DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Mércores, 5 de xuño de 2024 Páx. 34046

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Resolución do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento EM926G).

BDNS (Identif.): 764944.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias deste programa as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser unha persoa emigrante galega.

b) Ter a nacionalidade española.

c) Residir en América de maneira continuada, como mínimo, durante os dez (10) últimos anos naturais (2014-2024).

d) Ter 65 anos cumpridos na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

e) Non ter participado nos últimos cinco (5) anos naturais en programas de viaxes a Galicia organizados pola Secretaría Xeral da Emigración, isto é, desde 2019 en diante.

f) Valerse por si mesmas e non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, circunstancias que deberán acreditar mediante informes médicos debidamente actualizados.

g) Para optar ás prazas coas viaxes financiadas ao cento por cento pola Secretaría Xeral da Emigración, o límite máximo de ingresos da persoa solicitante non poderá superar a contía resultante de multiplicar por dous (2) o importe das bases de cálculo da prestación por razón de necesidade do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións do Estado español para o ano 2024, segundo o país de residencia ou, no caso de que conviva con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía determinada pola suma dese límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da devandita cifra polo número de persoas que convivan menos unha.

O resto das persoas solicitantes deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez días seguintes á publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 600 € en concepto de custo da viaxe desde o país de orixe ata Galicia, que será aboada á empresa adxudicataria do correspondente contrato.

Segundo. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de axudas correspondentes ao programa Reencontros con Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitarlles ás persoas maiores galegas residentes en América, mediante un período de estadía nunha residencia dependente da Xunta de Galicia e posteriormente coas súas familias, o contacto coa realidade galega actual e o encontro cos seus familiares.

As axudas consistirán no financiamento total ou parcial do custo da viaxe de ida e volta desde os seus países de residencia ata Galicia e na estadía na residencia. Os custos da viaxe cubriranse en distinta porcentaxe segundo os ingresos das persoas que conformen a unidade familiar dos solicitantes.

2. Así mesmo, é obxecto desta resolución convocar estas axudas para o ano 2024, código de procedemento EM926G.

3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da referida Lei 9/2007, e demais normativa de aplicación.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 16 de maio de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o programa de concesión de axudas para a participación no programa Reencontros con Galicia dirixido a persoas emigrantes maiores de 65 anos que residan en América, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento EM926G).

Cuarto. Financiamento

As axudas do programa teñen a consideración de axudas en especie e, consecuentemente, non supoñen contabilización de gasto. Os servizos que se prestan ás persoas participantes nesta convocatoria serán obxecto de licitación, de acordo coa normativa de contratos do sector público.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2024

Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración