DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 28 de xuño de 2024 Páx. 39851

III. Outras disposicións

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes (código de procedemento TU985F).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue a lei, aos cales a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia de Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade, a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

A posta en marcha da tarxeta Bono turístico #QuedamosenGalicia para incentivar a demanda de servizos turísticos internos pola COVID-19 evidenciouse como un instrumento esencial no proceso de recuperación da actividade xa que paliou a diminución da actividade económica das empresas turísticas e o emprego a elas vinculado. En 2023 modificouse o formato do Bono turístico #QuedamosenGalicia co programa #DescubreGaliciaenOutono, aínda que o obxectivo perseguido seguía a ser incentivar a desestacionalización da actividade turística e contribuír así a dinamizar a economía e o emprego turístico.

Faise preciso manter activo un programa de incentivos á viaxe turística dirixida á demanda interna, a poboación residente en Galicia, segmento que concentra máis do 50 % das viaxes anuais fóra de temporada estival. Así pois, vaise poñer en marcha novamente o programa #DescubreGaliciaenOutono no que se mantén o concepto de bono-desconto, ben que cofinanciado entre a persoa solicitante e a Administración, que só poderán utilizar persoas residentes en Galicia en establecementos de aloxamento da Comunidade Autónoma e axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia, sempre que nos paquetes se inclúa o aloxamento en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia. O obxectivo é actuar sobre a demanda de proximidade, incentivándoa para garantir a pervivencia da oferta turística da Comunidade Autónoma ao longo do ano e, por tanto, facilitar o mantemento do emprego estable e de calidade.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, anunciar a súa convocatoria para o ano 2024, e abrir o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes (código de procedemento TU985F).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

2. Solicitudes.

Para poder ser persoa beneficiaria das axudas deberá presentarse unha solicitude axustada ao establecido nas bases reguladoras.

Con base no disposto no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, en relación co disposto no artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, enténdese que queda acreditado que as persoas solicitantes gozan do acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios por razón da súa capacidade técnica.

3. Data de descarga dos bonos.

Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga polas persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024 e a súa validez estenderase desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos).

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia de Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia de Turismo de Galicia: https://www.turismo.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento, e en www.bonoturismo.gal

c) Os teléfonos 981 54 63 58 e 981 54 64 20.

d) Enderezo electrónico: xuridico.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

De conformidade co establecido nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2024

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia
non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través
dos bonos turísticos, convocatoria para o ano 2024 e apertura do prazo
para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico
e axencias de viaxes (código de procedemento TU985F)

Artigo 1. Obxecto

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto incentivar a demanda interna, isto é, de persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de servizos turísticos prestados na dita comunidade autónoma en períodos de estacionalidade, buscando así prolongar a actividade e dinamizar a economía e o emprego turístico.

Artigo 2. Orzamento

1. Para a concesión destas axudas destinarase un crédito de 1.000.000,00 de € con cargo á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.480.0, proxecto 2015 00006, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

2. O orzamento poderase incrementar en función da evolución do programa #DescubreGaliciaenOutono, a través dos bonos turísticos, co obxecto de aumentar o número de persoas beneficiarias e de acordo coa dispoñibilidade de crédito, cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, de ser o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes.

Artigo 3. Entidade colaboradora

A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Resolución do 31 de maio de 2024 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos (código de procedemento TU985E).

Artigo 4. Actividade subvencionable

Subvencionaranse os servizos que presten os establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia consistentes nunha estadía mínima dunha noite nos ditos aloxamentos turísticos. Quedan expresamente fóra do programa as vivendas de uso turístico. Poderán ser tamén obxecto da axuda outros servizos prestados directamente polos mencionados aloxamentos.

Son tamén subvencionables os paquetes turísticos que oferten as axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia, sempre que nos devanditos paquetes se inclúa o aloxamento en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural e albergues da Comunidade Autónoma de Galicia.

Os gastos subvencionados serán os que se realicen desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos).

Artigo 5. Características do bono turístico

1. O bono turístico do programa #DescubreGaliciaenOutono terá formato dixital a través dun código QR, ten carácter persoal e intransferible, e exixe prepagamento, é dicir, o bono está cofinanciado entre a persoa solicitante e a Administración segundo a seguinte porcentaxe:

Importe bono

Achega

Admón.

%

Persoa beneficiaria

%

150,00 €

60,00 €

40

90,00 €

60

2. Cada bono terá a consideración de bono desconto para gastos realizados nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes adheridos.

3. O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto, e poderá imputarse a un ou varios gastos de aloxamento.

4. As contías enténdense co IVE incluído.

5. O período de descarga dos bonos será desde o día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024, ambos incluídos, salvo esgotamento previo do seu saldo.

O período de uso a partir do cal se poderán trocar os bonos descargados comezará o 10 de setembro de 2024.

Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do saldo remanente non consumido e non se poderá instar a súa devolución.

6. Cada persoa poderá solicitar e obter ata dous bonos.

Artigo 6. Natureza das axudas

As axudas que se concedan no marco do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos terán a consideración de subvencións a fondo perdido non reintegrables.

Artigo 7. Procedemento de concesión

O procedemento para a concesión das axudas reguladas nesta resolución é de outorgamento de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, atendendo á orde das solicitudes, ata o esgotamento do crédito previsto no artigo 2 destas bases reguladoras.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover actuacións que fomenten desestacionalizar a actividade turística fóra do período estival e contribuír con iso a dinamizar a economía e o emprego turístico, cumprindo os requisitos especificados nesta resolución.

Artigo 8. Órgano responsable da xestión das axudas

O órgano responsable da xestión das subvencións será a Axencia de Turismo de Galicia, a quen lle corresponderá desenvolver as actuacións de supervisión e control da correcta execución do programa.

A xestión dos fondos públicos asignados ao programa de bonos turísticos levarase a cabo de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 9. Persoas beneficiarias

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se aloxen en establecementos hoteleiros, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, campamentos de turismo e establecementos de turismo rural desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos). Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta resolución.

Artigo 10. Alta e requisitos dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes para a adhesión ao programa

1. Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:

• Nome e apelidos/razón social.

• NIF.

• Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.

• Denominación do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

• Código do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

• Enderezo do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

• Número de teléfono móbil.

• Correo electrónico.

• IBAN da conta bancaria.

• Páxina web do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.

2. O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de decembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Poderán adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos:

– Os establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia: establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.

– As axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.

En ambos os dous casos deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e ter coñecemento do código que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro.

4. A alta e o uso da aplicación polas persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, do cal serán informadas convenientemente.

5. As persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Axencia de Turismo de Galicia poderá comprobar ou, se é o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

6. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta resolución.

7. A denominación e a localización dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos farase pública na web www.bonoturismo.gal

8. As persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 19 destas bases reguladoras.

Artigo 11. Comprobación de datos das persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes

1. Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos das persoas titulares dos establecementos e axencias de viaxes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña motivadamente á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa representante.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo e achegar os documentos.

2. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 12. Presentación da solicitude dos bonos

1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:

a) Nome e apelidos.

b) Maioría de idade.

c) DNI ou NIE.

d) Localidade de residencia (código postal).

e) Número de teléfono móbil.

f) Correo electrónico.

2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións para o tratamento de datos persoais, conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, do cal serán informadas convenientemente.

3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Axencia de Turismo de Galicia poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.

4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

Artigo 13. Sistema de funcionamento dos bonos

1. A entidade colaboradora validará que a solicitude se realice consonte os requisitos e da forma establecida nesta convocatoria.

2. Tras a devandita validación, e verificada a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante, esta estará habilitada para a descarga do bono correspondente. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha App que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

3. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonoturismo.gal e, nese momento, entenderase concedida a axuda.

4. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, as persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que descargar no seu móbil a App de bonos turísticos.

5. No momento de aboar o gasto correspondente ao aloxamento, as persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que introducir na App o importe e o concepto do gasto. Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR para obter o desconto e deberán pagar, se o saldo do bono non fose suficiente, en efectivo ou con tarxeta, ata chegar ao importe final do gasto realizado.

Artigo 14. Obrigas dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes adheridos ao programa

Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos adquirirán, a través da solicitude de adherencia ao programa, as seguintes obrigas:

a) Anunciar no exterior do establecemento, nun lugar visible, a adhesión ao programa mediante a colocación dos correspondentes materiais publicitarios coa imaxe corporativa do programa.

b) Facer o desconto directo dos bonos nos tíckets ou facturas de compra emitidos, de xeito que as persoas usuarias non cheguen a realizar, en ningún caso, o desembolso do importe descontado.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e vixilancia necesarias por parte da Axencia de Turismo de Galicia para verificar o adecuado funcionamento e xestión dos bonos e do programa en xeral.

d) Conservar durante un ano todos os tíckets ou facturas de compra xustificativas da aplicación dos bonos, en canto poidan ser obxecto de comprobación e control por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

e) Custodiar con dilixencia as claves de acceso á plataforma co fin de evitar o seu uso indebido, comprometéndose a non facilitalas a outras persoas ou establecementos.

f) Desde o momento da adhesión ao programa, a persoa titular do establecemento de aloxamento turístico ou das axencias de viaxes non pode negarse a aplicar o bono, cando lle sexa solicitado pola clientela. O incumprimento desta obriga determinará a baixa no programa #DescubreGaliciaenOutono. Non obstante, ata que a Axencia de Turismo de Galicia lle comunique a baixa no programa, a persoa titular do establecemento de aloxamento turístico ou das axencias de viaxes ten a obriga de aplicar o bono.

Artigo 15. Órganos competentes para a instrución e resolución e xustificación das axudas

1. A Xerencia da Axencia de Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención.

2. Corresponderalle á persoa que ocupe a Dirección da Axencia de Turismo de Galicia ditar a resolución correspondente.

3. A entidade colaboradora seleccionada de acordo co indicado no artigo 3 deberá presentar ou pór á disposición da Axencia de Turismo de Galicia, nos termos fixados no convenio que asinen ambas as dúas partes, a documentación xustificativa do gasto realizado que reflicta o importe dos bonos descargados, importe dos bonos trocados e cantidades aboadas aos establecementos e axencias de viaxes adheridos ao programa polos descontos aplicados nos gastos realizados polas persoas usuarias.

Artigo 16. Condicións de uso dos bonos

1. Cada persoa beneficiaria disporá de ata dous bonos, que poderán ser usados desde o 10 de setembro de 2024 ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos) nun ou en varios dos establecementos ou axencias adheridos ao programa.

2. Cada bono terá un valor de 150,00 € por persoa usuaria e irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto de aloxamento realizado.

3. A validez dos bonos estenderase desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos), salvo esgotamento previo do seu saldo. Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do saldo remanente non consumido e non se poderá instar a súa devolución.

4. A través da plataforma tecnolóxica do programa, os/as titulares dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes terán á súa disposición a información necesaria e poderán consultar o histórico das súas vendas, os bonos xa trocados, os aboamentos feitos pola entidade colaboradora e os demais detalles de cada operación.

Artigo 17. Data de activación dos bonos

Os bonos estarán dispoñibles na web www.bonoturismo.gal para a súa descarga polas persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024 e a súa validez estenderase ata o 25 de decembro de 2024.

Artigo 18. Vixencia do programa

O programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos estará vixente ata o 25 de decembro de 2024.

Mediante resolución da Axencia de Turismo de Galicia poderase modificar a devandita data se razóns organizativas así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.

Artigo 19. Instrución e resolución de concesión

Unha vez solicitado o bono e descargado na forma establecida no artigo 13, as axudas entenderanse concedidas.

Artigo 20. Xustificación e inspección

A Axencia de Turismo de Galicia, como responsable do programa, reserva para si o dereito de realizar, durante o período de vixencia dos bonos e a posteriori e de forma aleatoria, cantas comprobacións, inspeccións e demais medidas de control considere oportunas para asegurar a correcta aplicación dos recursos públicos e para verificar o adecuado desenvolvemento e execución do programa #DescubreGaliciaenOutono a través de bonos turísticos.

No suposto de que exista algún incumprimento por parte dos establecementos ou axencias de viaxes adheridos, a Axencia de Turismo de Galicia poderá cancelar a adhesión destes ao programa subvencional. Neste caso, comunicará a dita circunstancia á entidade colaboradora co fin de impedir a troca e paralizar o proceso de pagamento dos bonos ou solicitará, se é o caso, o reintegro dos fondos percibidos.

Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes adheridos ao programa están obrigados a facilitar canta información lles sexa requirida pola Axencia de Turismo de Galicia e os restantes órganos competentes no exercicio das súas funcións de control do destino das axudas.

Artigo 21. Compatibilidade con outras axudas e obrigas tributarias

1. As axudas obtidas ao abeiro desta resolución serán compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras administracións públicas.

2. A contía percibida mediante os bonos turísticos estará suxeita, de ser o caso, ás obrigas tributarias que lle resulten de aplicación.

Artigo 22. Renuncia

1. Durante o período de vixencia do bono, e en todo caso antes do 25 de decembro de 2024, a persoa beneficiaria poderá renunciar á totalidade da subvención, sempre que non fixese uso do bono en ningún establecemento ou axencia de viaxes, presentando o modelo de solicitude de renuncia á subvención bono turístico do programa #DescubreGaliciaenOutono dispoñible na web www.bonoturismo.gal, a través do rexistro electrónico da Administración da Xunta de Galicia.

2. A entidade colaboradora reverterá automaticamente á Administración concedente o importe total da subvención, e devolverá o resto do saldo á persoa beneficiaria polo mesmo método de pagamento co que realizou a achega.

Artigo 23. Información básica en materia de protección de datos persoais

A recollida dos datos persoais está encomendada á entidade financeira adxudicataria na súa condición de encargado do tratamento dos datos, e a Xunta de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, terá a condición de responsable do tratamento.

Os datos persoais recollidos serán tratados coa finalidade de levar a cabo a xestión xeral dos bonos turísticos e a tramitación administrativa que desta derive. A base lexitimadora para o tratamento dos datos é o cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, con base na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia (Lofaxga), e no Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

Os datos persoais das persoas beneficiarias dos bonos turísticos serán comunicados, de ser o caso, á Base de datos nacional de subvencións, conforme a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Pola súa banda, para a entrega do material coa imaxe corporativa do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos aos establecementos e axencias de viaxes adheridos, a información relativa á denominación do establecemento ou axencia de viaxes e ao seu enderezo postal, ao nome da persoa representante e ao teléfono móbil poderá ser comunicada a terceiros colaboradores.

Serán obxecto de publicación as denominacións dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa na páxina web www.bonoturismo.gal

As persoas interesadas poderán solicitar, ante o responsable do tratamento, o acceso, a rectificación, limitación ou supresión dos seus datos, así como opoñerse ao seu tratamento a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e nos rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

As persoas interesadas poderán consultar máis información sobre a protección dos seus datos persoais e contactar coa persoa delegada de protección de datos (DPD) na páxina https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.