DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28712

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 26 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 24 de abril de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Fumaces e San Mamede, no concello de Riós.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Fumaces, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Fumaces, co MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de Vilariño das Touzas, no concello de Riós, resultan os seguintes:

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Fumaces presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2412496) de deslindamento parcial do MVMC de Fumaces co MVMC San Mamede, pertencente a Vilariño das Touzas, ambos no concello de Riós.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Acta de deslindamento.

– Certificacións das respectivas asembleas xerais.

Segundo. Ademais, o 26.5.2023 (Rexel núm. 2023/1567827) presentaron:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Riós.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense, do 8 de xuño de 2023, fai constar que o perímetro obxecto de deslindamento inclúe parte do perímetro estremeiro entre o MVMC de Fumaces, pertencente á CMVMC de Fumaces, e o MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de Vilariño das Touzas.

A liña de deslindamento comeza no punto 1, punto de peche coincidente co existente actual na devasa co concello de Vilardevós. Moi preto deste, segue unha liña recta pola mesma devasa ata o punto 2, marco no cruzamento de camiños de Vilardevós, Veiga das Meás, Fumaces e Vilariño das Touzas. Desde aquí, e sempre seguindo liñas rectas, vai ata o punto 3, marco no lugar coñecido como O Covallón, segue ata o punto 4, marco no lugar coñecido como As Cañizas e, por último, ata o punto 5, marco no lugar coñecido como A Gándara, próximo e no nordeste da estrada local de Fumaces a Vilariño das Touzas.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou, por unanimidade, o día 9 de abril de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC de Fumaces, pertencente á CMVMC de Fumaces, e o MVMC San Mamede, pertencente á CMVMC de Vilariño das Touzas, no concello de Riós.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 26 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense