DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34021

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

RESOLUCIÓN do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento EM926G).

O artigo 7 do Estatuto de autonomía de Galicia recoñécelles ás comunidades galegas asentadas fóra de Galicia o dereito a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade, define a galeguidade como o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaboraren e a compartiren a vida social e cultural do pobo galego, tal e como sinala o artigo 7.1 do Estatuto de autonomía de Galicia.

En aplicación dela, procede establecer o marco normativo ao que deberá axustarse o procedemento de concesión de subvencións que posibiliten ás entidades e persoas galegas establecidas noutras comunidades autónomas ou no exterior a realización de programas de actividades que lles sexan propias e, sinaladamente, nas áreas formativas, culturais e de mocidade.

Segundo o establecido na disposición adicional sexta do Decreto 48/2024, do 22 de abril, e no artigo 10 e na disposición transitoria primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das Consellerías da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral da Emigración intégrase na Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, asume as competencias correspondentes en materia de políticas de emigración e retorno en Galicia e mantén a súa estrutura e funcións ata que se proceda ao desenvolvemento da estrutura da Consellería. Así mesmo, conforme a esa normativa e á disposición adicional primeira do Decreto 108/2022, do 16 de xuño, continúa desconcentrada na persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración a competencia para a aprobación das bases e a convocatoria das axudas e subvencións do seu respectivo ámbito de competencia.

A Secretaría Xeral da Emigración ten como un dos seus obxectivos promover a participación de toda a colectividade galega no exterior na nosa vida cultural e social. Na realización de todas estas funcións, a Secretaría Xeral da Emigración conta con distintas liñas de axudas e subvencións baseadas nos principios de publicidade e concorrencia, segundo os criterios establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con cargo aos fondos públicos.

Neste contexto enmárcase esta resolución pola cal se convoca e se regula o programa de viaxes Reencontros con Galicia, que lles permite a persoas emigrantes galegas de 65 anos ou máis, residentes en América, reencontrarse coa terra que os viu nacer.

Para acadar esta finalidade cóntase coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

En virtude do exposto, no exercicio das competencias atribuídas no Decreto 108/2022, do 16 de xuño, e de conformidade co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normativa de aplicación,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores galegas residentes en América, mediante un período de estadía nunha residencia dependente da Xunta de Galicia e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares.

As axudas consistirán no financiamento total ou parcial do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e na estadía na residencia. Os custos da viaxe cubriranse en distinta porcentaxe segundo os ingresos das persoas que conformen a unidade familiar dos solicitantes.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2024, código de procedemento EM926G.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

Artigo 2. Número de prazas convocadas e características do programa

1. Convócanse un total de 200 prazas para emigrantes maiores de 65 anos residentes en América, para unha estadía nas residencias de tempo libre da Xunta de Galicia en Panxón-Nigrán (Pontevedra) e no Carballiño (Ourense), entre os días 8 e 18 de outubro, durante os cales participarán no desenvolvemento dun programa de actividades socioculturais deseñado para contribuír ao coñecemento da cultura galega e o fortalecemento dos vínculos de unión cos seus familiares e a súa terra natal.

A asignación inicial do número de prazas para os distintos países e modalidades de pagamento reflíctese no anexo I.

2. As persoas participantes poderán optar entre regresar ao seus países de residencia o día do remate das actividades previstas ou 15 días despois. Para o caso de que desexen prorrogar a súa estadía coa súa familia 15 días, todos os gastos durante o tempo que permanezan desde que abandonan o establecemento residencial ata o embarque no aeroporto de regreso serán pola súa conta.

3. A prestación sanitaria das persoas beneficiarias realizarase de acordo coa lexislación aplicable nesta materia e cos convenios subscritos polo Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia. Asemade, as persoas acompañantes traerán contratado un seguro médico suficiente.

Por outra banda, tendo en conta que as residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño non contan con servizo médico, está previsto que as persoas participantes estean asistidas en todo momento durante o desenvolvemento do programa por dúas persoas tituladas en Medicina. Esas persoas viaxarán a Galicia desde Bos Aires co grupo procedente de Arxentina, acompañarán ás persoas participantes en todas as actividades que se realicen no desenvolvemento do programa e prestaranlles os primeiros auxilios médicos, de ser o caso. Cada unha delas porase ao dispor das persoas participantes aloxadas nunha residencia desde a chegada a Galicia ata o día 18 de outubro, sen que polo o seu traballo perciban ningún tipo de honorarios nin contraprestación. A súa selección realizarase atendendo a criterios de antigüidade e de experiencia en programas similares pola Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires, que comunicará o resultado do proceso a esta secretaría xeral para a confirmación da súa designación.

4. Con carácter previo á realización da viaxe a Galicia, as persoas seleccionadas serán informadas nos seus países de residencia do réxime interno das residencias onde serán aloxadas, as actividades previstas e demais cuestións fundamentais relativas ao programa. De ser posible, as delegacións da Xunta de Galicia e as demais entidades colaboradoras convocarán reunións presenciais para tales efectos.

5. Co fin de lograr a efectiva difusión deste programa para vindeiras convocatorias e co obxectivo de garantir os principios de transparencia, accesibilidade da información e veracidade (artigo 2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno), recolleranse experiencias e mesmo imaxes das instalacións e das persoas participantes que poderán ser empregadas para noticias contidas en xornais, publicacións e mesmo divulgadas tanto a través de servizos da sociedade da información como na páxina web: https://emigracion.xunta.gal

Para estes efectos, a presentación da solicitude de participación implica a autorización para a publicación destas imaxes, que serán incorporadas ao ficheiro «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», de acordo co previsto na información básica sobre a protección de datos persoais que figura no anexo II.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha persoa emigrante galega.

b) Ter a nacionalidade española.

c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2014-2024).

d) Ter 65 anos cumpridos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2019 en diante.

f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante informes médicos debidamente actualizados.

g) Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cento por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderá superar a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2024, segundo o país de residencia ou, no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

O resto das persoas solicitantes deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez días seguintes á publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € en concepto de custo da viaxe desde o país de orixe ata Galicia, que será aboada á empresa adxudicataria do correspondente contrato.

Para eses efectos, terán a consideración de rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria e/ou a súa unidade económica familiar, derivadas tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles. E considerarase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, o seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como os/as fillos/as e parentes por consanguinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

h) No suposto de que decidisen prolongar a súa estadía en Galicia cos seus familiares, os solicitantes deberán presentar o consentimento asinado por algún deles ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade.

2. Cada persoa solicitante poderá vir acompañada pola persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, coa condición de que teña a súa residencia en América, leve convivindo coa persoa solicitante polo menos un ano, cumpra os requisitos establecidos nas epígrafes e) e f) deste artigo e presente a documentación xustificativa.

Artigo 4. Financiamento, gastos subvencionables e compatibilidade

1. Financiamento.

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo con a normativa de contratos do sector público.

2. Gastos subvencionables.

2.1. A Consellería de Política Social e Igualdade colabora na execución deste programa poñendo á disposición das persoas participantes os servizos de aloxamento e manutención en réxime de pensión completa nas residencias de tempo libre de Panxón e do Carballiño, á cal están adscritas.

A residencia de Panxón dispón de 39 habitacións dobres, 29 triplas e 4 cuádruplas; na medida do posible, disporase dalgunhas habitacións de uso individual. A residencia do Carballiño dispón de 12 habitacións individuais, 52 dobres, 2 triplas e 10 cuádruplas.

2.2. A Secretaría Xeral da Emigración faise cargo da organización da viaxe, dos traslados en avión das persoas participantes mediante o financiamento do custo dos billetes de ida e volta segundo o establecido no anexo I, do desenvolvemento das actividades do programa, así como do transporte daquelas beneficiarias que realicen un retorno inmediato, desde a residencia ata o aeroporto de saída. Todos os gastos das persoas que opten por regresar 15 días despois do remate das actividades do programa serán pola súa conta.

As viaxes en avión desde o país de residencia e de volta ao mesmo serán, en todo caso, con destino e orixe nun aeroporto de Galicia.

3. Compatibilidade.

As axudas outorgadas ao abeiro desta resolución son compatibles con calquera outra axuda que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que vaia levar a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. Cada persoa participante só poderá presentar unha solicitude e nela fará constar a súa preferencia para o regreso: ao remate da actividade ou aos 15 días desde o día do finalización das actividades do programa.

A presentación da solicitude implica a aceptación das normas deste procedemento.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 18 da Lei reguladora do procedemento administrativo común, entre os que se contan as oficinas consulares de España no estranxeiro.

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo e ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para a presentación electrónica das súas solicitudes:

• En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Cabaleiros de Santiago, en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá que a persoa participante autorice a persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude por vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Se é preciso, poderase prolongar uns días o prazo de permanencia deste procedemento na sede electrónica da Xunta de Galicia para que as delegacións e demais entidades autorizadas, en exercicio da autorización outorgada polos solicitantes para facelo, poidan introducir as solicitudes recibidas en prazo que non puideran cargarse durante ese período por falta de medios.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade e nacionalidade, mediante o pasaporte español ou outro documento en que consten os seus datos persoais de identificación e a nacionalidade española.

b) Documentación acreditativa do lugar e data de nacemento, para o caso de que estes datos non estean especificados na documentación anterior.

c) Unha fotografía recente tamaño carné.

d) Certificado do Rexistro de Matrícula Consular como residente no país de América que corresponda en que conste a data de inscrición ou outro documento acreditativo da súa residencia en América de xeito continuado, polo menos, durante os últimos 10 anos.

e) Informe médico, conforme o modelo que figura como anexo III, en que conste que a persoa solicitante válese por si mesma, non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

f) Xustificantes acreditativos dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que percibiran a persoa solicitante e os demais membros da súa unidade económica familiar nos meses de febreiro, marzo e abril do ano 2024, que resulten suficientes para acreditar que non superan o límite de ingresos establecidos no artigo 3.1.g) desta resolución.

g) Libro de familia, se procede. Na súa falta, presentarase a documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade económica familiar.

h) Documento en que conste se a persoa solicitante é beneficiaria da prestación por razón de necesidade do Estado español no ano 2024. De non presentalo, entenderase que desiste da aplicación do criterio de selección sinalado no artigo 11.1 desta resolución.

i) Declaración da persoa acompañante segundo o modelo do anexo IV, se for o caso.

j) Consentimento, segundo o modelo do anexo V, asinado polo familiar de ata o cuarto grao de consanguinidade ou afinidade para que as persoas que así o indiquen na súa solicitude poidan residir con eles durante 15 días posteriores á finalización da súa estadía no centro residencial dependente da Xunta de Galicia. Este anexo poderá ser presentado directamente pola persoa asinante en Galicia, para a súa incorporación ao expediente de solicitude do familiar solicitante.

2. Para o caso de que a persoa solicitante desexe vir acompañada da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, esta deberá presentar, debidamente cuberto, o anexo IV que se indica no punto i) do punto 1 deste artigo, xunto coa súa seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da identidade: pasaporte ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade.

b) Informe médico, segundo o modelo incluído no anexo III, conforme é válida por si mesma e non padece trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e está en condicións de realizar unha viaxe de longa duración.

c) Unha fotografía recente, tamaño carné.

d) Documentación acreditativa da súa residencia, lugar e da data de nacemento.

e) Documentación que probe a convivencia do acompañante coa persoa solicitante desde un ano polo menos: inscrición no rexistro correspondente, manifestación expresa por acta de notoriedade ou calquera outro medio admisible en dereito.

3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI da persoa solicitante, de ser o caso.

2. Para o caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, para o caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Comisión Avaliadora

1. Os expedientes de solicitude serán avaliados por un órgano colexiado integrado por tres persoas funcionarias da Secretaría Xeral da Emigración, o cal emitirá o informe en que concrete o resultado da avaliación, que elevará ao órgano instrutor para que formule a correspondente proposta de resolución.

A dita Comisión Avaliadora poderá contar coa asistencia doutros órganos colexiados que se constitúan, por petición da Secretaría Xeral da Emigración, nas delegacións da Xunta de Galicia en Arxentina e Uruguai para avaliar as solicitudes presentadas neses países. De ser o caso, esas comisións serán presididas polas persoas titulares das delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires e Montevideo respectivamente, que nomearán ao resto dos seus compoñentes entre o seu persoal.

2. Se algunha das comisións de avaliación citadas así o considera, poderá encargar informes que comproben a veracidade dos datos achegados nas solicitudes e que deberán realizar profesionais titulados. Os resultados obtidos serán tidos en conta na avaliación das solicitudes e, se é o caso, darán lugar ao rexeitamento da solicitude.

3. O funcionamento da Comisión de Valoración rexerase polo disposto na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Criterios de valoración

1. Para a selección dos solicitantes atenderase aos seguintes criterios de prelación:

– En primeiro lugar, terán preferencia as persoas que nunca participaran en programas de viaxes da Secretaría Xeral da Emigración.

– En segundo lugar, aquelas persoas que neste ano sexan beneficiarias da prestación económica por razón de necesidade.

– En terceiro lugar, terán preferencia as de maior idade.

A selección dunha persoa solicitante comportará a da persoa unida a ela por matrimonio, unión de feito ou relación análoga de afectividade, sempre que se presentara a súa solicitude e que a acompañante reúna os requisitos establecidos no artigo 3.2 desta resolución.

2. As prazas que queden vacantes á vista da relación do punto anterior poderán ser distribuídas pola Secretaría Xeral da Emigración entre as solicitudes doutros países, comezando por aqueles que teñan un maior número de solicitudes admitidas. O número de prazas obxecto de redistribución non poderá superar o 25 % do total.

Artigo 12. Ordenación e instrución

1. A ordenación e instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais, sendo o órgano instrutor a persoa titular desta.

2. Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, e comprobado que estas reúnen os requisitos establecidos nesta resolución, elaboraranse listas provisionais de solicitudes admitidas e inadmitidas por países con indicación, de ser o caso, da documentación que deben achegar e prazo, así como das causas de inadmisión. Estas listas serán publicadas no prazo máximo de 50 días desde o remate do prazo de presentación de solicitudes, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal), e estarán expostas nos taboleiros de anuncios das delegacións e entidades colaboradoras citadas no artigo 5.2.

3. As persoas interesadas disporán dun prazo de dez días, contados desde o día seguinte ao da publicación na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración das listas provisionais (https://emigracion.xunta.gal), para formular as alegacións que consideren oportunas e para emendar a solicitude. Transcorrido ese prazo sen que as persoas solicitantes acheguen a documentación indicada, consideraranse desistidas da súa petición e arquivarase o seu expediente nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

4. Transcorrido este prazo, vistas as solicitudes presentadas e a documentación posteriormente incorporada aos expedientes, e de conformidade co disposto nesta resolución, a Comisión Avaliadora prevista no artigo 10 emitirá o seu informe, no cal recollerá na relación definitiva de solicitudes admitidas segundo a orde de prelación, e as excluídas.

Esas listas definitivas de solicitudes, por países, serán publicadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración, durante un período mínimo de 7 días, durante o cal as persoas solicitantes admitidas poderán formular as alegacións que consideren oportunas, modificar a data de preferencia para o regreso ou desistir da súa solicitude, de ser o caso.

5. Con posterioridade, unha vez examinadas as alegacións presentadas, o órgano instrutor formulará a correspondente proposta de resolución, debidamente motivada, que elevará á persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración.

Artigo 13. Resolucións

1. A persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración, vista a proposta de resolución do órgano instrutor, ditará a resolución deste procedemento.

A continuación publicarase, coa relación das persoas excluídas e beneficiarias, por países, na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración (https://emigracion.xunta.gal). Esta publicación poderá producir os efectos da notificación de acordo co disposto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

As persoas participantes admitidas e que non sexan seleccionadas pasarán a unha lista de reservas na orde resultante da aplicación dos criterios de selección anteriormente expostos.

A partir desa data, non será admisible ningún outro cambio, agás causas de forza maior ou debidamente xustificadas e autorizadas exclusivamente pola Secretaría Xeral da Emigración.

2. No caso de que con posterioridade á publicación da resolución, por renuncias ou outras circunstancias que imposibiliten a viaxe, quedaran prazas sen cubrir, a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración poderá resolver, nas condicións que considere oportunas para non prexudicar o desenvolvemento normal do programa, a adxudicación das prazas vacantes ás persoas solicitantes seguintes que figuren nas listas de reserva, ás cales lles serán notificadas segundo o disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo máximo para resolver será de catro meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se diten as resolucións expresas, poderán entenderse desestimadas as solicitudes, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. Para o caso de optar pola notificación en papel efectuarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. A presentación da solicitude para participar neste programa supón o compromiso de aceptar que a Secretaría Xeral da Emigración efectúe as actuacións que crea necesarias para comprobar os requisitos exixidos nesta convocatoria e demais normas vixentes que resulten de aplicación, asegurar o cumprimento do contido e das condicións do programa, no caso de concesión. Para ese fin, as persoas beneficiarias das axudas comprométense a prestar toda a colaboración que lles sexa requirida.

Así mesmo, estarán na obriga de prestar colaboración e facilitar canta documentación lles sexa requirida no exercicio das funcións de control que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas, no exercicio da súa función de fiscalización e control do destino destas axudas.

2. As persoas beneficiarias quedan obrigadas a comunicar á Secretaría Xeral da Emigración calquera posible alteración das circunstancias orixinais, e a Secretaría Xeral da Emigración poderá adoptar a resolución de modificación ou revogación da concesión que corresponda.

3. Por outra parte, as persoas adxudicatarias das prazas quedan obrigadas a:

a) Incorporarse á actividade e regresar polos medios e os prazos establecidos.

b) Respectar as normas de réxime interno dos lugares de aloxamento, así como todas aquelas que se lles dean no transcurso das actividades, nas cales, terán a obriga de participar, e, en xeral, as establecidas pola lexislación vixente na materia. Non cumprir estas normas poderá ter como consecuencia, logo de trámite de audiencia, a expulsión do programa e o regreso ao seu país de orixe no primeiro voo dispoñible.

4. No caso de que as persoas beneficiarias presenten a baixa ou renuncien ao programa, deberán comunicarllo por escrito á Secretaría Xeral da Emigración, cunha antelación de 15 días á data da viaxe, detallando a causa da renuncia. De non ser así, poderán ser penalizadas con non ser beneficiarias en edicións futuras do programa e, de ter aboada a cantidade correspondente por custos da viaxe, non poderán recuperala.

5. Nos supostos en que se declare a procedencia do reintegro considerarase como cantidade recibida, que haberá que reintegrar, o importe dos billetes pagados pola Secretaría Xeral da Emigración xunto cos correspondentes xuros de demora de acordo co establecido no artigo 3.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Transparencia e bo goberno

1. Deberá dárselle cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 17. Réxime de recursos

1. Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que as ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o recurso poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se entenda producido o acto presunto, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición adicional única. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións e, xunto cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

2. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral da Emigración para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración

ANEXO I

A distribución das prazas do programa Reencontros con Galicia por países é a seguinte:

País

Prazas financiadas
100 %

Prazas copagamento 600 €

Total prazas

Arxentina

51

34

85

Brasil

20

13

33

Cuba

15

0

15

Uruguai

18

12

30

Venezuela

22

3

25

Resto de América

8

4

12

Total

134

66

200

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file