DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28539

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Farelo e Costa da Pena, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Aián, Val e Trascastro, no concello de Agolada (expediente RE22050).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024 respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Farelo e Costa da Pena, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Aián, Val e Trascastro, no concello de Agolada (expediente RE22050).

O 15.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022, número 2022/2373646, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Aián, Val e Trascastro (Agolada) solicita a revisión do esbozo do monte Farelo e Costa da Pena (Resolución de clasificación do 23 de setembro de 1984). A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22050. Constan no expediente logo de varias achegas de documentación:

– Informe técnico da revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) Farelo e Costa da Pena, parroquia de Trabancas, concello de Agolada, de setembro de 2022, asinada polo enxeñeiro de montes colexiado número 5039.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Aián, Val e Trascastro do 4 de setembro de 2022, da aprobación en asemblea xeral do 4.9.2022.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM Zone 29N.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é parte do perímetro do MVMC Farelo e Costa da Pena, con Resolución de clasificación do 23 de febreiro de 1984 e unha superficie de 286 ha. Proponse a modificación do perímetro cos propietarios particulares axustado ao Catastro. A CMVMC de Aián, Val e Trascastro, con NIF V-36255164, posúe a titularidade das parcelas anexas. Estas parcelas foron obxecto dunha concentración parcelaria con data do 7 de setembro de 1989. Tendo en conta esta concentración parcelaria, as parcelas resultantes adxudicadas á CMVMC de Aián, Val e Trascastro e que antes non eran propiedade dela pasan a selo. Esta reorganización da propiedade notifícaselle ao Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, que integrará a superficie concentrada de monte veciñal con plenos efectos xurídicos, con base no punto 6 do artigo 70 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Non consta contrato de xestión coa Consellería do Medio Rural.

– A CMVMC de Aián, Val e Trascastro dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360101 e vixente ata 2031.

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

– O esbozo respecta o deslindamento coa CMVMC de Farelo, do concello de Antas de Ulla (Lugo).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 247,93 ha e 17,10 qm e, segundo o indicado na memoria técnica, queda definido do seguinte xeito:

Monte: Farelo e Costa da Pena.

Superficie: 247,93 ha.

Norte: montes da parroquia de Borraxeiros.

Leste: monte do termo de Antas de Ulla (Lugo).

Sur: montes da parroquia de Ventosa.

Oeste: predios particulares de Aián, Val e Trascastro e montes de Couso, Lamas, Romariz e Trabancas.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Aián, Val e Trascastro (Agolada), expediente RE22050, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo Xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Farelo e Costa da Pena proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Aián, Val e Trascastro, e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Farelo e Costa da Pena, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado Farelo e Costa da Pena, clasificado a prol da CMVMC de Aián, Val e Trascastro (Agolada), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 24 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra