DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 12 de abril de 2024 Páx. 23505

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 1 de abril de 2024, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao deslindamento do monte Santalla, no concello de Begonte (expediente 10_77/2019_3DES).

Na sesión realizada polo Xurado Provincial o día 11.3.2024, figura o seguinte acordo:

MVMC Santalla (expediente 10/77), pertencente aos veciños da parroquia de Pena, no concello de Begonte.

– O 12.7.2019, a comunidade de Pena presentou unha proposta de deslindamento parcial do seu monte respecto de propiedades particulares e solicitaba o inicio do correspondente procedemento, de acordo co disposto no artigo 54 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

– O 27.7.2019, o Servizo de Montes emitiu un informe favorable sobre a proposta formulada.

– O 10.9.2019 publicouse no DOG o anuncio polo que se fixo pública a proposta de deslindamento e se abría o prazo de alegacións para o expediente 2019_3DES. Así mesmo, o anuncio foi publicado no Concello de Begonte e na web da Consellería do Medio Rural.

– O 9.11.2021, a comunidade propietaria do monte presentou unha proposta e cartografía tras a análise das alegacións recibidas. Sobre esta proposta, o 27.4.2022 o Servizo de Montes emitiu un informe favorable.

– Tras ser advertidos da caducidade do procedemento por falta de actuacións, o 21.11.2023 a comunidade de Pena presentou a proposta definitiva da liña de deslindamento, nos termos requiridos no citado artigo 54.

– O 9.2.2024, o Servizo de Montes emitiu un informe en que se especifican as modificacións que se producen como consecuencia do deslindamento. Segundo a nova cartografía, o monte de Santalla pasa a ter una superficie de 587,17 hectáreas.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao Xurado Provincial dos acordos alcanzados. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento.

En vista do anterior, o Xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento e realizar as oportunas correccións no expediente, de conformidade co informe elaborado polo Servizo de Montes.

O plano que figura no anexo, ao final deste anuncio, corresponde ao monte veciñal tras o deslindamento aprobado.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 1 de abril de 2024

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Lugo

ANEXO

Plano do MVMC Santalla

missing image file