DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28525

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 23 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 23 de abril de 2024 relativa á solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común do Puxedo, Guende e Cela, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Puxedo, Guende e A Cela, no concello de Lobios.

Unha vez examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do monte veciñal en man común (MVMC) do Puxedo, Guende e Cela, pertencente á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común do Puxedo, Guende e A Cela, no concello de Lobios, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 29 de setembro de 2022 a CMVMC do Puxedo, Guende e A Cela presentou unha solicitude (Rexel número 2022/2400251) de revisión de esbozo do MVMC do Puxedo, Guende e Cela, no concello de Lobios.

Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:

– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do día 18 de setembro de 2022.

– Informe e planos.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

Segundo. O Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 8 de xuño de 2023 en relación coa citada solicitude. Nel indícase que o perímetro obxecto de revisión inclúe as partes do perímetro lindeiras con particulares, sen entrar a revisar as estremas coas comunidades de montes lindeiras.

A superficie do MVMC do Puxedo, Guende e Cela, unha vez revisado o esbozo, sería de 975,70 ha fronte ás 1.086 ha do acordo de clasificación, o que supón unha redución do 10,2 %. Porén, tendo en conta a proposta concorrente de deslindamento cos MVMC de Bouzas e Serra de Lobios e Nichos, a superficie axustada do monte quedaría finalmente en 1.296,81 ha, polo que o resultado final sería un incremento do 19,4 %.

Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo do MVMC do Puxedo, Guende e Cela.

Consideracións legais e técnicas:

Única. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozo de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 8 de xuño de 2023, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 9 de abril de 2024:

Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC do Puxedo, Guende e Cela, pertencente á CMVMC do Puxedo, Guende e A Cela, no concello de Lobios.

Ourense, 23 de abril de 2024

Luis Jorge Álvarez Ferro
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense