DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 13 de maio de 2024 Páx. 28702

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 25 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 24 de abril de 2024, relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Corredoira ou Barxés, no concello de Muíños.

Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga, pertencente á CMVMC de Corredoira ou Barxés, no concello de Muíños, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 30.9.2022, a CMVMC de Corredoira ou Barxés presentou unha solicitude (Rexel núm. 2022/2394781) de revisión parcial de esbozo do MVMC Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga, no concello de Muíños.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do acordo da Asemblea Xeral do día 26.3.2022.

– Memoria e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 23 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión é o perímetro lindeiro con particulares, quedando varias zonas sen aclarar, pois aparecen dúbidas de propiedade non resoltas polos propietarios do monte. Estas zonas únense polo parcelario catastral manténdose o máis próximo posible á clasificación orixinal, o máis semellante posible a como estaban antes da presente revisión de esbozo, e permanecen para todos os efectos como zonas sen revisar e sen aprobar pola comunidade de montes propietaria.

A superficie do MVMC Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga resultante, tras unir o esbozo parcial presentado segundo o punto 4, resulta de 80,08 ha fronte ás 111 ha da clasificación, o que supón unha redución de superficie dun 28 %. A anterior dixitalización da carpeta ficha xa se constituía o monte nunha superficie de 90 ha, o que suporía unha redución real dun 11 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga.

Consideración legal e técnica:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos e con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 23 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Picouto ou Abeleda, Torrente e Veiga, pertencente á CMVMC de Corredoira ou Barxés, no concello de Muíños.

Ourense, 25 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense