DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 21 de maio de 2024 Páx. 30349

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

EXTRACTO do 30 de abril de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas, polo que se publica a Resolución do 21 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se arquiva o expediente do parque eólico Borreiro (IN408A/2019/063) e se cancela a garantía económica depositada por Naturgy Renovables, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

De conformidade co previsto no artigo 42.4, letras a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procede publicar o extracto da Resolución do 21 de marzo de 2024 pola que se arquiva o expediente do parque eólico Borreiro e se cancela a garantía económica depositada por Naturgy Renovables, S.L.U. para tramitar a solicitude de acceso e conexión á rede de transporte.

Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan:

1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, e de aprobación do proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico) das instalacións do parque eólico Borreiro, sito nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade (Pontevedra) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., tras a declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 17.1.2023.

2. Arquivar o expediente do parque eólico Borreiro (expediente IN408A/2019/063).

3. Cancelar e devolver a garantía económica depositada por Naturgy Renovables, S.L.U. na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia por importe de 800.000 €, con data 16.8.2019 e número de rexistro 2019/90/909, para responder das súas obrigas en relación coa tramitación do procedemento de solicitude de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Borreiro.

Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución:

1. O 16.8.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. depositou unha garantía económica, por importe de 800.000 € e número de rexistro 2019/90/909, para garantir o cumprimento das súas obrigas no procedemento de acceso e conexión á rede de transporte do parque eólico Borreiro.

2. O 10.9.2019, Naturgy Renovables, S.L.U. solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, así como a aprobación do proxecto sectorial, para o parque eólico Borreiro, nos concellos de Forcarei e A Estrada, na provincia de Pontevedra, achegando xunto coa solicitude a documentación técnica correspondente e o xustificante da garantía económica para o cumprimento do establecido no artigo 59.bis do Real decreto 1955/2000.

3. O 24.9.2019, notificóuselle á dita sociedade o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 22.11.2019, achegaron o xustificante de pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos, de acordo co artigo 33.4 da Lei 8/2009.

4. O 25.2.2021, a promotora solicitou unha modificación substancial do parque eólico e achegou a documentación técnica correspondente. Con carácter xeral, esta modificación consiste no desprazamento das posicións e no cambio de modelo dos aeroxeradores, reducíndose a súa potencia unitaria, de forma que o número de máquinas pasa de 4 a 5. Así mesmo, redúcese a altura de torre, de 125 a 122,5 metros, e aumenta o diámetro de rotor, que pasa de 150 a 155 metros. Así mesmo, incorpóranse ao proxecto as infraestruturas de evacuación da enerxía.

5. O 18.6.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora, en relación coa súa solicitude de modificación substancial do 25.2.2021, o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

6. O 23.6.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega (Plan sectorial eólico de Galicia) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

7. O 27.9.2021, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiu a documentación do expediente á Xefatura Territorial de Pontevedra para o trámite de información pública.

8. Pola Resolución do 13 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental e as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción e aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto do parque eólico Borreiro, sito nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade, da provincia de Pontevedra (IN408A 2019/63). Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro de 2022.

9. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Concello de Cerdedo-Cotobade, Concello da Estrada, Concello de Forcarei, Deputación Provincial de Pontevedra, UFD Distribución Electricidad, S.A., Retegal e Retevisión.

10. O 4.1.2023, a Xefatura Territorial remitiu o expediente a esta dirección xeral, de acordo co previsto no artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

11. O 17 de xaneiro de 2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto do parque eólico, que fixo pública mediante o Anuncio do 18 de xaneiro de 2023 (DOG núm. 14, do 20 de xaneiro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Concello de Cerdedo-Cotobade, Concello da Estrada, Concello de Forcarei, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e da Sociedade Galega de Historia Natural.

12. O 4.7.2023, esta dirección xeral notificoulle ao promotor o inicio do procedemento de arquivamento de expediente, abrindo o trámite de audiencia do artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas. Transcorrido o prazo de quince días outorgado para o efecto, non se recibiron alegacións por parte da promotora.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas