DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15239

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Contado e á súa infraestrutura eléctrica de evacuación, sito nos concellos de Lugo e Castroverde, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2017/013).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. (actualmente Naturgy Renovables, S.L.U.), en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Contado, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26.10.2017 Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para o parque eólico.

Segundo. O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 22.3.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

Terceiro. O 31.1.2019 a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico.

Cuarto. O 4.11.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón do cambio de denominación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. a Naturgy Renovables, S.L.U.

Quinto. O 15.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito terceiro.

Sexto. O 8.7.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, concluíndo que as posicións dos 9 aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

Sétimo. O 10.12.2021, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), para a continuación da tramitación.

Oitavo. Polo Acordo do 17 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 28.2.2022, e a súa corrección de erros no DOG do 21.4.2022. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lugo e Castroverde), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Noveno. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Lugo, Concello de Castroverde, Retegal, Retevisión I, S.A.U., Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Deputación Provincial de Lugo.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (8.3.2022), Retevisión I, S.A.U. (21.3.2022), Augas de Galicia (7.3.2022) e Deputación Provincial de Lugo (11.3.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Décimo. O 2.10.2023 a xefatura territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Lugo e Concello de Castroverde.

Formalizada a tramitación ambiental, o 11.10.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública polo Anuncio do 13 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte Contado, nos concellos de Castroverde e Lugo, Lugo (DOG núm. 201, do 23 de outubro).

Décimo segundo. O 19.10.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

Décimo terceiro. O 2.11.2023 e o 4.11.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida (proxecto de execución e separatas) para a configuración definitiva do parque eólico, así como declaración responsable en relación cos organismos para os cales as modificacións introducidas no proxecto, como resultado dos distintos condicionados e informes emitidos, non supoñen novas afeccións.

As modificacións introducidas no proxecto como resultado dos informes emitidos durante o trámite ambiental inclúen a eliminación de catro posicións, das 9 inicialmente proxectadas, de forma que o parque eólico queda constituído por 5 aeroxeradores, configuración que conta con declaración de impacto ambiental á que se fai referencia no antecedente de feito décimo primeiro. Así mesmo, a potencia inicialmente proxectada queda reducida de 31,05 MW a 22,5 MW.

Décimo cuarto. O 5.12.2023, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal e Retevisión I, S.A.U.

O 29.12.2023 Retevisión I, S.A. e o 10.1.2024 Retegal emitiron os correspondentes condicionados técnicos.

O promotor prestou a súa conformidade a estes dous condicionados.

Décimo quinto. O 19.12.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a configuración definitiva do proxecto, concluíndo que todas as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Décimo sexto. O 28.12.2023 a Xefatura Territorial de Lugo efectuou un requirimento ao promotor sobre o contido do proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 2.11.2023, a que fai referencia o antecedente de feito décimo terceiro. Naturgy Renovables, S.L.U. contestou ao dito requirimento o 11.1.2024, xunto cunha nova versión do proxecto Parque eólico Monte Contado. Proxecto de execución de parque eólico e de infraestrutura eléctrica de evacuación, asinado dixitalmente o 11.1.2024 por Arturo Oliveras Sanz (graduado en enxeñaría industrial, enxeñeiro eléctrico, colexiado núm. 18.063 do Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Tarragona), autor e responsable do proxecto do parque eólico, e Ricardo Lago Alonso (enxeñeiro industrial colexiado núm. 2221 do ICOIIG) autor e responsable do proxecto da infraestrutura eléctrica de evacuación, e visado con número AE059679-R02 o 11.1.2024 polo Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos de Tarragona, incluíndo declaracións responsables dos técnicos redactores de cumprimento da normativa aplicable e de técnico competente.

Décimo sétimo. O 10.1.2024 Naturgy Renovables, S.L.U. achegou documento en que se recolle o uso compartido da subestación do parque eólico Monciro, titularidade da dita sociedade e que se atopa en explotación, para a evacuación da enerxía producida no parque eólico Monte Contado.

Décimo oitavo. O 12.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado pola promotora o 11.1.2024, mencionado no antecedente de feito décimo sexto.

Décimo noveno. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 31,05 MW, segundo os informes do xestor da rede do 17.3.2021 e do 7.4.2022.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actual Consellería de Economía, Industria e Innovación) e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), polo artigo 39 Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 248, do 30 de decembro) e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG núm. 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, pola Lei 7/2022, do 27 de decembro, e pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 4.1.2024 a xefatura territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recolle a resposta a aquelas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución.

«...

• No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.10.2023, e onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, do Patrimonio Natural, de Emerxencias e Interior, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal e da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Instituto de Estudos do Territorio, da Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Sociedade Galega de Historia Natural.

Polo que atinxe ás alegacións presentadas con posterioridade á declaración de impacto ambiental, inadmítense, de conformidade co artigo 23 da Lei 21/2013, do 9 decembro, de avaliación ambiental, por presentarse fora dos prazos de información pública e consultas regulados nos artigos 21 e 22 da devandita lei.

• A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I. O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou mais aeroxeradores, ou que teñan mais de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental.

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto fraccionamento dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O EsIA inclúe no seu anexo núm. 11 un estudo de sinerxías que engloba nunha única envolvente os parques eólicos próximos en dous espazos territoriais: un de 20 km para a análise do estudo paisaxístico e de visibilidade e outro de 5 km arredor do parque e liñas de alta tensión proxectadas en que se analizan os efectos sobre a fauna e a posible perda de conectividade ecolóxica. Identificándose na zona de estudo un total de 9 parques eólicos.

– Respecto do medio perceptible, dos resultados obtidos a partir dos datos de superficie visible dos parques eólicos e liñas eléctricas existentes, dedúcese que o incremento da cunca visual é de 0,02 % polo que o efecto visual engadido considerase moi reducido e que a afección non vai ser diferente á actualmente existente no ámbito analizado. Para os habitantes das poboación próximas, as novas infraestruturas suporán un incremento da visibilidade dun 8,11 % dos aeroxeradores e dun 0,39 % de apoios de liñas eléctricas, estímase, polo tanto, unha afección reducida. Así, os resultados da análise visual-paisaxística incluída no EsIA permiten concluír que o impacto sinérxico ou acumulativo se considera baixo e de carácter compatible.

– No que respecta á avifauna e quirópteros, o estudo de sinerxías prevé un aumento da intensidade dos efectos sinérxicos nunha soa das áreas analizadas, e esta é unha zona cun grao medio de conservación, polo que indican que non provocará un incremento significativo nas áreas analizadas dentro da envolvente de 5 km.

– En canto ao medio físico, os resultados indican que a distancia cos parques máis próximos elimina calquera posible efecto sinérxico, xa que a mais de 500 m o ruído xerado polos aeroxeradores é inferior a 45 dB.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que... unha cosa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede.

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, o duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais.

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo a perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo a superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Tal e como consta no Proxecto de execución do parque eólico Monte Contado, considérase a execución tanto dos aeroxeradores, como da rede colectora soterrada de 30 kV, liña de evacuación de 132 kV e subestación. Polo cal debe concluírse non orixinarse fraccionamento ningún, ao incluírse a totalidade das instalacións do parque eólico, correspondendo o fraccionamento de proxectos con aqueles supostos en que para evitar o sometemento a trámite de avaliación de impacto ambiental dunha determinada instalación, se separan partes desta, o que neste caso non concorre ao incluír no proxecto do parque eólico Monte Contado a totalidade dos elementos operativos necesarios para o seu funcionamento.

• Respecto ás alegacións sobre a falta de información ambiental, de difusión e claridade da información pública, cabe remitirse ao indicado na declaración de impacto ambiental do parque eólico, no punto 2.1 Resumo da tramitación, en que se recollen as diferentes publicacións do Acordo do 17 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo (publicado no DOG núm. 40, do 28.2.2022), sometéronse a información pública as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e segundo o previsto no artigo 36 da Lei 21/2013, o estudo de impacto ambiental e o proxecto do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación. Así mesmo, e simultaneamente, segundo o previsto no artigo 37 da Lei 21/2013, a dita xefatura territorial efectuou o trámite de consultas sobre o EsIA.

Con data do 21.4.2022 publícase no DOG núm. 76 unha corrección de erros do antedito Acordo do 17 febreiro de 2022, por un erro na transcrición da web de consulta da documentación ambiental que, como consecuencia, amplía a data de finalización do período de información pública.

No que respecta á participación do público no procedemento de avaliación ambiental, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

• No que respecta á validez e aplicación do Plan sectorial eólico de Galicia, cómpre subliñar que este segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en canto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que en canto non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei.

Á marxe do anterior, cómpre lembrar que na tramitación de cada procedemento de autorización de parques eólicos a Administración observa a normativa ambiental en vigor, incorporando aos expedientes os informes e actuacións legalmente exixibles.

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e publicouse o acordo no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002, polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e os proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo, este procedemento ambiental soamente obriga aos plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

• No informe da Comisión técnica temporal sobre enerxía eólica e paisaxes culturais en Galicia recoñécese a vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia, o EIA do proxecto avalía todos os impactos preceptivos por lei (paisaxístico, cultural, faunístico…). Así mesmo, o proxecto obtivo os informes previos preceptivos, como é o caso do informe favorable sobre o cumprimento de distancias a delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable, emitido pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio.

• No que respecta ás alegacións de carácter urbanístico, estas serán tidas en conta para a emisión do informe a que fai referencia o artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en relación co proxecto sectorial do parque eólico. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante este acordo conta co informe favorable da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 8.7.2021.

• No que respecta ás posibles afeccións ao medio forestal derivadas da execución do proxecto, o Servizo de Montes emitiu informe favorable o 12.9.2022 e condiciona o proxecto ao cumprimento do indicado no EsIA e ao mantemento do establecido para as redes primarias de faixas de xestión de biomasa na lexislación vixente, ademais do mantemento permanente do acceso dos medios dos servizos de prevención de incendios forestais aos puntos de carga de auga e resto de infraestruturas contra incendios. Polo exposto, a dirección xeral emite informe favorable sobre o o proxecto sempre e canto se instalen, como medida compensatoria pola perda de visibilidade dunha das cámaras de videovixilancia, catro cámaras de vixilancia nunha localización de común acordo co Servizo de Prevención de Incendios, que cumprirán co descrito no anexo dese informe.

• No que respecta ás alegacións relativas ás afeccións derivadas das distancias previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a promotora deberá cumprir coas prescricións da dita lei que resulten de aplicación.

• No que respecta ás posibles afeccións a montes veciñais en man común e zonas de concentración parcelaria a que se fai referencia no informe favorable da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, estas regúlanse no artigo 45.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, o réxime de aplicación no suposto de concorrencia da utilidade pública do aproveitamento eólico coa dos terreos integrantes de montes veciñais en man común.

• En relación cos prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, cómpre indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

• No que respecta ao risco para a saúde derivada da proximidade aos núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Saúde Pública do 06.03.2023 avalía o posible impacto do proxecto sobre a saúde humana tendo en conta a caracterización da poboación en situación de risco, determinación dos potenciais perigos, identificación das posibles vías de exposición, avaliación da necesidade de medición da exposición e do deseño dun estudo de avaliación de risco para a saúde do proxecto.

– En canto á xeración de ruído, indica que o promotor presenta medicións dos niveis de presión sonora preoperacionais obtendo valores máximos por debaixo dos límites establecidos na normativa reguladora, como tamén se obteñen resultados inferiores ao límite no estudo de modelización nos mesmos puntos. Conta cun plan de vixilancia dos niveis de ruído durante o primeiro ano para asegurar que non afecta as vivendas máis próximas aos aeroxeradores.

– Respecto dos campos electromagnéticos, sinala que vistos os valores obtidos se constata que están moi por debaixo dos limiares máximos establecidos, sen achegar un plan de vixilancia a este respecto.

– En canto ao efecto pestanexo de sombras, shadow flicker, o promotor presenta un estudo do potencial impacto tanto para o peor caso como para o caso real, dando como resultado certa afección para o caso teórico e a non superación dos límites.

• Respecto da saturación na capacidade de acollida de enerxía eléctrica en Galicia así como a solicitude de moratoria na autorización de parques, cómpre expoñer que recentemente a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos nos seguintes termos: atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e actualmente en tramitación e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitirán a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

• No punto 2.1 do estudo de impacto ambiental do parque eólico Monte Contado e liña de evacuación asociada incorpórase xustificación do interese público do proxecto desde a perspectiva das políticas públicas orientadas ao autoabastecemento enerxético, freo do cambio climático e fomento do emprego de enerxías renovables; buscándose a través diferentes convenios internacionais a que se atopa ligada España a redución na taxa de emisións de gases de efecto invernadoiro e a necesidade de desenvolver proxectos con fontes autóctonas para garantir a subministración enerxética, ao cal se engaden os compromisos asumidos pola Unión Europea para 2020 e 2030 con respecto á redución de emisións e os obxectivos específicos do Plan de acción nacional de enerxías renovables 2011-2020 con respecto ao aumento de cobertura con fontes renovables de enerxía primaria e do consumo bruto de electricidade, para o que se planifica o desenvolvemento dun incremento duns 14.845 MW en potencial eólico en terra.

Durante a fase de construción, tal e como se recolle no punto 4.2.1.K.2 do estudo de impacto ambiental, do mesmo xeito que na fase de operación, como se determina no punto 4.2.2.G.2 e na fase de desmantelamento, de conformidade ao establecido no seu punto 4.2.3.G.2, favorecerase a xeración de emprego na comarca polo que o impacto do parque eólico Monte Contado neste sentido se considera positivo.

• No anexo II da parte II do Proxecto de execución do parque eólico Monte Contado incorpórase estudo de recurso eólico».

No caso de escritos recibidos de oposición á declaración de impacto ambiental do 11.10.2023, segundo o establecido no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a declaración de impacto ambiental non será obxecto de recurso sen prexuízo dos que, de ser caso, procedan en vía administrativa e xudicial fronte ao acto polo que se autoriza o proxecto.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Monte Contado, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 11.10.2023:

a) A Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático resolveu: formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Contado en cumprimento do disposto no artigo 41 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, concluíndo que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Contado.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4. Condicións ambientais.

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

5.1. Aspectos xerais.

5.2. Aspectos específicos.

5.3. Informes do programa de vixilancia.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que esta dirección xeral ten atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, sito nos concellos de Lugo e Castroverde (Lugo) e promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., para unha potencia de 22,50 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, composto polo documento Parque eólico Monte Contado. Proxecto de execución de parque eólico e de infraestrutura eléctrica de evacuación, asinado dixitalmente o 11.1.2024 por Arturo Oliveras Sanz (graduado en enxeñería industrial, enxeñeiro eléctrico, colexiado núm. 18.063 do Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Tarragona), autor e responsable do proxecto do parque eólico, e Ricardo Lago Alonso (enxeñeiro industrial, colexiado núm. 2.221 do ICOIIG) autor e responsable do proxecto da infraestrutura eléctrica de evacuación, e visado con número AE059679-R02 o 11.1.2024 polo Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos de Tarragona.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Naturgy Renovables, S.L.U.

Domicilio social: avda. Arteixo núm. 171, 15007 A Coruña.

Denominación: parque eólico Monte Contado.

Potencia instalada: 22,50 MW.

Potencia autorizada/evacuable: 22,50 MW.

Produción neta: 65.040 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 2.891 h.

Concellos afectados: Lugo e Castroverde (Lugo).

Orzamento de execución material do parque eólico: 15.410.413,72 euros.

Orzamento de execución material da infraestrutura eléctrica de evacuación: 3.121.381,23 euros.

Orzamento de execución material total: 18.531.794,95 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, a que se circunscriben as autorizacións:

ID

Vértice
poligonal

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

P01

A

629.800,00

4.766.300,00

P02

B

629.800,00

4.769.200,00

P03

C

624.550,00

4.769.200,00

P04

D

624.550,00

4.766.300,00

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

ID

Aeroxerador (proxecto)

Coordenadas UTM

Potencia nominal unitaria (MW)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

L8-01

628.995,00

4.766.853,00

4,5

2

L8-02

628.727,00

4.767.107,00

4,5

3

L8-03

628.370,00

4.767.196,00

4,5

4

L8-08

626.372,00

4.768.170,00

4,5

5

L8-09

626.158,00

4.768.631,00

4,5

Coordenadas da subestación de transformación:

Subestación

transformadora

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

A

627.393,42

4.767.181,53

CT/SUB_ENV

B

627.417,28

4.767.212,21

CT/SUB_ENV

C

627.458,05

4.767.180,50

CT/SUB_ENV

D

627.434,18

4.767.149,82

CT/SUB_ENV

P

627.419,40

4.767.199,52

CT/SUB

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores modelo Enercon E-138 ou similar de 4.500 kW de potencia nominal unitaria, 138 m de diámetro de rotor e cunha altura de buxeiro de 154 metros en L8-02 e L8-03 e de 131 metros en L8-01, L8-08 e L8-09.

– 5 centros de transformación, instalados no interior da torre de cada un dos aeroxeradores, formados por transformadores de 4.800 kVA de potencia nominal e relación de transformación 0,65/30 kV, celas de media tensión de 30 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– Rede colectora soterrada de 30 kV, conformada polos cables de MT, con condutor tipo RHZ1-2OL 18/30 kV, os cables de comunicación e os cables de terra, que unen os aeroxeradores entre si e coa subestación elevadora, co obxecto de evacuar a enerxía xerada.

– Subestación PE Monte Contado 30/132 kV tipo GIS/HIS constituída por:

• Un parque a intemperie en que se instala unha posición liña-transformador en 132 kV con tecnoloxía HIS.

• Un transformador 30/132 kV de 30/35 MVA.

• Un edificio prefabricado que alberga as celas de MT e elementos auxiliares.

– Liña de evacuación da enerxía eléctrica xerada polo PE Monte Contado de 132 kV de tensión nominal cun trazado que discorre polos concellos de Castroverde e Lugo e que se divide en dous tramos, un aéreo de 7.599,5 metros entre o pórtico da subestación PE Monte Contado e o apoio núm. 34 da LAT de paso aerosoterrado con condutor 147-AL1/34-ST1A (LA-180) e OPGW 24 FO e un tramo soterrado de 285 metros entre o apoio núm. 34 de paso aerosoterrado e a nova posición HIS da subestación do PE Monciro 20/132 kV con cable tipo 76/132 kV RHZ1-2OL(S) 1×630 mm2 AL+H165.

– Ampliación dunha nova posición de liña 132 kV con tecnoloxía HIS e acometida en soterrado na subestación PE Monciro 20/132 kV.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da que se propón que o 40 % corresponderá a fase de obras, e o 60 % ao de desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 324.306,00 euros, dos cales 129.722,40 euros corresponderán á fase de obras e 194.583,60 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.10.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás que o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras:

– O promotor deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións a desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas. Terase en conta a altura dos aeroxeradores respecto das diferentes alturas e dirección de voo da avifauna.

O documento deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Previamente ao inicio de obras, deberá contar co informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil respecto do indicado na resposta do promotor ao primeiro informe dese organismo.

– O promotor, en relación co indicado no punto 2.2. da DIA sobre o informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e con carácter previo ao inicio das obras, deberá achegar a documentación e información dos aspectos que se indican nel. No caso de que a documentación e información relativa aos citados aspectos non se presente no prazo indicado ou, presentada en prazo, non resultase abonda ou adecuada para a acreditación destes, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario.

7. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. O promotor, de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o que se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación ou, se procede, modificación, do deseño da súa posta a terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

10. A dirección de obra, unha vez executada a liña de evacuación e efectuadas as preceptivas medicións da resistencia de posta a terra nos apoios non frecuentados, certificará que o tempo de actuación das súas proteccións, unha vez feitos os axustes que procedan, é inferior a 1 segundo.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais