DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 32256

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 149/2024, do 20 de maio, polo que se modifica o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar.

Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, dentro do seu título III, referido aos órganos periféricos, regula no artigo 13 as xefaturas territoriais e encoméndalles as funcións que nel se determinan.

A disposición adicional décimo segunda do Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, suprime as xefaturas territoriais actualmente existentes das distintas consellerías.

O artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriais da Xunta de Galicia, na redacción dada pola disposición derradeira primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, despois de sinalar que os departamentos territoriais son os órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellerías, determina que á súa fronte estarán os directores ou directoras territoriais.

Así pois, suprimidas as xefaturas territoriais, as súas competencias e funcións previstas nos vixentes decretos de estrutura orgánica de cada consellería e nas restantes normas aplicables serán asumidas polas direccións territoriais, sen prexuízo da futura adaptación da indicada estrutura orgánica ás disposicións previstas no Decreto 49/2024, do 22 de abril, tal como dispón a súa disposición adicional décimo segunda.

En consecuencia, unha vez suprimidas as xefaturas territoriais da Coruña, Celeiro e Vigo, procede modificar a estrutura orgánica da Consellería do Mar para adaptala ao disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro do Mar, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar

O artigo 13 do Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar, queda redactado como segue:

«Artigo 13. Departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Mar organízase en departamentos territoriais, que terán sede na Coruña, Celeiro e Vigo e desenvolverán as súas funcións nos seguintes ámbitos:

a) O Departamento Territorial da Coruña terá como ámbito territorial a totalidade da provincia da Coruña, agás os concellos comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo.

b) O Departamento Territorial de Celeiro terá como ámbito territorial toda a provincia de Lugo e os concellos costeiros comprendidos desde Cedeira, incluído, ata os límites das provincias da Coruña e Lugo.

c) O Departamento Territorial de Vigo terá como ámbito territorial toda a provincia de Pontevedra.

Todo iso sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación territorial no seu correspondente ámbito, de acordo co disposto na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

2. Á fronte dos departamentos territoriais estarán os directores e directoras territoriais, dos cales dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da Consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as seguintes:

a) O réxime interior, a tramitación administrativa e o exercicio de competencias que en materia de expedientes sancionadores lles atribúa a normativa vixente.

b) A xestión de persoal.

c) A tramitación das incidencias relativas ao parque móbil do departamento territorial.

d) O inventario de bens mobles e inmobles adscritos.

e) A información ao público.

f) O control contable e a xustificación dos créditos que se lles asignen.

g) A elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, os departamentos territoriais da Coruña, Celeiro e Vigo contarán coas seguintes unidades administrativas con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo de Desenvolvemento Pesqueiro.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio do marisqueo.

b) A tramitación de solicitudes de apertura, anulacións e peche das zonas de traballo solicitadas polas distintas confrarías e outras entidades asociativas de pescadores/as no ámbito dos seus respectivos plans de explotación.

c) A emisión e o rexistro das titulacións náuticas de pesca e de lecer.

d) Actividades de fomento da organización sectorial e extensión pesqueira.

e) A organización e o seguimento de cursos de formación.

f) A emisión de autorizacións e de certificados de conformidade relacionados coa realización de traballos subacuáticos.

g) A coordinación e o seguimento das medidas de xestión dos recursos marisqueiros.

h) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados polo departamento territorial por razón da súa competencia.

3.2. Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

Corresponderanlle a este servizo as seguintes funcións:

a) A tramitación das axudas con cargo a fondos europeos destinados a buques, industrias e acuicultura.

b) A tramitación dos títulos habilitantes para o exercicio da pesca e da acuicultura, así como as inmersións de especies.

c) A tramitación de procedementos de autorización, construción e modernización de buques pesqueiros e auxiliares.

d) O Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma.

e) A inscrición, baixa e modificación de datos no Rexistro de Empresas Halioalimentarias.

f) A tramitación de cambios de porto base dentro da mesma provincia marítima.

g) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados polo departamento territorial por razón da súa competencia.».

Disposición adicional única. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desempeñar os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Consellería do Mar para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Alfonso Villares Bermúdez
Conselleiro do Mar