DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 3 de xuño de 2024 Páx. 33563

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 20 de maio de 2024 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2024 (código de procedemento VI440D).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) é un organismo autónomo adscrito á Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, ao que lle corresponde a realización das políticas de vivenda e solo, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do citado organismo, e no marco dos principios reitores contidos no artigo 47 da Constitución española.

Coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionadas cos ámbitos de actuación do citado organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica que lles permita afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional, o IGVS quere darlles a posibilidade de que se formen nas materias relacionadas coas funcións que lle son propias, como son, segundo dispón o artigo 4 da súa lei de creación, entre outras, as relacionadas coa promoción e construción de vivenda pública, a tramitación do planeamento sectorial do solo e a redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos, así como as funcións de contido xurídico, económico e contable derivadas destas actuacións.

Tendo en conta o bo resultado das convocatorias de anos anteriores e co fin de continuar con esta liña de axudas, dítase a presente resolución, pola que se convocan as bolsas de formación do citado organismo para 2024.

Esta resolución axústase á Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, así como á Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 97/2014, do 24 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica do IGVS,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

1. Mediante a presente resolución convócanse trece bolsas de formación, coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionadas cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica (código de procedemento VI440D).

2. As prazas que se convocan son as seguintes:

– Cinco bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.

– Unha bolsa para persoas con grao de Arquitectura Técnica.

– Seis bolsas para persoas con grao en Dereito.

– Unha bolsa para persoas con grao en Economía.

3. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de mañá, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS da Coruña.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Lugo.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Pontevedra.

– Unha persoa con grao en Dereito na Área Provincial do IGVS de Ourense.

– As demais bolsas levaranse a cabo nos servizos centrais do IGVS, en Santiago de Compostela.

Esta distribución poderá ser modificada mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS cando se considere favorable para a formación das persoas beneficiarias da bolsa.

4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 151, do 9 de agosto.

Terceiro. Finalidade da subvención

A finalidade destas bolsas é a de facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos universitarios, así como a de favorecer o acceso ao mercado de traballo dos/das estudantes que rematasen recentemente os seus estudos.

Estas bolsas de formación están orientadas ao estudo e formación de materias relacionadas coas funcións propias do IGVS establecidas no artigo 4 da súa Lei de creación.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. O custo total destas actividades de formación é de 187.200,00 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2024, e á correspondente no orzamento de 2025, coa seguinte distribución de anualidades: 46.800,00 euros en 2024 e 140.400,00 euros en 2025.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 9.600,00 euros (2.500,00 euros en 2024 e 7.100,00 euros en 2025), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2024 e 2025, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a contratación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 06.81.451A.224, primas de seguros.

Quinto. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiarios/as doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursas en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Sexto. Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, que se incorpora como anexo I a esta resolución, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. En virtude do establecido nos parágrafos segundo e terceiro do artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establécese a presentación electrónica de solicitudes, tendo en conta que as persoas solicitantes dispoñen da capacidade técnica necesaria para acceder aos medios electrónicos precisos.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

6. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación das bases reguladoras.

Sétimo. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Xustificación do pagamento dos dereitos para a expedición do título do grao exixido na convocatoria, só no caso de que aínda non estivese expedido.

c) Certificación académica en que conste a nota media do expediente, calculada consonte o establecido na Resolución do 15 de setembro de 2011, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, pola que se dispón a publicación do protocolo de colaboración subscrito entre a Consellería e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para a valoración dos expedientes académicos (DOG núm. 188, do 30 de setembro). Só serán admitidas as certificacións académicas en que conste a nota media do expediente calculada conforme o prescrito.

d) Currículo da persoa solicitante, con exposición dos méritos académicos, de acordo co modelo que se inclúe nesta convocatoria como anexo II.

e) Documentos que acrediten os méritos relacionados no currículo.

f) Certificado oficial acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, non expedido polo órgano competente en materia de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no ordinal anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Oitavo. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou número de identificación do estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante.

b) Título do grao exixido na resolución de convocatoria.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado oficial acreditativo da competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior, expedido polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia.

g) Certificado de non estar inhabilitado para obter subvencións.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os devanditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Noveno. Trámites posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo. Órganos competentes para instruír e resolver o procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión das axudas é competencia da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

2. Correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas.

Décimo primeiro. Duración e dotación

1. As actividades de formación iniciaranse coa incorporación dos/das bolseiros/as na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. Poderán, de conformidade coa normativa legal aplicable, prorrogarse as bolsas por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/da titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

2. O importe de cada bolsa será de mil douscentos euros brutos ao mes, que se farán efectivos na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que correspondan. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Décimo segundo. A Comisión de Valoración

A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

Presidencia: a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS ou persoa en quen delegue.

Vogais: tres subdirectores ou xefes/as de servizo do IGVS, designados/as polo director xeral do IGVS, un/unha dos/das cales actuará como secretario/a.

Os/as suplentes serán designados polo director xeral do IGVS entre o persoal funcionario do IGVS.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

A composición da Comisión farase pública no portal web do IGVS: https://igvs.xunta.gal

Décimo terceiro. Procedemento de concesión e requirimentos de emenda

1. O procedemento iniciarase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da presente convocatoria.

2. Se a solicitude presentada non reunise os requisitos exixidos, requirirase a persoa solicitante para que no prazo de dez días hábiles a emende ou achegue os documentos preceptivos, advertíndoa de que, no caso de non atender o requirimento, se considerará que desiste da súa petición, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. De conformidade co establecido nos artigos 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os requirimentos de emenda publicaranse na páxina web do IGVS e producirán os mesmos efectos que a notificación individualizada.

Poderanse enviar mensaxes ás persoas interesadas ao teléfono móbil e ao correo electrónico avisando destas publicacións. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán indicar no anexo de solicitude un teléfono móbil e/ou un correo electrónico de contacto para recibir as ditas comunicacións.

4. Sen prexuízo do disposto nos números anteriores, a persoa solicitante poderá ser requirida para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. O órgano instrutor, logo da comprobación do cumprimento dos requisitos exixidos, avaliará as solicitudes presentadas en prazo e que estean completas. Posteriormente, emitirá un informe coas puntuacións provisionais, con indicación da puntuación alcanzada por cada solicitude, conforme os seguintes criterios de baremación:

– Expediente académico: ata un máximo de 10 puntos. Utilizarase para a súa valoración a nota media calculada consonte o establecido na citada Resolución do 15 de setembro de 2011.

– Formación complementaria: ata un máximo de 10 puntos: cursos e másters relacionados co obxecto da bolsa, organizados por administracións públicas, universidades e colexios profesionais; neste último caso, ademais do título, deberán ter o certificado de aproveitamento.

a) Pola realización de cada máster: 4 puntos.

b) Cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,30 puntos por curso, ata un máximo de 3 puntos.

c) Cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,20 puntos por curso, ata un máximo de 2 puntos.

d) Cursos de duración inferior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 1,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 8 horas lectivas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

6. O informe coa puntuación provisional publicarase no portal web do IGVS: https://igvs.xunta.gal/portada. As persoas solicitantes terán un prazo de dez días para presentar as reclamacións oportunas.

7. Logo de resolver as reclamacións presentadas ao informe de puntuacións provisionais, o órgano instrutor emitirá o informe coa puntuación definitiva, que se publicará no portal web do IGVS: https://igvs.xunta.gal/portada

8. O órgano instrutor, se así o considera conveniente polo número de solicitudes presentadas e/ou polas puntuacións recollidas no seu informe, poderá remitir o expediente a unha comisión de valoración, para que realice unha entrevista ás persoas cuxas solicitudes fosen admitidas. A puntuación máxima que se pode obter na entrevista será de 5 puntos.

9. A Comisión de Valoración terá a composición que determine a correspondente resolución de convocatoria e será presidida, en todo caso, pola persoa titular da secretaría xeral do IGVS. O seu funcionamento rexerase polo disposto no artigo 15 e seguintes da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico de sector público.

10. A Comisión de Valoración, de ser o caso, emitirá un informe en que se recolla as puntuacións das entrevistas realizadas. O citado informe deberá ser remitido ao órgano instrutor quen, á vista das puntuacións do seu propio informe e do da citada comisión, emitirá un informe coa puntuación total de cada persoa solicitante. Este informe publicarase no portal web do IGVS: https://igvs.xunta.gal/portada

11. O órgano instrutor, á vista do dito informe, elevará unha proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo cuarto. Resolución e recursos

1. A resolución estimará, desestimará ou declarará a inadmisión da concesión da bolsa. A dita resolución será publicada na web https://igvs.xunta.gal e notificada ás persoas interesadas, de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses, contados a partir do seguinte ao da publicación da presente resolución de convocatoria no DOG. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Contra a resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpor recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación.

4. As persoas beneficiarias disporán dun prazo de dez días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada. Se algunha das persoas propostas non acepta a bolsa ou posteriormente renuncia a ela, concederáselle a bolsa ao/á seguinte candidato/a, segundo a orde de puntuación resultante do indicado no resolvo décimo terceiro.

5. Se non houber solicitantes nalgunha das bolsas, poderán cubrirse as vacantes con solicitantes doutra bolsa, por resolución motivada do director xeral do IGVS.

Décimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que conste na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Décimo sexto. Información ás persoas interesadas

As persoas interesadas poderán obter documentación normalizada ou información adicional sobre esta convocatoria nas áreas provinciais do IGVS, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou a través da páxina web do IGVS https://igvs.xunta.gal/portada e no teléfono 012 do Servizo de Atención e Información á Cidadanía.

Décimo sétimo. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Décimo oitavo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas ou entidades interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décimo noveno. Eficacia

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file