DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 31 de maio de 2024 Páx. 33118

III. Outras disposicións

Parlamento de Galicia

ACORDO do 13 de maio de 2024 polo que se aproban as normas reguladoras do sistema interno de información do Parlamento de Galicia.

A Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, que traspón a Directiva (UE) 2019/1937 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de outubro de 2019, relativa á protección das persoas que informen sobre infraccións do dereito da Unión, ten por finalidade outorgar unha protección axeitada fronte ás represalias que poidan sufrir as persoas físicas que, nun contexto laboral ou profesional, detecten infraccións penais ou infraccións administrativas graves ou moi graves e as comuniquen mediante os mecanismos regulados nela. A dita lei define represalia como calquera tipo de actos ou omisións que estean prohibidos pola lei ou que, de forma directa ou indirecta, supoñan un trato desfavorable que sitúe as persoas que os sofren en desvantaxe particular con respecto a outra no contexto laboral ou profesional, só pola súa condición de persoa informante ou por ter realizado unha revelación pública. Entre as condutas cualificadas como represalia están o despedimento ou a extinción da relación laboral ou estatutaria, os danos na reputación, as coaccións, o acoso, o ostracismo, a avaliación negativa no desempeño laboral ou profesional, a denegación de permisos ou a discriminación.

Esa lei imponlles ás administracións públicas a obriga de contaren con sistemas internos de información mediante os cales se canalicen as informacións sobre as condutas comprendidas no seu ámbito material de aplicación. Esta obrigación esténdese tamén, de conformidade co establecido no artigo 13.2 da citada lei, aos órganos constitucionais, aos de relevancia constitucional e ás institucións autonómicas análogas ás anteriores, entre as cales se atopa, por tanto, o Parlamento de Galicia.

Por outra banda, no marco da citada lei, mediante a Lei de Galicia 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, creouse a Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante como mecanismo externo de comunicación de información e de protección da persoa informadora na Comunidade Autónoma de Galicia.

En consecuencia, logo da consulta efectuada á representación sindical e ao abeiro do disposto no artigo 3.2.c) do Regulamento de organización e funcionamento da Administración do Parlamento de Galicia, a Mesa da Cámara, na reunión do 13 de maio de 2024, dispón:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. Mediante estas normas créase e regúlase o sistema interno de información do Parlamento de Galicia como vía preferente para informar sobre as accións ou omisións previstas no artigo 2 da Lei estatal 2/2023, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción, sempre que garden relación coa organización e o funcionamento do Parlamento de Galicia.

2. Integrada no sistema interno de información do Parlamento de Galicia existirá unha canle interna de información, como vía de recepción das comunicacións de información sobre as accións ou omisións previstas no citado artigo e na forma establecida no artigo 7 da devandita lei.

Artigo 2. Principios xerais

O sistema interno de información do Parlamento de Galicia rexerase polos seguintes principios:

a) Seguridade, confidencialidade e, de ser o caso, anonimato, no uso do sistema interno de información do Parlamento de Galicia.

b) Garantía de indemnidade e prohibición expresa de represalia contra as persoas informantes.

c) Sometemento das actuacións de verificación á presunción de inocencia e ao respecto ao dereito ao honra para as persoas afectadas polas informacións remitidas.

d) Respecto ao dereito á protección de datos de carácter persoal.

e) Autonomía e independencia do responsable do sistema interno de información do Parlamento de Galicia no exercicio das súas funcións, así como o deber de sixilo e reserva verbo de toda información de que teña coñecemento como consecuencia da súa función.

f) Cooperación e colaboración do persoal da institución nas tarefas de comprobación e pescuda desenvoltas polo responsable do sistema.

g) Fomento da cultura da prevención da corrupción e das estratexias de sensibilización e formación verbo dela, en particular mediante a organización de actividades formativas específicas e a difusión de documentos divulgativos sobre o sistema interno de información do Parlamento de Galicia.

Artigo 3. Xestión do sistema interno de información do Parlamento de Galicia. Responsable do sistema interno de información

1. O sistema interno de información do Parlamento de Galicia será xestionado pola unidade da Administración do Parlamento de Galicia que determine a Mesa da Cámara, que será a encargada do tratamento dos datos persoais.

2. O responsable do sistema interno de información poderá ser tanto unha persoa física como un órgano colexiado.

3. A Mesa do Parlamento de Galicia é o órgano competente para a designación e a destitución do responsable ou responsables do sistema interno de información do Parlamento de Galicia.

4. Tanto o nomeamento como a destitución do responsable do sistema interno de información deberán ser comunicados á Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.

5. O responsable do sistema interno de información desenvolverá as súas funcións de forma independente e autónoma, non poderá recibir instrucións de ningún tipo no seu exercicio e disporá dos medios persoais e materiais necesarios para as levar a cabo.

6. O sistema interno de información garantirá:

a) A seguridade da información comunicada;

b) a confidencialidade da identidade da persoa informante, da persoa afectada e de calquera terceiro mencionado na comunicación de información;

c) a confidencialidade das actuacións que se desenvolvan na xestión e tramitación das comunicacións e

d) a protección de datos persoais.

Artigo 4. Vías de acceso ao sistema interno de información do Parlamento de Galicia

1. As comunicacións de informacións sobre infraccións poden facerse:

a) Por escrito, a través da canle interna do sistema interno de información do Parlamento de Galicia;

b) por correo postal;

c) de modo telefónico, ou

d) de forma presencial.

2. A canle interna de información do Parlamento de Galicia é a vía preferente de entrada, de carácter telemático, que permite unha comunicación bidireccional e anónima e posibilita achegar documentación ou arquivos multimedia.

Artigo 5. Libro rexistro de informacións

O Parlamento de Galicia contará cun libro rexistro electrónico das informacións recibidas e dos labores de verificación a que dese lugar. Garantiranse, en todo caso, os requisitos de confidencialidade e de acceso restrinxido, nos termos do artigo 26 da Lei estatal 2/2023.

Artigo 6. Persoa informante

1. No ámbito da organización e do funcionamento do Parlamento de Galicia, teñen a condición de persoa informante:

a) O persoal empregado público da Administración do Parlamento de Galicia.

b) O persoal bolseiro da Administración do Parlamento de Galicia.

c) O persoal contratado polos grupos parlamentarios do Parlamento de Galicia.

d) As persoas que traballen para ou baixo a supervisión e a dirección de empresas contratadas pola Administración do Parlamento de Galicia ou das subcontratadas por aquelas e das empresas provedoras.

e) As restantes persoas enumeradas no número 2 do artigo 3 da Lei estatal 2/2023.

2. As medidas legais de protección da persoa informante estenderanse tamén aos suxeitos a que se refiren os números 3 e 4 do artigo 3 da Lei estatal 2/2023.

Artigo 7. Dereitos e garantías da persoa informante

1. A persoa informante gozará dos seguintes dereitos nas súas actuacións:

a) Decidir se desexa formular a información de forma anónima ou identificarse, respectándose a reserva da súa identidade, que non será revelada a terceiras persoas, a través dunha canle segura de comunicación.

b) Formular a información verbalmente ou por escrito.

c) Indicar un domicilio, un correo electrónico ou un lugar seguro onde recibir as notificacións referidas ás informacións que comunicase, ou renunciar á súa recepción.

d) Comparecer ante o responsable do sistema, por propia iniciativa.

e) Exercer os dereitos que lle confire a lexislación en materia de protección de datos persoais.

f) Coñecer o estado da tramitación da súa información e os resultados dos labores de verificación.

2. A persoa informante non poderá ser obxecto das represalias previstas no artigo 36 da Lei estatal 2/2023, mesmo cando do resultado dos labores de verificación da información no ámbito material desa lei se conclúa co arquivamento das actuacións. Sen prexuízo do anterior, cando o responsable do sistema apreciara mala fe da persoa informante na remisión da información, dará traslado desta ao Ministerio Fiscal ou á autoridade administrativa competente, para os efectos que procedan.

Artigo 8. Dereitos e garantías da persoa afectada

A persoa afectada pola información remitida gozará dos seguintes dereitos:

a) Á protección durante o transcurso dos labores de verificación da información.

b) A recibir a información necesaria durante os labores de verificación da información que lle permitan exercer o seu dereito de defensa e a alegar todo aquilo que considere oportuno.

c) Á confidencialidade, durante os labores de verificación da información, dos seus datos persoais, evitando calquera tipo de difusión de aspectos persoais que poidan afectar o seu dereito á honra.

d) A ser obxecto dunha investigación obxectiva, eficaz e transparente.

Artigo 9. Garantía de confidencialidade

1. O responsable do sistema deberá gardar o debido segredo respecto de calquera información de que teña coñecemento como consecuencia do disposto nestas normas, e non poderá utilizala para fins distintos dos expresamente establecidos polo ordenamento xurídico.

2. Salvo cando a persoa informante solicite expresamente e por escrito o contrario, gardarase a confidencialidade respecto da súa identidade. En todas as notificacións, actuacións de verificación ou solicitudes de documentación que se leven a cabo omitiranse os datos relativos á identidade da persoa informante, así como calquera outro dato que puider conducir, total ou parcialmente, á súa identificación.

3. Gardarase a confidencialidade e preservarase a identidade das persoas afectadas e dos terceiros mencionados na información remitida pola persoa informante.

4. Sen prexuízo do establecido nos números anteriores, a identidade da persoa informante, así como da persoa afectada e dos terceiros mencionados na información remitida, poderá ser comunicada á autoridade xudicial, ao Ministerio Fiscal ou á autoridade administrativa competente cando, no marco dunha investigación penal, disciplinaria ou sancionadora, así o establezan as leis.

CAPÍTULO II

Procedemento de xestión de informacións

Artigo 10. Envío e recepción de información

1. A remisión de comunicacións que conteñan información sobre accións ou omisións dentro do ámbito material de aplicación da Lei 2/2023 e que garden relación coa organización e o funcionamento do Parlamento de Galicia, pode realizarse de forma anónima ou coa identificación da persoa informante, conforme o disposto no artigo 7 desa lei.

2. A comunicación da información pode facerse:

a) Por escrito, ben a través da plataforma informática accesible desde o portal web do Parlamento de Galicia, ben a través do correo postal remitido á sede do Parlamento de Galicia e dirixido á unidade administrativa competente para a xestión do sistema de información.

b) Verbalmente, a través do número de teléfono establecido para tal efecto.

3. A comunicación de información pode facerse tamén, por solicitude da persoa informante, mediante reunión presencial co responsable do sistema, que deberá ter lugar dentro dos sete días hábiles seguintes ao da súa solicitude.

4. A comunicación da información deberá conter:

a) Unha descrición dos feitos, da forma máis concreta e detallada posible, sempre que fosen accións ou omisións comprendidas dentro do ámbito material de aplicación da Lei estatal 2/2023 e que garden relación coa organización e o funcionamento do Parlamento de Galicia e da súa administración.

b) Identificación, sempre que for posible, das persoas ás cales se lles atribúa a acción ou omisión presuntamente constitutiva de infracción.

c) A data certa ou aproximada en que se produciu a acción ou omisión presuntamente constitutiva de infracción.

d) Calquera elemento de proba que facilite a verificación da información.

4. Unha vez remitida a información, rexistrarase no sistema interno de información do Parlamento de Galicia, para o cal se abrirá o oportuno expediente e se lle asignará un código de identificación e seguimento. Acusarase recibo dentro dos sete días naturais seguintes ao da súa recepción, salvo que a persoa informante renunciase expresamente a recibir calquera notificación do responsable do sistema ou cando se poida pór en perigo a confidencialidade da comunicación.

Artigo 11. Trámite de admisión da información

1. O responsable do sistema comprobará se a información remitida relata accións ou omisións comprendidas dentro do ámbito material de aplicación da Lei estatal 2/2023 e que garden relación coa organización e o funcionamento do Parlamento de Galicia, e decidirá sobre a súa admisión ou inadmisión a trámite nun prazo non superior a dez días hábiles desde a data da súa entrada no rexistro.

2. Serán causas de inadmisión as seguintes:

a) Que os feitos relatados carezan manifestamente de verosimilitude.

b) Que os feitos relatados non entren dentro do ámbito material de aplicación da Lei 2/2023.

c) Que os feitos non garden relación coa organización e o funcionamento do Parlamento de Galicia.

d) Que os feitos relatados non sexan constitutivos de infracción do ordenamento xurídico incluída no ámbito de aplicación da Lei 2/2023.

e) Que os feitos relatados non conteñan información nova e significativa respecto de procedementos rematados, salvo que se aprecien novas circunstancias de feito ou de dereito que xustifiquen un novo procedemento.

f) Que a información sobre os feitos relatados se obtivese mediante a comisión dun delito. Neste suposto, ademais da inadmisión, remitirase a información recibida ao Ministerio Fiscal.

3. A admisión ou inadmisión notificarase á persoa informante dentro dos cinco días hábiles seguintes ao do remate do prazo previsto no número 1 deste artigo, agás que renunciase expresamente a recibir calquera comunicación do responsable do sistema.

4. Cando os feitos poidan ser indiciariamente constitutivos de ilícito penal, o responsable do sistema dará traslado da información ao Ministerio Fiscal.

Artigo 12. Labores de verificación

1. Logo de admitida a trámite a información, os labores de verificación do responsable do sistema comprenderán todas aquelas actuacións encamiñadas a comprobar os feitos relatados na información para os efectos de determinar o tratamento que se lles deba dar. Para estes efectos, poderá solicitar a documentación ou información adicional que considere oportuno, tanto á persoa informante como ás persoas ou aos órganos que puidesen dispoñer dela.

2. Garantirase que a persoa afectada pola información teña noticia dela, así como dos feitos relatados, e será informada do dereito que ten a presentar alegacións por escrito e do tratamento dos seus datos persoais.

3. Sen prexuízo do dereito da persoa afectada a formular alegacións por escrito, os labores de verificación comprenderán, sempre que sexa posible, unha entrevista con ela na cal, con absoluto respecto á presunción de inocencia, será invitada a expoñer a súa versión dos feitos e a achegar os medios de proba que considere adecuados e pertinentes. A persoa afectada terá acceso ao expediente pero omitiranse os elementos que coadxuvasen na identificación da persoa informante.

Artigo 13. Finalización das actuacións. Informe final

1. Concluídos os labores de verificación, o responsable do sistema emitirá un informe que terá como contido mínimo o seguinte:

a) A data de rexistro da comunicación da información e o código de identificación do expediente.

b) Unha descrición dos feitos comunicados pola persoa informante.

c) Os labores de verificación realizados e as conclusións alcanzadas, mediante a valoración das dilixencias practicadas e dos medios de proba.

2. No informe adoptarase algunha das decisións seguintes:

a) O arquivamento do expediente, cando do procedemento seguido non se poida advertir a comisión de feitos dentro do ámbito de aplicación material da Lei 2/2023 e que garden relación coa organización e co funcionamento do Parlamento de Galicia.

b) A remisión da comunicación da persoa informante, así como do informe final, ao suxeito competente para perseguir os feitos cando se advertise a comisión dunha infracción dentro do ámbito material de aplicación da Lei estatal 2/2023 e que garden relación coa organización e co funcionamento do Parlamento de Galicia.

– Cando puider proceder a adopción de medidas sancionadoras ou disciplinarias contra unha persoa funcionaria ou laboral da Administración do Parlamento de Galicia, a comunicación e o informe final remitiranse ao letrado ou á letrada oficial maior.

– Cando puider proceder a adopción de medidas sancionadoras ou disciplinarias contra unha persoa eventual da Administración do Parlamento de Galicia, a comunicación e o informe final remitiranse á Presidencia da Cámara.

– Cando se apreciar que os feitos poderían ser indiciariamente constitutivos de ilícito penal, remitiranse a comunicación e o informe final ao Ministerio Fiscal.

– Remitiranse á Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante no caso de que puidesen ser constitutivos dalgunha das infraccións tipificadas no artigo 63 da Lei estatal 2/2023.

3. O prazo para finalizar o procedemento e darlle resposta á persoa informante das actuacións de investigación non poderá ser superior aos tres meses desde a recepción da información ou, se non se lle remitiu un xustificante de recepción á persoa informante, a tres meses a partir do vencemento do prazo de sete días naturais logo de se efectuar a comunicación. Nos casos de especial complexidade, poderá estenderse o prazo ata un máximo doutros tres meses adicionais.

4. A decisión adoptada no informe final será notificada á persoa informante e mais á persoa afectada.

Artigo 14. Recursos

As decisións do responsable do sistema non serán susceptibles de recurso en vía administrativa nin en vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso administrativo ou contencioso-administrativo que se poida interporse fronte á eventual resolución que poña fin ao procedemento disciplinario ou sancionador que se poida incoar con ocasión dos feitos relatados.

Artigo 15. Datos de carácter persoal

De conformidade co previsto na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía de dereitos dixitais, e na Lei estatal 2/2023, aplicarase o seguinte réxime na xestión do sistema interno de información:

a) Os tratamentos de datos persoais que deriven da tramitación dos procedementos de xestión do sistema interno de información realizaranse de conformidade co disposto no título VI da Lei estatal 2/2023.

b) O sistema interno de información debe impedir o acceso non autorizado, preservar a identidade e garantir a confidencialidade dos datos persoais da persoa informante, da persoa afectada e de calquera terceiro que se mencione na información subministrada.

c) A identidade da persoa informante só poderá ser comunicada á autoridade xudicial, ao Ministerio Fiscal ou á autoridade administrativa competente no marco dunha investigación penal, disciplinaria ou sancionadora, e estes casos estarán suxeitos ás salvagardas establecidas na normativa aplicable.

d) En todo caso, transcorridos tres meses desde a recepción da comunicación de información sen que se iniciasen actuacións de investigación, deberá procederse á súa supresión, salvo que a finalidade da conservación sexa deixar evidencia do funcionamento do sistema.

e) As comunicacións non cursadas soamente poderán constar de forma anónima, sen que sexa de aplicación a obrigación de bloqueo prevista no artigo 32 da citada lei orgánica.

Artigo 16. Aceptación das condicións de uso da canle interna de información

O uso da canle interna de información do sistema interno de información comporta a aceptación das condicións de uso que se conteñen nestas normas.

Disposición adicional primeira. Informe anual do responsable do sistema

O responsable do sistema elaborará un informe anual de seguimento da aplicación destas normas para a Mesa do Parlamento de Galicia, no cal poderá incluír propostas de mellora e actualización do sistema interno de información.

Disposición derradeira primeira. Prazo para a designación do xestor e responsable do sistema

No prazo máximo dun mes desde a entrada en vigor destas normas, a Mesa do Parlamento de Galicia determinará a unidade da Administración do Parlamento de Galicia que xestionará o sistema interno de información e designará a persoa física ou o órgano colexiado que actuará como responsable do sistema.

Disposición derradeira segunda. Dereito supletorio

No non previsto nestas normas aplicarase supletoriamente o disposto na Lei 2/2023, do 20 de febreiro, reguladora da protección das persoas que informen sobre infraccións normativas e de loita contra a corrupción.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Estas normas entrarán en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2024

María Elena Candia López
Vicepresidenta Primeira do Parlamento de Galicia