DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28704

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 24 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Montes de Esculqueira, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da Esculqueira, no concello da Mezquita.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Montes de Esculqueira, pertencente á CMVMC da Esculqueira, no concello da Mezquita, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022, a CMVMC da Esculqueira presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2378479) de revisión de esbozo parcial do MVMC Montes de Esculqueira, no concello da Mezquita.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 10.9.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 15 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe a metade sur do monte, no perímetro colindante con particulares e coa fronteira portuguesa (tomando como referencia a liña do IGN). O resto do monte permanece sen revisar para todos os efectos.

A superficie do MVMC Montes de Esculqueira resultante, tras rematar o esbozo parcial nun polígono final do monte completo, resulta de 675,1 ha fronte ás 649 ha da clasificación, o que supón un aumento de superficie dun 4 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Montes de Esculqueira.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 15 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Montes de Esculqueira, pertencente á CMVMC da Esculqueira, no concello da Mezquita.

Ourense, 25 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense