DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 35158

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de maio de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á blindaxe do parque de 15 kV da subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV, no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A. (expediente IN407A 2024/021-3).

Feitos:

1. O 5.2.2024 UFD Distribución Electricidad, S.A. (en adiante, UFD) presentou, ante a Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria (en diante, Xefatura Territorial; actualmente, Dirección Territorial de Ourense; en diante, Dirección Territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á blindaxe do parque de 15 kV da subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV, no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/021-3.

Esta solicitude acompañouse (ou completouse posteriormente) da seguinte documentación técnica:

• Proxecto de execución denominado Subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV blindaxe de parque 15 kV, asinado o 22.1.2024 pola enxeñeira industrial Marta Gómez Sánchez (colexiada número 4.379 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con número 20240085V e data 22.1.2024, no cal figura un orzamento total de 591.986,80 euros.

• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista e integrada no anexo III do proxecto, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

• Separatas técnicas para as seguintes entidades afectadas: Concello do Barco de Valdeorras e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

A infraestrutura eléctrica proxectada ten por obxecto a renovación completa do parque de 15 kV da referida subestación, motivada pola mellora da instalación e a calidade da subministración, instalando un conxunto de celas blindadas de dobre barra no interior do edificio existente e instalando tamén dous novos transformadores para servizos auxiliares, xunto cunha nova cela blindada de simple barra para acoplar no actual parque de 20 kV como posición de servizos auxiliares. A continuación, recóllense as súas características técnicas básicas:

• Renovación completa do actual parque de 15 kV, desmantelando por completo o actual e instalando un novo parque blindado proxectado de dobre barra (tipo GIS) no interior do edificio existente, en substitución do existente. Instalación de novas celas proxectadas, con envolvente metálica e illamento en SF6, coas seguintes posicións: 7 posicións de liña, 1 posición de liña dedicada a consumo, 2 posicións de transformador (T-II e T-III), 1 posición de transformador de servizos auxiliares, 1 posición de acoplamento transversal e 1 posición de medida de tensión de barras.

• Instalación de 2 novos transformadores para servizos auxiliares de 50 kVA de potencia aparente r/t 15/0,42 kV e 20/0,42 kV, respectivamente. Instalación dunha nova cela, con envolvente metálica e illamento en SF6, blindada de simple barra para acoplar no actual parque de 20 kV como posición de servizos auxiliares.

2. O 28.2.2024 a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ás seguintes entidades: Concello do Barco de Valdeorras e Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

Ningunha destas entidades contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

3. O 24.4.2023 a Dirección Territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou ao expediente o informe e proposta seguintes:

• Informe emitido o 22.4.2024 polos servizos técnicos da Xefatura Territorial, de carácter favorable, para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Proposta ditada o 23.4.2024 pola Xefatura Territorial, na cal se emite informe de xeito favorable sobre a petición formulada por UFD, no relativo á tramitación das autorizacións administrativas previa e de construción do referido proxecto, para a súa resolución pola DXPEM.

Consideracións legais e técnicas:

1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia; na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nas demais normas vixentes de aplicación.

2. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha subestación cunha potencia superior aos 75 MVA (a referida subestación dispón dunha potencia de transformación de 80 MVA: 2 trafos de 30 MVA e 1 de 20 MVA), de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b.2º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1.2.2017), así como no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG nº 126, do 4.7.2022); no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG nº 73, do 14.4.2024), e no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG nº 81, do 24.4.2024).

De acordo con todo o anterior,

RESOLVO:

1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica correspondente á blindaxe do parque de 15 kV da subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV, no termo municipal do Barco de Valdeorras (Ourense), que promove UFD Distribución Electricidad, S.A.

2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, denominado Subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV blindaxe do parque 15 kV.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Subestación O Barco de Valdeorras 132/20/15 kV blindaxe de parque 15 kV, asinado o 22.1.2024 pola enxeñeira industrial Marta Gómez Sánchez (colexiada número 4.379 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias do Principado de Asturias) e visado por este colexio, con número 20240085V e data 22.1.2024, e no cal figura un orzamento total de 591.986,80 euros.

2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que se manteñan sempre as condicións regulamentarias de seguridade. Deberanse cumprir en todo momento as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, a Dirección Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberalle comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante a Dirección Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora realizará os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos orzamentos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para realizar as obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas