DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28531

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Gargamala, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gargamala, no concello de Mondariz (expediente RE22060).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024 respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Gargamala, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Gargamala, no concello de Mondariz (expediente RE22060).

O 17.10.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 29.9.2022, con número 2022/2395031, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Gargamala (concello de Mondariz) solicita a revisión parcial do esbozo do monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Gargamala. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22060. Constan no expediente:

– Memoria técnica da revisión parcial do esbozo do MVMC de Gargamala, de maio de 2022, asinada logo de modificación o 11.10.2023 pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 482 do COETF de Galicia.

– Certificado do secretario da CMVMC de Gargamala coa conformidade do presidente do 8.9.2023 da aprobación na asemblea do 16.10.2021.

– Cartografía en formato dixital ETRS 29.

A revisión do esbozo establécese a partir de dúas fontes documentais:

– Tramo I, deslindamento co MVMC de Toutón (concello de Mondariz) consonte a Orde do 31 de xaneiro de 2008 pola que se aproba o deslindamento parcial dos montes veciñais en man común das parroquias de Gargamala e Toutón, pertencentes ás comunidades do mesmo nome, no concello de Mondariz (Pontevedra) (DOG núm. 28, do 8 de febreiro).

– Tramo II, deslindamento co MVMC de Sabaxáns (concello de Mondariz) segundo a Sentenza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Ponteareas no procedemento ordinario 123/2002.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo parcial é o MVMC de Gargamala, clasificado como MVMC polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 15.11.1979, cunha superficie inicial de 1.073 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal de Galicia, existe un contrato de xestión pública co número de elenco 3615610 e unha superficie de 853 ha. Existe unha servidume polo paso da liña eléctrica LAT a 220 kV entre Castrelo de Miño e Pazos de Borbén. Así mesmo, dispón dun instrumento de ordenación inscrito no Rexistro Público de Montes Ordenados de Galicia (en diante, RMOG) co número 3600018 e vixente ata o ano 2030.

Os vixentes instrumentos de xestión da CMVMC de Gargamala, da CMVMC de Sabaxáns e da CMVMC de Toutón respectan os límites establecidos.

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto é de 954,02 ha e 5,98 qm. Non se modifican os límites do MVMC de Gargamala que constan na resolución de clasificación de MVMC do ano 1979.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Gargamala (concello de Mondariz), expediente RE22060, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do monte Gargamala proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Gargamala (Mondariz), e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a cartografía que consta no expediente».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal Gargamala, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal Gargamala, clasificado a prol da CMVMC de Gargamala (Mondariz), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 24 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra