DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 3 de xuño de 2024 Páx. 33557

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 27 de maio de 2024 pola que se dá publicidade á resolución de concesión das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (programa Centros Dixitais) para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG535B).

Mediante a Resolución do 27 de setembro de 2023 (DOG nº 192, do 9 de outubro) publicáronse as bases reguladoras das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (programa Centros Dixitais) para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX) e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

As ditas bases establecen no seu artigo 14.4 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 9 de maio de 2024, de concesión das axudas ao investimento das pemes para a creación de centros dixitais de xestión remota (programa Centros Dixitais) para o ano 2023, susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (FTX), no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas. O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de dez días naturais para que as persoas interesadas accedan á Oficina Virtual do Igape, no enderezo https://www.igape.gal/gl/resolucions-definitivas, utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar a súa resolución individual. Transcorrido o devandito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido, esta entenderase rexeitada.

Estas axudas son susceptibles de seren cofinanciadas no marco do programa do FTX de España 2021-2027, que ten unha taxa de cofinanciamento do 70 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios e, naquelas operacións en que a achega privada sexa só do 20 %, achegarase o cofinanciamento do 10 % mediante fondos propios da Comunidade Autónoma. En particular:

Obxectivo político ou obxectivo específico do FTX (JSO8.1): facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí ao 2050, consonte o Acordo de París.

Prioridade P2: A Coruña.

Ámbito de intervención 036.TIC: outros tipos de infraestruturas de TIC (incluídos recursos/equipamentos informáticos a grande escala, centros de datos, sensores e outros equipamentos sen fíos).

Actuación C04. Fomento da investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I), a integración das TIC e a transformación dixital.

• Incentivos a fondo perdido para a creación de centros dixitais de desenvolvemento de sistemas, monitorización, control, comando de operacións.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, e o Regulamento (UE) nº 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda implica a aceptación da persoa beneficiaria a ser incluída na lista de operacións prevista no artigo 49.3 do Regulamento (UE) nº 2021/1060. Así mesmo, a persoa beneficiaria deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50 do devandito Regulamento (UE) nº 2021/1060.

Segundo. As resolucións individuais, segundo o establecido no punto primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderá interpoñer un recurso de reposición ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.

Santiago de Compostela, 27 de maio de 2024

Covadonga Toca Carús
Directora xeral do Instituto Galego de Promoción Económica