DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Luns, 10 de xuño de 2024 Páx. 34905

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

ORDE do 4 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias nos órganos de dirección e nas persoas titulares dos departamentos territoriais.

A actividade administrativa da Consellería de Política Social e Igualdade comporta unha concentración de funcións ao redor da súa persoa titular que aconsella recorrer á delegación de competencias nos distintos órganos de dirección, sen esquecer o debido respecto aos principios que informan a actividade administrativa e que a nosa Constitución recolle no seu artigo 103.1.

A delegación de competencias permite a axilización administrativa necesaria que redunda en beneficio tanto da Administración coma dos administrados, dentro do máis rigoroso respecto das garantías xurídicas que a tutela dos intereses públicos exixe.

Unha vez publicado o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, cómpre a través desta orde establecer a relación de atribucións delegadas.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia; o artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; o Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, e as demais disposicións de xeral aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Delegacións na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica as competencias que se relacionan a seguir:

a) As facultades que lle corresponden á persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade como titular do dito órgano en materia de persoal, de conformidade coa Lei 2/2015, do 2 de abril, de emprego público de Galicia, agás as reservadas legalmente á competencia exclusiva daquela ou que se deleguen expresamente noutros órganos.

b) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no artigo 4 do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, das persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade e de todo o persoal destinado nos servizos centrais, así como a autorización para asistir a actividades de formación e perfeccionamento.

c) A autorización dos permisos e licenzas das persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade e de todo o persoal destinado nos servizos centrais.

d) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade pola lexislación vixente, agás as que se deleguen expresamente noutros órganos.

e) A autorización e disposición dos gastos xerais dos servizos da consellería, así como o seu compromiso e liquidación, ata o límite dos créditos autorizados e non reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, e solicitar da consellería con competencias en materia de facenda a ordenación dos pagamentos, agás os que se deleguen expresamente noutros órganos.

f) A tramitación e a resolución daqueles expedientes de desconcentración dos créditos necesarios para o efectivo exercicio das funcións atribuídas aos departamentos territoriais.

g) Dispor canto concirne ao réxime interno da consellería cando non sexa competencia exclusiva da persoa titular da consellería ou doutro centro directivo.

h) As funcións que derivan do exercicio do protectorado das fundacións de interese galego adscritas a esta consellería.

i) O exercicio das facultades que a normativa de patrimonio lle atribúe á persoa titular da consellería nos casos en que non estean expresamente delegadas noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

j) A imposición ou proposta de sancións que lle correspondan á persoa titular da consellería en virtude da cualificación da infracción cometida ou da contía da sanción proposta, así como a adopción de medidas no procedemento sancionador que lle correspondan á persoa titular da consellería.

k) A resolución dos recursos de alzada, de reposición e recursos extraordinario de revisión cando lle correspondan á persoa titular da consellería, así como a facultade de suspender a execución dos actos impugnados, a resolución das reclamacións administrativas previas á vía xudicial e das reclamacións de responsabilidade patrimonial, nos casos en que non estean expresamente delegadas noutros órganos e cando a delegación non estea prohibida expresamente.

l) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

m) A admisión a trámite e a resolución dos procedementos de revisión de oficio, a declaración de lesividade dos actos anulables e a revogación de actos de gravame ou desfavorables, así como a rectificación de erros materiais, de feito ou aritméticos dos actos administrativos ditados pola persoa titular da consellería ou no exercicio das competencias delegadas.

n) Nas relacións entre a Consellería de Política Social e Igualdade e outras administracións públicas, presentar e dar resposta aos requirimentos que xurdan, con carácter previo á vía contencioso-administrativa, e presentar os recursos e reclamacións que procedan.

Artigo 2. Delegacións nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Política Social e Igualdade

1. Deléganse nas persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Política Social e Igualdade as competencias que se relacionan a seguir:

a) As funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente nos expedientes tramitados con cargo aos capítulos II e VI do orzamento de gastos, no ámbito do seu órgano directivo, que teñan o carácter de contrato menor de acordo coa Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, así como autorizar, dispor, recoñecer obrigas e propor os pagamentos que corresponden aos citados expedientes.

b) Resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas beneficiarias respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

c) A resolución dos recursos administrativos nas áreas das súas atribucións e que lle correspondan á persoa titular da consellería cando a delegación non estea prohibida expresamente.

d) A resolución dos recursos potestativos de reposición que se interpoñan contra os actos administrativos ditados no exercicio das facultades delegadas.

2. Delégase especificamente na persoa titular da Dirección Xeral de Inclusión Social a competencia para resolver a concesión do financiamento dos servizos sociais comunitarios municipais, así como para a autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos pagamentos das correspondentes transferencias finalistas reguladas nos artigos 41 e seguintes do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. Exceptúase o financiamento do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia valorada con dereito de atención recoñecido regulado no artigo 58 do dito Decreto 99/2012, do 16 de marzo.

Artigo 3. Delegación de competencias nas persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade

Deléganse nas persoas titulares dos departamentos territoriais da Consellería de Política Social e Igualdade, no seu respectivo ámbito territorial e sen prexuízo do establecido nos artigos anteriores:

a) A designación das comisións de servizo con dereito a indemnización, previstas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de todo o persoal destinado nos departamentos territoriais e nos seus centros dependentes, así como a autorización para asistir a cursos e actividades de formación e perfeccionamento do dito persoal.

b) Autorizar os permisos e licenzas do persoal que presta servizos no departamento territorial, sempre que non teñan incidencia no capítulo I dos orzamentos de gastos.

c) A competencia para efectuar as contratacións de persoal laboral de duración determinada que se realicen ao abeiro do disposto na lexislación vixente, as cales serán tramitadas e subscritas por eles, logo das autorizacións correspondentes.

d) Autorizar e dispor os gastos con cargo ao capítulo II dos orzamentos de gastos, ata o límite dos créditos que para tal fin sexan distribuídos pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería por delegación da persoa titular da consellería e que non estean reservados á aprobación do Consello da Xunta de Galicia, así como recoñecer as obrigas de gasto e propor os pagamentos correspondentes aos créditos distribuídos.

Respecto dos referidos créditos, as funcións que como órgano de contratación lle son atribuídas á persoa titular da consellería pola lexislación vixente.

e) Actuar como órgano de contratación nos contratos administrativos especiais.

f) Respecto dos créditos desconcentrados, actuar como órgano de contratación, así como autorizar e dispor os gastos correspondentes aos ditos créditos, excepto os casos reservados á competencia do Consello da Xunta de Galicia, así como a aprobación dos actos de disposición de créditos e o recoñecemento das obrigas, e solicitar da consellería con competencias en materia de facenda a ordenación dos correspondentes pagamentos.

g) A xestión das obrigas adquiridas mediante a sinatura de contratos de xestión de servizos públicos de carácter asistencial e as xeradas pola reserva e ocupación de prazas en centros asistenciais, ocupacionais e residenciais, no ámbito do maior e de persoas con discapacidade.

h) A realización de todos os trámites previos e a sinatura dos contratos individuais para o ingreso de menores de características especiais en centros, así como toda a xestión ulterior das obrigas xurdidas do seu asinamento.

i) A autorización e disposición dos gastos, o recoñecemento de obrigas e a proposta de ordenación dos correspondentes pagamentos en relación coas transferencias trimestrais ás corporacións locais das cantidades que correspondan en función das horas de atención efectivamente prestadas do servizo de axuda no fogar para persoas en situación de dependencia.

j) As autorizacións de uso temporal dos bens do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia adscritos á Consellería de Política Social e Igualdade a persoas físicas ou xurídicas para realizar, sen ánimo de lucro, actividades que satisfagan fins públicos e non resulten contraditorias coa afectación do ben, por un prazo inferior a un mes, ou para a organización de conferencias, seminarios, presentacións ou outros eventos análogos.

k) Resolver os recursos de reposición ditados contra as resolucións de concesión de subvencións ditadas por delegación da persoa titular da consellería, así como, de ser o caso, os procedementos de reintegro delas.

l) A sinatura dos convenios singulares para realizar prácticas nos centros dependentes da consellería, sempre que non impliquen custo para a consellería e logo de emisión do informe da dirección do centro sobre a compatibilidade da realización das ditas prácticas co funcionamento ordinario do centro.

Artigo 4. Réxime xurídico da delegación de competencias

1. As resolucións administrativas que se adopten facendo uso das delegacións contidas nesta orde farán constar expresamente esta circunstancia e consideraranse ditadas polo órgano que as conferiu.

2. En calquera momento, a persoa titular da consellería poderá avogar o exercicio das competencias que son delegadas por esta orde.

En todo caso, quedan excluídos das delegacións contidas nesta orde os supostos previstos no artigo 9.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro; no artigo 6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 44.2 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, as competencias que asuma por delegación contidas nesta orde serán exercidas, mentres persistan aquelas circunstancias, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Respecto das persoas titulares das direccións xerais da Consellería de Política Social e Igualdade, as competencias delegadas contidas nesta orde serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, seguindo a orde de prelación que se establece no artigo 4 do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Nos mesmos supostos, as competencias delegadas nas persoas titulares dos departamentos territoriais serán desempeñadas pola persoa titular da xefatura do Servizo de Coordinación Administrativa.

Disposición adicional única. Axudas e subvencións públicas

1. Será de aplicación o réxime da delegación previsto nas correspondentes ordes de aprobación de bases e convocatoria de axudas e subvencións.

2. As competencias que en materia de axudas e subvencións tiña atribuídas a extinta Secretaría Xeral de Igualdade entenderanse asumidas pola persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e pola persoa titular da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, dentro do ámbito das súas respectivas competencias.

Disposición derrogatoria única. Derrogación

Queda derrogada a Orde do 3 de marzo de 2016 sobre delegación de competencias nos órganos de dirección e nos/nas xefes/as das xefaturas territoriais desta consellería, así como todos aqueles actos de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto nesta orde.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2024

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade