DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 3 de xuño de 2024 Páx. 33560

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2024 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba a modificación da súa estrutura organizativa.

De acordo co previsto na Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do Instituto Galego de Promoción Económica, o Consello de Dirección do instituto, na súa xuntanza do 27 de maio de 2024, acordou modificar a estrutura organizativa da entidade nos seguintes termos:

Crear dentro da estrutura administrativa do instituto unha nova área denominada «Área de Innovación Empresarial».

A Área de Innovación Empresarial ten como misión a promoción, avance e incremento do sistema de innovación galego no tecido produtivo e na empresa, e coordinar e colaborar na mellora da innovación do sistema económico galego a través da transferencia ao tecido produtivo dos resultados da investigación e desenvolvemento co obxectivo de incrementar a capacidade competitiva da empresa galega.

Para o exercicio das súas competencias e o desenvolvemento das funcións, a Área de Innovación Empresarial contará coa seguinte estrutura:

• Dirección de Área de Innovación Empresarial: responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial.

Á fronte da área figurará un/unha director/a, baixo a dependencia da dirección xeral.

• Subdirección de Innovación Empresarial: responsable do desenvolvemento e xestión dos programas e iniciativas que se poñan en marcha e do deseño de servizos de alto valor engadido para as empresas de maneira que invistan e adopten modelos innovadores na súa produción que lles permitan mellorar a súa competitividade.

Á fronte da subdirección figurará un/unha subdirector/a, baixo a dependencia da dirección de área, para desenvolver e xestionar proxectos, liñas de axuda e apoio económico e non económico, convenios, contratos e concursos que terán que ser desenvoltos con apoio de persoal técnico.

A Área de Innovación Empresarial será responsable de toda a planificación e programación de iniciativas para o impulso á innovación empresarial, coas seguintes funcións:

a) Promover a creación de empresas innovadoras nos distintos sectores da actividade económica que teñan maior impacto e vantaxes comparativas para o desenvolvemento da economía galega, así como a súa incubación, aceleración e consolidación destas.

b) Planificar, coordinar, executar e supervisar actuacións en materia de innovación tecnolóxica e innovación na xestión dos sectores produtivos.

c) Favorecer a modernización, o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación tecnolóxica e organizativa das empresas galegas, en particular das pequenas e medianas.

d) Fomentar a transferencia de tecnoloxía entre os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas.

e) Definir e desenvolver as políticas públicas que permitan ás empresas colaborar co resto de axentes para o desenvolvemento de iniciativas de innovación construídas a partir de coñecementos que incrementen a competitividade empresarial e fomenten o seu crecemento.

f) Definir os programas e iniciativas que dean resposta aos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), no seu impacto no tecido produtivo, especialmente en todo o que se refire ao modelo industrial e empresarial sustentado na competitividade e o coñecemento.

g) Desenvolver as iniciativas necesarias para orientar, impulsar e incentivar o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación empresarial nas prioridades de innovación que se definan.

h) Impulsar estratexias sectoriais de innovación e desenvolver e coordinar os programas de innovación empresarial que formen parte delas, tanto en sectores maduros e tradicionais como nos sectores emerxentes e de alto potencial.

i) Deseñar estratexias e elaborar e xestionar programas de captación de fondos estatais e internacionais dirixidos á innovación empresarial.

j) Planificar as estratexias para a internacionalización da innovación empresarial.

k) Deseñar e fomentar políticas que permitan desenvolver, proxectar e atraer talento innovador ás empresas.

l) Impulsar todos aqueles programas e iniciativas que faciliten o desenvolvemento tecnolóxico e a innovación no tecido produtivo galego, así como impulsar e fomentar instrumentos financeiros que permitan mellorar as capacidades de innovación e asimilar tecnoloxías avanzadas ao tecido produtivo.

m) Calquera outras funcións que sexan encomendadas en materia de innovación.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica