DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15209

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Xesteiros, sito no concello da Estrada (Pontevedra) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/5-4).

A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa do parque eólico Monte Xesteiros.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Xesteiros, sito no concello da Estrada (Pontevedra) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 33 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, contados a partir do outorgamento da presente autorización administrativa previa, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.

2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

4. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), así como a conformidade da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático en relación coas afeccións do parque eólico ao Radar Meteorolóxico da Xunta de Galicia situado no monte Xesteiras.

Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción, e no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora), cunha potencia de 33 MW.

2. O 16.4.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

3. Mediante a Resolución do 18 de decembro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública a autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21.2.2013, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 7.2.2013 e no xornal La Voz de Galicia do 13.2.2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (A Estrada e Cuntis), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

Así mesmo, emitiron o correspondente condicionado técnico en relación coas separatas do proxecto as seguintes administracións, organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, o 4.10.2013, Concello da Estrada, o 13.3.2013, Retegal, o 28.1.2013 e Retevisión I, S.A., o 31.1.2013.

4. O 30.6.2022 Norvento, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Monte Xesteiros ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

5. O 24.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

6. O 26.7.2023, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Monte Xesteiros á Xefatura Territorial de Pontevedra, para a continuación da tramitación.

7. Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), en concreto, das instalacións do parque eólico Monte Xesteiros.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.8.2023. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Estrada), e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

8. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Deputación de Pontevedra, Más Móvil, Orange, Retegal, Retevisión, Movistar (Telefónica) e Vodafone, ademais do Concello da Estrada.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 19.9.2023, Orange, o 31.8.2023, Retegal, o 30.8.2023, Retevisión I, S.A., o 23.8.2023, Movistar (Telefónica), o 8.8.2023, e Vodafone, o 17.8.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

9. O 12.1.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Xesteiros, e mediante a Resolución do 25 de setembro de 2023 da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

10. O 4.10.2023 a xefatura territorial emitiu o informe previsto no artigo 33.16 e remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

11. O 6.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante Anuncio do 9 de outubro de 2023, da dita dirección xeral (DOG nº 200, do 20 de outubro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Saúde Publica, de Emerxencias e Interior, de Augas de Galicia, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, do Instituto de Estudos do Territorio e do Concello da Estrada.

12. O 19.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

13. O 9.11.2023, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega o proxecto de execución refundido Proxecto de execución. Parque eólico Monte Xesteiros. Novembro 2023, visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI o 7.11.2023, así como o shape final das infraestruturas do parque eólico e as separatas para as seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público e de servizos de intereses xerais afectados: Concello da Estrada, Deputación Provincial de Pontevedra, Retegal, Retevisión, Augas de Galicia, Orange, Telefónica Movistar, Vodafone, Más Móvil e Meteogalicia.

14. O 21.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico ás seguintes administracións, organismos e empresas de servizo público: Concello da Estrada, Deputación Provincial de Pontevedra, Retegal, Retevisión, Augas de Galicia, Orange, Telefónica Movistar, Vodafone, Más Móvil e Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 21.12.2023, Orange, o 30.11.2023, Retegal, o 9.12.2023, Retevisión I, S.A., o 28.11.2023, Movistar (Telefónica), o 28.11.2023, e a Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, o 13.12.2023.

15. O 2.1.2024, o promotor solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

16. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 33 MW, segundo informe do xestor da rede do 8.3.2021.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais