DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 5 de marzo de 2024 Páx. 17106

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de febreiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Restelo, sito nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2018/019).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Power, S.L.U. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.), en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Restelo, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 15.5.2018, Greenalia Power, S.L.U. (actual Greenalia Wind Power, S.L.U.) presentou solicitude de autorización administrativa previa e de construción, aprobación do proxecto sectorial (actual proxecto de interese autonómico) e declaración de utilidade pública para o parque eólico.

Segundo. O 25.10.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 13.11.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 3.6.2020 o solicitante presentou unha modificación substancial para o proxecto do parque eólico, de acordo co establecido na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental (en diante, Lei 8/2009), consistente, con carácter xeral, no cambio do modelo de aeroxerador proxectado (de Vestas V136 a Siemens SG 145), na supresión da posición AE05 e no desprazamento doutras 5 posicións AE01, AE02, AE04, AE06 e AE07. O cambio do modelo de aeroxerador supón un aumento da súa potencia unitaria (de 4,2 a 5 MW), agás a correspondente á posición AE01 que pasa a ser de 2 MW, e do seu diámetro (de 136 a 145 metros), así como unha redución da altura da buxa (de 112 a 102,5 metros). Tamén se modifica a localización da subestación eléctrica de transformación e se suprime a torre meteorolóxica inicialmente prevista.

Cuarto. O 4.12.2020 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle ao solicitante o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación coa solicitude de modificación substancial.

Quinto. O 14.7.2021 o solicitante presenta a acreditación dos permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución correspondentes, de acordo co establecido no artigo 53.1.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

Sexto. O 21.10.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os 9 aeroxeradores seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Sétimo. O 8.4.2022 esta dirección xeral remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico Restelo á Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) de Lugo (en diante, a xefatura territorial) para a continuación da tramitación.

Oitavo. Mediante o Acordo do 30 de xuño de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico), en relación co proxecto do parque eólico Restelo, nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo).

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 3.8.2022. Así mesmo, remitiuse para a súa exposición nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (A Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna) e permaneceu exposto na xefatura territorial, que emitiu o correspondente certificado de exposición pública. Así mesmo, a dita resolución estivo exposta no portal web da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Concello de Baleira, Concello de Becerreá, Concello da Fonsagrada, Concello de Navia de Suarna, Deputación Provincial de Lugo, Confederación Hidrográfica do Cantábrico Occidental, Retegal e Cellnex Telecom, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (15.7.2022), Retegal (8.8.2022), Concello de Baleira (3.9.2022), Concello da Fonsagrada (18.8.2022), Deputación Provincial de Lugo (28.7.2022), e Confederación Hidrográfica do Cantábrico (26.10.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Así mesmo, a promotora solicitou o 12.4.2023 o correspondente condicionado técnico á Axencia Estatal de Seguridade Aérea.

O 3.10.2023, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico e estableceu o correspondente condicionado.

Décimo. O 31.10.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Cantábrico, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Publica, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Instituto de Estudos do Territorio, Deputación Provincial de Lugo, Concello de Baleira, Concello de Becerreá, Concello da Fonsagrada, Concello de Navia de Suarna, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), Sociedade Galega de Historia Natural, Sociedade Galega de Ornitoloxía e Federación Ecoloxista Galega.

Formalizada a tramitación ambiental, o 7.11.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 8 de novembro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto parque eólico Restelo, nos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna (DOG núm. 221, do 21 de novembro).

Décimo segundo. O 14.11.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública. As modificacións resultantes consisten na redución do número de aeroxeradores do parque eólico de 9 a 6, na relocalización de 3 dos aeroxeradores que se manteñen, no cambio de modelo de aeroxerador, na adecuación das plataformas para adaptalas ao novo modelo de máquina e na adecuación do trazado das vías de acceso e da gabia de cablaxe tras eliminar as máquinas AE-06, AE-07 e AE-10.

O 22.12.2023 Greenalia Wind Power, S.L.U. presentou a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do parque eólico. O 9.1.2024, en resposta ao requirimento desta dirección xeral do 4.1.2024, a promotora presentou documentación adicional: «Proxecto de execución do parque eólico Restelo, nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo)», visado o 8.1.2024 co número de folio 01, asento 006, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, e declaración responsable de que na configuración definitiva do parque eólico Restelo non se modifican as afeccións que xa foron obxecto de informe a través das separatas técnicas.

Décimo terceiro. O 15.1.2024 a promotora presentou unha declaración responsable do cumprimento da normativa de aplicación, segundo o artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico. O 22.1.2024 achegou unha nova declaración responsable sobre o cumprimento da normativa de aplicación asinada polo técnico redactor do anexo «Estudo de afectación electromagnética do parque eólico Restelo», incluído no proxecto.

O 24.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico, visado o 8.1.2024 co número de folio 01, asento 006, polo Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, recollido no antecedente de feito décimo.

Décimo cuarto. O 5.2.2024 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en relación coa configuración definitiva do parque eólico, emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, onde se indica que os aeroxeradores cumpren as distancias ás delimitacións de solo de núcleo rural, urbano ou urbanizable delimitado, establecidas no Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo quinto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 40,50 MW, segundo a comunicación da actualización do permiso de acceso e conexión emitido por Red Eléctrica de España o 19.1.2023.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, e pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, con data do 25.1.2024 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«– No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, hai que indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7.11.2023 (publicada no DOG núm. 221, do 22.11.2023), e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas cales se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais de Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, de Saúde Pública e de Desenvolvemento Rural, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia de Turismo de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Cantábrico, dos concellos de Baleira e Becerreá e da Sociedade Galega de Historia Natural.

– A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o “mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I”.

O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as “instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que estean a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental”.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto “fraccionamento” dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de sinerxías incluído no estudo de impacto ambiental, incluído un plano de sinerxías coa situación das infraestruturas próximas ao parque eólico Restelo. O estudo sobre a fauna realizouse considerando os parques eólicos e liñas eléctricas, tanto instalados como en tramitación, que se encontren a menos de 5 km.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións.

Así o declarou o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que “…unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede”.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020 modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares de ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o uso compartido destas por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, “non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois isto comportaría efectivamente unha fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de meirandes exixencias ambientais”.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que hai que perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo e reduce as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

– En relación coa afección ao medio hídrico, a Confederación Hidrográfica do Cantábrico emitiu informe o 26.10.2022, no cal informa sobre a rede fluvial, zonas inundables e aproveitamentos hídricos e conclúe indicando unha serie de consideracións que hai que ter en conta tanto previas, sobre o estudo de impacto ambiental e outras que hai que ter en conta en relación coa construción de instalacións eléctricas.

– Polo que atinxe ás afeccións a elementos arqueolóxicos do patrimonio cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informes o 28.10.2022 e o 9.5.2023. No primeiro deles, indica que desde o punto de vista da protección do patrimonio cultural é necesario ter en conta unha serie de condicións e consideracións a que deberá dar resposta o promotor.

O promotor achega nova proposta e, tras a súa análise, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural conclúe que coa nova configuración considera o parque eólico compatible coa protección e conservación do patrimonio cultural, por tanto, emite informe favorable da documentación presentada, debendo ter en conta, así mesmo, unha serie de condicións e consideracións recollidas no informe.

– No caso dos impactos sobre a saúde humana, a Dirección Xeral de Saúde Pública emite informe favorable, o 13.1.2023, sobre o proxecto, tras realizar unha avaliación deste desde os seguintes puntos de vista: caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos e identificación das posibles vías de exposición.

– No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal emitiu informes o 18.7.2022 e o 30.9.2022. De acordo cos datos do Servizo de Montes e o informe do distrito forestal, as obras afectan montes veciñais en man común, polo que será necesario informe do Servizo de Montes sobre compatibilidade e prevalencia de ambas as utilidades. Sinala a necesidade de constituír faixas de biomasa descritas na Lei 3/2007.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Defensa do Monte emitiu informe o 9.11.2022, en que conclúe: “tendo en conta os condicionantes recollidos nas consideracións legais e técnicas de mantemento permanente da operatividade das infraestruturas forestais afectadas (pistas, devasas, depósitos contra incendios forestais…), emítese informe favorable sobre a realización do parque eólico Restelo, situado nos concellos da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, na provincia de Lugo”.

– Así mesmo, en relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, hai que indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

– No que respecta ás distancias a núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.10.2021 recóllese que:

“Comprobado o planeamento vixente nos concellos afectados pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal do concello da Fonsagrada, aprobado definitivamente o 3.7.2019; Normas subsidiarias de planeamento do concello de Baleira, aprobadas definitivamente o 14.7.1988; Normas subsidiarias de planeamento do concello de Becerreá, aprobadas definitivamente o 28.4.1995, e as delimitacións de solo de núcleo rural do concello de Navia de Suarna), e as coordenadas dos aeroxeradores recollidas na memoria, conclúese que as súas posicións seguen a cumprir a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Psega respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable”.

– No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico (...), o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 21.10.2021.

– Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública cabe remitirse ás diferentes publicacións do acordo e da documentación obxecto da información pública (DOG núm. 147, do 3.8.2022).

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

– En relación coa solicitude de acceso ao programa de vixilancia ambiental, hai que indicar que a dita información forma parte do estudo de impacto ambiental sometido a IP (DOG núm. 147, do 3.8.2022).

– No que respecta ás solicitudes de acceso aos principais informes sectoriais que deberan ser obxecto de información pública e non foron, o artigo 6 da Directiva 2011/92/UE, tal e como recolle a Sentenza 1768/2023, ditada polo TS en recurso de casación 3303/2022, non impón expresamente que no trámite de consultas ás autoridades se realice antes da información pública para incluír nel a información que naquelas se obteña. Polo tanto, a dita solicitude non pode ser atendida, por non existir obriga de obter informes con carácter previo á información pública e, polo tanto, non dispoñer deles nese momento do procedemento.

Xa que logo, a falta de posta á disposición dos informes sectoriais no trámite de información pública non constitúe ningún defecto de tramitación. Todo isto sen prexuízo do dereito das persoas e entidades interesadas no procedemento de acceder e obter copia dos informes mencionados e do resto de información ambiental contida no expediente se así o solicitan.

– No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente mentres non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que “en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei”.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

– Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia, así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, hai que expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: “Atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos”.

– Polo que atinxe ás alegacións extemporáneas, de conformidade co artigo 38.3 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, non se terán en conta por presentarse fóra dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 36 e 37 da devandita lei».

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Restelo, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 7.11.2022:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: «Formular a declaración de impacto ambiental do proxecto nos termos recollidos ao longo deste documento, en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Restelo.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Restelo, sito nos concellos de Baleira, Becerreá, A Fonsagrada e Navia de Suarna (Lugo), promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 39,60 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Restelo, composto polo documento «Proxecto de execución do parque eólico Restelo, nos termos municipais da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna (Lugo), maio 2023», asinado electronicamente o 4.1.2024 por María Moreno Martínez e con visado do 8.1.2024, co número de folio 01, asento 006, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste, con declaración responsable da técnica redactora de cumprimento da normativa de aplicación, asinada o 15.1.2024.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Greenalia Wind Power, S.L.U.

Domicilio social: praza María Pita, 10, 1º, 15001 A Coruña (A Coruña).

Denominación: parque eólico Restelo.

Potencia instalada: 39,60 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 39,60 MW.

Produción neta: 121.080 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.058 h.

Concellos afectados: Baleira, Becerreá, A Fonsagrada, Navia de Suarna (Lugo).

Orzamento de execución material: 28.582.195 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás cales se circunscriben as autorizacións:

Vértice poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

656.663,00

4.764.200,00

2

657.946,00

4.761.394,00

3

657.676,00

4.758.786,00

4

654.911,00

4.757.354,00

5

652.103,00

4.763.110,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador
(proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

AE-01

654.563,00

4.762.599,00

6,6

2

AE-02

654.920,00

4.762.391,00

6,6

3

AE-03

655.300,00

4.762.164,00

6,6

4

AE-04

655.512,00

4.761.834,00

6,6

5

AE-08

654.972,00

4.760.489,00

6,6

6

AE-09

655.340,00

4.760.044,00

6,6

Coordenadas da subestación de transformación:

ID

Subestación transformadora
PE Restelo

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

7

Centro

655.271

4.760.345

8

Vértice 1

655.271

4.760.378

9

Vértice 2

655.305

4.760.356

10

Vértice 3

655.271

4.760.303

11

Vértice 4

655.227

4.760.332

12

Vértice 5

655.252

4.760.369

13

Vértice 6

655.261

4.760.363

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 6 aeroxeradores Siemens Gamesa SG170 ou similar de 6,6 MW de potencia nominal, 115 m de altura da buxa, 170 m de diámetro de rotor e con 200 m de punta de pa.

– 6 centros de transformación de 7.000 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación de 0,69/30 kV, instalados no interior dos aeroxeradores, cos seus correspondentes equipamentos de seccionamento, manobra e protección.

– Rede de media tensión soterrada para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión dos centros de transformación dos aeroxeradores 0,69/30 kV entre eles e coa subestación de transformación 30/132 kV do parque eólico, composta por 3 circuítos con condutores tipo RHZ1-OL 18/30 kV de 240 e 400 mm² de sección.

– Subestación eléctrica transformadora do parque eólico Restelo 30/132 kV, para evacuación da enerxía producida no parque eólico, constituída por:

• Edificio de control co sistema de celas de interior de 30 kV en configuración de simple barra con 3 posicións de liña, 1 posición de transformador, 1 posición de servizos auxiliares, 2 posicións de medida de barras e acoplamento a remonte de barras, coa aparellaxe deste sistema disposta en celas blindadas con illamento de SF6.

• Parque exterior cos elementos de 132 kV, en configuración de simple barra, con 1 posición de liña e 1 posición de transformador de potencia, segundo especificacións do proxecto.

• Transformador de intemperie 132/30 kV de potencia nominal 45/50 MVA ONAN/ONAF.

– Obra civil consistente en camiños de acceso aos aeroxeradores, cimentacións, plataformas de aeroxeradores e gabias para cablaxe e rede de terras.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O número 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «O importe do aval, que fixará o órgano substantivo, será actualizable e unha parte corresponderá á fase de obras e outra á de desmantelamento e abandono de instalacións». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 500.188 euros, dos cales 214.366 euros corresponderán á fase de obras e 285.822 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

7. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 7.11.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, obtendo os informes requiridos por parte da Axencia de Turismo de Galicia, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e da Dirección Xeral de Saúde Pública.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que se aproba mediante esta resolución, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

10. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación, sen prexuízo do disposto no artigo 28 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

11. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

12. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

13. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas

14. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, e no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais