DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39847

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

EXTRACTO da Resolución do 20 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para 2024 (código de procedemento AP400A).

BDNS (Identif.): 770581.

De conformidade co previsto nos artigos 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que estea en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando o nivel de renda do solicitante sexa igual ou inferior a:

a) 1,25 veces o IPREM, se non hai menores na unidade familiar

b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.

4. En calquera caso, os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio:

a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houber:

1º. Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes.

2º. Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

Segundo. Obxecto

1. Aprobar as bases reguladoras, recollidas como anexo I, do Programa de emisión de bonos dixitais (Programa UNICO-Bono social) previsto no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro), modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro de 2024), e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño (BOE núm. 136, do 5 de xuño), e enmarcado no investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A).

2. Aprobar o formulario para a solicitude dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, que se inclúe como anexo II, e proceder á convocatoria para a anualidade 2024.

3. Así mesmo, por medio desta resolución, apróbanse tamén os anexos III, IV e V como documentación complementaria para a solicitude dos bonos no ano 2024.

4. Publicar o convenio de colaboración para a xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo VI).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 20 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á convocatoria para 2024 (código de procedemento AP400A).

Cuarto. Crédito

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 1.162.560,00 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1.571A.481.0, coa seguinte distribución:

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 30 de setembro de 2024.

Sexto. Solicitude do bono dixital

1. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Recoméndase a presentación de solicitudes a través dun autorizado/a como pode ser o/a traballador/a social do correspondente concello. Neste caso, o/a traballador/a social deberá achegar, xunto coa solicitude, a autorización para a presentación electrónica prevista no anexo V destas bases.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia