DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28706

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de abril de 2024, relativa á solicitude de deslindamento formulada polos representantes dos montes veciñais en man común Chaira e Lomba e mais o de Ouzal, Meixeira e outros, no concello de Bande.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) Chaira e Lomba, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Vilela, e mais o MVMC Ouzal, Meixeira e outros, pertencente á CMVMC de Pumares e O Souto, no concello de Bande, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, a CMVMC de Vilela presentou un escrito (Rexel 2022/2400103) en que solicitaban a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Pumares e O Souto.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de conciliación levantada no Xulgado de Paz de Bande.

– Memoria e planos.

– Acta de deslindamento.

Segundo. A mesma comunidade presentou con datas do 24.4.2023 (Rexel 2023/1232442) e do 19.5.2023 (Rexel 2023/1486808) sendos escritos complementarios con que achegou as certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais do 6.8.2022.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense do 23 de maio de 2023 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Chaira e Lomba pertencente á CMVMC de Vilela, e o MVMC Ouzal, Meixeira e outros, pertencente á CMVMC de Pumares e O Souto, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 6 (o situado máis ao L).

Logo de analizar toda a documentación achegada, obsérvase que, tal e como se recoñece na acta do deslindamento, os vértices 1 e 6 definen tamén, respectivamente, a confluencia cos MVMC Mixto de Penamaior e Fieiro e Fonte do Foxo, Pontón, cuxas comunidades propietarias non participan da avinza; e considerando que os ditos puntos se sitúan dentro das poligonais procedentes da dixitalización dos esbozos dos ditos montes, conclúese que os vértices 1 e 6 deben ter a consideración de puntos auxiliares que permiten definir a dirección da liña nos tramos inicial e final do deslindamento.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación entre os puntos 2 e 5 conciliados, tendo os vértices 1 e 6 a consideración de puntos auxiliares que permiten definir a dirección da liña nos tramos inicial e final do deslindamento.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A presente resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segunda. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o xurado provincial de montes veciñais en man común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e cos fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de maio de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC Chaira e Lomba, pertencente á CMVMC de Vilela, e o MVMC Ouzal, Meixeira e outros, pertencente á CMVMC de Pumares e O Souto, no concello de Bande.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 25 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense