DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 30037

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 6 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria para o ano 2024 de subvencións para proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña, susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027 (código de procedemento IN421J).

A Comisión Europea creou o mecanismo de transición xusta como ferramenta clave para garantir que a transición cara a unha economía climaticamente neutra ocorra de maneira xusta, sen deixar a ninguén atrás. Este mecanismo proporcionará apoio financeiro e asistencia técnica aos Estados membros e investidores e asegurarase de que as comunidades afectadas, as autoridades locais, os interlocutores sociais e as organizacións non gobernamentais estean involucradas; e incluíndo un sólido marco de goberno centrado en plans territoriais de transición xusta. O Fondo de Transición Xusta, parte do mecanismo de transición xusta, poderá cofinanciar os proxectos de investimento establecidos nos termos do Regulamento (UE) 2021/1056 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta, e cando estean situados nas rexións que se inclúan no Plan territorial de transición xusta de España.

A Estratexia de transición xusta e o seu Plan de acción urxente teñen como obxectivo desenvolver políticas e medidas para mitigar o impacto do peche da minaría e das centrais térmicas de carbón nos territorios afectados, a través dos convenios de transición xusta e outras ferramentas. O Plan territorial de transición xusta de España, partindo das necesidades identificadas nas zonas afectadas, ten entre as súas finalidades servir para que nas zonas onde hai empresas con altas emisións industriais dinamice o seu proceso de descarbonización e renovación industrial.

Así, o Plan territorial de transición xusta de España 2021-2027 considera, dentro da prioridade 2, o conxunto da provincia da Coruña como territorio específico afectado polo peche das minas de As Pontes e Meirama. O apoio aos proxectos de descarbonización e renovación industrial de empresas industriais da provincia figura no punto CO1 de operacións previstas denominado «Transformación ecolóxica da industria e fomento da mobilidade sustentable, a economía circular e a eficiencia enerxética».

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, e mantendo a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario aos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e eficiencia enerxética en empresas da Coruña. As actuacións que se van desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, e é coherente coa RIS3 Galicia e a Axenda Enerxética de Galicia 2030.

A presente convocatoria é susceptible de ser cofinanciada no marco dos fondos de transición xusta cunha taxa de cofinanciamento do 70 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das entidades beneficiarias polo 30 % restante. En particular:

Territorio: P2_A Coruña.

Obxectivo político: 8. Facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra, de aquí a 2050, de acordo co Acordo de París.

Obxectivo especifico: JSO8.1. Facer posible que as rexións e as persoas afronten as repercusións sociais, laborais, económicas e ambientais da transición cara aos obxectivos da Unión para 2030 en materia de enerxía e clima e unha economía da Unión climaticamente neutra de aquí a 2050, con arranxo ao Acordo de París.

Operación prevista: CO1. Transformación ecolóxica da industria e fomento da mobilidade sustentable, a economía circular e a eficiencia enerxética.

Tipos de intervención:

TI0038: eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes e medidas de apoio.

TI0040: eficiencia enerxética e proxectos de demostración en pemes ou grandes empresas e medidas de apoio conforme cos criterios de eficiencia enerxética.

Os indicadores correspondentes a estas axudas son os seguintes:

a) Indicadores de realización:

– RCO01 Empresas apoiadas.

– RCO02 Empresas apoiadas a través de subvencións.

b) Indicadores de resultados:

– RCR01 Postos de traballo creados en entidades apoiadas.

– RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da axencia Instituto Enerxético de Galicia aprobados polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña susceptibles de cofinanciamento pola Unión Europea no marco do Programa do Fondo de Transición Xusta de España 2021-2027, así mesmo por medio desta resolución convócase para a anualidade 2024.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións para a realización de proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial que contribúan ao aforro e eficiencia enerxética nas industrias da provincia da Coruña, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado destas bases reguladoras (código de procedemento IN421J).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As axudas para os proxectos singulares de mellora da sustentabilidade enerxética en empresas do sector industrial da provincia da Coruña están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014. A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 36 Axudas para a protección do medio e artigo 38 Axudas ao investimento destinadas a medidas de eficiencia enerxética.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. De conformidade co disposto no artigo 6.1 destas bases reguladoras os traballos non poderán iniciarse con anterioridade á data de presentación da solicitude; no caso de terse iniciados os traballos con anterioridade á presentación da solicitude, a totalidade do proxecto será considerado non admisible.

Enténdese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior; a merca de terreos e os traballos preparatorios como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade non se consideran inicio dos traballos.

2. O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 3.000.000 de euros por solicitude, IVE non incluído. No caso de proxectos promovidos por pemes redúcese o investimento mínimo a 1.500.000 euros por solicitude, IVE non incluído.

3. Cada empresa poderá presentar unha ou máis solicitudes. Cada solicitude recollerá un único proxecto técnico, que pode constar dunha soa actuación ou de varias actuacións que se valorarán de xeito conxunto.

4. Todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases deberán respectar os principios horizontais recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns, relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como ás normas financeiras para os ditos fondos e para o fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en adiante, RDC). En cumprimento do artigo 9.4 do referido regulamento, todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm). En atención ao considerando 10 do citado RDC o principio de non causar un prexuízo significativo ao medio debe interpretarse no sentido do artigo 17 do Regulamento (UE) 2020/852, relativo ao establecemento dun marco para facilitar os investimentos sustentables, que fixa os obxectivos ambientais que van a protexer:

1. Mitigación do cambio climático.

2. Adaptación ao cambio climático.

3. Uso sustentable e protección dos recursos hídricos e mariños.

4. Transición cara a unha economía circular.

5. Prevención e control da contaminación.

6. Protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas.

5. De conformidade co artigo 6.3.b) do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, para as axudas solicitadas por grandes empresas, deberá acreditarse que, grazas á dita axuda, se obterá como resultado un aumento substancial do alcance do proxecto, un aumento substancial do importe total invertido polo beneficiario no proxecto, ou unha aceleración substancial do ritmo de execución do proxecto.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual por proxectos recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 7.000.000,00 de euros, cofinanciada no marco dos Fondos de Transición Xusta cunha taxa de cofinanciamento do 70 %, computándose como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible das entidades beneficiarias polo 30 % restante.

O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Línea de axuda

Aplicación orzamentaria

Código de proxecto

2024

2025

2026

Total

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes (PA)

09.A3.733A.770.2

2023 00006

500.000,00

500.000,00

923.077,00

1.923.077,00

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en, polo menos, un 30 % (PAD)

09.A3.733A.770.2

2023 00007

2.500.000,00

1.000.000,00

1.576.923,00

5.076.923,00

Total

3.000.000,00

1.500.000,00

2.500.000,00

7.000.000,00

2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine na presente convocatoria.

O importe dos fondos previstos entenderase máximo, que ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases. Non se poderá ampliar financiamento da convocatoria, unha vez que se resolva o procedemento de concesión das axudas.

3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as empresas que acrediten a existencia dun centro de traballo ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Provincia da Coruña, e que realicen unha actividade industrial. Para os efectos destas bases considérase actividade industrial aquelas da CNAE 2009 (regulado polo Real decreto 475/2007) que comecen pola división da 07 a 39.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de entidades beneficiarias deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes. O Inega comprobará o cumprimento da condición de peme ou non peme do solicitante, segundo a definición de peme contida no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías co fin de garantir o tratamento diferenciado das distintas entidades beneficiarias en función do tipo de intervención.

Artigo 5. Entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de entidades beneficiarias:

– As entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– As entidades nas que concorran algunhas das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de xaneiro, xeral de subvencións.

– As empresas que non cumpran os prazos de pagamento a que se refire o artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

– As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento UE 651/2014.

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

– O sector de produtos da pesca e da acuicultura conforme o recollido no artigo 1 do Regulamento UE 651/2014, do 17 de xuño, xeral de exención por categorías.

2. Os/as solicitantes da axuda encherán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non atoparse en ningunha situación que as exclúa de ser entidades beneficiarias conforme este artigo.

Artigo 6. Proxectos que se subvencionan

1. Poderán ter dereito a subvención os proxectos de descarbonización e renovación industrial recollidos no punto 2 que se executen dentro do territorio da provincia da Coruña.

O prazo de execución dos proxectos subvencionables (téñase en conta a definición de inicio dos traballos recollida no artigo 2.1) iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 27.

2. Será subvencionable a realización de grandes proxectos tractores de descarbonización e renovación industrial que desenvolvan actuacións singulares de redución de emisións de CO2 no uso e transformación da enerxía que a súa vez xustifiquen a redución de consumo enerxético mínima establecida nas seguintes epígrafes. Para os efectos destas bases, considerarase proxecto tractor aqueles cos investimentos mínimos establecidos no artigo 2.

No caso de axudas solicitadas por grandes empresas, de conformidade co recollido no artigo 8.2 e no 11.2.h) do Regulamento (UE) 2021/1056, do 24 de xuño, deberá xustificarse que os investimentos cumpren as catro seguintes condicións:

i. Ser necesarias para a aplicación do Plan territorial de transición xusta.

ii. Contribuír á transición cara a unha economía climaticamente neutra de aquí a 2050 e aos obxectivos ambientais conexos.

iii. O seu apoio é necesario para a creación de emprego no territorio identificado.

iv. Non dar lugar á relocalización, tal como se define no artigo 2.27 do Regulamento (UE) 2021/1060.

Ademais das anteriores, no caso de axudas solicitadas por grandes empresas, deberá xustificarse tamén que os investimentos cumpren as seguintes condicións:

i. Os proxectos financiados ao abeiro das presentes bases deberán crear un mínimo de 5 empregos directos, expresados en equivalente de tempo completo anual (ETC = total de horas efectivas traballadas/horas de xornada completa), sen que para tal efecto se poidan contabilizar os creados para a fase de construción; cun rateo máximo de 80.000 € de axuda por emprego creado; e un mantemento do nivel de emprego creado, máis o persoal existente no momento da solicitude, durante un mínimo de cinco anos. Para efectos de cálculo do persoal existente na data de solicitude da axuda, considerarase como tal a media dos doce meses anteriores á solicitude ou, no caso de empresas constituídas durante ese período, desde a data de alta do primeiro traballador.

Os contratos fixos descontinuos e a tempo parcial computaranse proporcionalmente á duración da prestación.

ii. Os proxectos deberán incluír unha análise da pegada de carbono en todo o ciclo completo do proxecto.

iii. En todos os proxectos minimizarase o volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso, e realizarase un control de augas residuais resultantes deste.

iv. No caso de proxectos de infraestruturas garantirase a protección fronte ao cambio climático, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as instrucións que desenvolva para o efecto a autoridade de xestión dos programas do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2021-2027.

v. Se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, farase con criterios de eficiencia enerxética, de conformidade co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento UE 2021/1060, do 24 de xuño de 2021.

vi. Minimizarase a afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección deste, esta avaliarase conforme a normativa de aplicación.

vii. As novas instalacións suxeitas a avaliación ambiental integrada situaranse preferentemente for da Rede Natura 2000.

3. Para ser subvencionables os proxectos deben satisfacer os rateos de aforro enerxético anual a redución de emisións mínimos recollidos na seguinte táboa para cada liña:

Denominación da liña

Proxectos subvencionables

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes (PA)

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético superiores a 0,1 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía por euro de investimento elixible.

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en, polo menos, un 30 % (PAD)

Proxectos que xustifiquen rateos de aforro enerxético superiores a 0,01 kWh/€ de aforro enerxético de enerxía por euro de investimento elixible e que ademais reduzan polo menos un 30 % as emisións de GEI.

4. Os proxectos que se presenten deberán ser técnica, xurídica, económica e financeiramente viables.

5. Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberán cumprirse as seguintes condicións específicas durante a execución do proxecto:

i) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluíndo o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na listaxe europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do proxecto prepararase para a súa reutilización, reciclaxe ou recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE. A verificación desta condición realizarase achegando os certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, e incluiranse os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadado.

ii) Non utilización de amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas á autorización, que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2006. A verificación desta condición realizarase achegando un certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

6. Outros condicionantes ambientais que deben cumprir os proxectos:

i) No caso de proxectos que se desenvolvan no territorio baixo figuras de protección polos seus valores naturais, Red Natura 2000 ou outros espazos protexidos pola normativa aplicable, deberán:

– Aplicar medidas para a non perda neta de biodiversidade.

– Ser compatibles cos plans de recuperación, conservación e manexo de fauna e flora.

– Se se producise unha perda significativa de hábitats naturais, estes compensaranse coa creación de zoas de reserva.

– Non se poderá eliminar nin cambiar ou modificar ningún elemento que sirva de refuxio e/ou nidificación.

– Deberase garantir a conectividade ecolóxica e, se é o caso, incluirase a análise e a proposta de medidas en relación coa perda ou desprazamento de territorios vitais.

ii) Nos proxectos de construción ou implantación de infraestruturas en terreos de alto valor natural, baixo figuras de protección de espazos naturais, ou en terreos onde se desenvolvan usos gandeiros, deberanse indicar, cando sea aplicable, as prácticas de conservación utilizadas durante a vida útil dos proxectos para garantir a presenza dunha cobertura vexetal herbácea que evite a erosión e degradación do solo e garanta as súas funcións de sumidoiro de carbono. Neste sentido, fomentaranse as prácticas que promovan o desenvolvemento da biodiversidade e a compatibilidade cos usos gandeiros (se existisen previamente), restrinxíndose o uso de herbicidas e minimizándose o labor con maquinaria pesada.

7. Todos os proxectos deberán cumprir os criterios e requisitos fixados nos criterios de procedemento e selección de operacións establecidos no Programa de España do Fondo de Transición Xusta.

Artigo 7. Investimentos subvencionables

1. Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos no artigo 6 non serán subvencionables.

2. Non se admitirán no orzamento partidas alzadas; todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

a) Operacións de mantemento.

b) Os investimentos relacionados coa produción, a transformación, o transporte, a distribución, o almacenamento ou a combustión de combustibles fósiles.

c) O desmantelamento ou a construción de centrais nucleares.

d) A fabricación, a transformación e a comercialización de tabaco e produtos de tabaco.

e) Os proxectos realizados en instalacións suxeitas a dereitos de comercio de emisións (ETS).

f) A investigación básica.

g) Os investimentos en vertedoiros.

h) Os investimentos en plantas de tratamento mecánico biolóxico de residuos.

i) Os investimentos en incineradoras.

j) Os investimentos en desaladoras.

4. Considéranse investimentos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha. Para contribuír á comprobación dos resultados ambientais obtidos será subvencionable a implantación de medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía e emisións asociadas ás actuacións de aforro para as que se solicita axuda. Será subvencionable a realización de auditorías enerxéticas ou de emisións que inclúan en detalle a actuación subvencionada, salvo que se trate dunha auditoría obrigatoria conforme a normativa vixente.

En función da liña, determinarase o custo subvencionable da seguinte forma:

a) Na liña «Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes (PA)» conforme o recollido no artigo 38 do Regulamento (UE) 651/2014, consideranse custes subvencionables os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel máis elevado de eficiencia enerxética. Así, cando os custos do investimento en eficiencia enerxética consistan nun investimento claramente identificable destinada unicamente a mellorar a eficiencia enerxética e para a que non exista un investimento de contraste con menos eficiencia enerxética, entón os custos subvencionables serán o total dos custos do investimento. No resto dos casos, os custos subvencionables determinaránse comparando os custos da investimento cunha hipótese de contraste sen axuda do seguinte xeito:

1º. Cando a hipótese de contraste consista en realizar un investimento con menos eficiencia enerxética da que corresponda á práctica comercial normal no sector ou a actividade de que se trate, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o cal se concede a axuda estatal e os custos do investimento con menos eficiencia enerxética.

2º. Cando a hipótese de contraste consista en que se realice o mesmo investimento nun momento posterior, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o que se concede a axuda estatal e o valor actual neto dos custos do investimento posterior, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

3º. Cando a hipótese de contraste consista en manter en funcionamento as instalacións e equipos existentes, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o que se concede a axuda estatal e o valor actual neto do investimento no mantemento, reparación e modernización das instalacións e equipos existentes, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos 1º a 3º, os custos subvencionables poderanse determinar sen a identificación dunha hipótese de contraste. No devandito caso, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética e as intensidades de axuda aplicables reduciranse nun 50 %.

Non se concederán axudas en virtude da presente epígrafe no caso de que as melloras se realicen para que as empresas se adecúen a normas da Unión xa adoptadas, salvo que estean concluídas cunha antelación mínima de 18 meses antes da entrada en vigor.

Os custos dos proxectos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de eficiencia enerxética non serán subvencionados.

b) Na liña «Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en, polo menos, un 30 % (PAD)» serán custos subvencionables, conforme o artigo 36 do Regulamento UE 651/2014, os custos de investimento adicionais necesarios para ir máis aló das normas da Unión sobre protección ambiental aplicables, independentemente da existencia de normas nacionais máis estritas que as da Unión, ou para incrementar o nivel de protección ambiental en ausencia de normas da Unión, co fin de cumprir normas da Unión que fosen adoptadas, pero que aínda non estean en vigor. Así, cando o investimento para o que se concede a axuda estatal consista na colocación dun compoñente engadido a unha instalación xa existente e para a que non exista un investimento de contraste menos respectuoso co ambiente, os custos subvencionables serán o total dos custos de investimento. O dito investimento non terá como resultado a ampliación da capacidade de produción nin un maior consumo de combustibles fósiles. No resto dos casos, determinarase por comparación a unha hipótese de contraste do seguinte xeito:

1º. Cando a hipótese de contraste consista en realizar un investimento menos respectuoso co ambiente que corresponda á práctica comercial normal no sector ou a actividade de que se trate, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o cal se concede a axuda estatal e os custos do investimento menos respectuoso co ambiente;

2º. Cando a hipótese de contraste consista en que se realice o mesmo investimento nun momento posterior, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o que se concede a axuda estatal e o valor actual neto dos custos do investimento posterior, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda;

3º. Cando a hipótese de contraste consista en manter en funcionamento as instalacións e equipos existentes, os custos subvencionables consistirán na diferenza entre os custos do investimento para o que se concede a axuda estatal e o valor actual neto dos investimentos no mantemento, reparación e modernización das instalacións e equipos existentes, actualizados ao momento en que levaría a cabo o investimento que recibe a axuda;

Non obstante o disposto nos parágrafos 1º a 3º os custos subvencionables poderanse determinar sen a identificación dunha hipótese de contraste considerando como custos subvencionables os custos de investimento directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental, pero reducindo as intensidades de axuda aplicables nun 50 %.

Os custos que non estean directamente vinculados á consecución dun nivel máis elevado de protección ambiental non serán subvencionables.

5. Non se consideran custes subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) O imposto sobre o valor engadido (IVE).

c) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de axuda en anos anteriores.

7. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A contía da subvención será a que se determina no seguinte cadro en función da liña de axudas.

Denominación da liña

Intensidade de axuda

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes (PA)

45 % do custo subvencionable

Proxectos de aforro e eficiencia enerxética en pemes ou grandes empresas que reduzan as emisións de GEI en, polo menos, un 30 % (PAD)

45 % do custo subvencionable para grandes empresas e 55 % para pemes

2. Establécese unha axuda máxima por expediente de 3.000.000 de euros.

3. A axuda máxima por entidade beneficiaria no conxunto da convocatoria será de 5.000.000,00 de euros, salvo no caso de que non houbese solicitudes alternativas.

4. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes subscribiranse por persoa que acredite a representación da entidade solicitante por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas. Se o remate do prazo coincide en día inhábil prorrogarase ata o seguinte día hábil.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presentase a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Documentación administrativa:

i. Poder de representación da persoa que presenta a solicitude, cando sexa necesario.

ii. As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

As ofertas deberan respectar a moderación de custos. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentalas coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas asociadas ou vinculadas entre elas nin coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, entendéndose que existe vinculación se se dan as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei; así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou vinculadas establecida nos puntos 2 e 3 respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír, no caso de obra civil e instalacións, a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra, que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo, así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos nos que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

iii. Documento oficial no que conste o código CNAE correspondente á actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

iv. Declaración responsable do representante da empresa na que se indique a cualificación como empresa autónoma, ou ben se indique as empresas asociadas ou vinculadas, incluíndo os datos de participación.

v. As empresas, cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán copia da documentación acreditativa da constitución e documento público acreditativo do poder con que actúa o representante da empresa ou entidade solicitante.

vi. As empresas deben de acreditar a existencia dun centro de traballo na provincia da Coruña ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da provincia da Coruña.

vii. Para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa, deberanse achegar ademais:

1. Contas anuais da empresa solicitante, e das empresas asociadas ou vinculadas, correspondentes ao último exercicio contable pechado, co xustificante de ter sido depositadas no rexistro correspondente. As entidades sen obriga legal de depósito e rexistro de contas anuais presentarán a última declaración do imposto de sociedades ou, se é o caso, certificado de exención.

2. Declaración responsable emitida polo representante da empresa na que se reflicta o número de empregados da empresa, así como os das empresas asociadas ou vinculadas.

viii. Declaración responsable do representante legal do solicitante do número de postos de traballo que serán creados polo proxecto, diferenciando entre os que se manterán durante un mínimo dun ano (indicador RCR01) e os que se manterán durante un mínimo de cinco anos para grandes empresas ou 3 para pemes. No caso de pemes os datos de emprego mantido durante 3 anos só deberán indicarse se pretende acadar a puntuación correspondente por creación de emprego.

Os postos de traballo deberán expresarse en equivalente de tempo completo (ETC = total de horas efectivas traballadas/horas de xornada completa), sen que para tal efecto se poidan contabilizar os creados para a fase de construción.

Ademais, esta declaración responsable deberá especificar que número dos postos de traballo creados serán ocupados por mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos, persoas maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou desempregados dos municipios de zonas de transición xusta da provincia da Coruña (Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia, A Laracha, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira e Ferrol).

ix. Documentación acreditativa dos postos de traballo da empresa na data de solicitude da axuda: informe de persoal medio de traballadores en situación de alta, así como informe de vida laboral dun código conta de cotización expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, referidos aos doce meses anteriores á devandita data, ou, no caso de empresas constituídas durante ese período, desde a data de alta do primeiro traballador, na que figuren relacionadas todas as contas de cotización correspondentes aos diferentes centros de traballo da empresa. No caso de pemes, esta documentación só deberá presentarse se pretende acadar a puntuación que lle corresponde por creación de emprego.

x. No caso de que proceda para acceder á puntuación correspondente, acreditación por medio válido en dereito da participación de peme no proxecto.

xi. Declaración responsable asinada polo representante legal do solicitante de ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se conceda a axuda (modelo dispoñible na páxina web do Inega). Esta declaración acompañarase dunha memoria descritiva dos recursos e mecanismos financeiros dos que dispón a empresa para cubrir os custos de funcionamento e mantemento da operación para garantir a súa sustentabilidade financeira.

b) Documentación técnica:

i. Memoria técnica do proxecto segundo o modelo «Memoria técnica», asinada por técnico competente, dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ii. Documento denominado «Ficha de consumos PAE» segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) no que se relacione o número de factura e o consumo enerxético de todas as facturas (electricidade, gas, fuelóleo, gasóleo, etc.) do período anual tomado como referencia (2023 ou últimos doce meses), así como os datos enerxéticos do proxecto.

iii. Fotografías da instalación actual identificando as instalacións.

iv. Plano de situación das instalacións no establecemento, coa distribución dos equipos.

v. Características técnicas dos equipos para os que se solicita a axuda subministradas polo fabricante (catálogo, certificado ou ficha técnica do fabricante) onde se inclúan datos da produtividade do equipo e do seu consumo e rendemento enerxético.

vi. No caso de investimentos en eficiencia enerxética non separables para a liña PA ou de protección ambiental non separables para a liña PAD, achegar hipótese de contraste considerada ou indicar se se opta por unha redución do 50 % da intensidade de axuda.

vii. No caso de que proceda para acceder á puntuación correspondente:

– Documento de análise de viabilidade económica.

– Declaración de impacto ambiental (ou figura ambiental equivalente).

– Autorización administrativa previa do proxecto.

– Documento da corporación local apoiando o proxecto polas súas externalidades positivas.

– Contrato PPA (Power Purchase Agreement) de abastecemento a longo prazo de enerxía renovable.

– Declaración responsable do representante da empresa, con indicación do número de horas de formación relacionadas con empregos verdes, ou dixitais, ou dirixidas ao acompañamento á inserción laboral de desempregados, que serán impartidas.

viii. Declaración responsable do principio de non causar prexuízo significativo ao ambiente (principio Do no significant harm-DNSH) conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

ix. Declaración responsable conforme ao modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) de que, no caso de resultar beneficiario, cumprirá co requisito de protección fronte ao cambio climático ao longo de todo o ciclo de vida nas infraestruturas cuxa vida útil exceda os cinco anos.

No caso de axudas solicitadas por grandes empresas, deberase achegar ademais a seguinte documentación:

x. Documento de análise de pegada de carbono en todo o ciclo completo do proxecto.

xi. Análise de brechas que demostren as perdas de emprego esperadas sen este investimento.

xii. Declaración responsable conforme o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal) de que, no caso de resultar beneficiario, cumprirá os seguintes requisitos exixidos nas bases reguladoras:

– A minimización do volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso, e a realización dun control de augas residuais resultantes deste.

– Que se as instalacións están suxeitas á avaliación ambiental integrada, se localizan dentro ou fóra da Rede Natura 2000.

– Que se se constrúen ou rehabilitan edificios ou naves industriais, se fará con criterios de eficiencia enerxética, de conformidade co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento UE 2021/1060, do 24 de xuño de 2021.

– A minimización da afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección destes, esta avaliarase conforme a normativa de aplicación.

xiii. Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se fosen presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10MB) na aplicación informática do Inega, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) NIF da entidade representante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.

g) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, o organismo ou a entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopan vencelladas, logo do requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas susceptibles de ser cofinanciadas co Fondo de Transición Xusta e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 15. Compatibilidade das subvencións

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Artigo 16. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 17. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, teráselle por desistido na súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 18. Comisión de Valoración

1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:

a) O xefe do Departamento de Enerxía do Inega.

b) O xefe da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico do Inega.

2. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, e especificase a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nas diferentes liñas que se subvencionan.

Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 60 puntos, no caso de grandes empresas ou de 30 puntos, no caso de pemes, por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.

3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de agarda. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Artigo 19. Criterios de valoración

As solicitudes recibidas, independentemente da liña a que se presenten, valoraranse entre 0 e 100 puntos cos seguintes criterios. En caso de empate ordenaranse as solicitudes conforme a súa data e hora de presentación, tendo prioridade as primeiras en presentarse.

A) Criterios de emprego. Puntuación máxima da epígrafe 20 puntos.

O numero de postos de traballo creados tidos en conta para acadar as puntuación das epígrafes a.1 e a.2, deberán ser mantidos durante un período mínimo de cinco anos, no caso de grandes empresas e tres anos, no caso de pemes. A suma das puntuacións das epígrafes a.1, a.2 e a.3 estará limitada a un máximo de 20 puntos.

Os número de postos de traballo, serán sempre expresados en equivalente de tempo completo anual ETC (total de horas efectivas traballadas/horas de xornada completa).

a.1. Obterán unha puntuación máxima de 20 puntos os proxectos que acaden un rateo igual ou inferior a 60.000 € de axuda por posto de traballo creado. O resto de proxectos valoraranse proporcionalmente ao rateo axuda/número de empregos creados, conforme ao establecido na seguinte táboa:

Rateo axuda/número empregos

Puntuación peme

Puntuación grande empresa

Igual ou inferior a 60.000

Pa1 = 20

Pa1 = 20

Superior a 60.000

Pa1 = 0 para rateo > = 500.000

No resto dos casos:

Pa1 = (500.000-rateo)/(500.000-60.000)*20

Pa1 = 0 para rateo > = 80.000

No resto dos casos:

Pa1 = (80.000-rateo)/(80.000-60.000)*20

a.2. En función da xeración neta de emprego, os proxectos obterán a seguinte puntuación:

Xeración de emprego

Puntuación peme

Puntuación grande empresa

De 2 a 5 postos de traballo

Pa2 = 5

Non cumpre

De 6 a 10

Pa2 = 10

Pa2 = 5

De 11 a 25

Pa2 = 15

Pa2 = 10

Máis de 25

Pa2 = 20

Pa2 = 15

a.3. Xeración de emprego colectivos de interese. Darase unha puntuación adicional cando os postos de traballo creados sexan ocupados por mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos, persoas maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou desempregados dos municipios da zona de transición xusta da provincia da Coruña: concellos Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia, A Laracha, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira e Ferrol. A puntuación asignarase en función da porcentaxe do total de persoas contratadas que pertenzan a algún destes colectivos de interese. Cando unha persoa poida ser asignada a máis dunha categoría das anteriores, contabilizarase soamente unha vez. A puntuación desta epígrafe non poderá ser superior á obtida na epígrafe a.2.

Porcentaxe emprego colectivos de interese

Puntuación

Maior 25 % e inferior 50 %

Pa3 = 5

Maior ou igual ao 50 % e inferior 75 %

Pa3 = 10

Maior ou igual 75 %

Pa3 = 15

B) Criterios ambientais: puntuación máxima da epígrafe 40 puntos.

A puntuación da epígrafe B será a suma das puntuacións obtidas nas epígrafes b.1 e b.2 limitado o total a un máximo de 40 puntos.

b.1. Outorgarase a puntuación máxima de 40 puntos se o rateo: aforro emisións CO2 anual/investimento elixible, é igual ou superior aos 0,4 kg CO2/€ respecto ao nivel actual de emisións, ou no caso dunha infraestrutura ou liña de nova creación, respecto da tecnoloxía e procesos existentes no mercado. O resto de proxectos puntúanse proporcionalmente ao seu rateo aforro CO2 anual/investimento elixible.

b.2. Outorgaranse 5 puntos aos proxectos que inclúan un contrato PPA (Power Purchase Agreement) de abastecemento a longo prazo de enerxía renovable.

C) Participación de pemes no proxecto, formación e localización. Puntuación máxima da epígrafe 20 puntos.

A puntuación da epígrafe C será a suma das puntuacións obtidas nas epígrafes c.1, c.2, e c.3, limitado o total a un máximo de 20 puntos.

c.1. Outorgarase unha puntuación 5 puntos se participa algunha peme no proxecto.

c.2. Puntuaranse aos proxectos que conten con actuacións de formación, relacionadas con empregos verdes ou dixitais ou dirixidas ao acompañamento á inserción laboral de desempregados. Puntuación en función da rateo de horas de formación impartida por axuda recibida. Outorgando a puntuación máxima de 10 puntos aos que acaden un valor de 100 horas de formación impartida por cada millón de euros de axuda recibida. O resto de proxectos puntuaranse proporcionalmente.

As entidades beneficiarias poderán levar a cabo as actuación de formación cos seus propios medios ou poderán subcontratar ata o 100 % das actuación formativas, mediante figuras contractuais admitidas en dereito.

c.3. Outorgaranse 10 puntos aos proxectos que se desenvolvan no ámbito territorial dos concellos de Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia, A Laracha, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira ou Ferrol.

D) Grao de madurez do proxecto. Puntuación máxima do punto 20 puntos.

A puntuación do punto D será a suma das puntuacións obtidas nos puntos d.1, d.2, d.3 e d.4 limitado o total a un máximo de 20 puntos.

d.1. Se se achega documento de análise de viabilidade económica: 5 puntos.

d.2. Se se achega declaración de impacto ambiental (ou figura ambiental equivalente): 10 puntos.

d.3. Se se achega autorización administrativa previa do proxecto: 10 puntos.

d.4. Se achega documento da corporación local apoiando o proxecto polos seus efectos externos positivos: 5 puntos.

Artigo 20. Resolución

1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 18.2 destas bases, esta será elevada ao director do Inega. O procedemento de concesión axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención, obrigacións das entidades beneficiarias, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o Plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco (5) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se e o caso, da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 22. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 23. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, e deberán cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se e o caso, os valores estimados dos indicadores.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 24. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivo do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 21.2 destas bases reguladoras.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das entidades beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou gozo da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se concede a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación e/ou de control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular as verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado, por un período mínimo de 5 anos no caso de grandes empresas e de 3 anos no caso de pemes, contado desde o último día de pagamento ao beneficiario (artigo 65 RDC).

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 de € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

8. Manter o número de postos de traballo creados, durante un período de cinco anos no caso de grandes empresas, e tres anos no caso de pemes.

9. Comprometerse a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar dano prexuízo significativo» (principio Do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do RDC. Para tal efecto, o beneficiario asinará unha declaración responsable de acordo co modelo incorporado ás bases.

10. En relación á publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no artigo 50.1 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.06.2021 L 231, a entidade beneficiaria deberá:

a) No seu sitio web oficial, cando o dito sitio web exista, e nas súas contas nas redes sociais fará unha breve descrición da operación, de xeito proporcionado en relación co nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, destacando a axuda financeira da Unión Europea.

b) Nos documentos e materiais de comunicación destinados ao público e relacionados coa execución da actuación, proporcionará unha declaración que destaque a axuda da Unión Europea de xeito visible.

c) Exhibirá nun lugar ben visible para o público polo menos un cartel de tamaño mínimo A3 ou unha pantalla electrónica equivalente con información sobre a actuación onde se destaque a axuda dos fondos europeos; nos casos nos que o beneficiario sexa unha persoa física, asegurará, na medida do posible, a dispoñibilidade de información axeitada onde se destaque a axuda dos fondos europeos, nun lugar visible para o público ou mediante unha pantalla electrónica.

d) Para operacións que consistan na realización de investimentos físicos e/ou compra de equipamento de máis de 100.000 euros de custo total, en lugar do previsto na letra c), o beneficiario, tan pronto como comecen e durante a toda a súa execución, colocará un cartel temporal ou valla publicitaria resistente nun lugar ben visible para o público.

e) As entidades beneficiarias organizarán, se así se llelo solicita o Inega, un acto ou unha actuación de comunicación, que poderá ser a inauguración do proxecto ou calquera outro, no que se poña de manifesto con claridade o cofinanciamento europeo, invitando a Comisión e a autoridade de xestión coa debida antelación.

Ademais, no prazo de tres meses desde a finalización da execución física, colocará un cartel ou placa permanente nun lugar ben visible para o público.

Cando varias actuacións teñan lugar no mesmo lugar só é preciso colocar un cartel.

Durante o período de obrigatoriedade de conservación da documentación, o beneficiario deberá conservar, preferentemente en formato dixital, unha copia de todos os materiais de comunicación e publicidade que elabore no marco da actuación. Este material deberá ser posto á disposición do organismo intermedio ou das institucións da Unión Europea, se así llo solicitan.

O beneficiario deberá respectar, en todo momento, as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo (https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf) e as características técnicas descritas no anexo IX do Regulamento (UE) 2021/1060.

O Inega facilitará modelos as entidades beneficiarias a través da súa páxina web.

11. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

12. A aceptación da axuda cofinanciada co Fondo de Transición Xusta implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección General de Fondos Comunitarios do Ministerio de Hacienda co contido previsto no punto 3 do artigo 49 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

13. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

14. No caso de proxectos con prazo de execución superior a un ano natural, a entidade beneficiaria deberá presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano natural, un informe de evolución do investimento.

Artigo 26. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 27. Prazo para a execución e xustificación da instalación

O prazo de execución iniciarase unha vez presentada a solicitude de axuda e finalizará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 15 de setembro de 2026. A data establecida na resolución de concesión como data límite para a execución do proxecto será a que facilite a entidade solicitante no anexo I (solicitude), no punto «data estimada de finalización do proxecto».

Dentro da data límite de execución deberá presentarse a solicitude de pagamento e a documentación xustificativa do investimento.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal ) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas entidades beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 21 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.

Artigo 29. Documentación xustificativa da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.

2. O destinatario último da axuda deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitar o pagamento mediante a presentación do anexo II, que se achega a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Para o cobramento da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala nos puntos seguintes:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias auténticas electrónicas. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No suposto de que o xustificante de pagamento inclúa varias facturas, deberase anexar unha relación delas, asinada polo representante legal.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), no que conste o titular da conta desde a que se realiza a operación ou persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número da factura obxecto de pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor no que se especifique o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 27.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

c) Documentación que acredite a existencia dunha contabilidade separada ou diferenciada para todas as transaccións relacionadas. Achegando a documentación xustificativa que corresponda.

d) Certificado do instalador/provedor no que se indique a data de finalización da instalación/actuación subvencionada asinado polo técnico competente; en todo caso, a data de finalización da obra/actuación debe estar comprendida dentro do período de xustificación.

e) Nos casos nos que proceda, xustificante de solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no que se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación se fose necesario. O Inega poderá verificar en calquera momento a dita inscrición.

f) Sempre que sexa obrigatorio, o beneficiario da axuda deberá contar coa autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación. No caso de que aínda non se obtivese a autorización, si deberá acreditar documentalmente a súa solicitude. O Inega poderá verificar en calquera momento a dita autorización.

g) Memoria técnica de xustificación da publicidade de Fondos de Transición Xusta, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

h) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar (realizadas desde os mesmos puntos que as fotografías presentadas na solicitude), incluíndo, cando proceda, a placa de características técnicas dos equipamentos.

i) Para o caso de proxectos que requiran da realización de obra civil, deberanse achegar:

1) Certificados de xestión de residuos de construción e demolición con destino á reutilización, reciclaxe e recuperación expedidos polos xestores de destino como xustificación da entrega, incluíndo os códigos da Listaxe europea de residuos (LER) e a porcentaxe de valorización acadada.

2) Certificado da empresa contratista conforme para a execución da obra non se utilizou amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da listaxe de substancias suxeitas a autorización, que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) 1907/2066.

j) Análise realizada da protección fronte ao cambio climático ao longo de todo o ciclo de vida nas infraestruturas cuxa vida útil exceda os cinco anos.

k) Documentación acreditativa do cumprimento dos tramites ambientais, permisos e autorizacións segundo a normativa ambiental aplicable vixente, e en particular, os procedementos de avaliación ambiental, cando sexan de aplicación, conforme a lexislación vixente.

l) Documentación acreditativa dos postos de traballo creados. Informe de persoal medio de traballadores en situación de alta, así como informe de vida laboral dun código conta de cotización expedidos pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, referidos aos doce meses anteriores, ou, no caso de empresas constituídas durante ese período, desde a data de alta do primeiro traballador, na que figuren relacionadas todas as contas de cotización correspondentes aos diferentes centros de traballo da empresa.

m) No caso de que se tivese optado á puntuación correspondente por postos de traballo creados ocupados por mulleres, mozos de entre 18 e 30 anos, persoas maiores de 45 anos, persoas con discapacidade ou desempregados dos municipios da zona de transición xusta da provincia da Coruña: Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia, A Laracha, As Pontes, A Capela, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Cabanas, Ortigueira e Ferrol, o beneficiario deberá achegar adicionalmente a documentación que acredite tales circunstancias e permita xustificar que se cumpriu o dito compromiso.

n) Documentación acreditativa das horas de formación impartidas.

No caso de grandes empresas, tamén deberá presentarse a seguinte documentación xustificativa:

ñ) Informe técnico do cumprimento do requisito sobre minimización do volume de auga e outros recursos naturais utilizados no proceso. Deberá achegarse control de augas residuais realizado.

o) No caso de construción ou rehabilitación de edificios ou naves industriais, informe técnico conforme se realizou con criterios de eficiencia enerxética, de conformidade co establecido no anexo I (ámbito de intervención 040) do Regulamento UE 2021/1060, do 24 de xuño de 2021.

p) Informe técnico do cumprimento do requisito sobre minimización da afección a elementos do patrimonio histórico, cultural, arqueolóxico e etnográfico. Se existise afección destes, deberá achegarse avaliación conforme a normativa de aplicación.

q) Se as instalacións están suxeitas á avaliación ambiental integrada, declaración responsable da súa localización, dentro ou fóra, da Rede Natura 2000.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de resultado asociados a estas bases reguladoras, que son:

– RCR02 Investimentos privados que acompañan o apoio público.

– RCR01 Postos de traballo creados en entidades apoiadas.

Artigo 30. Pagamento das axudas

1. As entidades beneficiarias poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención. No caso dos anticipos exonerados de constituír garantía, recollidos no artigo 65.4.i) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, isto é, aqueles nos que os pagamentos non superen os 18.000 €, poderase solicitar o anticipo directamente no formulario de solicitude e resolverase conxuntamente coa solicitude. No caso de anticipos non exonerados de constituír garantía seguirase o procedemento ordinario recollido na seguinte epígrafe.

2. As entidades beneficiarias interesadas en solicitar un anticipo que non estea exonerado de constituír garantía de ata o 50 % do importe da subvención concedida, poderano solicitar no prazo máximo dun mes contado desde a data de notificación da resolución de concesión da axuda. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concedente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión do anticipo. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e o pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

3. Os pagamentos anticipados deben obedecer a que os investimentos exixan pagamentos inmediatos e non poderán superar a anualidade prevista no exercicio orzamentario correspondente. Os xustificantes dos pagamentos anticipados deben referirse a gasto realizados dentro do exercicio orzamentario do libramento.

4. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

5. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

6. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

Artigo 31. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total. Se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención. Se o beneficiario non xustifica os investimentos mínimos establecidos no artigo 2.2 para considerar que a actuación sexa subvencionable, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión, e se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:

i. No caso de condicións referentes á conta ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 50 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.

ii. Non levar a cabo ou non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 25.10 destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.

iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.

iv. No período de mantemento do emprego, non manter o número de postos de traballo creados, expresados en equivalente de tempo completo, durante o tempo establecido suporá o reintegro da subvención correspondente ao emprego non mantido, de forma proporcional ao número de postos de traballo e período en que se incumprise este requisito.

O emprego mantido determinarase considerando o persoal medio dos doce meses naturais anteriores á data de solicitude, ou no caso de empresas constituídas dentro dese período, desde a alta do primeiro traballador, máis o compromiso de creación de emprego do proxecto subvencionado.

4. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:

a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.

b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención, incluída a execución do investimento mínimo exixido.

c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa seguridade social e coa Comunidade Autónoma.

e) Non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.

f) Non comunicar ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.

g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co Fondo de Transición Xusta.

h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 25.10 destas bases reguladoras.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores ao pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 32. Réxime de sancións

As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Fiscalización e control

1. As entidades beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular, ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento ao beneficiario (artigo 82 RDC).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto neste enderezo:

https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx

Artigo 34. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polas entidades beneficiarias no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise, así como vinculacións entre empresas e/ou provedores.

Artigo 35. Remisión normativa

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo Plus, Fondo de Cohexión, Fondo de Transición Xusta e Fondo Europeo Marítimo, de Pesa e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

c) Regulamento (UE) nº 2021/1056, do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establece o Fondo de Transición Xusta (DOUE L231, do 30 de xuño de 2021).

d) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

h) Orden HFP/1414/2023, do 7 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas financiados polo Fondo Europeo de Desarrollo Rexional e do Fondo de Transición Xusta para o período 2021-2027.

i) O resto da normativa que sexa de aplicación.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2024

Pablo Fernández Vila
Director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file