DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 17124

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Restelo, sito nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/019).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Restelo.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa e de construción ás instalacións do parque eólico Restelo, sito nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 39,6 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O número 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 500.188 euros, dos cales 214.366 euros corresponderán á fase de obras e 285.822 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Axencia de Turismo de Galicia, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 15.5.2018, Greenalia Power, S.L.U. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial (actual proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública para o parque eólico.

2. O 25.10.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 13.11.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 3.6.2020 o solicitante presentou unha modificación substancial para o proxecto do parque eólico, de acordo co establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente, con carácter xeral, no cambio do modelo de aeroxerador proxectado (de Vestas V136 a Siemens SG 145), na supresión da posición AE05 e no desprazamento doutras 5 posicións AE01, AE02, AE04, AE06 e AE07. O cambio do modelo de aeroxerador supón un aumento da súa potencia unitaria (de 4,2 a 5 MW), agás a correspondente á posición AE01 que pasa a ser de 2 MW, e do seu diámetro (de 136 a 145 metros), así como unha redución da altura da buxa (de 112 a 102,5 metros). Tamén se modifica a localización da subestación eléctrica de transformación e se suprime a torre meteorolóxica inicialmente prevista.

4. O 4.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao solicitante o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación coa solicitude de modificación substancial.

5. O 14.7.2021 o solicitante presenta a acreditación dos permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes, de acordo co establecido no artigo 53.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

6. O 21.10.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os 9 aeroxeradores seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

7. O 8.4.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Restelo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) de Lugo (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

8. Mediante o Acordo do 30 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Restelo, nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.8.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna) e permaneceu exposto na xefatura territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Concello de Baleira, Concello de Becerreá, Concello da Fonsagrada, Concello de Navia de Suarna, Deputación Provincial de Lugo, Confederación Hidrográfica do Cantábrico Occidental, Retegal e Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (15.7.2022), Retegal (8.8.2022), Concello de Baleira (3.9.2022), Concello da Fonsagrada (18.8.2022), Deputación Provincial de Lugo (28.7.2022), e Confederación Hidrográfica do Cantábrico (26.10.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Así mesmo, a promotora solicitou o 12.4.2023 o correspondente condicionado técnico á Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

O 3.10.2023, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

10. O 31.10.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Instituto de Estudos do Territorio, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Baleira, Concello de Becerreá, Concello da Fonsagrada, Concello de Navia de Suarna, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Formalizada a tramitación ambiental, o 7.11.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 8 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Restelo, nos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna (DOG núm. 221, do 21 de novembro).

12. O 14.11.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública. As modificacións resultantes consisten na redución do número de aeroxeradores do parque eólico de 9 a 6, na relocalización de 3 dos aeroxeradores que se manteñen, no cambio de modelo de aeroxerador, na adecuación das plataformas para adaptalas ao novo modelo de máquina e na adecuación do trazado das vías de acceso e da gabia de cablaxe tras eliminar as máquinas AE-06, AE-07 e AE-10.

O 22.12.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico. O 9.1.2024, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 4.1.2024, a promotora presentou documentación adicional: «Proxecto de execución do parque eólico Restelo, nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo)», visado o 8.1.2024 co número de folio 01, asento 006, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, e declaración responsable de que na configuración definitiva do parque eólico Restelo non se modifican as afeccións que xa foron obxecto de informe a través das separatas técnicas.

13. O 15.1.2024 a promotora presentou unha declaración responsable do cumprimento da normativa de aplicación, segundo o artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico. O 22.1.2024 achegou unha nova declaración responsable sobre o cumprimento da normativa de aplicación asinada polo técnico redactor do anexo «Estudo de afectación electromagnética do parque eólico Restelo», incluído no proxecto.

O 24.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, visado o 8.1.2024 co número de folio 01, asento 006, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, recollido no antecedente de feito décimo.

14. O 5.2.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa configuración definitiva do parque eólico, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

15. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 40,50 MW, segundo a comunicación da actualización do permiso de acceso e conexión emitido por Red Eléctrica de España o 19.1.2023.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais