DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 32260

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de maio de 2024 pola que se modifica a adscrición de determinadas fundacións de interese galego e se ordena a súa adscrición ás consellerías competentes para o exercicio das funcións de protectorado.

O Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, establecen unha nova estrutura organizativa dos departamentos da Xunta de Galicia, da que resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. Esta modificación dá lugar a unha nova distribución de competencias entre as distintas consellerías, para os efectos do exercicio das funcións de protectorado sobre as fundacións de interese galego, por razón das materias que constitúen os fins fundacionais.

Segundo. A adscrición das fundacións ás consellerías competentes por razón da materia, leva consigo o exercicio das funcións de rexistro das fundacións adscritas, de conformidade co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. As fundacións obxecto de readscrición concrétanse nas seguintes:

1. Pasan a depender da actual Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (anteriormente adscritas á Consellería de Economía, Industria e Innovación):

– Fundación Knowcosters.

– Fundación Santiago Centro, Área Comercial.

– Fundación Pública Artesanía de Galicia.

– Fundación para a Defensa dos Consumidores (Fundeco).

– Fundación Pública Galega Instituto Feiral da Coruña (Ifeco).

– Fundación Instituto Ferial de Vigo (Ifevi).

– Fundación Ferias y Exposiciones para el Desarrollo de Galicia-Fexdega.

– Fundación Exposicións e Congresos da Estrada.

– Fundación Pública Galega Feiras e Exposicións de Ourense.

– Fundación Feiras e Exposicións de Lugo.

2. Pasan a depender da actual Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas (anteriormente adscritas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda):

– Fundación Karpin Vivienda.

– Fundación Iniciativas Domus Labora.

3. Pasan a depender da actual Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático (anteriormente adscrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade):

– Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua.

4. Pasan a depender da actual Consellería de Política Social e Igualdade (anteriormente adscrita á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades):

– Fundación Amigos de Galicia.

5. As fundacións de carácter educativo pasan a depender do protectorado da actual Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (anteriormente adscritas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).

6. As fundacións de carácter cultural pasan a depender do protectorado da actual Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (anteriormente adscritas á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades).

Cuarto. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos, na súa reunión do 14 de maio de 2024, emite informe favorable da readscrición das fundacións de interese galego aos departamentos da Xunta de Galicia competentes para o exercicio das funcións de protectorado, de conformidade co sinalado no punto terceiro.

Consideracións xurídicas:

Primeira. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segunda. A Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e o Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, establecen que o protectorado será exercido polos departamentos da Xunta de Galicia que teñan atribuídas as competencias correspondentes aos fins das fundacións.

Terceira. O artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, atribúe competencias de clasificación das fundacións á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, regulando a adscrición do protectorado e rexistro de fundacións de interese galego ás consellerías con competencia na materia que constitúa os fins da fundación.

Vista a Constitución española, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei de fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da adscrición de determinadas fundacións de interese galego

Modificar a adscrición das fundacións de interese galego aos protectorados dos correspondentes departamentos da Xunta de Galicia, de conformidade coa distribución que se relaciona no feito terceiro desta orde.

Disposición adicional única. Instrumentalización

1. A instrumentalización do disposto nesta orde efectuarase mediante o traslado material da documentación e datos inscritos na sección do rexistro do protectorado de orixe, e recepción polo órgano competente da consellería a que se readscriben.

2. Formalizaranse na aplicación informática do Rexistro de Fundacións de Interese Galego as modificacións descritas mediante a adscrición das fundacións aos protectorados das consellerías correspondentes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2024

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes