DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 30035

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302D).

BDNS (Identif.): 760658.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán acceder a esta convocatoria as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, propietarios, ou posuidores de calquera título válido en dereito, de espazos de exhibición musical privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente, coa correspondente licenza ou permiso municipal, para organizar espectáculos musicais en directo con público.

Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Finalidade

Fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, contribuíndo ao desenvolvemento ordinario da programación das salas (código de procedemento C302D).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302D).

Cuarto. Importe

O crédito asignado ao financiamento da subvención é de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, do código de proxecto 2015-00003, distribuído en dúas anualidades, 200.000 euros no ano 2024 e 200.000 euros no ano 2025.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais