DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15230

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 12 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Barbanza, sito no concello de Boiro (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2011/1).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 12 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Barbanza.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico O Barbanza, sito no concello de Boiro (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 15 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático), en 100.983 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas na declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral o informe favorable do Concello de Boiro, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Defensa do Monte e, de ser o caso, Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 10.5.2016, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables de Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a Xefatura Territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Barbanza, cunha potencia de 15 MW e promovido por Norvento, S.L.

2. O 3.2.2011, Norvento, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, inclusión no réxime especial e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico O Barbanza.

3. Finalizado o período de consultas previas, o 16.6.2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe sobre a cualificación e trámite de avaliación de impacto ambiental, de acordo co previsto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. O 21.9.2011 a promotora achegou o estudo de impacto ambiental.

4. Mediante a Resolución do 26 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico O Barbanza, no concello de Boiro, na provincia da Coruña.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 7.5.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 18.4.2012 e no xornal La Voz de Galicia do 24.4.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do Concello afectado de Boiro, nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

5. Durante a tramitación do procedemento, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Boiro, Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, Retegal, Retevisión e Augas de Galicia.

O Concello de Boiro non emitiu condicionado pese á súa reiteración o 10.8.2012.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Estatal de Seguridade Aérea o 18.9.2012, Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes o 31.8.2012, Retegal o 16.4.2012 e 22.10.2012, Retevisión o 27.4.2012, Augas de Galicia o 14.5.2012 e 29.10.2014.

O 16.4.2012, Retegal, S.A. informou favorablemente o proxecto, establecendo a necesidade de compromiso por parte do promotor de realizar campañas de medición de cobertura e emenda de defectos futuros. Así mesmo, o 22.10.2012, solicitou que na autorización do parque eólico se recolla que se tras a instalación deste existe afectación aos sinais de TDT o promotor tome as medidas necesarias para o restablecemento da correcta calidade do sinal.

O 27.4.2012, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, posto que podería derivar na aparición de afeccións no detectadas na configuración xeográfica anterior.

O 31.8.2012, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes remite informe en que realiza unha serie de consideracións relativas aos trazados das vías proxectadas, sobre a servidume destas para a súa utilización polos servizos de prevención e extinción de incendios e sobre os posibles danos aos marcos de sinalización de lindeiros e ao arborado situado fóra da superficie afectada.

O 18.9.2012, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitiu una emenda de documentación, á cal o promotor contestou o 5.11.2012, indicando que realizou unha nova solicitude de autorización de servidumes aeronáuticas e obstáculos maiores de 100 m segundo o procedemento establecido para o efecto pola propia Axencia Estatal de Seguridade Aérea. Neste sentido, o 1.4.2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

O 29.10.2014, Augas de Galicia informou favorablemente o proxecto de execución condicionado que se teñan en conta as prescricións feitas no propio informe no referente a drenaxe transversal.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto.

6. O 17.6.2013, a Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

7. O 18.6.2013, a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral para o Turismo e Augas de Galicia.

Como consecuencia da tramitación ambiental, Norvento, S.L. propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral, nun trazado alternativo proposto polo Concello de Boiro do vieiro interior e do acceso ao parque eólico, e na relocalización da subestación e edificio de control, tal e como recolle a addenda ao estudo de impacto ambiental. Parque eólico O Barbanza. Xuño 2014 presentada pola promotora o 27.6.2014.

Cumprida a tramitación ambiental, o 10.5.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico O Barbanza. Esta declaración fíxose pública mediante publicación no DOG nº 39, do 27 de febreiro de 2020, da Resolución do 26 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

9. O 22.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 (segundo a redacción anterior da lei) da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable delimitado reguladas no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia.

10. O 26.8.2022, Norvento, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o proxecto de execución refundido do parque eólico O Barbanza, actualizado segundo a normativa vixente de aplicación.

11. O 12.1.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico O Barbanza (nº de expediente IN661A 2011/1), promovido por Norvento, S.L., e pola Resolución do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico O Barbanza (nº de expediente IN661A 2011/1), promovido por Norvento, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

12. O 23.2.2023, Norvento, S.L., en resposta a un requirimento da Xefatura Territorial, presentou o proxecto de execución do parque eólico O Barbanza, versión 2, febreiro 2023 (visado o 17.2.2023 co nº 0378/22).

13. O 9.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. O 27.6.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o documento ambiental dos cambios introducidos, xunto coas separatas técnicas ou declaración responsable en que indique para que empresas u organismos non se modifican as afeccións e non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico.

15. O 27.7.2023, Norvento, S.L. presentou as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Así mesmo, o 4.8.2023 achegou o documento ambiental, Valoración ambiental do proxecto de execución do parque eólico O Barbanza, adecuación á DIA, xullo 2023, no que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental, a cal consiste, en esencia, na orientación dos elementos da subestación eléctrica e do pórtico de saída para a súa adaptación á liña de evacuación.

16. O 14.9.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Boiro, Dirección Xeral de Aviación Civil, Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A. o 2.10.2023, Retegal, S.A. o 23.10.2023 e Augas de Galicia o 27.10.2023.

O Concello de Boiro emitiu, o 17.11.2023 un informe desde o punto de vista urbanístico indicando que a actuación é compatible co planeamento vixente, e o 28.11.2023 un informe ao respecto de varios xacementos arqueolóxicos nas inmediacións das obras.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

17. O 25.9.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático informou que a modificación proxectada non ten repercusións ambientais.

18. O 22.10.2023, a Asesoría Xurídica Xeral deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 26.9.2023, concluíndo que a falta de resolución sobre o incidente de execución de sentenza non impide continuar coa tramitación dos proxectos dos parques eólicos da zona 7 e outorgar as autorizacións. A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito quinto desta resolución.

19. O 27.11.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, no que se conclúe que todas as posicións dos aeroxeradores seguen a cumprir a distancia mínima coas delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

20. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 15 MW, segundo o informe do xestor da rede do 15.3.2021.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais