DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Luns, 3 de xuño de 2024 Páx. 33581

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 20 de maio de 2024 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2024 (código de procedemento VI440D).

BDNS (Identif.): 764536.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentar a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiarios/as doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursas en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Mediante a presente resolución convócanse trece bolsas de formación, coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionadas cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica (código de procedemento VI440D).

2. As prazas que se convocan son as seguintes:

– Cinco bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.

– Unha bolsa para persoas con grao de Arquitectura Técnica.

– Seis bolsas para persoas con grao en Dereito.

– Unha bolsa para persoas con grao en Economía.

3. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de mañá, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS da Coruña.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Lugo.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Pontevedra.

– Unha persoa con grao en Dereito na Área Provincial do IGVS de Ourense.

– As demais bolsas levaranse a cabo nos servizos centrais do IGVS, en Santiago de Compostela.

Esta distribución poderá ser modificada mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS cando se considere favorable para a formación das persoas beneficiarias da bolsa.

4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG) núm. 151, do 9 de agosto de 2022.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. O custo total destas actividades de formación é de 187.200,00 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2024, e á correspondente no orzamento de 2025, coa seguinte distribución de anualidades: 46.800,00 euros en 2024 e 140.400,00 euros en 2025.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 9.600,00 euros (2.500,00 euros en 2024 e 7.100,00 euros en 2025), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 06.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2024 e 2025, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a contratación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 06.81.451A.224, primas de seguros.

Quinto. Contía das axudas

O importe de cada bolsa será de mil douscentos euros brutos ao mes, que se farán efectivos na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que correspondan. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Sexto. Duración das axudas

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación dos/das bolseiros/as na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. As bolsas poderán prorrogarse, de conformidade coa normativa legal aplicable, por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/da titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2024

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo