DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 96 Luns, 20 de maio de 2024 Páx. 29995

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302D).

A Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), no artigo 3 determina que a Agadic ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, cooperando na achega de factores produtivos, no fomento da oferta de bens e servizos e na asignación de ingresos suficientes e estables. O artigo 5.1 da Lei 4/2008 establece que unha das funcións da Agadic é a de promover a distribución dos produtos culturais do noso país, fomentando a creación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados, e o artigo 5.2 establece que a Agadic poderá, para o logro dos seus obxectivos, conceder subvencións.

A través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, dentro do obxectivo xenérico de promoción e de fomento da cultura galega, a Axencia Galega das Industrias Culturais ten como obxectivo consolidar o tecido industrial cultural galego e convertelo nun tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentando a creación, a demanda e a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, aumentando o peso relativo do sector no sistema produtivo galego.

As salas de música ao vivo xogan un papel fundamental no desenvolvemento da carreira musical e a profesionalización dun sector non exento de dificultades, que van desde a exixencia para poder exercer esta actividade ata as novas formas de consumo de lecer e tempo libre.

A Axencia Galega das Industrias Culturais é consciente da relevancia das salas de música ao vivo non só como espazo de exhibición musical senón tamén como espazos de encontro, intercambio de experiencias e plataformas promocionais de todo o sector musical galego, polo que considera que son un instrumento válido e prezado na cadea de valor da industria musical.

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (CT302D).

1.2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante o período dos tres anos previos á data de concesión.

2. Persoas beneficiarias.

2.1. Poderán ser persoas beneficiarias destas subvencións as persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas con domicilio ou sucursal en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, propietarios ou posuidores de calquera título válido en dereito, de espazos de exhibición musical privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente, coa correspondente licenza ou permiso municipal, para organizar espectáculos musicais en directo con público.

2.2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Financiamento.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios dispoñibles para o financiamento desta convocatoria e imputaranse aos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade no orzamento 2024 por importe de 400.000 euros, no código de proxecto 2015-00003, coa seguinte distribución plurianual:

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2024

Anualidade 2025

10.A1.432B.770.0

200.000 €

200.000 €

4. Solicitudes.

4.1. Para poder ser persoa beneficiaria das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo nove, e deberase cumprir cos requisitos establecidos nestas bases reguladoras.

4.2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Prazo de duración do procedemento de concesión.

As solicitudes serán tramitadas de acordo co procedemento de concorrencia non competitiva, que non poderá ter unha duración superior aos cinco (5) meses contados a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude.

6. Información ás persoas interesadas.

6.1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Galega das Industrias Culturais, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Galega das Industrias Culturais: https://industriasculturais.xunta.gal

b) Teléfonos: 881 99 60 77/881 99 60 78.

c) Enderezo electrónico: agadic@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

6.2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

7. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao de publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

8. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento do disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante das axudas consignará na Base de datos nacional de subvencións, no prazo de vinte (20) días hábiles a partir da concesión da axuda, a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea as axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L).

9. Rexistro Público de Subvencións.

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, e ser persoa beneficiaria da axuda levará implícita a autorización para a inscrición dos datos facilitados na solicitude. Non obstante, as persoas solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2024

José López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia
non competitiva, para o desenvolvemento de programación musical
na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas
legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede
á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento CT302D)

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Esta resolución, en desenvolvemento das funcións e dos obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten por obxecto fixar as bases reguladoras das subvencións, en concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, contribuíndo ao desenvolvemento ordinario da programación das salas (código de procedemento C302D).

2. Estas axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro de 2023, serie L). O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 euros durante os tres anos previos á data de concesión.

Este límite máximo aplícase a todo o conxunto das axudas recibidas en concepto de minimis pola empresa, independentemente da forma en que se outorguen ou do obxectivo perseguido.

3. A percepción destas axudas é compatible con outras subvencións, axudas e ingresos ou recursos, para o mesmo proxecto, procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado, e incompatibles con outras para o mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou calquera organismo dependente.

No caso de percibirse outras axudas, deberase acreditar documentalmente a súa natureza e contía, así como calquera circunstancia que poida afectar substancialmente a execución das actuacións. A comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. Nos anexos desta resolución deberase cubrir a declaración das axudas percibidas polas persoas solicitantes.

4. En ningún caso a suma dos importes das axudas concedidas ao abeiro desta resolución poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outro ingreso derivado do proxecto supere o 100 % do custo da actividade subvencionada, segundo establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. A xestión e a concesión destas axudas realizaranse mediante o procedemento de concorrencia non competitiva e de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

6. As subvencións serán concedidas ata o esgotamento do crédito orzamentario, de acordo co establecido nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo procedemento abreviado e por orde cronolóxica, tendo en conta a data e a hora de entrada no Rexistro. A proposta de concesión será formulada polo órgano instrutor, que unicamente deberá comprobar a concorrencia dos requisitos para conceder a subvención, sen que sexa necesario realizar a comparación das solicitudes presentadas.

7. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda, xa que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada, e se considerará data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida nesta resolución.

Artigo 2. Persoas beneficiarias

1. Poderán acceder a esta convocatoria as persoas físicas (autónomas) ou xurídicas privadas domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, propietarios, ou posuidores de calquera título válido en dereito, de espazos de exhibición musical privados, situados na Comunidade Autónoma, habilitados legalmente, coa correspondente licenza ou permiso municipal, para organizar espectáculos musicais en directo con público.

2. Tamén poderán ser persoas beneficiarias, sempre que cumpran cos requisitos anteriormente sinalados, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas privadas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo o obxecto da subvención, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, as persoas solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estar incursas en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo II desta convocatoria.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas subvencións as asociacións, fundacións ou outras formas xurídicas sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Financiamento, contías máximas e intensidade das axudas

1. O crédito asignado ao financiamento da subvención é de 400.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 10.A1.432B.770.0, do código de proxecto 2015-00003, distribuído en dúas anualidades segundo o cadro seguinte:

Anualidade 2024

Anualidade 2025

Importe

200.000 €

200.000 €

Debido ao seu carácter plurianual, os gastos subvencionables serán aqueles que fosen realizados, e pagados, entre o día seguinte ao da data de publicación da convocatoria da axuda e o 30 de outubro de 2025. O período subvencionable, polo tanto, abrangue desde o día seguinte ao da data de publicación da convocatoria da axuda no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de outubro de 2025.

2. Os importes previstos poderán ser incrementados ao longo do exercicio, nos supostos establecidos no artigo 31.2 da Lei de subvencións de Galicia, e tras declaración de dispoñibilidade de crédito, logo da modificación orzamentaria que proceda e sempre antes da resolución da convocatoria. Se é o caso, a ampliación de crédito deberase publicar nos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver. A alteración da distribución do orzamento establecido nesta convocatoria non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

3. Os proxectos subvencionados ao abeiro desta convocatoria terán os seguintes límites:

3.1. Proxecto para a programación da Rede galega de música ao vivo. Non poderá ter un custo subvencionable maior de 22.500 euros (IVE excluído).

O importe máximo da subvención será do 100 % do orzamento subvencionable presentado, sen superar os 22.500 euros. A achega máxima por concerto será a derivada do gasto en caché máis 250 euros (sen IVE) xustificables entre os conceptos dos gastos subvencionables recollidos nestas bases.

3.2. Proxecto para programación complementaria da Rede galega de música ao vivo. Non poderá ter un custo subvencionable maior de 9.375 euros (IVE excluído). O importe máximo de subvención será do 80 % do orzamento subvencionable presentado, sen superar os 7.500 euros.

A achega máxima por concerto será de 150 euros (sen IVE) en concepto dos gastos subvencionables recollidos nestas bases.

Segundo o recollido nos parágrafos anteriores, unha solicitude poderá acadar, como máximo, un importe de subvención de 30.000 euros (IVE excluído).

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Para poderen optar a estas axudas, os proxectos subvencionados deberán incluír as dúas liñas:

1.1. Programación musical na Rede galega de música ao vivo, que terá que cumprir os seguintes requisitos:

a) O proxecto de programación deberá constar dun mínimo de 12 e un máximo de 24 concertos distribuídos entre as dúas anualidades de xeito equilibrado.

b) Estará formado integramente por artistas que desenvolvan a súa actividade habitualmente en Galicia.

c) Contará, por polo menos, cun 40 % de presenza de artistas femininas galegas, agás que sexa de imposible cumprimento e así se xustifique debidamente na memoria do proxecto.

d) O caché mínimo por solista o membro da banda será de 250 euros (sen IVE) e o custo máximo subvencionable por concerto non poderá ser superior a 2.500 euros (sen IVE).

e) Todos os concertos deberán ser de pago, cun prezo mínimo por entrada de 5 euros (IVE incluído).

1.2. Programación complementaria á Rede galega de música ao vivo, que terá que cumprir os seguintes requisitos:

a) O proxecto de programación deberá constar dun mínimo de 40 concertos distribuídos entre as dúas anualidades dun xeito equilibrado.

b) Todos os concertos deberán ser de pago, cun prezo mínimo por entrada de 5 euros (IVE incluído).

2. As persoas solicitantes deberán presentar un único proxecto que inclúa as dúas liñas, respectando os requisitos de cada unha delas, e só se poderá presentar un proxecto por solicitante e sala.

Artigo 5. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto obxecto de subvención. Todo gasto non xustificado pola entidade beneficiaria será eliminado do orzamento elixible do proxecto.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados, e pagados, dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable indicado nesta convocatoria, que abrangue desde o día seguinte ao da data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e ata o 30 de outubro de 2025.

3. Para os efectos desta convocatoria, son gastos subvencionables:

3.1. Na liña programación Rede galega de música ao vivo:

– Gastos de persoal artístico contratado asociado ao proxecto (cachés dos grupos).

– Gastos de produción.

– Gastos de xestión de dereitos de autor.

– Gastos de comercialización, promoción e publicidade.

– Gastos de honorarios profesionais de xestión da subvención, cun límite de 2.000 euros.

3.2. Na liña programación complementaria da Rede galega de música ao vivo:

– Gastos de produción.

– Gastos de xestión de dereitos de autor.

– Gastos de comercialización, promoción e publicidade.

4. De conformidade co artigo 29.7 da Lei de subvencións de Galicia, non serán gastos subvencionables os impostos indirectos (como o IVE) cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda, os xuros debedores de contas bancarias e demais gastos financeiros, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, nin os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 6. Subcontratación

1. Para os efectos destas bases, enténdese que unha persoa beneficiaria subcontrata cando concerta con outros a execución total ou parcial da actividade subvencionable. Para determinar a existencia de subcontratación, atenderase ao obxecto social co que se pretenda contratar a actividade.

2. Nestas bases admítese a subcontratación de conformidade co establecido no artigo 27.2 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 43 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establecen que se subcontratará total ou parcialmente a actividade subvencionada cando a normativa reguladora da subvención así o prevexa.

3. En ningún caso poderán subcontratarse actividades que, aumentando o custo do proxecto subvencionado, non acheguen valor engadido ao seu contido, e nos supostos establecidos no artigo 27.7 da Lei 9/2007:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores cuxos pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas coa persoa beneficiaria, agás que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado e que se obteña a autorización previa do órgano concedente nos termos que se fixen nestas bases reguladoras.

e) Persoas solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reuniren os requisitos ou non acadaren a valoración suficiente.

Artigo 7. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Prazo para presentación de solicitudes e emenda

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a persoa interesada será requirida para que no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste da súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda, xa que, para os efectos da concesión das axudas, se terá en conta a orde cronolóxica de entrada e se considerará data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida na presente resolución.

4. Non obstante o anterior, unha vez esgotado o crédito na contía máxima fixada nestas bases, non se admitirán novas solicitudes aínda que a publicidade desta circunstancia se produza con posterioridade á publicación no Diario Oficial de Galicia e no portal web da Agadic https://industriasculturais.xunta.gal

Artigo 9. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación administrativa:

1. Documentación xeral.

1.1. Persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas:

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade se a persoa solicitante é persoa xurídica.

– Estatutos rexistrados e escrituras de constitución validamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no que corresponda.

– Documentación que acredite suficientemente a representación de quen asina a solicitude.

2. Documentación específica:

2.1. Memoria do proxecto de programación (anexo III).

2.2. Memoria económico-financeira (anexo IV).

2.3. Licenza municipal para a realización de espectáculos ao vivo ou, de ser o caso, a autorización municipal para a realización do proxecto susceptible de ser subvencionado, que deberá expresar claramente o alcance da dita autorización.

2.4. Copia da póliza de responsabilidade civil, actualizada e en vigor.

2.5. Copia da escritura de propiedade ou outro documento válido en dereito que amose a dispoñibilidade da sala por parte da persoa solicitante.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta.

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á AEAT.

– Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

– Consulta de concesións pola regra de minimis.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Instrución do procedemento

1. Na concesión das subvencións seguirase un procedemento abreviado en que o informe e a proposta de resolución serán efectuados nun único acto pola persoa titular da Dirección da Axencia, que os elevará á Presidencia da Agadic para a súa aprobación posterior, consonte o procedemento previsto nos artigos 19.2 e 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As solicitudes de subvención examinaranse e serán outorgadas sempre que cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria por orde cronolóxica, tendo en conta a data de entrada no Rexistro, e considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente se presente completo, incluídas as achegas realizadas coa solicitude correctamente cuberta e achegada toda a documentación exixida nesta resolución.

2. Ao tratarse dunha convocatoria aberta que dispón do crédito vixente en actos sucesivos de adxudicación, a Axencia publicará no Diario Oficial de Galicia o esgotamento da partida orzamentaria asignada, así como a inadmisión de ulteriores solicitudes destinadas a participar dos subtipos de subvención indicados. Desde o momento en que se esgote o crédito orzamentario, non serán outorgadas novas subvencións, sen prexuízo do cumprimento do disposto no artigo 31.4 da Lei de subvencións de Galicia.

3. A Dirección da Axencia, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e a documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular o informe-proposta de resolución, debidamente motivado.

4. Co fin de facilitar unha mellor xestión das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria ás persoas interesadas, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ou aos profesionais ou expertos consultados.

En todo caso, a Dirección da Axencia poderá requirir as persoas solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Axencia e as unidades administrativas encargadas da tramitación e do seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que derivan destas bases. Para estes efectos, as persoas beneficiarias deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Axencia para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

5. Instruído o procedemento, o órgano instrutor, á vista do expediente e da súa documentación, ditará a proposta de resolución, en que se indicarán o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas, que elevará á Presidencia do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Artigo 14. Resolución da convocatoria

1. A Presidencia do Consello Reitor da Axencia, ante a proposta de resolución emitida polo órgano instrutor, deberá ditar resolución expresa no prazo de quince (15) días desde a súa recepción.

A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco (5) meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública no Diario Oficial de Galicia, será motivada e fará mención expresa das persoas beneficiarias e da contía da axuda e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europeo ás axudas de minimis.

2. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen se ter ditado resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Na resolución informaranse por escrito as persoas beneficiarias sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativa á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE 13 de decembro de 2023, serie L).

Artigo 15. Notificacións de resolucións e actos administrativos

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán crear, de oficio, o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación da subvención e renuncia

1. As persoas beneficiarias comunicaranlle á Agadic a aceptación por escrito da subvención concedida no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión. Transcorrido este prazo sen se comunicar esta aceptación ou sen se producir manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

2. As persoas beneficiarias deberán remitirlle á Agadic a memoria económico-financeira (anexo IV) adaptada á subvención concedida, só no suposto de que a subvención recibida for inferior á solicitada e, como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades.

Esta documentación deberase remitir no prazo máximo de dez (10) días hábiles, contados desde a notificación da resolución de concesión.

3. A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. O presidente da Axencia Galega das Industrias Culturais ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten desta convocatoria:

a) As persoas beneficiarias deberán remitirlle á Axencia, xunto coa aceptación da subvención, a programación da Rede galega de música ao vivo correspondente ao ano 2024 e, antes do 20 de xaneiro, a programación do ano 2025.

A programación correspondente á rede complementaria á Rede galega de música ao vivo deberá ser enviada cun mes de antelación á realización dos concertos programados.

b) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, co modificado coa autorización da Agadic.

c) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público para o contrato menor, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

d) Someterse ás actuacións de comprobación, control e inspección que efectúe o órgano concedente e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou a outros órganos da Administración estatal ou da Unión Europea, aos cales se facilitará canta información lles sexa requirida para este efecto, todo isto de conformidade co disposto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa regulamentaria de desenvolvemento, e conservar os documentos xustificativos de aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control e de conformidade co procedemento recollido no artigo 23 e concordantes da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

e) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, ingresos, axudas ou recursos, para a mesma finalidade, procedentes de calquera das administracións públicas ou entes públicos autonómicos, nacionais ou internacionais, así como calquera outra modificación das circunstancias que no seu día se tiveron en conta para a súa concesión, e dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas beneficiarias. Esta comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

f) Dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento dos programas, actividades, investimentos ou actuacións de calquera tipo que sexan obxecto de subvención. Tanto nos actos públicos coma no material de difusión que se elabore debe facerse mención expresa da colaboración da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, no desenvolvemento das actividades subvencionadas. A persoa beneficiaria comprométese a utilizar en todo o material de difusión que realice a imaxe corporativa da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguindo as normas respectivas en materia de identidade corporativa, dispoñibles na web https://industriasculturais.xunta.gal/gl/identidade-corporativa

2. Toda a actividade que se desenvolva ao respecto da subvención concedida deberá cumprir coa normativa legal de aplicación, prestando especial atención ao ámbito laboral dos grupos e artistas que participan nela.

3. O incumprimento das anteriores obrigas por parte dos adxudicatarios dará lugar á exixencia das responsabilidades ou sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, sen prexuízo do disposto nos artigos 21 e 22 destas bases.

Artigo 18. Modificación da resolución de concesión

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. A persoa beneficiaria ten a obriga de solicitarlle á Axencia a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación, deberán ser previamente aceptadas pola Axencia. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións, exixidos nesta resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Axencia poderá acordar, de xeito motivado, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

5. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada, sempre respectando as limitacións establecidas no artigo 35.5 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. Os gastos xustificados deberán responder, de maneira indubidable, á natureza da actividade subvencionada e ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Galega das Industrias Culturais na resolución de concesión da subvención ou coas modificacións ou reasignacións, de ser o caso, autorizadas.

2. Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

3. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica co contido seguinte: estado representativo dos gastos en que se incorren nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE (anexo IV ou unha copia del ou similar).

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, copias de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento bancario pola persoa beneficiaria, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Documentación acreditativa do cumprimento da normativa laboral na contratación dos artistas que conforman a programación.

e) Material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

f) Declaración de axudas (anexo V).

4. Os prazos de xustificación da subvención de cada anualidade serán os que seguen:

Anualidade 2024

20 de decembro de 2024

Anualidade 2025

30 de outubro de 2025

Non se admitirán en ningún caso xustificantes de pagamento con data posterior á establecida para presentar a xustificación.

5. A falta de presentación da xustificación nos prazos establecidos ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso, ditarase a oportuna resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. No suposto de que o importe correctamente xustificado sexa inferior ao orzamento presentado coa solicitude, a contía da subvención reducirase proporcionalmente.

7. O órgano concedente da subvención terá a obriga de comprobar o cumprimento por parte da persoa beneficiaria dos requisitos establecidos nesta resolución para proceder ao pagamento das subvencións e incluír no expediente un certificado acreditativo da verificación realizada e o alcance das comprobacións efectuadas, de conformidade co artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. Cando o beneficiario da subvención sexa unha empresa, os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ser aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operación comerciais.

Artigo 20. Pagamento da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención, ademais dos anexos establecidos para o efecto.

2. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co proxecto presentado e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados e pagamentos á conta, para o cal se observará o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

3. Pagamentos anticipados.

As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63.2 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada. O Consello da Xunta de Galicia deberá autorizar a superación de límites segundo establece o artigo 63.3 do dito regulamento.

4. Pagamentos á conta.

As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar pagamentos á conta, tal e como se recolle no artigo 62 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá supoñer a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas. En todo caso, o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados que, de ser o caso, se concedesen non poderá ser superior ao 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

5. Constitución de garantías.

As entidades beneficiarias que soliciten, e se lles concedan, pagamentos anticipados ou pagamentos á conta quedarán exoneradas de constituír as garantías previstas no Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, Decreto 11/2009, logo da autorización do Consello da Xunta, de conformidade co seu artigo 67.4.

6. O pagamento da subvención realizarase unha vez recibida a documentación xustificativa e realizadas as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada polos órganos competentes da Axencia. Procederá a minoración da subvención concedida cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola persoas beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

7. Previamente ao pagamento, as persoas beneficiarias acreditarán que están ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e non son debedoras por resolución de procedencia de reintegro.

8. Para estes efectos, se a persoa beneficiaria se opón á consulta ou denega expresamente a autorización para que sexa o órgano xestor quen recade esta información, deberá achegar as ditas certificacións, de conformidade co disposto no artigo 10.2.

9. Conforme o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se as actuacións de oficio realizadas polo órgano instrutor dan como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, serán requiridas para que regularicen a súa situación e presenten por si mesmas os correspondentes certificados.

Artigo 21. Perda de dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento por parte da persoa beneficiaria da súa obriga de estar ao día nas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se aboase a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 22. Causas de reintegro

1. A persoa beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos mentres dure a axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

2. Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

3. Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, a inexactitude ou a omisión dos datos subministrados pola persoa beneficiaria que serviron de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos que a impedirían.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal foi concedida a axuda.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas nestas bases.

e) A resistencia, a escusa, a obstrución ou a negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

f) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

g) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 23. Gradación de incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto dará lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención. O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de efectuar ou efectuado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Son causas de reintegro parcial os seguintes casos de incumprimento:

1) Perda dun 5 % da subvención concedida por non dar publicidade ao financiamento do proxecto obxecto da subvención segundo o establecido nestas bases.

2) Perda dun 5 % da subvención concedida por non comunicar a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvencións, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación e, de ser o caso, requirirase a persoa beneficiaria para que proceda á devolución dos fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 24. Procedemento de reintegro

1. Se, aboada parte ou a totalidade da axuda, acaecen os motivos que se indican no artigo 25 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas, e comunicaránselle á persoa beneficiaria a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro no artigo 37 e seguintes da Lei 9/2007, e no 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro poñerá fin á vía administrativa. Contra esta resolución de reintegro, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpoñer o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

5. Sen prexuízo do anterior, ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 25. Control

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega das Industrias Culturais, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento as visitas, as comprobacións e as solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou o desvío dos obxectivos, propoñerase o reintegro da subvención concedida.

3. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 26. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do sistema interno de información da Axencia Galega das Industrias Culturais ou do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través das canles habilitadas para o efecto:

https://industriasculturais.xunta.gal/es/transparencia (no formulario que se desexe utilizar, anónimo ou con identificación, seleccionarase a epígrafe «Canles específicas» e, dentro dela, elixirase a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ou http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

A detección de irregularidades pode implicar a aplicación de correccións financeiras e a solicitude de devolución dos importes percibidos indebidamente.

Artigo 27. Normativa aplicable

1. A normativa aplicable a estas subvencións axustarase ao disposto nesta resolución pola que se establecen as bases reguladoras de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para o desenvolvemento de proxectos de programación musical na Rede galega de música ao vivo en salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024, así como:

a) Na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) No Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións, e supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) No Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei xeral de subvencións, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

f) No Regulamento (UE) 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

g) Na demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 28. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, persoa beneficiaria, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Artigo 29. Recursos administrativos

A convocatoria destas axudas, as súas bases, as resolucións de concesión e todos cantos actos administrativos deriven dela poderán ser impugnados interpoñendo os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase o director da Axencia Galega das Industrias Culturais para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file