DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15215

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 12 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico O Barbanza, sito no concello de Boiro (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2011/1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico O Barbanza, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico O Barbanza, cunha potencia de 15 MW e promovido por Norvento, S.L.

Segundo. O 3.2.2011, Norvento, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, inclusión no réxime especial e a declaración de utilidade pública, en concreto, para o parque eólico O Barbanza.

Terceiro. Finalizado o período de consultas previas, o 16.6.2011, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe sobre a cualificación e trámite de avaliación de impacto ambiental, de acordo co previsto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos. O 21.9.2011 a promotora achegou o estudo de impacto ambiental.

Cuarto. Mediante a Resolución do 26 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución, do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e do estudo de impacto ambiental referidos ao proxecto do parque eólico O Barbanza, no concello de Boiro, na provincia da Coruña.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 7.5.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 18.4.2012 e no xornal La Voz de Galicia do 24.4.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios do Concello afectado de Boiro, nas dependencias da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Coruña e da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas á promotora e contestadas por esta.

Quinto. Durante a tramitación do procedemento, a Xefatura Territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Boiro, Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes, Retegal, Retevisión e Augas de Galicia.

O Concello de Boiro non emitiu condicionado pese a súa reiteración o 10.8.2012.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Axencia Estatal de Seguridade Aérea o 18.9.2012, Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes o 31.8.2012, Retegal o 16.4.2012 e 22.10.2012, Retevisión o 27.4.2012, Augas de Galicia o 14.5.2012 e 29.10.2014.

O 16.4.2012, Retegal, S.A. informou favorablemente o proxecto, establecendo a necesidade de compromiso por parte do promotor de realizar campañas de medición de cobertura e subsanación de defectos futuros. Así mesmo, o 22.10.2012, solicitou que na autorización do parque eólico se recolla que se tras a instalación deste existe afectación aos sinais de TDT o promotor tome as medidas necesarias para o restablecemento da correcta calidade do sinal.

O 27.4.2012, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lles comunique calquera modificación para avaliar as posibles afeccións, posto que podería derivar na aparición de afeccións non detectadas na configuración xeográfica anterior.

O 31.8.2012, a Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes remite informe en que realiza unha serie de consideracións relativas aos trazados das vías proxectadas, sobre a servidume destas para a súa utilización polos servizos de prevención e extinción de incendios e sobre os posibles danos aos marcos de sinalización de lindeiros e ao arborado situado fóra da superficie afectada.

O 18.9.2012, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea emitiu una emenda de documentación, á cal o promotor contestou o 5.11.2012, indicando que realizou unha nova solicitude de autorización de servidumes aeronáuticas e obstáculos maiores de 100 m segundo o procedemento establecido para tal efecto pola propia Axencia Estatal de Seguridade Aérea. Neste sentido, o 1.4.2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou a instalación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

O 29.10.2014, Augas de Galicia informou favorablemente o proxecto de execución condicionado que se teñan en conta as prescricións feitas no propio informe no referente a drenaxe transversal.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto.

Sexto. O 17.6.2013, a Xefatura Territorial emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas sobre o proxecto do parque eólico.

Sétimo. O 18.6.2013 a Xefatura Territorial remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Oitavo. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral para o Turismo e Augas de Galicia.

Como consecuencia da tramitación ambiental, Norvento, S.L. propuxo modificacións do proxecto, consistentes con carácter xeral, nun trazado alternativo proposto polo Concello de Boiro do vieiro interior e do acceso ao parque eólico, e na relocalización da subestación e edificio de control, tal e como recolle a addenda ao estudo de impacto ambiental. Parque eólico O Barbanza. Xuño 2014 presentada pola promotora o 27.6.2014.

Cumprida a tramitación ambiental, o 10.5.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental (DIA) relativa ao parque eólico O Barbanza. Esta declaración fíxose pública mediante publicación no DOG nº 39, do 27 de febreiro de 2020, da Resolución do 26 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Noveno. O 22.7.2020, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.5 (segundo a redacción anterior da lei) da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación respecto das delimitacións dos núcleos rurais, solo urbano e solo urbanizable delimitado reguladas no punto 3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia.

Décimo. O 26.8.2022, Norvento, S.L. presentou ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o proxecto de execución refundido do parque eólico O Barbanza, actualizado segundo a normativa vixente de aplicación.

Décimo primeiro. O 12.1.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico O Barbanza (nº de expediente IN661A 2011/1), promovido por Norvento, S.L., e mediante a Resolución do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico O Barbanza (nº de expediente IN661A 2011/1), promovido por Norvento, S.L., o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo segundo. O 23.2.2023, Norvento, S.L., en resposta a un requirimento da Xefatura Territorial, presentou o proxecto de execución do parque eólico O Barbanza, versión 2, febreiro 2023 (visado o 17.2.2023 co nº 0378/22).

Décimo terceiro. O 9.3.2023, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas para o proxecto refundido do parque eólico, de acordo co artigo 33.16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo cuarto. O 27.6.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor o documento ambiental dos cambios introducidos, xunto coas separatas técnicas ou declaración responsable en que indique para que empresas u organismos non se modifican as afeccións e non é necesario solicitar un novo informe sobre o condicionado técnico.

Décimo quinto. O 27.7.2023, Norvento, S.L. presentou as separatas para aqueles organismos afectados polas modificacións introducidas no proxecto. Así mesmo, o 4.8.2023, achegou o documento ambiental, Valoración ambiental do proxecto de execución do parque eólico Barbanza, adecuación á DIA, xullo 2023, no que se avalían as modificacións introducidas no proxecto refundido con respecto á configuración do proxecto recollida na declaración de impacto ambiental, a cal consiste, en esencia, na orientación dos elementos da subestación eléctrica e do pórtico de saída para a súa adaptación á liña de evacuación.

Décimo sexto. O 14.9.2023, esta dirección xeral, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, remitiulles as novas separatas do proxecto de execución refundido aos seguintes organismos e/ou empresas de servizo público: Augas de Galicia, Concello de Boiro, Dirección Xeral de Aviación Civil, Retegal, S.A. e Retevisión I, S.A.

A continuación relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retevisión I, S.A. o 2.10.2023, Retegal, S.A. o 23.10.2023 e Augas de Galicia o 27.10.2023.

O Concello de Boiro emitiu, o 17.11.2023 un informe desde o punto de vista urbanístico indicando que a actuación é compatible co planeamento vixente, e o 28.11.2023 un informe ao respecto de varios xacementos arqueolóxicos nas inmediacións das obras.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta á totalidade dos condicionados emitidos. Para o resto das entidades que non contestaron, e sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009.

Décimo sétimo. O 25.9.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático informou que a modificación proxectada non ten repercusións ambientais.

Décimo oitavo. O 22.10.2023, a Asesoría Xurídica Xeral deu resposta á consulta efectuada pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 26.9.2023, concluíndo que a falta de resolución sobre o incidente de execución de sentenza non impide continuar coa tramitación dos proxectos dos parques eólicos da zona 7 e outorgar as autorizacións. A epígrafe de conclusións do informe transcríbese no fundamento de dereito quinto desta resolución.

Décimo noveno. O 27.11.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, no que se conclúe que todas as posicións dos aeroxeradores seguen a cumprir a distancia mínima coas delimitacións do solo de núcleo rural, urbano e urbanizable.

Vixésimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 15 MW, segundo o informe do xestor da rede do 15.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación) e no artigo 34.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. As alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como coas compensacións económicas que se poidan percibir por parte dos afectados pola eventual expropiación daqueles, cómpre indicar que serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución.

En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre a promotora e as persoas afectadas, durante o procedemento expropiador fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10.5.2016, que se fixo pública mediante a Resolución do 26 de maio de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG nº 39, do 27 de febreiro de 2020), onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias, e a necesidade dun plan de vixilancia ambiental.

Así mesmo, durante o trámite de avaliación de impacto ambiental ao que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Secretaría Xeral para o Turismo e Augas de Galicia.

3. No relativo á necesidade de visado colexial do proxecto de execución e do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, cómpre indicar que o proxecto que por esta resolución se autoriza está asinado polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro (colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros ICAI) e visado no referido colexio co nº 0378/22 do 17.2.2023.

Cuarto. A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, con respecto á declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico O Barbanza, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 10.5.2016 (publicada no DOG nº 39, do 27 de febreiro de 2020), e recollida nos antecedentes de feito desta resolución:

a) A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu formular a declaración de impacto ambiental favorable para o proxecto, nos termos propostos polo Servizo de Avaliación Ambiental de Proxectos, en cumprimento do disposto no artigo 12 do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico O Barbanza.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

3. Ámbito da DIA e condicións ambientais.

3.1. Protección da atmosfera.

3.2. Protección das augas e leitos fluviais.

3.3. Protección do solo e infraestruturas.

3.4. Xestión de residuos.

3.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

3.6. Protección do patrimonio cultural.

3.7. Integración paisaxística e restauración.

3.8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

3.8.1. Aspectos xerais.

3.8.2. Aspectos específicos.

3.8.3. Informes do programa de vixilancia.

3.9. Outras condicións.

Consonte o disposto no artigo 52 da dita Lei 21/2013, correspóndelle ao órgano substantivo o seguimento e vixilancia do cumprimento da declaración de impacto ambiental.

Quinto. Tal e como se recolle nos antecedentes de feito, o 22.10.2023 a Asesoría Xurídica emitiu informe en resposta á consulta desta dirección xeral do 26.9.2023, sobre a procedencia ou non de outorgar as autorizacións administrativas ao parque eólico obxecto da presente resolución. No dito informe conclúese o seguinte:

«Esta asesoría xurídica entende que non hai impedimento para outorgarlle ao proxecto eólico O Barbanza as autorizacións administrativas previa e de construción, unha vez se completen todos os requisitos e trámites legalmente exixidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, de conformidade coas seguintes conclusións:

1. Tal e como se di no auto da Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 16.2.2023, a Capital Energy, S.A. non se lle recoñece o dereito a ser o adxudicatario do parque, senón a que se lle tramite a súa solicitude. E aínda que o cambio normativo non debe deixalo en peor posición que a recoñecida en sentenza pola anterior, se isto sucede é cando se podería desencadear o procedemento do artigo 105.2 da LXCA, de aí non pode deducirse que poida conservar latente a execución da sentenza ata que se produza o desenlace da tramitación intentada ao abeiro da Lei 5/2017.

2. Os proxectos seleccionados na zona 7 que se encontran na fase final de tramitación optaron no seu día por acollerse ao novo réxime legal derivado da Lei 5/2017, polo que continuaron tramitándose como novas solicitudes de acordo con esa normativa e desvinculáronse do concurso de selección de anteproxectos realizado anteriormente.

3. O incidente de execución aínda non está resolto definitivamente polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o único que rexeitou foi a solicitude de arquivo por perda sobrevida de obxecto pero que deixa aberta a porta ao arquivo por perda de interese por cumprimento da sentenza acreditando a equivalencia de situacións. Con todo, esta situación non impide que a Administración autonómica continúe a tramitación dos proxectos dos parques eólicos na zona 7 e outorgue as autorizacións, pois están afectados polos fitos temporais da normativa estatal cuxo incumprimento determina a caducidade dos dereitos de acceso e conexión á rede de distribución e o consecuente prexuízo para as persoas promotoras.

4. Por último, o promotor do proxecto sobre o que se formula a consulta é coñecedor da situación procesual porque é parte no PO 7532/2011 e formulou alegacións no incidente de execución. En definitiva, coñece e pode valorar os elementos que eventualmente poderían afectar á autorización que se outorgue, polo que, ao noso xuízo, non se encontra nunha situación na que posteriormente poida facer valer, para os efectos de responsabilidade patrimonial, o principio de protección da confianza lexítima fronte á Administración en atención á aparencia creada pola autorización outorgada».

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico O Barbanza, sito no concello de Boiro (A Coruña) e promovido por Norvento, S.L., para unha potencia de 15 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico O Barbanza, composto polo documento Proxecto de execución parque eólico O Barbanza versión 2, febreiro 2023, asinado polo enxeñeiro industrial Pablo María Fernández Castro (colexiado nº 985/201 do Colexio Nacional de Enxeñeiros ICAI) e visado no referido colexio co nº 0378/22 do 17.2.2023.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, nº 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico O Barbanza.

Potencia instalada: 15 MW.

Potencia autorizada/máxima evacuable: 15 MW.

Produción neta: 50.723 MWh/ano.

Concellos afectados: Boiro (A Coruña).

Orzamento de execución material: 13.510.356 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico, ás que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

poligonal

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

1

506.624,67

4.726.785,25

2

506.624,67

4.724.385,23

3

504.824,66

4.724.385,23

4

504.824,66

4.726.785,25

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

BR01

506.385,67

4.725.113,24

BR02

506.312,67

4.725.387,24

BR03

505.639,66

4.725.183,24

BR04

505.968,67

4.724.629,23

BR05

506.137,67

4.725.812,24

Coordenadas da subestación do parque eólico:

Subestación

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

SUB

505.912,67

4.725.210,24

Coordenadas das torres meteorolóxicas:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

(fuso 29 ETRS89)

X

Y

TM_BR1

506.098,67

4.726.051,24

TM_BR2

505.566,66

4.724.815,24

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 5 aeroxeradores Vestas V112 de 3 MW de potencia nominal unitaria, de 119 m de altura da buxa, de 112 m de diámetro de rotor.

– 5 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, co seu correspondente equipamento de seccionamento, manobra e protección.

– Liñas eléctricas soterradas de 20 kV para a evacuación de enerxía, interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores 0,65/20 kV e a subestación transformadora 20/66 kV.

– Subestación transformadora híbrida de intemperie, para evacuación de enerxía producida no parque eólico, composta por un transformador principal 20/66 kV, de 11,25/15 MVA ONAN/ONAF e un transformador de servizos auxiliares 20/0,42 kV de 100 kVA cos correspondentes equipos de control, seccionamento, manobra, medida e protección.

– Edificio de control no cal se situarán, entre outros, as celas de liña, de protección e de medida.

– 2 torres meteorolóxicas autoportantes de 119 metros de altura, equipadas con viraventos, anemómetros, medidores de temperatura, medidores de presión e rexistrador de datos.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Norvento, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (actualmente Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático), en 100.983 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes do inicio das obras, a promotora deberá achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas na declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral o informe favorable do Concello de Boiro, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Defensa do Monte e, de ser o caso, Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 10.5.2016, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo co condicionado recollido na DIA, o promotor deberá contar, con carácter previo ao inicio das obras do parque eólico, cos informes favorables de Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Natural e Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

7. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnico facultativo competente, no que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

8. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuados e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

9. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para obter a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

10. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

11. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

12. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servicios públicos ou de interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

13. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais