DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28535

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Casa das Minas e San Bernabé da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chamadoira, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22054).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáselle publicidade ao acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, en sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024, respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado «Casa das Minas e San Bernabé» da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Chamadoira, no concello de Cerdedo-Cotobade (expediente RE22054).

O 6.10.2023, o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022 e número 2022/2389404, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Chamadoira (concello Cerdedo-Cotobade) solicita a revisión do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de «Casa das Minas e San Bernabé». A dita solicitude deu lugar á apertura de expediente RE22054. Consta no expediente logo de emenda:

– Memoria valorada xustificativa de todas as accións realizadas. Asinada polo enxeñeiro de montes colexiado núm. 3.117 e modificada en setembro de 2023.

– Certificado da secretaria coa conformidade do presidente da CMVMC de Chamadoira do 31.8.2022 da aprobación en Asemblea Xeral do 26.6.2022.

– Cartografía en formato dixital Datum ETRS-89 Fuso 29.

Realízase a revisión de todo o perímetro lindeiro con propietarios particulares e axústase á base cartográfica da Dirección Xeral do Catastro. O MVMC de «Casa das Minas e San Bernabé» fórmase por 2 coutos redondos.

– No couto redondo do norte á CMVMC de Chamadoira axusta ao linde co MVMC de San Bernabé consonte a sentenza xudicial 41/2008 da Audiencia Provincial da Sección núm. 1 de Pontevedra recaída en apelación contra a sentenza pronunciada en autos no xuízo ordinario 517/07 polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución da Estrada (toma de razón do Xurado do MVMC de Pontevedra do 22.2.2010). Ademais, reduce a superficie do seu esbozo cara ao leste para axustar o límite co MVMC de San Bernabé ao rego do Porto das Cubas que é o límite real que se describe na carpeta-ficha de ambos os montes. Ademais, reduce a superficie do seu esbozo no linde sur co MVMC de Corredoira para axustarse ao límite catastral.

– No couto redondo do sur á CMVMC de Chamadoira reduce a superficie do seu esbozo no linde co MVMC de Viduido xa que existe un pasteiro que pertence á CMVMC de Viduido. Descóntase do MVMC de Chamadoira a superficie de dominio público de estradas.

Non se modifican os límites co MVMC de Caroi nin co MVMC de Seixo e Regaseis (Cabadosa).

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo é parte do perímetro do MVMC «Casa das Minas e San Bernabé» da CMVMC de Chamadoira con Resolución de clasificación do Xurado de MVMC de Pontevedra do 21.9.1978 e unha superficie inicial de 139 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, de montes de Galicia:

– Existe o contrato de xestión pública coa Consellería do Medio Rural co número de elenco 3615682 pola totalidade da superficie.

– A CMVMC de Chamadoira dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co núm. 360312 e vixente ata 2031.

– Non constan actos de disposición que modifican o perímetro e superficie do MVMC.

Terceiro. O perímetro da revisión do esbozo proposto total é de 10,03 quilómetros e unha superficie de 97,74 ha. Non se modifican os límites da resolución de clasificación do MVMC de «Casa das Minas e San Bernabé».

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitar ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Chamadoira, expediente RE22054, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en diante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitar á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, poñerase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase proceder á marcaxe dos montes veciñais que, en todo caso, se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, poñerase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade dos interesados de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte «Casa das Minas e San Bernabé» proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Chamadoira (Cerdedo-Cotobade)».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado «Casa das Minas e San Bernabé» e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal denominado «Casa das Minas e San Bernabé» clasificado a prol da CMVMC de Chamadoira (Cerdedo-Cotobade), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por este.

Pontevedra, 24 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra