DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 34902

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 31 de maio de 2024 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

O día 29 de novembro de 2023 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024 (tramitación anticipada) (código de procedemento IF303A).

A finalidade da dita orde é favorecer o cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade, e así contribuír a garantir a mobilidade no transporte público de toda a cidadanía. Así mesmo, preténdese fomentar o uso de vehículos taxi de tipo emisións cero e eco co obxecto de reducir as emisións gasosas no tráfico de vehículos.

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 500.000 euros, financiados con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024.

A axuda por vehículo para taxi adaptado (Eurotaxi) será de 10.000 euros, para taxi de cero emisións de 4.000 euros e para taxi eco de 1.000 euros.

O artigo 5.4 da orde establece que o prazo de presentación de solicitudes remata o 14 de outubro de 2024. Non obstante, na actualidade xa se superou amplamente o número de solicitudes para as cales existe cobertura orzamentaria suficiente para as tres liñas de taxi adaptado (Eurotaxi), taxi eco e emisións cero, o que permite constatar tanto o interese do sector profesional pola mellora da accesibilidade nos seus vehículos como o seu compromiso co ambiente e coa redución das emisións de gases contaminantes.

O artigo 3.2 da orde establece que a contía total máxima de subvencións concedidas se entenderá sen prexuízo de ulteriores variacións que se poidan producir como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, nos termos do artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que prevé, entre outras posibilidades de modificación orzamentaria, a da ampliación de crédito para atender as solicitude que se presenten. As ditas variacións poderán ser establecidas pola Administración respecto dunha, de dúas ou das tres liñas de actuación previstas, suposto no cal, agás que no instrumento xurídico polo cal se acorde a dita ampliación se estableza un prazo para a unificación das liñas aprobadas posterior á súa publicación, ao importe ampliado non lle resultará de aplicación a unificación a que se refire o número catro deste artigo.

Visto o número de solicitudes presentadas e o beneficio que suporá para o conxunto da sociedade tanto a incorporación progresiva de cada vez máis taxis adaptados para o transporte de persoas con mobilidade reducida, así como a introdución de vehículos máis eficientes en termos de emisión de gases contaminantes, considérase conveniente realizar unha ampliación do crédito por importe de 350.000 €, dos cales 150.000 € son para a liña de taxi adaptado (Eurotaxi), 40.000 € para a liña de vehículos taxi de emisións cero e 160.000 € para a liña de vehículos taxi eco.

A partir do 31 de xullo de 2024 o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase e continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas con anterioridade e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata a finalización do prazo o 14 de outubro.

De acordo co exposto e de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 17 de novembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, e se convocan para o exercicio 2024, código de procedemento IF303A, publicada no Diario Oficial de Galicia número 227, do 29 de novembro, por un importe de 350.000 euros, para a adquisición de Eurotaxis, de vehículos taxi de emisións cero e vehículos taxi eco, con cargo á aplicación orzamentaria 35.08.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024. O dito crédito distribúese entre as tres liñas segundo a seguinte repartición:

– Liña de taxi adaptado (Eurotaxi): 150.000 €.

– Liña de vehículos taxi de emisións cero: 40.000 €.

– Liña de vehículos taxi eco: 160.000 €.

A partir do 31 de xullo de 2024 o crédito resultante no conxunto das tres liñas unificarase consonte o estipulado no artigo 4.2 da Orde do 17 de novembro de 2023.

Desde a publicación da dita ampliación de crédito e ata o 31 de xullo de 2024 as solicitudes presentadas serán valoradas dentro de cada liña por orde de entrada ata o momento do esgotamento do crédito asignado inicialmente a cada unha das liña, de producirse este antes do 14 de outubro de 2024. Deste xeito, atenderanse primeiro as solicitudes xa presentadas no momento de publicación desta orde e que non puideron ser atendidas por mor do esgotamento do crédito asignado na Orde do 17 de novembro de 2023.

Unha vez materializada a unificación do crédito o 31 de xullo de 2024, se é o caso, continuarán valorándose as solicitudes, para calquera das tres liñas, atendendo exclusivamente á orde de entrada, para o cal se deberán ter en conta tanto as solicitudes presentadas con anterioridade e que non puideron ser atendidas por insuficiencia do crédito inicial para esa liña como aquelas que se presenten posteriormente e ata a finalización do prazo o 14 de outubro de 2024.

Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 850.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes continúa aberto nos mesmos termos establecidos na orde de convocatoria destas axudas.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes