DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28527

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Cabeiras, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabeiras, no concello de Arbo (expediente RE22065).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024 respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Cabeiras, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Cabeiras, no concello de Arbo (expediente RE22065).

O 7.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 28.9.2022, con número 2022/2380593, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Cabeiras solicita a revisión do esbozo do monte Cabeiras. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22065. Constan no expediente:

– Memoria técnica da revisión do esbozo do monte Cabeiras, de setembro de 2022, asinada polo enxeñeiro forestal número 6318 do COETF de Galicia e modificada o 4.12.2023.

– Certificado do secretario coa conformidade do presidente da CMVMC de Cerdeira, do 7.7.2023, da aprobación en asemblea xeral do 27.6.2021.

– Cartografía dixital en Datum: ETRS89/UTM zona 29N. EPSG: 25829.

Nos traballos de revisión do esbozo do MVMC de Cabeiras tívose en conta:

– O monte de utilidade pública (en diante, MUP) número 161, denominado Costa de Sabugueiro e marcado no ano 1968.

– A Sentenza 00028/2019 do 24.10.2019, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que resolve non admitir a trámite o recurso de casación á sentenza ditada en grao de apelación pola Sección Terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra do 10.10.2018, e que determina as coordenadas UTM que delimitan as CMVMC de Cabeiras, CMVMC de Arbo e a CMVMC de Mourentán.

– Deslindamentos en trámite coa CMVMC de Sela e CMVMC de San Cibrao de Ribarteme.

– Recoñece a existencia de oito enclavados particulares dentro do monte veciñal: Ramalliño, Cabeiras, Caralliña, Cavada Martíns, Boavista, Cavada do Cacheiro, Levada de Cabeiras e Naval.

Segundo. O obxecto da revisión do esbozo do monte Cabeiras, con Resolución de clasificación do 13.11.1979 e cunha superficie de 473 ha.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal, non existe contrato de xestión coa Administración forestal. Dispón dun documento de ordenación forestal inscrito no Rexistro de Montes Ordenados de Galicia co número 360046-2.

A CMVMC de Cabeiras ten os seguintes deslindamentos en tramitación consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia: DC22017 coa CMVMC de Sela e DC22019 coa CMVMC de San Cibrao de Ribarteme.

Terceiro. A revisión do esbozo proposto ten unha superficie de 282,57 ha; descontada a superficie enclavada, queda definido do seguinte xeito:

Monte: Cabeiras.

Superficie: 282,57 ha.

Linde norte: monte de Arbo.

Linde leste: monte de Arbo e propiedades particulares.

Linde sur: monte de Barcela.

Linde oeste: CMVMC de Sela e CMVMC de Ribarteme.

A revisión do esbozo é total cun perímetro de 27,35 qm.

Cuarto. O 2.10.2023, o Xurado Provincial de MVMC de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Cabeiras (Arbo), expediente RE22065, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño de 2012, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no rexistro da propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no rexistro da propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo do monte Cabeiras, proposta polo Servizo de Montes, é a presentada pola CMVMC de Cabeiras (Arbo), e queda definido consonte os datos reflectidos no feito terceiro, e a documentación achegada».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Cabeiras, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo do monte veciñal Cabeiras, clasificado a prol da CMVMC de Cabeiras (Arbo), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 24 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra