DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Venres, 10 de maio de 2024 Páx. 28543

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 24 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do acordo de revisión do esbozo do monte veciñal denominado Chan das Pipas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar, no concello de Redondela (expediente RE22046).

Para os efectos previstos na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, dáse publicidade do acordo acadado polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra na sesión que tivo lugar o 28 de febreiro de 2024 respecto á revisión do esbozo e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal denominado Chan das Pipas, da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Vilar, no concello de Redondela (expediente RE22046).

O 14.12.2023 o Servizo de Montes desta xefatura territorial emite o seguinte informe:

«Feitos:

Primeiro. O 27.9.2022, número 2022/2365881, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (en diante, CMVMC) de Vilar, parroquia de Vilar de Infesta (concello de Redondela) solicita a revisión do esbozo do monte Chan das Pipas, pertencente ao monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de Vilar de Infesta. A dita solicitude deu lugar á apertura do expediente RE22046. Constan no expediente:

– Informe técnico da revisión do esbozo do MVMC da parroquia Vilar de Infesta Chan das Pipas, de xullo de 2022, asinada pola enxeñeira técnica forestal colexiada número 482 do COETF de Galicia (anexos de modificacións asinados o 13.9.2023 e o 3.11.2023).

– Certificado do secretario da CMVMC de Vilar coa conformidade do presidente do 29.6.2022 da aprobación na asemblea do 23.10.2021.

– Cartografía en formato dixital ETRS 89 UTM Zone 29N.

Realízase o levantamento topográfico (precisión centimétrica) no linde oeste cos propietarios particulares do couto redondo Chan das Pipas.

Na zona leste linda co MVMC de Saxamonde e ten un deslindamento administrativo consonte o artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, co número de expediente DC22035.

Na zona oeste inclúese como MVMC un apéndice con varias parcelas de titulares particulares individuais catastrais xustificado pola existencia dun erro catastral.

Na zona sur a proposta de esbozo entra no concello de Mos uns 35 metros xustificado nun erro de precisión do límite do Instituto Xeográfico Nacional duns 35-40 metros.

Segundo. O obxecto é a revisión do esbozo parcial do couto Chan das Pipas, que forma parte do MVMC de Vilar, clasificado como MVMC polo Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra o 4.12.1980, cunha superficie inicial total de 56 ha. O MVMC de Vilar sufriu diversas expropiacións e unha avinza coa CMVMC de Cabeiro que non afectan a superficie do monte Chan das Pipas.

Segundo os datos do Sistema rexistral forestal de Galicia, non existe contrato de xestión pública e non posúe instrumento de xestión forestal.

A proposta de esbozo da CMVMC de Vilar ten en conta o deslindamento coa CMVMC de Saxamonde (expediente DC22035).

Terceiro. A superficie e perímetro da revisión do esbozo proposto do couto redondo Chan das Pipas é de 23,51 ha e 1,98 qm. Non se modifican os límites nin a superficie do MVMC de Vilar da resolución de clasificación de MVMC do ano 1980, xa que quedan por revisar o resto das parcelas do MVMC Vilar.

Cuarto. O 30.11.2022, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra acorda solicitarlle ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal clasificado a favor da CMVMC de Vilar, expediente RE22046, coa finalidade de dar cumprimento ao establecido na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (en adiante, LMG), na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

1. Os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión total ou parcial, e axustaranse e completaranse con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

2. Para estes efectos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, de oficio ou por instancia de parte, poderá solicitarlle á Administración forestal unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común. Na proposta non poderán incluírse parcelas que figuren inmatriculadas no Rexistro da Propiedade a favor de persoas físicas ou xurídicas distintas á comunidade veciñal de montes.

3. Unha vez aceptada a proposta polo xurado, porase en coñecemento da comunidade propietaria e publicarase no Diario Oficial de Galicia para o resto de posibles interesados.

4. Aceptada a revisión, poderase realizar marcaxe dos montes veciñais, que en todo caso se axustará ao plano que resulte da dita revisión. A marcaxe poderá ser realizada de oficio pola propia Administración forestal ou por instancia das comunidades propietarias.

5. Se durante a revisión ou a marcaxe se suscitan cuestións relativas á propiedade, porase fin ao procedemento, dentro do perímetro cuestionado, sen máis trámites. Este acordo de finalización e arquivamento parcial do procedemento non será susceptible de impugnación na vía administrativa, sen prexuízo da facultade das persoas interesadas de acudiren á vía xurisdicional civil, por ser esta a competente para dirimir tal controversia.

Segunda. A revisión do esbozo parcial do MVMC de Chan das Pipas, pertencente ao MVMC de Vilar, proposta polo Servizo de Montes é a presentada pola CMVMC de Vilar (Redondela)».

Vista a proposta de revisión presentada polo Servizo de Montes sobre a adaptación do esbozo do monte veciñal denominado Chan das Pipas, e de conformidade co previsto na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, este xurado, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Aprobar a revisión do esbozo parcial do monte veciñal denominado Chan das Pipas, clasificado a prol da CMVMC de Vilar (Redondela), segundo a proposta do Servizo de Montes e a planimetría elaborada por el.

Pontevedra, 24 de abril de 2024

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra