 do Regulamento do Consello Galego de Universidades dispón que a duración do mandato dos membros de designación Parlamentaria será de catro anos. Transcorrido o período indicado, expira o período de mandato dos catro membros designados polo Parlamento de Galicia.

Segundo establece o artigo 9.2 do citado Decreto 98/2014, no caso de renuncia, a persoa substituta será designada polo tempo que falte para a conclusión do correspondente mandato.

Así mesmo, a letra a) do punto 3, do citado artigo 9, establece que no caso de renuncia, esta deberá presentarse por escrito á persoa titular da Presidencia da comisión parlamentaria competente en materia universitaria, quen a comunicará á persoa titular da consellería competente en materia de universidades para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e producirá efectos a partir desta data.

Con data do 10 de maio de 2024, a Presidencia da Comisión 4ª, Educación e Cultura comunicou á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que o día 30 de abril de 2024 tomou coñecemento do escrito, que presentou Monserrat Valcárcel Armesto o día 26 de febreiro de 2024, polo que comunica a súa renuncia ao cargo do membro do Consello Galego de Universidades, designada polo Parlamento de Galicia.

O artigo 9.3.b) do Decreto 98/2014 establece que as vacantes que se produzan entre os membros elixidos polo Parlamento, antes da finalización do seu mandato, se cubrirán polo mesmo procedemento empregado para a súa designación, no prazo máximo de tres meses, e entenderase nomeado o membro substituto polo período que reste do anterior mandato.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo único

O cesamento, por renuncia, de Montserrat Valcárcel Armesto, como membro designado pola Comisión 4ª, Educación e Cultura, do Parlamento de Galicia, no Consello Galego de Universidades, agradecéndolle os servizos prestados.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2024

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional