DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 27 de maio de 2024 Páx. 32234

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 148/2024, do 20 de maio, polo que se modifica o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

O día 14 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia. O artigo 1 deste decreto relaciona as consellerías que integran a Xunta de Galicia e, entre elas, inclúe a Consellería do Medio Rural.

No marco do citado decreto, o día 24 de abril de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia. En particular, no seu artigo 11, regula a estrutura da Consellería do Medio Rural e especifica os seus órganos de dirección e os organismos, entes ou axencias que están adscritos a ela.

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, introduce algunhas modificacións para a Consellería do Medio Rural, como son a creación dunha nova Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria e a supresión da adscrición da Axencia Galega da Industria Forestal á Consellería do Medio Rural. Esta última previsión deriva da asunción dos fins e obxectivos da axencia pola Consellería de Economía e Industria, quedando adscrita a esta última. En consonancia con esa modificación, procede modificar o Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, dado que se produce unha incorporación orgánica e funcional do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, anteriormente adscrito á Axencia Galega da Calidade Alimentaria, á Axencia Galega da Industria Forestal. Esta modificación normativa de carácter organizativo tramítase consonte co que prevé o artigo 53 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que modifica o artigo 43.2.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Así mesmo, a disposición adicional décimo segunda do Decreto 49/2024 suprime as xefaturas territoriais existentes das distintas consellerías, asumindo as súas competencias e funcións os departamentos territoriais previstos no citado decreto. Así mesmo, a disposición derradeira primeira do Decreto 49/2024, do 22 de abril, modifica o artigo 11 do Decreto 245/2009, do 30 de abril, regulando os departamentos territoriais como órganos de exercicio das competencias administrativas de cada unha das consellerías, ao fronte dos cales estarán os/as directores/directoras territoriais.

Con anterioridade a estas normas, o Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, xa regulara a estrutura orgánica desta consellería. Non obstante, as modificacións introducidas recentemente polo Decreto 49/2024, do 22 de abril, exixen unha revisión e modificación do Decreto 223/2022, co fin de desenvolver a estrutura da nova Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria e especificar as unidades dela dependentes e as súas competencias. Así mesmo, procede revisar as demais competencias reguladas no citado decreto para dotar dunha coherencia as competencias e funcións das demais direccións xerais e unidades da Consellería, co fin de acadar un eficaz exercicio delas. Tamén resulta preciso realizar modificacións que afectan a Secretaría Xeral Técnica da Consellería que implican unha reestruturación parcial dela e a inclusión de materias relacionadas con competencias que deben exercerse consonte coa normativa vixente, como é a Planificación estratéxica da política agraria común (PEPAC).

En consecuencia, procede efectuar mediante este decreto a modificación da regulación da estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, tendo en consideración os obxectivos para conseguir e as novas necesidades que se van afrontar, de cara a unha maior eficacia e eficiencia no exercicio das competencias e no desenvolvemento das funcións públicas no seo da Consellería do Medio Rural.

De acordo co exposto e por proposta da conselleira do Medio Rural, cos informes previos da Consellería de Facenda e Administración Pública, e no uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de maio de dous mil vinte e catro,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural

O Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural, queda modificado como segue:

Un. Modifícase o artigo 1, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Competencias

A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal, baixo a superior dirección da persoa titular do departamento, lle corresponde propor e executar as directrices xerais do Goberno no ámbito rural, que engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias alimentarias, montes, prevención e defensa dos incendios forestais, política agrícola común e control da cadea alimentaria. Estas competencias exerceranse de acordo co establecido no Estatuto de autonomía para Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española, na forma establecida neste decreto».

Dous. Créase unha nova letra f) no artigo 2.1, que queda redactada do seguinte xeito:

«f) Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria».

Tres. Suprímese a letra d) do artigo 2.2.

Catro. Modifícase o artigo 3, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 3. A/o conselleira/o

A/o conselleira/o é a autoridade superior da Consellería e con tal carácter está investida das atribucións que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia».

Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 4, que queda redactado do seguinte xeito:

«1. A Secretaría Xeral Técnica exercerá as competencias e funcións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no Decreto 119/1982, do 5 de outubro, polo que se regulan as funcións das secretarías xerais técnicas das consellerías e todas aquelas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Consellería. Ademais, é a autoridade de xestión do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2022, e é, así mesmo, a autoridade rexional de xestión en Galicia do Plan estratéxico da PAC (PEPAC) 2023-2027, o que inclúe os fondos Feaga e Feader, e correspóndelle a coordinación funcional das oficinas rurais».

Seis. Modifícase o artigo 4.2, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. A Secretaría Xeral Técnica estará integrada polos seguintes órganos baixo a súa dependencia orgánica e funcional:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria.

c) Subdirección Xeral de Contratación.

d) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico.

e) Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos Agrarios.

f) Subdirección Xeral de Planificación da Extensión Agraria».

Sete. Modifícase a letra a) do artigo 4.3, que queda redactada do seguinte xeito:

«a) A Asesoría Xurídica de Gandaría, Agricultura, Calidade, Cadea Alimentaria e da PAC e a Asesoría Xurídica de Desenvolvemento Rural e Montes, que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, e se rexerán polo disposto na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

Estas dúas asesorías xurídicas desempeñarán as funcións previstas na dita Lei 4/2016, do 4 de abril, atendendo aos ámbitos materiais das competencias que corresponden á Consellería do Medio Rural, sen prexuízo da repartición funcional de traballo que poida realizar a Dirección Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, e contarán co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo».

Oito. Modifícase o artigo 5, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 5. A Vicesecretaría Xeral

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral, a Vicesecretaría Xeral, como órgano de dirección, exercerá as funcións de coordinación e apoio na dirección e xestión das competencias da Secretaría Xeral Técnica, a execución dos proxectos, obxectivos ou actividades e demais atribucións que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, así como a súa suplencia en caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que fose declarada a súa abstención ou recusación.

2. Á Vicesecretaría Xeral correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) O control, xestión, habilitación e tramitación dos asuntos do persoal funcionario e laboral.

b) A asistencia técnica e a coordinación administrativa dos servizos da Consellería en materia de persoal e réxime interno.

c) A xestión dos plans de formación do persoal da Consellería.

d) A tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

e) As actuacións relativas á tramitación, seguimento e control dos encargos de traballos e actividades a medios propios nas materias de competencia da Consellería.

f) A interlocución coas organizacións sindicais nos asuntos competencia da Consellería.

g) A elaboración de estudos e propostas de actuación sobre aspectos relativos á estruturación, planificación, organización, modernización, métodos de traballo e de mellora da xestión.

h) A coordinación da elaboración dos plans, programas e estratexias da Consellería, así como da súa tramitación administrativa.

i) As funcións ligadas ao ámbito das novas disposicións normativas en materia de transparencia ao abeiro da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

j) A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, así como as funcións da sección do Rexistro de Fundacións de Interese Galego na Consellería do Medio Rural.

k) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería, a representación da Consellería no Consello Coordinador de Publicacións e na Comisión Permanente de Publicacións.

l) O asesoramento e a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico e a coordinación de todos aqueles asuntos en materias de competencia do departamento que lle sexan encomendados pola Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o exercicio das súas funcións organízase nos seguintes servizos:

a) Servizo de Persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Xestión e tramitación da nómina do persoal adscrito aos servizos centrais da Consellería e das obrigas en materia de seguridade social e dereitos pasivos.

2º. Análise da planificación, estudo, seguimento e control da execución do estado de gastos do capítulo I, incluída a elaboración de propostas de modificación de créditos.

3º. Ordenación e control da xestión de todo o persoal da Consellería e, en especial, a xestión e administración ordinaria do persoal funcionario e laboral adscrito ás súas dependencias centrais.

4º. Programación das necesidades de persoal e a formulación das propostas relativas ás relacións de postos de traballo.

5º. Mantemento e actualización da base de datos de persoal e a organización, custodia e arquivo dos seus expedientes.

6º. Control da asistencia e puntualidade do persoal dos servizos centrais.

7º. E, en xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

b) Servizo de Recursos e Reclamacións en materia de persoal. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. Estudo, tramitación e formulación das propostas de resolucións das reclamacións e recursos que se formulen en materia de xestión de persoal.

2º. A coordinación coa Asesoría Xurídica en relación coa tramitación dos requirimentos e peticións formulados á Consellería polos xulgados e tribunais en materia de xestión de persoal e, de ser o caso, a emisión de informes.

3º. Estudo, coordinación e tramitación dos expedientes disciplinarios do persoal da Consellería en organismos dependentes.

4º. Tramitación da execución das sentenzas que se diten en materia de persoal.

5º. E, en xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

c) Servizo de Calidade de Procedementos e Sistemas. Correspóndelle o exercicio das funcións de:

1º. As funcións ligadas ao ámbito das novas disposicións normativas en materia de transparencia ao abeiro da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e do Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos (delegado de protección de datos).

2º. A tramitación administrativa dos convenios de colaboración e de todos aqueles asuntos ou materias que, pola súa natureza análoga, lle sexan encomendados.

3º. As actuacións relativas á tramitación, seguimento e control dos encargos de traballos e actividades a medios propios nas materias de competencia da Consellería.

4º. A coordinación das actuacións da Consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, para o cal levará os libros de rexistro.

5º. A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da Consellería, a representación da Consellería no Consello Coordinador de Publicacións e na Comisión Permanente de Publicacións.

6º. E, en xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral».

Nove. Modifícase o artigo 6, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 6. Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria

1. Á Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria correspóndelle o exercicio das seguintes funcións, xa sexa directamente ou a través do servizo que se integra nela:

a) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

b) A elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A coordinación, control e seguimento da execución dos orzamentos da Consellería.

d) A xestión e a tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica e, en particular, os expedientes relativos a contratos menores de gasto corrente da Secretaría Xeral Técnica.

e) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á Consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

f) A formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da Consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da Consellería.

g) A coordinación do parque móbil da Consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas aos recursos materiais da Consellería.

h) O asesoramento e a emisión dos informes de carácter técnico que lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e, en especial, a prestación de asistencia, coordinación e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria contará co Servizo de Xestión Económica e Orzamentaria, ao cal lle corresponden as seguintes funcións:

a) A participación na coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería, no control da execución económica, na tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e na execución dos gastos que se lle atribúan.

b) A participación na elaboración do orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

c) A participación na xestión e tramitación de todos aqueles expedientes de xestión do gasto que se tramiten con cargo ao orzamento da Secretaría Xeral Técnica.

d) En xeral, a prestación de asistencia e xestión de cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria».

Dez. Modifícase o enunciado do artigo 9, que será o que segue:

«Artigo 9. Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos Agrarios»

Once. Modifícase a letra f) do artigo 9, queda redactada do seguinte xeito:

«f) Apoio e coordinación coa Subdirección Xeral de Xestión Económica e Orzamentaria, respecto ao fondo Feader, na confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da Consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados».

Doce. Modifícase a letra g) do artigo 9, que queda redactada do seguinte xeito:

«g) O exercicio das funcións que os regulamentos comunitarios atribúen ás autoridades rexionais de xestión do Plan estratéxico da PAC (PEPAC), como responsables da xestión e aplicación eficiente, eficaz e correcta do programa, coa asistencia directa da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, no tocante aos fondos Feaga».

Trece. Engádense as letras h) e i) no artigo 9, co seguinte contido:

«h) A coordinación das cuestións que afectan o seguimento, avaliación e modificación do PEPAC, entre elas velar por que se elabore o informe anual de rendemento e que contén información agregada, o seu resumo, as medidas de seguimento en relación con posibles observacións, a elaboración de plans de acción no relativo ao exame bienal de rendemento, en caso de rendemento insuficiente do Plan estratéxico, coa asistencia directa da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, no tocante aos fondos Feaga».

«i) Aqueloutros asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica».

Catorce. Modifícase o número 2 do artigo 9, que queda redactado como segue:

«2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Seguimento dos Fondos Agrarios, ao cal lle corresponderá o seguimento e implementación dos programas ou plans de desenvolvemento rural financiados con fondos Feader e do PEPAC, asistindo a todos os órganos e unidades xestoras do programa e do PEPAC e, en xeral, prestar a asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos Agrarios, coa asistencia directa da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, no tocante aos fondos Feaga».

Quince. Modifícase o artigo 10, que queda redactado como segue:

«Artigo 10. Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria

1. Para a coordinación funcional das oficinas rurais a Secretaría Xeral Técnica dispón da Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria, que asumirá as seguintes tarefas:

a) A planificación do traballo que desenvolverán as oficinas rurais, en colaboración cos distintos centros directivos e organismos da Consellería do Medio Rural.

b) A orientación estratéxica do Sistema de asesoramento a explotacións agrarias e, en particular, das actividades de asesoramento agrario no ámbito das oficinas rurais e a súa coordinación con outros recursos técnicos da Consellería.

c) A coordinación, capacitación e dinamización do sistema de coñecementos e innovación agrícolas, sen prexuízo das competencias doutras unidades administrativas da Consellería.

2. Para a consecución dos seus obxectivos contará co Servizo de Coordinación e Dinamización de Extensión Agraria, ao cal lle corresponderá:

a) O apoio nas actuacións que vai realizar a Subdirección Xeral.

b) A programación do traballo que desenvolverán as oficinas rurais.

c) A coordinación coas distintas unidades administrativas da Consellería do traballo que realizarán as oficinas rurais.

d) A xestión das liñas de actuación planificadas a través das oficinas rurais».

Dezaseis. Suprímese o artigo 11.

Dezasete. Suprímese a letra h) do artigo 19.1 e suprímese a letra e) do artigo 19.2.

Dezaoito. Modifícase a letra c) do artigo 19.2, que queda redactada do seguinte xeito:

«c) Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias».

Dezanove. Modifícase o artigo 22, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 22. Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias

A Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias exercerá as actuacións de fomento da actividade de transformación e comercialización das producións agrarias e agroalimentarias».

Vinte. Elimínase o artigo 24.

Vinte e un. Créase unha nova sección 6ª no capítulo II, con título e contido que se indican a continuación:

«Sección 6ª. Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

Artigo 25.bis. Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

1. Á persoa titular da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria corresponderalle, así mesmo, a titularidade da dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

2. Á Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A colaboración co Fogga na elaboración, proposta e desenvolvemento das directrices de política agraria da Consellería en materia de xestión das axudas da política agraria común (PAC).

b) A asistencia directa á Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos Agrarios no exercicio das súas funcións derivadas da condición de autoridade rexional de xestión do PEPAC, no tocante aos fondos Feaga.

c) A análise e o estudo da situación da cadea alimentaria en Galicia e das/dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea.

d) A coordinación das actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación en materia de cadea alimentaria.

e) Actuacións en materia de defensa contra os fraudes e os incumprimentos en materia da calidade alimentaria e funcións de coordinación nesta materia.

f) Materialización de actividades de auditoría, exercendo as funcións previstas no artigo 6 do Regulamento (UE) 2017/625, do 15 marzo de 2017, sobre controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, saúde e benestar animal, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios.

g) A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

3. A Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, para o exercicio das súas funcións, contará cos seguintes órganos:

a) Subdirección Xeral de Coordinación da PAC, da Cadea e Calidade Alimentaria, baixo cuxa dependencia exercerán as súas competencias os servizos que se relacionan a continuación:

1º. Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais.

2º. Servizo de Control da Calidade Alimentaria.

b) Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria.

Artigo 25.ter. Subdirección Xeral de Coordinación da PAC e da Cadea e Calidade Alimentaria

1. Á Subdirección Xeral de Coordinación da PAC e da Cadea e Calidade Alimentaria correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) O estudo e seguimento da normativa e directrices europeas e estatais reguladoras da política agraria común (PAC) e do Plan estratéxico da PAC (PEPAC), así como a súa transmisión aos correspondentes órganos xestores implicados e a asistencia directa á Subdirección Xeral de Planificación e Coordinación de Fondos Agrarios no exercicio das súas funcións derivadas da condición de autoridade rexional de xestión do PEPAC, no tocante aos fondos Feaga.

b) A coordinación e interlocución, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere adecuado, cos órganos xestores das axudas de fondos Feaga (Fondo Europeo Agrícola de Garantía Agraria) e Feader (Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural), baixo a supervisión do Fogga.

c) A coordinación co Fogga na elaboración e mantemento de manuais de procedemento de xestión das axudas do PEPAC aplicable en Galicia e dos plans de controis, en coordinación coas unidades xestoras de axudas e baixo a supervisión da autoridade de xestión do PEPAC e do Fogga.

d) A colaboración co Fogga no mantemento dos criterios de autorización do organismo pagador, sobre todo no relativo á política de prevención da fraude e do conflito de intereses, incluíndo a realización e mantemento da avaliación de riscos na xestión das axudas do PEPAC aplicable en Galicia, en coordinación coas unidades xestoras de axudas.

e) A colaboración co Fogga respecto aos requirimentos formulados polas auditorías, así como ás peticións de información relacionadas con outras entidades.

f) A análise e estudo da situación da cadea alimentaria en Galicia e dos axentes que interveñen nela, así como da formación dos prezos e dos custos de produción en cada un dos elos da cadea.

g) A coordinación da realización das actuacións de inspección e control necesarias para comprobar o cumprimento da normativa de aplicación en materia de cadea alimentaria.

h) A adopción de medidas para a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria.

i) A adopción de medidas para a consecución dun maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre os diferentes operadores da cadea alimentaria.

j) O asesoramento, a realización de estudos e informes de carácter técnico-xurídico e a coordinación de todos aqueles asuntos en materias de competencia do departamento que lle sexan encomendados pola Dirección Xeral.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións, esta subdirección estrutúrase nos seguintes servizos:

a) Servizo da Cadea Alimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais, que desenvolverá as seguintes actuacións:

1º. A aplicación da normativa en materia de control da cadea alimentaria e a mellora do funcionamento e a vertebración da cadea alimentaria.

2º. A adopción de medidas para a consecución dun maior equilibrio e transparencia nas relacións comerciais entre as diferentes persoas operadoras da cadea alimentaria e o fortalecemento do sector produtor e a potenciación das actividades das organizacións interprofesionais, de forma que se materialicen nuns prezos xustos que sempre cubran os custos de produción.

3º. A adopción de medidas para a garantía da unidade de mercado para a mellora da competitividade da cadea alimentaria.

4º. A elaboración e mantemento dun observatorio de prezos e de custos de produción e o desenvolvemento da coordinación e, en particular, o exercicio de actividades para un axeitado funcionamento do Observatorio do Sector Lácteo e a análise e seguimento das problemáticas do sector lácteo e dos prezos do leite.

5º. O intercambio de información coa Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) e outras comunidades autónomas, no marco dos plans nacionais de control.

6º. A xestión do Sistema de información da cadea alimentaria nos sectores lácteo, vitícola e oleico.

7º. O seguimento e control da aplicación da cadea alimentaria nas relacións entre as persoas operadoras na cadea de subministración agrícola e alimentaria e, en xeral, das persoas axentes integrantes da cadea alimentaria.

8º. A adopción de medidas para a implementación da xestión técnico-económica nas explotacións leiteiras para análise dos custos de produción.

b) Servizo de Control da Calidade Alimentaria, que desenvolverá as seguintes actuacións:

1º. As actuacións en materia de defensa contra fraudes na calidade alimentaria.

2º. A coordinación dos traballos do persoal que realiza funcións de inspección nesta materia.

3º. A emisión de informes técnicos en materia de defensa da calidade alimentaria.

4º. A execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia.

Artigo 25.quater. Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria

O Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria actuará con dependencia directa da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria para garantir a súa independencia sobre as unidades que se deberán auditar, exercerá as funcións previstas no artigo 6 do Regulamento (UE) 2017/625, do 15 marzo de 2017, sobre controis e outras actividades oficiais realizados para garantir a aplicación da lexislación sobre alimentos e pensos, saúde e benestar animal, sanidade vexetal e produtos fitosanitarios».

Vinte e dous. Modifícase o artigo 26, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 26. Departamentos territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias, a Consellería do Medio Rural organízase nos departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial das delegacións territoriais en que se integren, agás os departamentos territoriais de Pontevedra e A Coruña, que desenvolverán as súas funcións no ámbito territorial de toda a provincia, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada departamento territorial existirá un/unha director/a territorial do/da cal dependerán organicamente todos os servizos e as unidades administrativas da Consellería que radiquen no ámbito territorial mencionado. As súas funcións serán as relativas ao réxime interior, a tramitación administrativa, a xestión de persoal e a tramitación das incidencias relativas ao parque móbil do departamento, o inventario de bens mobles e inmobles adscritos, a información ao público, o control contable e a xustificación dos créditos que se lle asignen, así como a elaboración de estatísticas.

3. Para o cumprimento das súas funcións, os departamentos territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra contarán cos seguintes servizos:

a) Servizo Xurídico-Administrativo, coas funcións de instrución dos expedientes sancionadores que deban tramitarse como consecuencia de infraccións administrativas en materia de competencia da Consellería e elevar a resolución ao director ou directora territorial naqueles supostos en que a normativa vixente lle atribúa a facultade de resolver, e a tramitación e imposición de multas coercitivas e demais procedementos de execución forzosa en todos os procedementos sancionadores de competencia desta Consellería; a proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial nos casos en que proceda; a elaboración de informes sobre os actos administrativos emanados do/da director/a territorial; a execución de sentenzas e demais resolucións xudiciais firmes recaídas sobre resolucións da súa competencia, e, en xeral, a tramitación de todos aqueles asuntos que, por razón da súa competencia, lle sexan encargados polo director ou directora territorial.

b) Servizo de Explotacións Agrarias, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Explotacións Agrarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

c) Servizo de Gandaría, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións da Subdirección Xeral de Gandaría da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

d) Servizo de Industrias, Calidade e Cadea Agroalimentaria, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións correspondentes á Subdirección Xeral de Industrias Agroalimentarias da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, así como as correspondentes funcións en materia de control da calidade alimentaria e cadea alimentaria, da Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria, coa coordinación da Secretaría Xeral Técnica.

e) Servizo de Montes, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de xestión de montes da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

f) Servizo de Prevención de Incendios Forestais, que exercerá no respectivo ámbito territorial as funcións en materia de prevención e defensa do monte que correspondan á Dirección Xeral de Defensa do Monte».

Vinte e tres. Modifícase o artigo 27, que queda redactado como segue:

«Artigo 27. Oficinas rurais

1. As oficinas rurais, integradas na estrutura territorial da Consellería a través dos respectivos departamentos territoriais, dependerán organicamente do director ou directora territorial e, funcionalmente, da Secretaría Xeral Técnica, a través da Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria.

2. Correspóndelles ás oficinas rurais, entre outras, o desenvolvemento das seguintes funcións:

a) A execución, no seu ámbito territorial, de actuacións da Consellería nas diversas materias de competencia desta.

b) A prestación de apoio técnico e administrativo aos centros directivos e entidades instrumentais da Consellería, sendo coordinadas nas súas actuacións pola Secretaría Xeral Técnica, a través da Subdirección Xeral de Planificación de Extensión Agraria».

Vinte e catro. Modifícase o artigo 28, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 28. Distritos forestais

Os distritos forestais, integrados na estrutura territorial da Consellería a través dos respectivos departamentos territoriais, dependerán organicamente da directora ou director territorial e, funcionalmente, das direccións xerais de Defensa do Monte e de Planificación e Ordenación Forestal, e exercerán, no ámbito territorial do distrito forestal, as funcións en materia de xestión de montes e de prevención, defensa e extinción de incendios forestais, en desenvolvemento das competencias da Consellería do Medio Rural nestas materias, sen prexuízo da posible colaboración cos centros directivos e entidades instrumentais da Consellería».

Vinte e cinco. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 29, que quedan redactados como segue:

«1. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os xurados provinciais de montes veciñais en man común. A presidencia dos xurados será asumida polas respectivas directoras ou directores territoriais e as secretarías por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia.

2. Adscríbense á Consellería do Medio Rural os comités provinciais de montes. A presidencia dos devanditos comités será asumida polos/as respectivos/as directores ou directoras territoriais da Consellería do Medio Rural, e as secretarías, por funcionarios/as designados/as polas persoas titulares da presidencia».

Vinte e seis. Modifícase a disposición adicional primeira, que queda redactada do seguinte xeito:

«Disposición adicional primeira. Departamentos territoriais

1. As funcións e competencias atribuídas por outras normas ás extintas delegacións provinciais competentes en materia de agricultura, gandaría e montes e non previstas neste decreto ou ás extintas xefaturas territoriais enténdense atribuídas ás/aos directoras/es territoriais da Consellería.

2. Corresponderalles ás/aos directoras/directores territoriais a adxudicación dos alleamentos dos aproveitamentos forestais, regulados no Decreto 244/1998, do 24 de xullo, polo que se regulan os alleamentos dos aproveitamentos forestais nos montes xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia, e na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 que o desenvolve».

Disposición adicional primeira. Adscrición de persoal da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias na Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

Quedará integrado na Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria o seguinte persoal:

a) O persoal que prestase servizos no Servizo da Cadea Agroalimentaria e Control de Prácticas Comerciais Desleais anteriormente dependente da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

b) O persoal que prestase servizos no Servizo de Control da Calidade Alimentaria anteriormente dependente da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

c) O persoal que prestase servizos no Servizo de Auditoría Interna na Cadea Alimentaria anteriormente dependente da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Disposición adicional segunda. Adscrición de persoal do Fogga na Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria

Quedará integrado na Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria o persoal que prestase servizos en materia de control das declaracións do leite, dos contratos do sector lácteo, o exercicio de actividades para un axeitado funcionamento do Observatorio do Sector Lácteo e a análise e seguimento das problemáticas do sector lácteo e dos prezos do leite e a xestión do Sistema de información da cadea alimentaria nos sectores lácteo, vitícola e oleico.

Disposición adicional terceira. Colaboración de órganos e unidades

1. A Subdirección Xeral Económica e de Dotación de Medios da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias colaborará coa Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria e co Fogga, na planificación e optimización do financiamento das súas actuacións, plans e programas, así como no seguimento da execución financeira dos seus programas.

2. Os Servizos territoriais do Fogga colaborarán coa Dirección Xeral da PAC e do Control da Cadea Alimentaria na realización de controis en materia de cadea alimentaria. En particular, no tocante ás declaracións do leite e transaccións e contratos do sector lácteo.

Disposición adicional cuarta. Mantemento da antigüidade no posto de traballo

As persoas que estean a desenvolver os postos de traballo cuxa denominación ou adscrición varíen como consecuencia deste decreto manterán a antigüidade do posto de traballo de orixe sempre que se conserve o seu contido funcional.

Disposición transitoria primeira. Modificación de unidades administrativas

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase a persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, para adscribir o persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto. No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo, será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda. Adscrición de postos con nivel orgánico inferior ao de servizo

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por resolución da persoa titular da Consellería, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto, en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos

O Decreto 52/2018, do 5 de abril, polo que se crea a Axencia Galega da Calidade Alimentaria e se aproban os seus estatutos, queda modificado como segue:

Un. Suprímese a letra d) do número 1 da disposición adicional quinta.

Dous. Modifícase o número 2 da disposición adicional oitava, que queda redactado do seguinte xeito:

«2. Así mesmo, adscríbense á Axencia Galega da Calidade Alimentaria os centros de traballo onde desenvolven as súas actividades o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e os centros de formación e experimentación agraria e as subestacións experimentais recollidos neste estatuto».

Disposición derradeira segunda. Modificación dos estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria aprobados polo Decreto 52/2018, do 5 de abril

Os estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria quedan modificados como segue:

Un. Modifícase o número 3 do artigo 2, que queda redactado do seguinte xeito:

«3. Desenvolver as actividades de I+D+i nos sectores agrario e gandeiro, dentro do marco das competencias que a esta axencia lle atribúen estes estatutos».

Dous. Modifícase o número 4 do artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«4. Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas e gandeiras, tanto respecto das actividades de produción e transformación como respecto do cumprimento das boas prácticas agrarias e outros requirimentos dos procesos produtivos primarios nas explotacións gandeiras, de mellora xenética e sanidade agrícola e gandeira, as relativas á conservación dos recursos xenéticos e ao impacto das actividades do sector agrario sobre o medio. Para o cumprimento desta finalidade poderá solicitar recursos materiais e humanos que poidan ser asignados por calquera das administracións públicas no marco de plans de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e innovación».

Tres. Suprímese a letra c) do número 6 do artigo 10.

Catro. Suprímese o número 12 do artigo 10.

Cinco. Suprímese o número 13 do artigo 10 .

Seis. Suprímese a letra e) do artigo 22.

Sete. Modifícase o terceiro guión da letra d) do artigo 25, que queda redactado do seguinte xeito:

– Promover e executar os traballos de investigación nas materias agrícolas e gandeiras, respecto das actividades de produción e transformación.

Oito. Modifícase o quinto guión da letra d) do artigo 25, que queda redactado do seguinte xeito:

– Garantir a mellora xenética e sanidade agrícola e gandeira.

Nove. Suprímese o sétimo guión da letra d) do artigo 25.

Dez. Suprímese o ordinal 3º da letra g) do artigo 26.

Once. Suprímese o artigo 28.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de maio de dous mil vinte e catro

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural