DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39802

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 20 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para 2024 (código de procedemento AP400A).

missing image file

A crise derivada da COVID-19 obrigou a Europa a tomar medidas excepcionais e aproveitar a circunstancia para tratar de saír máis fortes da pandemia, transformando a economía europea e creando novas oportunidades. NextGenerationEU xorde como un plan de recuperación de 750.000 millóns de euros para crear unha Europa máis verde, máis dixital e máis resiliente.

O Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia (MRR), establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, é o elemento central de NextGenerationEU, destinado a financiar os plans de recuperación e resiliencia dos Estados membros da Unión Europea.

O Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España (PRTR) foi obxecto de informe favorable por parte da Comisión Europea o 16 de xuño de 2021 e aprobado polo Consello da Unión Europea o 6 de xullo de 2021. O 2 de outubro de 2023 a Comisión Europea emitiu informe favorable da addenda de modificación do PRTR pola que se modifica o calendario e a definición dalgúns fitos.

O PRTR ten como obxectivo a posta en marcha dun plan de investimentos e reformas para a recuperación das empresas e a sociedade tras a crise da COVID-19, impulsando unha transformación estrutural para un desenvolvemento máis sustentable e resiliente, cun orzamento de máis de 163.000 millóns de euros ata 2026.

Ademais, en febreiro de 2021, a Xunta de Galicia presentaba a Estratexia Galicia dixital 2030 (EGD2030), a cal define un marco de actuación común que facilite a actuación das tres administracións (nacional, autonómica e local) nun mesmo territorio de maneira complementaria, buscando as sinerxías e a suma de esforzos para consolidar a transición dixital da Comunidade, dando continuidade á Axenda dixital de Galicia 2020 e ao Plan de banda larga de Galicia 2020 (PDBL2020), coa visión posta en impulsar un modelo de crecemento vinculado á economía dixital.

Cabe salientar ademais que a crise da COVID-19 puxo de manifesto a necesidade de continuar de xeito remoto coa actividade económica, os labores de ensino, o acceso a servizos médicos ou sociais, entre outros, o que evidenciou un novo factor de desigualdade.

Neste senso, o eixe estratéxico 2 da EGD2030 céntrase en acadar unha sociedade dixital e inclusiva, dotando o conxunto da cidadanía da capacitación dixital necesaria para desenvolverse plenamente con confianza e seguridade no contexto dixital. Pero, ademais, neste eixe 2 recóllese o fomento da igualdade dixital mediante a redución da fenda de acceso a servizos dixitais, obxectivo que persegue o Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables regulado nestas bases e consistente na xestión de axudas ás familias máis vulnerables para dispor de servizos dixitais nos fogares.

Esta medida dítase en desenvolvemento do Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro, e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño.

Esta iniciativa forma parte do investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, que prevé o financiamento de investimentos e gastos derivados da conexión á banda larga de colectivos vulnerables.

Como antecedentes directos desta convocatoria, con data do 28 de xullo de 2022, ditouse resolución da directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) pola que se aprobaron as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a inscrición de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se convocaron para o período 2022-2023 (códigos de procedemento AP400A e AP400B; DOG núm. 155, do 17 de agosto).

Así mesmo, con data do 4 de xullo de 2023 ditouse resolución do director da Amtega pola que se convocaron subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (DOG núm. 136, do 18 de xullo de 2023).

A última convocatoria establecía un prazo de solicitude que finalizou o pasado 15 de decembro.

Nas convocatorias de subvencións realizadas nos anos 2022 e 2023 concedéronse un total de 900 bonos dixitais para colectivos vulnerables, que suman un total de 216.000 € destinados á minoración de 20 € nas facturas mensuais dos beneficiarios durante un período de ata 12 meses. Tendo en conta que o Goberno de España transfire á Comunidade Autónoma de Galicia un total de 1.378.560 € para o Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, quedan dispoñibles 1.162.560 € para unha nova convocatoria de subvencións no ano 2024.

Con base no anterior, logo de autorización para esta convocatoria do Consello da Xunta de Galicia adoptada o 17 de xuño de 2024, e en uso das competencias atribuídas no Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega),

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto:

a) Aprobar as bases reguladoras, recollidas como anexo I, do Programa de emisión de bonos dixitais (Programa UNICO-Bono social) previsto no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro), modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro de 2024), e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño (BOE núm. 136, do 5 de xuño), e enmarcado no investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A).

b) Aprobar o formulario para a solicitude dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, que se inclúe como anexo II, e proceder á convocatoria para 2024.

c) Así mesmo, por medio desta resolución apróbanse tamén os anexos III, IV e V como documentación complementaria para a solicitude dos bonos no ano 2024.

d) Publicar o convenio de colaboración para a xestión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo VI).

Artigo 2. Crédito

1. Para o financiamento desta convocatoria está prevista unha dotación orzamentaria máxima de 1.162.560,00 €, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 07.A1.571A.481.0, coa seguinte distribución:

Importe 2024

Importe 2025

Total

484.400,00 euros

678.160,00 euros

1.162.560,00 euros

2. Segundo o disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a dotación orzamentaria poderase incrementar sen que se realice unha nova convocatoria, no caso de xerar, ampliar ou incorporar crédito, ou coa existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

3. Este crédito financiarase con fondos europeos procedentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Artigo 3. Prazo para presentar as solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes dos bonos dixitais comezará o día seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 30 de setembro de 2024.

Artigo 4. Información aos interesados

Sobre estes procedementos administrativos poderá obterse documentación normalizada ou información adicional na Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) a través das seguintes canles:

a) Páxina web: http://amtega.xunta.gal/

b) Teléfono: 981 54 55 35.

c) Enderezo electrónico: amtega@xunta.gal

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre estes ou outros procedementos, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia (012 ou 902 12 00 12 se chama desde fóra de Galicia).

Disposición adicional única. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para que dite as instrucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2024

Julián Cerviño Iglesia
Director da Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU (código de procedemento AP400A)

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destas bases é establecer as condicións polas que se rexerá a concesión dos bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables a través do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social) previsto no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro (BOE núm. 275, do 17 de novembro), modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro de 2024), e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño (BOE núm. 136, do 5 de xuño), e enmarcado no investimento C15.I3 «Bonos dixitais para pemes e colectivos vulnerables» do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Artigo 2. Ámbito temporal

O ámbito temporal de vixencia destas bases será desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de decembro de 2025.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias do bono dixital as persoas que xa sexan beneficiarias das prestacións públicas da renda de inclusión social de Galicia (Risga) da Xunta de Galicia ou do ingreso mínimo vital (IMV) do Goberno de España.

2. Así mesmo, tamén poderá ser beneficiaria calquera outra persoa física maior de idade con ausencia ou déficit grave de recursos económicos ou que estea en situación ou risco de exclusión social. No caso da exclusión social, verificarase a concorrencia adicional dalgún dos factores de exclusión establecidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento.

3. Considerarase ausencia ou déficit grave de recursos económicos cando o nivel de renda do solicitante sexa igual ou inferior a:

a) 1,25 veces o IPREM, se non hai menores na unidade familiar

b) 1,75 veces o IPREM, se hai menores na unidade familiar.

4. En calquera caso, os beneficiarios deberán estar empadroados e ter residencia constatada polos servizos sociais comunitarios básicos en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarios aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado, con independencia das comprobacións que efectúe o órgano xestor.

6. Só se poderá conceder un bono dixital por persoa física e por unidade familiar. Entenderase por unidade familiar, segundo o establecido no artigo 82 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio:

a) A integrada polos cónxuxes non separados legalmente e, se os houber:

1º. Os fillos menores, con excepción dos que, co consentimento dos pais, vivan independentes destes.

2º. Os fillos maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

b) Nos casos de separación legal, ou cando non existise vínculo matrimonial, a formada polo pai ou a nai e todos os fillos que convivan cun ou outro e que reúnan os requisitos a que se refire a letra a) deste artigo.

Artigo 4. Determinación da renda

1. Para a determinación da renda do solicitante, con carácter xeral sumaranse a base impoñible xeral e a base impoñible do aforro da declaración do imposto da renda das persoas físicas (en diante, IRPF) do último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

2. Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

3. O solicitante deberá indicar se existen menores de idade na unidade familiar, a través da declaración responsable incluída na solicitude (anexo II).

Segundo o establecido no artigo 69.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, o solicitante debe dispor da documentación que acredite a veracidade da dita declaración responsable, que deberá ser posta á disposición da Amtega no caso de ser requirida.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Realizar o pagamento das facturas mensuais do servizo da internet obxecto do desconto.

c) Comunicar a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

e) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, calquera outra obriga establecida no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro, e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño.

Artigo 6. Características do bono dixital

1. O bono dixital contribuirá a financiar a contratación de novos servizos de conexión a banda larga ou o mantemento dos xa contratados desde unha localización fixa cunha velocidade mínima de 30 Mbps en sentido descendente e irá destinado a persoas físicas de unidades familiares que fosen identificadas como vulnerables.

2. O bono dixital permitirá ao solicitante a contratación ou mantemento do servizo indicado no punto anterior. Terá dereito a unha minoración mensual de ata 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de ata 12 meses chegando a acadar como máximo os 240 euros.

3. O recoñecemento do dereito a recibir o bono dixital a unha unidade familiar e a contía do dito bono é independente do número de membros integrantes desta.

4. O servizo de acceso que ofertarán as entidades colaboradoras terá como mínimo as seguintes características:

a) O servizo de conexión terá asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede.

b) O servizo de acceso á banda larga realizarase a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica.

c) Modalidade de acceso: non existirá limitación horaria para o acceso ao servizo nin limitación ao volume mensual dos datos descargados.

5. Non son obxecto desta axuda outros servizos que a entidade colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso (voz, televisión, etc.), sen prexuízo de que os usuarios poidan contratar os ditos servizos de forma adicional.

Artigo 7. Incompatibilidade con outras axudas

Os bonos dixitais non serán compatibles con calquera outra axuda, para o mesmo obxecto, doutros programas ou instrumentos financiados con calquera outro fondo da Unión Europea.

Artigo 8. Entidades colaboradoras

1. Inscrición como entidade colaboradora na Comunidade Autónoma de Galicia.

a) A Amtega consultará a todos os operadores xa inscritos como entidades colaboradoras na Comunidade Autónoma de Galicia o seu interese en manter esta condición na nova convocatoria 2024 deste programa de axudas.

b) De conformidade coa disposición adicional primeira do Real decreto 521/2024, do 4 de xuño, a Amtega comunicará á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais os datos dos operadores que estaban inscritos no Rexistro de Operadores-Colaboradores da Comunidade de Galicia. Estes operadores quedarán automaticamente inscritos no Rexistro de Operadores-Colaboradores do programa da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

c) De conformidade co número 2 do artigo 14 do Real decreto 521/2024, do 4 de xuño, os novos operadores que queiran participar e comercializar os seus servizos no marco deste programa de axudas da Comunidade de Galicia deberán inscribirse no Rexistro de Operadores-Colaboradores que xestionará a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

d) A Amtega, á vista dos datos dos operadores que se inclúan no Rexistro de Operadores-Colaboradores do programa da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, formalizará cos ditos operadores a colaboración no programa de axudas da Comunidade de Galicia a través da sinatura do convenio especificado no seguinte punto.

2. Convenio de colaboración.

a) Os operadores-colaboradores do programa de axudas da Comunidade de Galicia inscritos no Rexistro de Operadores-Colaboradores que xestionará a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais deberán acreditar á Amtega non estar incursos nas situacións descritas no número 4, letra b), deste artigo.

b) Posteriormente, os operadores-colaboradores asinarán un convenio de colaboración coa Amtega, cuxo modelo figura no anexo VI.

3. Alcance das actuacións que desenvolverán as entidades colaboradoras.

As entidades colaboradoras terán como labor:

a) A promoción da contratación.

b) A instalación do servizo da internet contratado polo beneficiario do bono dixital.

c) Achegar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados, descrita nestas bases reguladoras.

4. Requisitos das entidades colaboradoras.

a) Poderán obter a condición de entidades colaboradoras, nos termos previstos no artigo 9 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos, deben ter a condición de operador debidamente habilitado, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións, ofertar servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 6 destas bases, e acreditar os seguintes requisitos:

1º. Ser operador de telecomunicacións e estar dado de alta no Rexistro de Operadores da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC).

2º. Ofrecer servizos de conexión á internet de banda larga de cando menos 30 Mbps ao público en xeral.

b) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora:

1º. As persoas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2º. As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

3º. As empresas en crise de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices da Comisión Europea sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), Diario Oficial de la Unión Europea do 31.7.2014.

5. Obrigas das entidades colaboradoras.

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, as entidades colaboradoras quedarán obrigadas a:

a) Verificar o código do bono achegado polo beneficiario que o habilita para a contratación ou mantemento dun servizo subvencionado de cando menos 30 Mbps a través do servizo que a Amtega habilitará para tal efecto.

b) Comunicar, a través do servizo habilitado por parte da Amtega, os servizos tramitados a través do bono dixital, nun prazo máximo de dous (2) meses desde o inicio da aplicación do desconto do bono ao beneficiario, así como, as baixas realizadas tamén nun prazo máximo de dous (2) meses desde que se fan efectivas.

c) Executar as actuacións necesarias para a conexión á internet dos beneficiarios coas características especificadas no artigo 6 destas bases reguladoras.

d) Promocionar a contratación de servizos susceptibles de ser subvencionados neste programa de conformidade co establecido no número 6 deste artigo.

e) Seguir prestando ao usuario os servizos contratados de banda larga nas mesmas condicións, incluído o prezo máximo, durante cando menos un ano contado desde que finalice o desfrute do bono.

f) Achegar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados nos termos exixidos no artigo 20 destas bases reguladoras.

g) Adiantar a contía da axuda aos beneficiarios mediante a minoración de ata 20 euros nas facturas mensuais durante un período de doce (12) meses. Este importe será aboado pola Amtega á entidade colaboradora.

h) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas a estas subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría.

i) Cumprir as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e da normativa aplicable.

j) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.

k) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar Amtega, así como calquera outra que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos, como estatais e comunitarios.

l) Garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar dano significativo» (principio do no significant harm, DNSH), así como as condicións específicas vinculadas a este principio para o investimento C15.I3, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.

m) Cumprimento das obrigas de etiquetaxe climática e dixital, cunha porcentaxe do 0 por cento e do 100 por cento respectivamente, de acordo co previsto no PRTR e o Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

O incumprimento das obrigas sinaladas neste artigo e, en particular, a falsidade ou inexactitude nas declaracións e certificados presentados polas entidades colaboradoras, determinará a perda da condición de entidade colaboradora, así como a aplicación do réxime sancionador previsto na normativa aplicable en materia de subvencións.

6. Obrigas de publicidade.

a) As entidades colaboradoras disporán dunha web informativa coa información correspondente ao alcance desta subvención (características do bono dixital, requisitos e obrigas dos beneficiarios, condicións da subvención, vixencia, etc.) e as distintas modalidades de servizo e as tarifas asociadas.

b) Con carácter xeral, as actividades de difusión, páxinas web e publicacións e, en xeral, en toda a información ou publicidade da actuación subvencionada que realice a entidade colaboradora, deberá facer constar o financiamento público.

c) Para estes efectos, o órgano xestor poderá facilitar ás entidades colaboradoras instrucións, modelos e exemplos para cumprir coas obrigas de publicidade, que serán conformes co establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, no artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e no artigo 20 do Real decreto 989/2021, do 16 de novembro.

Artigo 9. Representación na solicitude de bonos

1. As persoas físicas que realicen a sinatura da solicitude ou a presentación de declaracións responsables ou comunicacións, interposición de recursos, desistencia de accións ou renuncia a dereitos, en representación das persoas solicitantes, deberán ter a representación necesaria para cada actuación, nos termos establecidos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O asinante da solicitude deberá acreditar, mediante calquera medio válido en dereito, que no momento da presentación da solicitude ten representación suficiente para o acto. O incumprimento desta obriga, de non emendarse, dará lugar a que ao interesado se considere desistido da súa solicitude.

3. Para o resto dos trámites indicados na letra a), cando o representante sexa distinto da persoa que asinou a solicitude, deberase achegar igualmente a acreditación do poder con que actúa o novo asinante, que deberá ser suficiente para exercer a devandita representación.

4. O órgano instrutor poderá requirir en calquera momento ás persoas asinantes a acreditación da representación que desempeñen. A falta de representación suficiente da persoa solicitante en cuxo nome se presentou a documentación determinará que o documento en cuestión se teña por non presentado, cos efectos que diso deriven para a continuación do procedemento.

5. A representación poderá acreditarse mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna da súa existencia.

Artigo 10. Solicitude do bono dixital

1. As persoas interesadas poderán presentar as solicitudes, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes tamén presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación das solicitudes electrónicas poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Recoméndase a presentación de solicitudes a través dun autorizado/a como pode ser o/a traballador/a social do correspondente concello. Neste caso, o/a traballador/a social deberá achegar, xunto coa solicitude, a autorización para a presentación electrónica recollida no anexo V destas bases.

Artigo 11. Documentación complementaria para a solicitude de bonos

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación complementaria:

a) Aceptación da cesión de datos entre as administracións públicas implicadas para dar cumprimento ao previsto na normativa europea que é de aplicación e de conformidade coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (anexo III).

c) Declaración responsable relativa ao compromiso de cumprimento dos principios transversais establecidos no PRTR e que puidesen afectar o ámbito obxecto de xestión (anexo IV).

d) De ser o caso, acreditación válida do poder de representación do asinante da solicitude, segundo se establece no artigo 9 destas bases reguladoras.

e) De ser o caso, autorización ao/á traballador/a social para a presentación electrónica da solicitude (anexo V).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e dos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos para a solicitude de bonos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado da renda (IRPF) da persoa solicitante correspondente ao último período impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude de subvención.

d) Nivel de renda no caso de non ter obriga de presentar a declaración do IRPF, correspondente ao último exercicio impositivo con prazo de presentación vencido no momento de presentación da solicitude.

e) Consulta de datos de residencia con data da última variación do padrón.

f) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Seguridade Social.

h) Certificado de estar ao día nas obrigas coa Comunidade Autónoma de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude de bonos

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao comezo do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os devanditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Órganos competentes

1. A dirección da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia convocará e resolverá os procedementos de concesión de bonos ditados ao abeiro destas bases reguladoras.

2. A Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será o órgano encargado da instrución e do seguimento.

3. A Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia será a encargada da xestión económico-orzamentaria dos gastos e ingresos deste programa e do seguimento da súa execución.

Artigo 15. Procedemento de concesión dos bonos dixitais

1. O procedemento de concesión dos bonos dixitais tramitarase ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, polo que se avaliarán as solicitudes e resolverán conforme a orde de presentación, mentres se dispoña de crédito suficiente, de xeito que, de chegárense a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera.

2. O incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención, de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, permitirá reasignar fondos aos expedientes que estean en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lles corresponda.

Para estes efectos, a orde de presentación das solicitudes será a que resulte da data de presentación da solicitude.

3. O esgotamento definitivo dos fondos será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tal e como prevé o artigo 32 do Decreto 11/2009.

Artigo 16. Instrución do procedemento de concesión do bono

1. O órgano competente para a instrución, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales debe formularse a proposta de resolución, de acordo co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación recollida no artigo 11 destas bases reguladoras, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. O órgano instrutor formulará propostas de resolución sucesivas, en función do volume de solicitudes que se vaian recibindo e elevaraas ao órgano competente para resolver.

Artigo 17. Resolución da concesión do bono

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución a cada beneficiario será de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude completa. Se transcorre o prazo máximo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión do bono

De acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión a alteración das condicións tidas en conta para a súa concesión e, en todo caso, a obtención de subvenciones ou axudas, que cubran os mesmos custos, outorgadas por outras administración ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

Artigo 19. Notificacións, emisión do bono dixital e validez

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica o en papel) no formulario de solicitude.

3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. Na notificación figurará o código do bono que deberá ser facilitado á entidade colaboradora elixida polo beneficiario para a contratación ou mantemento do servizo.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. En todo caso, todos aqueles bonos que non sexan aplicados por parte dos beneficiarios antes do 31 de decembro de 2024 perderán a súa validez.

Artigo 20. Tramitación do aboamento das contías adiantadas aos beneficiarios dos bonos

1. Serán as entidades colaboradoras as encargadas de presentar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados.

2. Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da documentación correspondente a cada bono tramitado, que facilite tamén a presentación agrupada desta, e que será de uso obrigatorio para as entidades colaboradoras.

3. Co fin de que a Amtega tramite o aboamento ás entidades colaboradoras das contías previamente descontadas por estas, deberán presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención e solicitude de pagamento da subvención pola entidade colaboradora, segundo o modelo que facilitará a Amtega.

b) Relación dos servizos dados de alta, incluíndo os seguintes datos para cada bono xestionado:

– Identificación do beneficiario.

– Números, importes e datas de cada factura.

– Detalle doutros ingresos ou subvencións que fosen empregados para financiar a actividade subvencionada, indicando importe e procedencia.

Tendo en conta o elevado número de beneficiarios previsto, esta tramitación realizarase conforme o disposto no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non será precisa a achega de facturas nin documentación acreditativa do pagamento, sen prexuízo do disposto no número 5 do devandito artigo.

4. A entidade colaboradora poderá levar a cabo presentacións mensuais. En todo caso, o prazo límite de presentación rematará un mes despois da emisión da última factura con desconto.

5. A Amtega poderá solicitar da entidade colaboradora calquera información complementaria que poida considerar para comprobar a adecuada execución material e formal da actuación.

6. Comprobada a documentación e o proceso, se procede, a Amtega realizará periodicamente propostas de pagamento para reintegrar ás entidades colaboradoras os importes das axudas anticipadas por estas. Estes pagamentos realizaranse nun prazo non superior a 60 días naturais unha vez comprobada e validada a documentación e o proceso.

7. Estas contías, que ingresará a Amtega mediante transferencia bancaria ás entidades colaboradoras, non supoñen ningún tipo de subvención ás devanditas entidades, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

Artigo 21. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia reserva para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control que se consideren oportunas para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e as persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control que se realicen para o seguimento das subvencións concedidas, así como ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detecta que as persoas beneficiarias das subvencións ou as entidades colaboradoras incumpriron algunha das condicións establecidas nestas bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se é o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que procedan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e as persoas beneficiarias das subvencións, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 22. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o director da Amtega, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outros posibles interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produciu o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 23. Autorizacións e publicidade do beneficiario

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación do contido da convocatoria e das bases reguladoras, así como a asunción da veracidade dos datos nela recollidos e a responsabilidade sobre a inclusión destes datos, incluíndo a responsabilidade que se asume por posibles erros realizados a título de simple descoido.

2. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá opoñerse á consulta ou denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Amtega publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das subvencións concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas subvencións e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, incluído o Rexistro Público de Subvencións, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Con todo, as persoas interesadas poderán pedir que non se fagan públicos os seus datos cando poidan afectar a honra e a intimidade persoal e familiar das persoas físicas, segundo o establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio.

Artigo 24. Control e loita contra a fraude

1. De acordo co establecido no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, as persoas beneficiarias e as entidades colaboradoras someteranse ás actuacións de control que realice a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para o seguimento dos bonos dixitais concedidos e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e ás verificacións do artigo 22 do Regulamento (CE) nº 241/2021 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, polo que se establece Mecanismo de recuperación e resiliencia.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

3. Se se proban indicios fundados de fraude, a Xerencia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia analizará a procedencia da incoación do correspondente procedemento administrativo sancionador de conformidade coa normativa aplicable en cada caso e, de ser o caso, instruirá o procedemento sancionador que corresponda, segundo a infracción administrativa en que resulten subsumibles os feitos analizados.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. En caso de incumprimento desta obriga, observarase o disposto no número 4 do artigo citado.

Artigo 26. Datos de carácter persoal

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición adicional primeira. Normativa aplicable

1. No non previsto nas presentes bases será de aplicación o Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro (BOE núm. 9, do 10 de xaneiro de 2024), e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño (BOE núm. 136, do 5 de xuño); a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno; a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

2. Tamén é de aplicación a Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2021, en relación coa vinculación legal coa finalidade dos fondos recibidos para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

3. Así mesmo, son de aplicación as definicións de fraude, corrupción e conflito de intereses contidas na Directiva (UE) 2017/1371 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2017, sobre a loita contra a fraude que afecta os intereses financeiros da Unión a través do dereito penal (Directiva PIF), e no Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión (Regulamento financeiro da UE), traspostas ao dereito interno na Lei orgánica 1/2019, do 20 de febreiro, pola que se modifica a Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro, do Código penal, para traspoñer directivas da Unión Europea nos ámbitos financeiro e de terrorismo, e abordar cuestións de índole internacional.

4. E tamén será de aplicación o Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, así como a normativa interna aplicable á xestión, seguimento e control que se estableza para o Plan de recuperación, transformación e resiliencia de España, en particular, o Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, cuxa aplicación será de obrigado cumprimento. En particular, é de aplicación o previsto nos seus artigos 37 e 46 en relación, respectivamente, coa afectación legal dos ingresos procedentes do Mecanismo para a recuperación e resiliencia, e as obrigas de información para o seguimento dos proxectos financiados a través do PRTR.

O anterior sen prexuízo da aplicación de calquera outra disposición tanto do dereito nacional como da Unión Europea que poidan resultar de aplicación, particularmente as que se aproben no ámbito da execución e xestión dos fondos provenientes do Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, e o PRTR. En particular, será de aplicación o previsto no Regulamento xeral de exención por categorías, así como na Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, na Orde HFP/1031/2021, do 29 de setembro, pola que se establece o procedemento e formato da información que proporcionarán as entidades do sector público estatal, autonómico e local para o seguimento do cumprimento de fitos e obxectivos e de execución orzamentaria e contable das medidas dos compoñentes do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e a Orde HFP/55/2023, do 24 de xaneiro, relativa á análise sistemática do risco de conflito de intereses nos procedementos que executan o Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Disposición adicional segunda. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 18.2 e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberase transmitir á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto de cada convocatoria ditada ao abeiro destas bases reguladoras para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VI

Convenio de colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a entidade colaboradora ................................ para a xestión de bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), derivado do procedemento administrativo AP400B, e enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

En Santiago de Compostela,

Dunha parte, Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (NIF Q1500382E), actuando en nome e representación da dita axencia, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, e o Decreto 91/2012, do 16 de marzo, polo que se nomea directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

E, doutra parte, ................................................... en representación da entidade colaboradora ........................ (NIF ........................).

Interveñen en función dos seus respectivos cargos e en exercicio das facultades que para convir, en nome das entidades que representan, teñen conferidas, e

Expoñen:

Primeiro. Que, segundo o artigo 9 do Estatuto da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) aprobado polo Decreto 9/2021, do 21 de xaneiro, polo que se suprime o Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (Cixtec) e se modifica o Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos, a Amtega ten entre as súas competencias o deseño e liderado de iniciativas que contribúan a impulsar o desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e coordinación coas distintas consellerías e organismos para o desenvolvemento das actuacións nesta materia no ámbito das súas competencias, garantindo os dereitos da cidadanía e eliminando as barreiras que se opoñan á expansión e ao uso das novas tecnoloxías.

Segundo. Que a Estratexia Galicia dixital 2030 (EGD2030), presentada pola Xunta de Galicia en febreiro de 2021, define un marco de actuación común que facilita a actuación das tres administracións (nacional, autonómica e local) nun mesmo territorio de maneira complementaria para consolidar a transición dixital da Comunidade. Concretamente, o eixe estratéxico 2 da EGD2030 céntrase en acadar unha sociedade dixital e inclusiva e recolle o fomento da igualdade dixital mediante a redución da fenda de acceso a servizos dixitais. Neste senso, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia está a desenvolver medidas coas cales acadar este obxectivo.

Terceiro. Que o 17 de novembro de 2021 se publicou no BOE o Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, modificado posteriormente polo Real decreto 1137/2023, do 19 de decembro, e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño. O dito real decreto recolle no artigo 14 a posibilidade de colaboración dos operadores no Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables e establece os requisitos que estes deben cumprir.

Cuarto. Que, de conformidade co número 2 do artigo 14 do Real decreto 521/2024, do 4 de xuño, os novos operadores que queiran participar e comercializar os seus servizos no marco deste programa de axudas da Comunidade de Galicia deberán inscribirse no Rexistro de Operadores-Colaboradores que xestionará a Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais.

Quinto. Que, unha vez verificado o procedemento previsto no número 2 do artigo 14 do Real decreto 521/2024, do 4 de xuño, por parte da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais e, posteriormente, verificado por parte da Amtega o cumprimento do artigo 7.4.b) da Resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, do 20 de xuño de 2024, a entidade ..................................................................... pode participar como entidade colaboradora.

Sexto. Que, de conformidade co anteriormente exposto e co establecido no artigo 8.2 da Resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, do 20 de xuño de 2024, se fai necesario subscribir este convenio de colaboración de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Este convenio ten por obxecto establecer os termos da colaboración entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a entidade colaboradora ........................, que participará na xestión do Programa de emisión de bonos dixitais para a conectividade de colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia-financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU.

Segunda. Requisitos da entidade colaboradora

A entidade que asina este convenio terá a consideración de entidade colaboradora, con suxeición ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para os efectos deste convenio, entenderase por entidade colaboradora as empresas privadas con personalidade xurídica propia, validamente constituídas e empresarios individuais. En ambos os casos deben ter a condición de operador debidamente habilitado, conforme o establecido nos artigos 6 e 7 da Lei 11/2022, do 28 de xuño, xeral de telecomunicacións, e ofertar servizos da internet na Comunidade Autónoma de Galicia coas características técnicas especificadas no artigo 6 das citadas bases reguladoras.

A acreditación, antes da sinatura e durante toda a vixencia do convenio, da solvencia técnica e de eficacia da entidade colaboradora está suxeita á certificación de estar rexistrada no correspondente Rexistro de Operadores regulado no artigo 7 da Lei 11/2022, do 28 de xuño, ou ben indicando o nome, o servizo e a data de resolución que figura no devandito rexistro, para a súa comprobación polo órgano instrutor.

Así mesmo, non poderán obter a condición de entidade colaboradora:

a) As persoas en que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ao beneficiario ilegal e incompatible co mercado común.

c) As empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices da Comisión Europea sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C249/01), Diario Oficial de la Unión Europea do 31.7.2014.

A acreditación da solvencia económica, dado que a participación da entidade colaboradora supón un desconto pola súa parte nas facturas emitidas aos destinatarios da axuda, para a recuperación posterior mediante xustificación ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia non é necesario que se acredite para estas actuacións, posto que en ningún caso se adiantan fondos á entidade colaboradora.

Terceira. Gastos subvencionables e contía das axudas

Neste convenio considéranse como gastos subvencionables a contratación ou mantemento do servizo de conexión á internet durante un período de ata 12 meses. O dito servizo de conexión deberá ter asociada unha velocidade de transferencia de datos de, como mínimo, 30 Mbps en sentido da rede ao usuario (DL) en condicións de hora punta, entendida esta como a velocidade alcanzada polos usuarios finais durante un período dunha hora no momento de ocupación máxima da rede, a través da tecnoloxía máis adecuada en cada caso, co fin de respectar o principio de neutralidade tecnolóxica, e sen limitación horaria de acceso nin limitación ao volume mensual dos datos descargados.

Non se consideran subvencionables outros servizos que a entidade colaboradora poida prestar a través do mesmo acceso (voz, televisión etc.), sen prexuízo de que os usuarios poidan contratar os ditos servizos de forma adicional.

O custo do IVE considerarase gasto non subvencionable. En ningún caso o custo do servizo poderá ser superior ao valor de mercado.

Os gastos subvencionables e non subvencionables defínense de acordo co establecido no Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro, e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño.

A entidade colaboradora deberá adiantar a contía da axuda aos beneficiarios mediante a minoración de ata 20 euros nas facturas mensuais durante un período de ata 12 meses. Este importe será aboado pola Amtega á entidade colaboradora.

Cuarta. Desenvolvemento das actuacións

Unha vez que a entidade colaboradora verifique o código do bono achegado polo beneficiario poderá instalar o correspondente servizo dando comezo á súa prestación e, periodicamente, emitirá as preceptivas facturas.

A contía da axuda será descontada pola colaboradora, no momento da emisión de cada factura mensual ao beneficiario, mediante a minoración de ata 20 euros nas facturas mensuais durante un período de ata 12 meses.

Será posible traspasar o incentivo dun operador que sexa entidade colaboradora a outro que tamén o sexa. A Amtega porá á disposición das entidades colaboradoras a información sobre o tempo consumido de cada bono, co fin de que a nova entidade a que se traspasa o incentivo coñeza a data de vencemento.

Quinta. Xustificación e pagamento das axudas á entidade colaboradora

Para solicitar o aboamento das cantidades subvencionadas aos beneficiarios, a entidade colaboradora presentará ante a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia a seguinte documentación:

a) Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención e solicitude de pagamento da subvención pola entidade colaboradora, segundo o modelo que facilitará Amtega.

b) Relación dos servizos dados de alta incluíndo os seguintes datos para cada bono xestionado:

– Identificación do beneficiario.

– Números, importes e datas de cada factura.

– Detalle doutros ingresos ou subvencións que fosen empregados para financiar a actividade subvencionada, indicando importe e procedencia.

Tendo en conta o elevado número de beneficiarios previsto, esta tramitación realizarase conforme o disposto no artigo 51 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e non será precisa a achega de facturas nin documentación acreditativa do pagamento, sen prexuízo do disposto no número 4 do devandito artigo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poderá solicitar da entidade colaboradora calquera información complementaria que poida considerar para comprobar a adecuada execución material e formal da actuación durante a vixencia do convenio.

A falsidade ou inexactitude nos datos recollidos poderá dar lugar á anulación da adhesión da colaboradora ao convenio, así como á aplicación do réxime sancionador previsto na normativa de aplicación en materia de subvencións públicas.

Habilitarase un mecanismo de presentación telemática da documentación correspondente a cada bono tramitado, que facilite tamén a presentación agrupada desta, e que será de uso obrigatorio para as entidades colaboradoras.

A entidade colaboradora poderá levar a cabo presentacións mensuais. En todo caso, o prazo límite de presentación rematará un mes despois da emisión da última factura con desconto.

Estas contías que ingresará a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia á entidade colaboradora non supoñen ningún tipo de subvención á devandita entidade, senón que é unha subvención aos beneficiarios finais.

Con carácter xeral, realizaranse pagamentos parciais que responderán ao ritmo de execución das actuacións subvencionadas, nas condicións establecidas no artigo 31.6 da Lei 9/2007. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

O pagamento do incentivo de ata 20 € mensuais durante un período de ata 12 meses será realizado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, mediante aboamento á operadora adherida, coa cal o beneficiario teña contratada a conexión á internet, por cesión deste, nas condicións establecidas nas bases reguladoras da axuda. O pagamento efectuarase por transferencia bancaria á conta da operadora adherida, indicada por esta no proceso de adhesión. Os pagamentos realizaranse nun prazo non superior a 60 días naturais unha vez comprobada e validada a documentación e o proceso.

A operadora destinará o importe do incentivo a minorar o custo da conexión á internet contratada polo beneficiario.

Sexta. Obrigas da entidade colaboradora

Sen prexuízo das obrigas establecidas no artigo 12 da Lei 9/2007, así como nas bases reguladoras contidas na resolución da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, con data do 20 de xuño de 2024, a entidade colaboradora queda obrigada a:

a) Promocionar a contratación de servizos susceptibles de ser subvencionados en conformidade co establecido no artigo 8.6 da Resolución do 20 de xuño de 2024.

b) Instalar o servizo de internet contratado polo beneficiario do bono dixital, que deberá cumprir as características establecidas no artigo 6 da Resolución do 20 de xuño de 2024. Previamente á instalación, a entidade colaboradora deberá verificar o código do bono a través do servizo que habilitará para tal efecto a Amtega.

c) Comunicar, a través do servizo habilitado pola Amtega, os servizos tramitados a través do bono dixital, nun prazo máximo de dous meses desde o inicio da aplicación do desconto do bono ao beneficiario, así como as baixas realizadas tamén nun prazo máximo de dous meses desde que se fan efectivas

d) Adiantar a contía da axuda aos beneficiarios mediante a minoración de ata 20 euros nas facturas mensuais durante un período de ata 12 meses.

e) Seguir prestando ao usuario os servizos contratados de banda larga nas mesmas condicións, incluído o prezo máximo, durante cando menos un ano contado desde que finalice o desfrute do bono.

f) Achegar a documentación precisa para a verificación e control da adecuada execución dos bonos xestionados nos termos exixidos no artigo 20 da Resolución 20 de xuño de 2024.

g) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable en cada caso, así como un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas a estas subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de control e comprobación da pista de auditoría.

h) cumprir as obrigas en materia de protección de datos de carácter persoal derivadas da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e da normativa aplicable.

i) Estar ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado e da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social. Neste sentido, a entidade colaboradora debe ter presentado o consentimento expreso de autorización á Amtega para solicitar as certificacións emitidas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, que acrediten que a entidade está ao día nas súas obrigas. En caso de non estar ao día deberá presentar a certificación xustificativa.

j) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poida efectuar a Amtega, así como calquera outra que poidan realizar os órganos de control competentes tanto autonómicos, como estatais e comunitarios.

k) Obriga de reintegro dos fondos no suposto de incumprimento dos requisitos e das obrigas establecidas para a concesión da subvención e, en todo caso, nos supostos regulados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) Garantir o pleno cumprimento do principio de «non causar dano significativo» (principio do no significant harm, DNSH), así como as condicións específicas vinculadas a este principio para o investimento C15.I3, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia e polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, en todas as fases do deseño e execución dos proxectos.

m) Cumprir as obrigas de etiquetaxe climática e dixital, cunha porcentaxe do 0 por cento e do 100 por cento, respectivamente, de acordo co previsto no PRTR e no Mecanismo de recuperación e resiliencia, establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021.

As colaboradoras deberán tamén cumprir as obrigas específicas de publicidade recollidas na cláusula seguinte.

Sétima. Obrigas de publicidade

As entidades colaboradoras disporán dunha web informativa coa información correspondente ao alcance desta subvención (características do bono dixital, requisitos e obrigas dos beneficiarios, condicións da subvención, vixencia etc.) e as distintas modalidades de servizo e as tarifas asociadas.

Con carácter xeral, as actividades de difusión, páxinas web e publicacións e, en xeral, en toda a información ou publicidade da actuación subvencionada que realice a entidade colaboradora, deberá facer constar o financiamento público.

Para estes efectos, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia poderá facilitar ás entidades colaboradoras instrucións, modelos e exemplos para cumprir coas obrigas de publicidade, que serán conformes co establecido no artigo 34.2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, no artigo 9 da Orde HFP/1030/2021, do 29 de setembro, pola que se configura o sistema de xestión do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e no artigo 20 do Real decreto 989/2021, do 16 de novembro.

Oitava. Obrigas da Amtega

Pola súa parte, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia queda obrigada a:

a) Publicar, a través do servizo que se habilitará para tal efecto, os datos dos bonos dixitais concedidos para que as entidades colaboradoras podan comprobar esta información e tramitar as solicitudes de servizos recibidas por parte dos beneficiarios.

b) Comprobar e verificar a documentación achegada pola entidade colaboradora para a tramitación do aboamento das contías adiantadas aos beneficiarios dos bonos

c) Realizar periodicamente propostas de pagamento para reintegrar á entidade colaboradora os importes das axudas anticipadas por esta. As contías ingresaraas a Amtega mediante transferencia bancaria.

Novena. Natureza

Este convenio ten natureza administrativa e considérase incluído no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que queda fóra do ámbito da súa aplicación, sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da dita lei para resolver as dúbidas e lagoas que poidan presentarse. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten a prerrogativa de interpretar o convenio e resolver todas as dúbidas que ofreza o seu cumprimento, os seus acordos porán fin á vía administrativa e serán inmediatamente executados, e serán impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo. Resolución

Son causas de resolución deste convenio o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso.

Décimo primeira. Contraprestación económica

Non se fixa contraprestación económica a favor da entidade colaboradora.

Décimo segunda. Vixencia

Este convenio estenderá a súa vixencia desde a data da súa sinatura ata o 30 de xuño de 2026.

Décimo terceira. Causas de resolución do convenio de colaboración

Este convenio poderá extinguirse polo cumprimento das actuación que constitúen o seu obxecto ou resolverse polo incumprimento total ou parcial dalgunha das cláusulas que o regulan. Así mesmo, poderá resolverse por denuncia unilateral dalgunha das partes, logo de comunicación ás outras partes cun mes de antelación, cando concorra algunha das seguintes causas:

a) Por imposibilidade de cumprimento do obxectivo perseguido.

b) Incumprimento por algunha das partes de calquera das súas obrigas.

c) Causas excepcionais que obriguen a modificar substancialmente o obxecto deste convenio.

d) Imposibilidade material de executar o obxecto do convenio por circunstancias excepcionais que impidan o cumprimento dos compromisos adquiridos nel.

Décimo cuarta. Réxime xurídico

Este convenio rexerase por:

– Resolución do 20 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables (Programa UNICO-Bono social), enmarcado no investimento C15.I3 do compoñente 15 do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á convocatoria para 2024 (código de procedemento AP400A).

– Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

– Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– Real decreto 989/2021, do 16 de novembro, polo que se aproba a concesión directa ás comunidades autónomas e ás cidades de Ceuta e Melilla de axudas para a execución do Programa de emisión de bonos dixitais para colectivos vulnerables, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, modificado polo Real decreto 1134/2023, do 19 de decembro, e polo Real decreto 521/2024, do 4 de xuño.

– Decreto 252/2011, do 15 de decembro, polo que se crea a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e se aproban os seus estatutos.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E, en proba de conformidade con canto antecede, asinan os comparecentes.

Julián Cerviño Iglesia

Director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

Representante da entidade colaboradora