DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15184

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 5 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa ás instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Xesteiros, sito no concello da Estrada (Pontevedra) e promovido por Norvento, S.L. (expediente IN661A 2010/5-4).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Norvento, S.L., en relación coa autorización administrativa previa do parque eólico Monte Xesteiros, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG nº 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico, promovido por Norvento, S.L. (en diante, a promotora), cunha potencia de 33 MW.

Segundo. O 16.4.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, do parque eólico.

Terceiro. Mediante a Resolución do 18 de decembro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública a autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación, a aprobación do proxecto de execución, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo ambiental das instalacións referidas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 21.2.2013, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 7.2.2013 e no xornal La Voz de Galicia, do 13.2.2013. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados (A Estrada e Cuntis), da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

Durante o dito período de exposición pública presentáronse diversas alegacións, todas elas contestadas pola promotora.

Así mesmo, emitiron o correspondente condicionado técnico en relación coas separatas do proxecto as seguintes administracións, organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, o 4.10.2013, Concello da Estrada, o 13.3.2013, Retegal, o 28.1.2013 e Retevisión I, S.A., o 31.1.2013.

Cuarto. O 30.6.2022 Norvento, S.L. presentou solicitude de modificación substancial para o proxecto denominado parque eólico Monte Xesteiros ao abeiro da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Quinto. O 24.7.2023, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009 onde se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

Sexto. O 26.7.2023, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral remitiulle a documentación técnica da modificación substancial do proxecto do parque eólico Monte Xesteiros á Xefatura Territorial de Pontevedra, para a continuación da tramitación.

Sétimo. Mediante a Resolución do 2 de agosto de 2023, da Xefatura Territorial de Pontevedra, someteuse a información pública o estudo de impacto ambiental, as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, e o proxecto sectorial (proxecto de interese autonómico), en concreto, das instalacións do parque eólico Monte Xesteiros.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 10.8.2023. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios do concello afectado (A Estrada), e nas dependencias da Consellería de Economía, Industria e Innovación da Xefatura Territorial de Pontevedra, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Asemade, a dita resolución estivo exposta no portal web da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

Oitavo. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido no artigo 33.12 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na súa redacción vixente nesa data, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Augas de Galicia, Deputación Provincial de Pontevedra, Más Móvil, Orange, Retegal, Retevisión, Movistar (Telefónica) e Vodafone, ademais do Concello da Estrada.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 19.9.2023, Orange, o 31.8.2023, Retegal, o 30.8.2023, Retevisión I, S.A., o 23.8.2023, Movistar (Telefónica), o 8.8.2023, e Vodafone, o 17.8.2023.

O promotor prestou a súa conformidade ou deu resposta aos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, e de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

Noveno. O 12.1.2023, o Consello da Xunta de Galicia acordou declarar iniciativa empresarial prioritaria o parque eólico Monte Xesteiros, e mediante a Resolución do 25 de setembro de 2023, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, declarouse a tramitación de urxencia dos procedementos administrativos correspondentes ao parque eólico, o que supón a redución á metade dos prazos establecidos para o procedemento ordinario, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos.

Décimo. O 4.10.2023, a xefatura territorial emitiu o informe previsto no artigo 33.16 remitiu o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo primeiro. O 6.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante o Anuncio do 9 de outubro de 2023, da dita dirección xeral (DOG nº 200, do 20 de outubro).

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Patrimonio Natural, de Saúde Pública, de Emerxencias e Interior, de Augas de Galicia, de Defensa do Monte, de Planificación e Ordenación Forestal, do Instituto de Estudos do Territorio e do Concello da Estrada.

Décimo segundo. O 19.10.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle ao promotor a documentación técnica refundida resultante como consecuencia dos diversos condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante a tramitación do expediente.

Décimo terceiro. O 9.11.2023, a empresa deu resposta ao requirimento mencionado no antecedente de feito anterior e achega o proxecto de execución refundido Proxecto de execución. Parque eólico Monte Xesteiros. Novembro 2023, visado polo Colexio de Enxeñeiros do ICAI o 7.11.2023, así como o shape final das infraestruturas do parque eólico e as separatas para as seguintes administracións, organismos ou empresas de servizo público e de servizos de intereses xerais afectados: Concello da Estrada, Deputación Provincial de Pontevedra, Retegal, Retevisión, Augas de Galicia, Orange, Telefónica Movistar, Vodafone, Más Móvil e Meteogalicia.

Décimo cuarto. O 21.11.2023, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundidas do parque eólico ás seguintes administracións, organismos e empresas de servizo público: Concello da Estrada, Deputación Provincial de Pontevedra, Retegal, Retevisión, Augas de Galicia, Orange, Telefónica Movistar, Vodafone, Más Móvil e Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático.

A seguir relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Augas de Galicia, o 21.12.2023, Orange, o 30.11.2023, Retegal, o 9.12.2023, Retevisión I, S.A., o 28.11.2023, Movistar (Telefónica), o 28.11.2023, e a Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático, o 13.12.2023.

Décimo quinto. O 2.1.2024, o promotor solicitou o outorgamento por separado da autorización administrativa previa, de acordo co previsto na disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo sexto. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia de 33 MW, segundo informe do xestor da rede do 8.3.2021.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente, Consellería de Economía, Industria e Innovación), e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 203, do 25 de outubro), pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de febreiro), polo artigo 39 Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 251, do 31 de decembro), polo artigo 46 da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 248, do 30 de decembro), e polo artigo 39 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas (DOG nº 246, do 29 de decembro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, o 3.1.2024, a Xefatura Territorial remitiu informe complementario de tramitación en que se recollen a elas respostas das mesmas, o cal se incorpora textualmente a esta resolución:

«En relación coas alegacións que se refiren a aspectos xerais que afectan a avaliación ambiental do proxecto, impacto ambiental en xeral, sensibilidade ambiental da zona de implantación do proxecto, e cumprimento dos obxectivos da estratexia da UE sobre a biodiversidade, cómpre indicar que o proxecto foi sometido ao correspondente trámite de avaliación de impacto ambiental, resultado do que, o 6.10.2023, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formula a DIA, con carácter previo á autorización do parque eólico, considerando que o proxecto é viable desde un punto de vista ambiental, sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, as condicións ambientais (punto 4) e as consideracións sobre o programa de vixilancia e seguimento ambiental (punto 5) expostas no propio documento da DIA, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que o proxecto foi sometido, recibíronse informes dos seguintes organismos e administracións: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Augas de Galicia, Sociedade Galega de Historia Natural e Concello da Estrada.

Respecto das alegacións que se refiren á calidade do estudo de impacto ambiental (EsIA), indicar que ao formularse a DIA deste proxecto considérase que o EsIA achegado conta con toda a información que indica o artigo 35 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.

Respecto das alegacións que se refiren ás afeccións ao patrimonio natural e a biodiversidade, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural (DXPN) emitiu informe sobre o EsIA en que conclúe que, da análise da documentación, se considera que non é previsible que o proxecto xere efectos significativos e será compatible coa preservación do patrimonio natural e a biodiversidade, sempre e cando se garanta o cumprimento das medidas recollidas na documentación achegada e se teñan en conta as consideracións indicadas no informe.

O informe inclúe medidas adicionais concretas de protección da avifauna e os quirópteros, para a minimización do impacto por colisión. Ademais, tendo en conta que as aliñacións e conxuntos de aeroxeradores de varios parques eólicos poden xerar efectos sinérxicos e acumulativos, especialmente sobre as poboacións de aves e quirópteros, a DXPN analizou estes efectos e conclúe que o proxecto analizado se situa nunha contorna onde se considera que o aumento da densidade de aeroxeradores non producirá efectos sinérxicos incompatibles.

No que respecta á presencia do lobo, deberase dar cumprimento ao punto 18 (efecto barreira das infraestruturas), número 5, do Decreto 297/2008, do 30 de decembro, polo que se aproba o Plan de xestión do lobo en Galicia. Neste sentido, como parte do plan de vixilancia ambiental, o promotor deberá remitir a DXPN un estudo con datos sólidos sobre a presenza de lobos na área de influencia do parque eólico, e realizar unha avaliación e seguimento das posibles afeccións sobre as súas poboacións: estrutura social, zonas de cría, uso do espazo, etc.

En relación coa afección a humidais, o mencionado informe indica que, revisado o Inventario de humidais de Galicia (IHG), o desenvolvemento do proxecto non afecta ningunha das zonas húmidas recollidas no dito inventario.

Por outra parte, con respecto ás alegacións sobre afeccións a espazos naturais protexidos, no seu informe a DXPN refire que, o lugar onde se localiza o proxecto non ten ningunha figura de espazos naturais protexidos, das recollidas na Lei 5/2019, do 2 de agosto, de patrimonio natural e da biodiversidade de Galicia, e na Lei 42/2007, do 13 de decembro, de patrimonio natural e da biodiversidade, non está comprendida dentro dos límites de ningunha área protexida por instrumentos internacionais, e non afecta áreas prioritarias para avifauna ameazada e/ou zonas e protección da avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión. Tamén se indica que ningún dos hábitats de interese comunitario ou prioritario se verá afectado polas infraestruturas asociadas ao parque eólico Monte Xesteiros, e que non se prevé ningunha afección sobre a especie escribano palustre (Emberiza schoeniclus L. Subsp lusitánica Steinbacher).

Respecto ás afeccións á paisaxe e á integración paisaxística, o 25.9.2023, o Instituto de Estudos do Territorio (IET) emitiu un primeiro informe de impacto e integración paisaxística, en que se indica que o principal impacto paisaxístico e a incidencia visual producida polos aeroxeradores, a cal non supón, para os efectos do artigo 33.1.d) do Regulamento para o desenvolvemento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia (RLPPG), un impacto crítico pero é susceptible de ser mitigada coa adopción das medidas preventivas e correctoras que se sinalan no Estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) do EsIA, completadas con outras medidas especificadas no informe do IET.

O promotor, o 4.10.2023, presentou unha resposta ao anterior informe, e unha addenda ambiental en que se desenvolven as respostas e se detallan os cambios propostos, consistentes principalmente na eliminación dos aeroxeradores MX-06 e MX-07, e o desprazamento do MX-03 e do MX-04, así como a redución da plataforma de montaxe do aeroxerador MX-02, e modificacións nos trazados das vías de acceso.

O 5.10.2023, o IET emitiu un segundo informe en que se indica que os cambios introducidos no proxecto responden adecuadamente ás indicacións do anterior informe do IET, xa que reducen a incidencia visual sobre o miradoiro de Monte Requián e a alteración topográfica e afectación a afloramentos rochosos de interese. Respecto das medidas correctoras, e concretamente as relacionadas coas plantacións para a formación de barreiras visuais, sinalan que as consideran aceptables coas aclaracións expresadas na addenda ambiental. O informe conclúe que a incidencia visual producida polos aeroxeradores non supón, para os efectos do artigo 33.1.d) do RLPPG, un impacto crítico, pero é susceptible de ser mitigada coa adopción das medidas preventivas e correctoras previstas nos documentos ambientais, incluídas as condicións de ocultación antes aludidas. Tamén se indica que o EsIA do proxecto incorpora un Estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP) cuxo contido se axusta ao disposto no artigo 11.2 da Lei 7/2008 e nos artigos 26 e seguintes do RLPPG.

Respecto ás afeccións ao Patrimonio Cultural, o 29.8.2023, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) emitiu un primeiro informe de carácter desfavorable respecto das obras relativas á posición do aeroxerador MX-06 e as súas infraestruturas asociadas (pola súa afección á igrexa de Santa Mariña de Barcala e ao contorno dos túmulos de Pedra Xestosa), á posición do aeroxerador MX-07 (pola súa afección á igrexa de Santa Mariña de Barcala), e aos tramos de vieiros deseñados nos contornos de protección dos túmulos de Pedra Xestosa e de Pedra da Aguía.

O resto das infraestruturas son informadas favorablemente coas medidas correctoras xerais e específicas establecidas na documentación ambiental do proxecto, ás cales o informe engade unha serie de condicións e consideracións, entre as que están a realización dun estudo detallado do contorno da igrexa de Santa María de Frades, para os efectos de avaliar as medidas correctoras necesarias para o núcleo de Frades, e a presentación dun proxecto de control e seguimento arqueolóxico das obras.

Como resposta a este informe, o 4.10.2023, o promotor achegou o documento «Addenda ambiental parque eólico Monte Xesteiros. Termo municipal da Estrada, Pontevedra. Outubro de 2023», onde describe os cambios realizados para reducir ou minimizar os impactos descritos pola DXPC, consistentes na eliminación dos aeroxeradores MX-06 e MX-07 e as infraestruturas asociadas ao MX-06, o redeseño da vía que vai desde a posición MX-06 (eliminada) ata a subestación, e a eliminación da vía proxectada entre os aeroxeradores MX-05 e MX-07 (eliminado), e a maior parte da vía proxectada ata a posición MX-08.

No seu segundo informe, a DXPC considera que os cambios realizados precisan ser revisados en campo por unha persoa con cualificación arqueolóxica, ampliando o ámbito da prospección ás novas zonas de obras, incluíndo o habitual contorno de 200 m, para garantir que na zona non existen novos elementos non localizados ata este momento. A DXPC sinala que os resultados con esta prospección poderán condicionar o novo proxecto de obra. Expóñense os novos condicionantes a ter en conta polo promotor e lémbranse os establecidos no primeiro informe. A DXPC conclúe o informe de xeito favorable, sempre que se apliquen as medidas protectoras e correctoras establecidas nos seus informes.

En relación coas afeccións aos recursos hídricos, o 19.9.2023, Augas de Galicia emite informes relativos ao proxecto de interese autonómico por unha parte, e sobre o estudo de impacto ambiental do proxecto do parque eólico por outra, con idénticas consideracións e conclusións sobre diferentes aspectos con competencia por parte deste organismo: Rede fluvial, espazos protexidos (inclúe unha relación das zonas protexidas recollidas no PHGC e zonas protexidas a nivel estatal e autonómico), zonas de captación para abastecemento humano (enuméranse as máis próximas ás actuacións previstas incluídas no PHGC), zonas inundables, e actuacións susceptibles de causar afeccións ao medio hídrico. Finalizan os dous informes expoñendo unha serie de condicións particulares, para logo concluír no caso do informe sobre o EsIA do parque eólico Monte Xesteiros, que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos tendo en conta as medidas protectoras e correctoras que o promotor prevé adoptar indicadas na documentación sometida a informe, e as consideracións para tal efecto referidas neste informe, en especial, as que se refiren aos aproveitamentos hídricos e ás zonas de captación para abastecemento humano. De xeito similar, no caso do informe sobre o proxecto de interese autonómico, infórmase favorablemente sempre que se atendan as consideracións expostas nos seus parágrafos precedentes.

O 3.10.2023, o promotor responde manifestando a súa conformidade co carácter favorable dos informes emitidos por Augas de Galicia.

En relación cos efectos que a execución do proxecto poida ter sobre a saúde e a calidade de vida, o 5.9.2023, a Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) emite informe en que indica, con respecto á avaliación do ruído, que se deberá achegar un estudo preoperacional in situ dos niveis sonoros, e un estudo acústico na fase de explotación do parque que analice o efecto resultante tendo en conta os niveis de ruído obtidos no estudo preoperacional, de forma que non se superen os limiares impostos pola normativa de aplicación e poder asegurar a ausencia de efectos significativos dos que poidan derivarse afeccións para a saúde da poboación.

En relación coa exposición aos campos electromagnéticos producidos polas instalacións obxecto de estudo, a DXSP indica que ten reservas con respecto ao estudo dos campos electromagnéticos incluído na documentación avaliada, pero como a subestación se atopa a máis de 1.000 metros das vivendas residenciais máis próximas, non é de esperar afeccións por campos electromagnéticos á saúde humana.

Con respecto ao pestanexo de sombras (Shadow Flicker), a DXSP indica que se deberán prever as medidas protectoras e correctoras que se deben aplicar no caso de superar o limiar de 8 h/ano para o «caso real», e non 30 h/ano como se refire na documentación obxecto de estudo, de acordo cos criterios de avaliación desta dirección xeral recollidos no documento «Alcance do estudo de impacto ambiental para parques eólicos».

O 3.10.2023, o promotor responde que amosa a súa conformidade co carácter favorable do informe, e comprométese a presentar o estudo preoperacional in situ dos niveis sonoros e o estudo acústico na fase de explotación do parque, así como a prever as medidas protectoras e correctoras con respecto ao pestanexo de sombras no caso de superar o limiar de 8 h/ano para o «caso real».

Con respecto ás alegacións relativas ás distancias aos núcleos de poboación, no informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) do 24.7.2023 indícase que resulta de aplicación a disposición transitoria sétima da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida polo artigo 39 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais administrativas, polo que a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado será de 500 m.

Neste informe tamén se indica que, comprobado o planeamento vixente no concello afectado pola área de incidencia urbanística proposta (Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) do Concello da Estrada aprobado definitivamente o 3.6.2013) e as coordenadas dos 8 aeroxeradores recollidos nos arquivos shp achegados, a DXOTU conclúe que todas as posicións cumpren a referida distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

E preciso subliñar con respecto ao parágrafo anterior que o informe da DXOTU é anterior as modificacións propostas polo promotor, xurdidas para adaptarse aos condicionados derivados dos informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e o Instituto de Estudos do Territorio, e contidas no documento «Addenda ambiental parque eólico Monte Xesteiros. Termo municipal da Estrada, Pontevedra. Outubro 2023». Como xa se ten dito, as ditas modificacións consisten principalmente na eliminación dos aeroxeradores MX-06 e MX-07, e o desprazamento do MX-03 e do MX-04, polo que a comprobación a que se fai referencia no informe da DXOTU non recolle as posicións últimas dos aeroxeradores MX-03 e MX-04.

Con todo, o informe da DXOTU remata observando que, no caso de que se continúe coa tramitación do proxecto de interese autonómico (PIA), e previamente á súa elevación á aprobación definitiva do Consello da Xunta, deberá remitirse o referido PIA a este centro directivo, para o informe preceptivo previsto no artigo 40.1 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, en que obviamente xa estarán recollidas as aludidas modificacións nas coordenadas dos aeroxeradores MX-03 e MX-04.

Con respecto ás alegacións relativas á suposta fragmentación fraudulenta de proxectos:

A Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, define o fraccionamento de proxectos como o «mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria, no caso de que a suma das magnitudes supere os limiares establecidos no anexo I». O pretendido fraccionamento tería como fin último eludir a avaliación ambiental ordinaria. Porén, no caso de parques eólicos próximos entre si, non é posible (mediante o fraccionamento) evitar o seu sometemento ao procedemento ordinario de avaliación ambiental, pola obriga de considerar os efectos sinérxicos ou acumulativos con outros parques xa construídos e/ou avaliados.

Así, no ámbito dos parques eólicos, o referido anexo I establece que estarán sometidas á avaliación ambiental ordinaria, entre outras, as «Instalacións para a utilización da forza do vento para a produción de enerxía (parques eólicos) que teñan 50 ou máis aeroxeradores, ou que teñan máis de 30 MW ou que se atopen a menos de 2 km doutro parque eólico en funcionamento, en construción, con autorización administrativa ou con declaración de impacto ambiental».

Polo tanto, no caso das instalacións de aproveitamento eólico, o fraccionamento que se alega de adverso non produce os efectos denunciados (evitar que o proxecto teña que ser sometido a unha avaliación ambiental ordinaria).

Por outra banda, a Lei 21/2013 obriga a que os estudos de impacto ambiental que presenten os promotores deban recoller os efectos sinérxicos ou acumulativos derivados da existencia doutros parques eólicos ou outro tipo de instalacións nas proximidades. Polo tanto, ese suposto «despezamento» dos proxectos non evita que a avaliación ambiental deba ter en conta o efecto derivado da proximidade doutras instalacións e infraestruturas.

O proxecto do parque eólico conta cun estudo de efectos acumulativos incluído no estudo de impacto ambiental (anexo 2), en que se seleccionaron os parques eólicos, liñas eléctricas de alta tensión, subestacións de evacuación de enerxía e antenas de telecomunicación, localizados nun radio de 15 km na contorna dos aeroxeradores do parque eólico Monte Xesteiros. Todos estes proxectos atópanse en distintas fases de tramitación: nova solicitude, en tramitación (inicial ou avanzada), en fase de obra civil e en explotación ou autorizados.

Cómpre sinalar que nada impide, desde o punto de vista da lexislación ambiental e do sector eléctrico, a execución de parques próximos entre si por parte dun mesmo ou distintos promotores e compartindo certas instalacións. Así o ten declarado o Tribunal Supremo na súa Sentenza do 11 de decembro de 2013 cando di que: «... unha cousa é que os distintos elementos e instalacións dun parque eólico deban ter unha consideración unitaria e outra que iso impida que poidan existir parques próximos e que estes poidan compartir a localización dalgúns elementos ou a liña de vertedura á rede».

Pola contra, tanto a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, como o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como o Real decreto 1183/2020, do 29 de decembro, de acceso e conexión ás redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, obrigan a que se compartan as infraestruturas de evacuación, precisamente para evitar un maior impacto ambiental. En concreto, a disposición derradeira segunda do Real decreto 1183/2020, modifica o Real decreto 1955/2000 para condicionar a autorización administrativa das infraestruturas de evacuación á presentación, por parte dos titulares das ditas liñas de evacuación, dun documento que acredite a existencia dun acordo vinculante para o seu uso compartido por parte de todos os titulares de permisos de acceso e conexión na mesma posición de liña. En palabras do Alto Tribunal, na devandita Sentenza do 11 de decembro de 2013, «non podería darse un tratamento separado a grupos de aeroxeradores de forma artificiosa e tratalos como parques autónomos, ou duplicar instalacións co mesmo fin, pois iso comportaría efectivamente un fraude de lei que, á marxe do seu maior impacto ambiental, podería supoñer unha alteración da competencia ou unha evitación de maiores exixencias ambientais».

Pola súa parte, a Lei 8/2009 define parque eólico como a instalación de produción de electricidade a partir de enerxía eólica, constituída por un ou varios aeroxeradores interconectados electricamente con liñas propias, que comparten unha mesma estrutura de accesos e control, con medición de enerxía propia, así como coa obra civil necesaria. Polo tanto, de acordo con esta definición, pode colixirse o carácter unitario dun parque e considerarse autónomo e independente sempre que teña capacidade de funcionamento separado, sen prexuízo de que comparta infraestruturas de evacuación con outros parques. É máis, compartir infraestruturas de evacuación supón, como é lóxico, un menor impacto ambiental, obxectivo que se debe perseguir neste tipo de instalacións. Nesta mesma liña, a utilización de accesos comúns supón un uso máis racional do terreo, reducindo as superficies afectadas polas instalacións.

No que respecta á definición de instalacións de conexión, a Lei 8/2009 remítese ao establecido no artigo 30 do mencionado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, entendendo por instalacións de conexión de centrais de xeración aquelas que sirvan de ligazón entre unha ou varias centrais de xeración de enerxía eléctrica e a correspondente instalación de transporte ou distribución, incluíndo liñas e subestacións.

Neste caso concreto, o parque eólico Monte Xesteiros ten previsto compartir a infraestrutura de evacuación da enerxía xerada, co parque eólico Castro Valente (con autorización en vigor), mediante unha liña de alta tensión a 66 kV que finaliza na subestación colectora de Santiago. Este feito non impide que ambos os parques teñan carácter unitario e que poidan funcionar de xeito independente, posto que cada un deles dispón dos correspondentes equipos de corte e medida da enerxía, o que ao mesmo tempo supón unha redución dos impactos ambientais xerados.

En canto ás alegacións relativas ao impacto socioeconómico, falta de retorno social do proxecto e de beneficios económicos para os concellos afectados, lembramos que no artigo 25 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, se concreta o destino do Fondo de Compensación Ambiental: un 50 % da súa contía destinarase ás entidades cuxo termo municipal se atope dentro da poligonal de delimitación dun parque eólico ou resulten afectadas polas correspondentes instalacións de conexión para a realización de: actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, coñecemento e utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e recuperación do medio natural degradado ou contaminado; actuacións de impulso á eficiencia e utilización sustentable das enerxías renovables; outras actuacións de protección do ambiente e o espazo natural.

Con respecto ás alegacións relativas a parcelas afectadas polo proxecto, afección á concentración parcelaria de Monte Val do Vea-sector II, o Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial da Consellería do Medio Rural de Pontevedra expón, no seu informe do 9.8.2023, que a dita zona de concentración parcelaria foi declarada de utilidade pública mediante o Decreto 162/1997, do 18 de xuño, e se atopa en fase de acordo de concentración parcelaria aprobado o 22.8.2012, pendente de firmeza e coa toma de posesión provisional dos predios de substitución desde o 20.12.2017.

Advírtese neste informe que, consonte a Lei 4/2015 de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, desde que os participantes reciben da dirección xeral a toma de posesión provisional ou definitiva dos predios de substitución gozan, fronte a todos, dos medios de defensa establecidos nas leis. Polo tanto, calquera afección sobre terreos incluídos nesta zona de concentración parcelaria debe referirse aos novos predios de substitución e aos seus lexítimos propietarios.

O informe tamén advirte que debe evitarse o uso de información catastral xa que nesta zona aínda non reflicte a nova distribución da propiedade e sinala que ata a firmeza do acordo poden producirse variacións na configuración ou titularidade dos predios de substitución.

Por último, o informe indica que, no caso de obras que afectan os predios desta zona de concentración parcelaria, ata a aprobación da acta de reorganización da propiedade, estas obras deben contar coa autorización previa deste servizo, prevista no artigo 68.2 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia.

O 3.10.2023, o promotor responde que o proxecto cumprirá coa lexislación e normativa de aplicación correspondente e manifesta a súa conformidade co carácter favorable do informe.

En relación coas alegacións que fan referencia as perdas e limitacións sobre o aproveitamento das parcelas afectadas polo proxecto, indicar que o expediente en curso non contén a solicitude da declaración de utilidade pública (DUP), a cal segundo o artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, poderá efectuarse de maneira simultánea á solicitude de autorización administrativa previa e/ou de construción, durante a tramitación destas autorizacións, ou con posterioridade á obtención de calquera das ditas autorizacións administrativas.

Segundo o referido artigo 44 da Lei 8/2009, para o recoñecemento da utilidade pública das instalacións obxecto do expediente, é necesario que a empresa interesada o solicite, incluíndo unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos sobre os que non se obtivo un acordo cos seus titulares e sobre os que se considera necesaria a expropiación. Polo tanto, naqueles casos en que non se chegara a un acordo entre a promotora e os titulares das parcelas afectadas, no correspondente procedemento expropiador fixaranse as compensacións de acordo coa lexislación aplicable.

Tamén, consonte o artigo 45 da referida Lei 8/2009, se solicitado o recoñecemento de utilidade pública pola persoa promotora do parque eólico, se opuxese á declaración deste a persoa titular doutro interese público radicado no mesmo espazo territorial, por entender que a autorización e a subseguinte instalación do parque eólico prexudicarían a este, procederase a determinar a compatibilidade ou incompatibilidade dos aproveitamentos enfrontados, e declararase, en caso de incompatibilidade, a prevalencia dun deles.

Con respecto ás alegacións relativas ao procedemento administrativo, en relación coa ausencia dos informes sectoriais entre a documentación exposta a información pública, no artigo 33 punto 10 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, indícase que a unidade responsable da tramitación someterá a información pública, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental no caso de avaliación ambiental ordinaria e, se é o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellería competente en materia de enerxía.

E no punto 12 do artigo 33 da Lei 8/2009, dise o seguinte: de modo simultáneo ao trámite de información pública, a unidade responsable da tramitación realizará o trámite de audiencia e de consultas ás administracións públicas afectadas e ás persoas interesadas, e solicitará, polo menos, os informes preceptivos indicados para a avaliación ambiental e de aprobación do proxecto sectorial, dando audiencia aos concellos afectados. Así mesmo, enviaranse de forma simultánea as separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas do servizo público e de servizos de interese xeral afectados, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establezan o condicionado técnico procedente do proxecto de execución.

Polo exposto no parágrafo anterior, dedúcese a non dispoñibilidade dos informes sectoriais no momento de publicación da documentación que, segundo a Lei 8/2009, deberá ser sometida a información pública.

En relación coa feble posición dos particulares afectados e do público en xeral respecto dos seus dereitos de participación no procedemento, cómpre sinalar que a normativa que rexeu este procedemento incorpora as disposicións previstas no convenio Aarhus sobre a participación pública, polo que os dereitos que nel se establecen quedan debidamente garantidos.

Con respecto ás alegacións sobre a non vixencia do Plan sectorial eólico de Galicia e á falta da avaliación ambiental estratéxica deste, cómpre subliñar que o citado plan segue vixente e resulta plenamente aplicable. A Lei 8/2009, do 22 de decembro, ampara a plena vixencia e aplicabilidade do plan preexistente en tanto non se aprobe o novo previsto, ao establecer na súa disposición transitoria terceira que «mentres non se aprobe un novo plan sectorial eólico de Galicia entenderase aplicable o actualmente vixente en todo aquilo que non se opoña ao establecido nesta lei».

Así mesmo, en relación coa necesidade de someter o Plan sectorial eólico de Galicia ao trámite de avaliación ambiental estratéxica, cómpre manifestar que este plan foi aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia o 1 de outubro de 1997, e o acordo publicouse no DOG do 15.12.1997.

Posteriormente, publicouse no DOG do 3.1.2003 o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 5.12.2002 polo que se aproba definitivamente a modificación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do Plan eólico de Galicia.

En ambos os casos cumpriuse co disposto no procedemento de aprobación, segundo o establecido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, e no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Cómpre ter en conta que coa aprobación da primeira lei de avaliación ambiental estratéxica, Lei 9/2006, do 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, todos os plans tramitados polas administracións públicas deben someterse a avaliación ambiental. Non obstante, a propia lei recollía unha moratoria para os plans que estaban nese ano nun estado moi avanzado de tramitación. Logo este procedemento ambiental soamente obriga os plans que iniciaron a súa tramitación a partir do ano 2006 e non pode aplicarse con efectos retroactivos.

Respecto ás alegacións sobre a saturación na capacidade de acollida de novos proxectos de parques eólicos en Galicia, expoñer que a Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, incorporou unha nova disposición adicional sexta á Lei 8/2009, do 22 de decembro, dedicada á planificación de novas solicitudes de parques eólicos, segundo a cal, atendendo ao número dos proxectos de parques eólicos admitidos e en tramitación, e á cifra de MW prevista nestes proxectos, e co obxecto de procurar unha ordenación racional do sector, durante o prazo de 18 meses desde a entrada en vigor da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, non se admitiron a trámite novas solicitudes de parques eólicos.

Respecto ás alegacións que fan referencia ao risco de incendios forestais, a promotora deberá cumprir todas as prescricións previstas na lexislación correspondente: Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais en Galicia. Cabe remitirse, en calquera caso, ao recollido no informe favorable da Dirección Xeral de Defensa do Monte do 4.9.2023.

Con relación a outros riscos: abatemento da estrutura, lanzamento de xeo, risco de electrocución por raios,..., remitirse ao capítulo 7 do EsIA «Vulnerabilidades do proxecto PE Monte Xesteiros», avaliado para a formulación da DIA, en que se analizan os diferentes tipos de riscos, e ao informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior en que, revisada esta documentación, se considera que o risco de accidentes graves ou catástrofes é baixo, e as medidas de prevención incluídas son correctas. Todo isto sen prexuízo de que, dado que o proxecto está afectado polo Real decreto 393/2007, do 23 de marzo, e/ou recollido dentro das actividades incluídas no anexo I do Decreto 172/2022, do 6 de outubro, polo que se aproba o Catálogo de actividades que deben adoptar medidas de autoprotección e polo que se fixa o contido desas medidas, o titular do parque eólico está obrigado a implantar, manter e revisar o Plan de autoprotección.

En relación co impacto económico negativo sobre explotacións agrícolas, gandeiras, forestais e madeireiras, indicar que non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

Con respecto ás alegacións sobre as posibles afeccións sobre o tendido eléctrico, infraestruturas de telefonía e telecomunicacións, cómpre sinalar que no «punto 3.9 da Memoria do proxecto de execución» indícase que non se detectaron cruzamentos ou paralelismos respecto ás instalacións proxectadas, segundo o establecido na ITC-LAT 06 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC_LAT 01 a 09. E concretamente, polo tanto, non se detectaron cruzamentos nin paralelismos con outros cables de enerxía eléctrica, nin con cables de telecomunicacións.

Con respecto ás afeccións sobre as sinais de televisión dixital, telefonía móbil, e transmisión analóxica, cómpre indicar que no trámite de solicitude de informes a distintas administracións ou organismos afectados, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, remitiuse separata do proxecto aos seguintes organismos e empresas: Subdirección Xeral de Inspección das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Retegal, Cellnex-Retevisión, Orange, Telefónica, Vodafone e Más Movil.

A Subdirección Xeral de Inspección das Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital expón que, estudado o proxecto presentado, na contorna en que se pretende instalar o parque eólico se atopan en funcionamento determinadas estacións radioeléctricas que están legalmente autorizadas, polo que, de acordo co establecido no artigo 101 do Regulamento sobre o uso do dominio público radioeléctrico, aprobado mediante o Real decreto 123/2017, do 24 e febreiro, os titulares das ditas estacións teñen dereito a protección fronte a interferencias prexudiciais, causadas por calquera outra estación ou equipo. Polo tanto, no caso de que se detecten perturbacións no momento da instalación do parque eólico ou durante o seu funcionamento, a empresa responsable da instalación e/ou xestión do parque eólico deberá responsabilizarse de analizar o problema xunto cos titulares das estacións radioeléctricas co fin de eliminar as interferencias e de asumir, se é o caso, o custo das instalacións alternativas ou de calquera outra medida que fora necesario adoptar, co fin de asegurar a continuidade da calidade adecuada do servizo de radiocomunicacións afectado.

Pola súa parte, Retegal emite condicionado técnico en que conclúe que ben que non se observan obstrucións directas dos sinais de televisión TDT, non se poden descartar ao 100 % afectacións por causa do multitraxecto nalgunha entidade de poboación do contorno do parque eólico. Por canto exixe compromiso do promotor da instalación para a realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades do contorno, coa finalidade de proceder á comprobación de que non se produce perda ou degradación dela. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión de cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais de TDT.

Cellnex-Retevisión expresa no seu informe que, logo de efectuar un estudo preliminar de afectación, se podería afectar os servizos de difusión da TDT pública a 0 habitantes, e da TDT privada a 44 habitantes. Con todo, non desexa manifestar oposición ao dito proxecto, sempre que no caso de producirse algunhas deficiencias na recepción da sinal de televisión como consecuencia da instalación do parque eólico, se obrigue a promotora a adoptar as medidas correctoras necesarias para resolver as ditas deficiencias.

Orange indica que non ten constancia de ter canalización executada como promotor na zona de actuación do parque eólico.

Pola súa banda, Telefónica de España, S.A.U. indica que non ten obxección ningunha á execución do proxecto sempre que cumpra a normativa vixente en relación cos paralelismos e cruzamentos con liñas de telecomunicación e, en particular, os regulamentos electrotécnicos de alta e baixa tensión.

Vodafone España, S.A.U. exprésase, no seu informe, en idénticos termos que Telefónica.

O 4.10.2023, o promotor responde individualmente aos informes de Orange, Telefónica e Vodafone e manifesta a súa conformidade.

Co respecto á empresa Más Móvil, non consta que teña emitido o informe requirido.

En relación coa alegación relativa a que a exposición pública do EsIA incumpre o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da administración electrónica, debido a que o acceso aos documentos expostos á información pública se produce a través dunha aplicación de pagamento descargable logo de introducir datos de carácter persoal, indicar que na páxina web da Consellería de Economía, Industria e Innovación, xunto cos enlaces aos documentos proxecto técnico, estudo de impacto ambiental, proxecto de interese autonómico e estudo preoperacional avifauna, dispúxose un enlace a unha Guía de consulta de documentos, en que se explica o procedemento para visualizar ou descargar os documentos aludidos. Nesta guía exponse que os documentos constituídos por un único arquivo en formato pdf (proxecto técnico e proxecto de interese autonómico) pódense visualizar directamente na web con tan só premer no enlace, ou ser descargados premendo no botón correspondente. O estudo de impacto ambiental, pola contra, é un contedor de arquivos pdf, polo que ao premer no enlace (o cal contén un texto de advertencia para consultar a guía) aparece un aviso xerado polo software empregado polo promotor para crear o contedor de arquivos pdf. Neste caso, exponse na guía a necesidade de descargar o arquivo ao equipo, explicándose o procedemento a seguir. Xa descargado aparece no equipo en cuestión como un arquivo con formato pdf, que se pode visualizar co software de visualización de arquivos pdf. No caso do documento estudo preoperacional avifauna, e o propio documento da Guía de consultas de documentos, ao premer no enlace accédese a unha plataforma na nube, desde a cal se poden descargar libremente os ditos documentos.

En canto á alegación relativa a que «a localización das infraestruturas do parque eólico Monte Xesteiros non é coherente co índice de sensibilidade ambiental aplicado na Memoria de zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables: eólica e fotovoltaica do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico», indicar que o obxectivo do citado documento é elaborar un instrumento que permita identificar, desde o punto de vista ambiental, as áreas do territorio que presentan maiores condicionantes ambientais para a implantación destes proxectos a nivel nacional, mediante a obtención dun modelo territorial da zona de implantación do proxecto, que permita establecer unha zonificación do nivel de sensibilidade ambiental existente. Como se expón no propio documento, os resultados deste modelo tomaranse como unha recomendación, xa que se trata dunha simplificación da realidade para poder coñecer, desde un enfoque xeral, o territorio, o cal non exime do pertinente trámite de avaliación ambiental, e de que se concreten os impactos de cada caso particular.

En relación coa alegación relativa ao carácter estritamente mercantil do proxecto do parque eólico e a súa escasa ou nula incidencia positiva na loita contra o cambio climático e as externalidades negativas derivadas da súa execución, indicar que este tipo de instalacións de xeración de enerxía eléctrica producen enerxía a partir dunha fonte natural e renovable, contribuíndo polo tanto a descarbonización, e reducindo a dependencia de combustibles cuxo uso provoca a emisión de gases de efecto invernadoiro, aparte de impulsar a independencia enerxética do país.

En relación coa alegación referida á instalación de aeroxeradores que producirán máis potencia que a declarada na documentación para a que se solicita autorización administrativa de construción, indicar que o parque eólico Monte Xesteiros consta de seis (6) aeroxeradores cunha potencia unitaria de ata 6,1 MW, e cunha potencia global autorizada de 33 MW. Isto supón que a potencia instalada resulta superior á potencia autorizada. En todo caso, a potencia máxima de vertedura da instalación será a potencia autorizada (33 MW) correspondente coa capacidade de acceso. Este funcionamento é conforme co artigo 53.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, que indica que: «As autorizacións administrativas de instalacións de xeración poderanse outorgar por unha potencia instalada superior á capacidade de acceso que figure no permiso de acceso. A capacidade de acceso será a potencia activa máxima que se lle permite verter á rede a unha instalación de xeración de electricidade».

Con respecto á alegación relativa a que o proxecto non cumpre cos requisitos para ser considerado de interese autonómico, indicar que a aprobación do proxecto de interese autonómico se atopa aínda en tramitación, polo que de acordo co disposto no artigo 40 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental «Formalizados os trámites previstos no artigo 33 da presente lei relativos ao proxecto sectorial, o Consello da Xunta, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de enerxía, e contando co informe previo preceptivo do organismo con competencias en materia de ordenación do territorio, que deberá ser emitido no prazo máximo de dous meses, aprobará definitivamente, se procede, o proxecto sectorial, coas modificacións ou correccións que considere convenientes».

En relación coa alegación sobre a ausencia de información e afeccións das infraestruturas de evacuación e conexión do proxecto eólico Monte Xesteiros, aclarar que no punto 1.3.4 da Memoria do EsIA: «Descrición xeral da evacuación do PE Monte Xesteiros» están indicadas as características básicas da LAT 66 kV evacuación PE Monte Xesteiros y PE Castro Valente, consistente nunha liña de alta tensión a 66 kV que evacuará a enerxía xerada polos parques eólicos de Castro Valente e Monte Xesteiros ata a subestación colectora de Santiago. Os seus promotores son Iberdrola Renovables Galicia, S.A., e Norvento, S.L.U., que será obxecto doutro proxecto con tramitación independente. O trazado desta LAT discorre polos concellos da Estrada, Padrón, Teo, Ames e Santiago de Compostela, situados nas provincias de Pontevedra e A Coruña».

Cuarto. A disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, engadida pola Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, no seu punto 1, establece o seguinte:

«1. Non obstante o previsto no artigo 34 desta lei en relación co outorgamento conxunto da autorización administrativa previa e de construción, atendendo aos prazos para o cumprimento dos fitos establecidos polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, a Administración autonómica, por solicitude do promotor, poderá outorgar de forma separada a autorización administrativa previa cando se cumpran os requisitos necesarios para esta, coa finalidade de posibilitar o cumprimento dos fitos expresados.

Nestes casos, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei».

Tal e como se recolle no antecedente de feito décimo quinto, e de acordo coa mencionada disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 decembro, o 2.1.2024, o promotor solicitou o outorgamento de forma separada da autorización administrativa previa.

Quinto. A seguir recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque Monte Xesteiros, formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático o 6.10.2023, e recollida no antecedente de feito décimo primeiro desta resolución:

a) Na dita declaración, o órgano ambiental resolve o seguinte:

«Formular a declaración de impacto ambiental do parque eólico Monte Xesteiros, e considerar que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpra, ademais do recollido no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, o condicionado que figura ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre eles, prevalecerá o disposto nesta DIA».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Monte Xesteiros.

Nas epígrafes 4 e 5 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

4.1. Condicións particulares.

4.2. Condicións xerais.

4.2.1. Protección da atmosfera.

4.2.2. Protección das augas e leitos fluviais.

4.2.3. Protección do solo e infraestruturas.

4.2.4. Xestión de residuos.

4.2.5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

4.2.6. Integración paisaxística e restauración.

4.3. Outras condicións.

5. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Monte Xesteiros, sito no concello da Estrada (Pontevedra) e promovido por Norvento, S.L., cunha potencia de 33 MW.

As características principais do parque eólico son as seguintes:

Solicitante: Norvento, S.L.

Domicilio social: rúa Ramón María Aller Ulloa, nº 23, 27003 Lugo.

Denominación: parque eólico Monte Xesteiros.

Potencia autorizada/evacuable: 33 MW.

Concello afectado: A Estrada (Pontevedra).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. De acordo coa disposición transitoria décimo primeira da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a autorización administrativa de construción deberase outorgar no prazo máximo de tres meses, contados a partir do outorgamento da presente autorización administrativa previa, unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 da citada lei.

2. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

3. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a eles.

4. Con carácter previo ao outorgamento da autorización administrativa de construción, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), así como a conformidade da Subdirección Xeral de Meteoroloxía e Cambio Climático en relación coas afeccións do parque eólico ao Radar Meteorolóxico da Xunta de Galicia situado no monte Xesteiras.

Así mesmo, para a obtención da autorización administrativa de construción, e no que respecta aos condicionados técnicos emitidos en relación co proxecto de execución que, de ser o caso, se autorice, terase en conta o previsto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalación de enerxía eléctrica.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que lle resulten de aplicación.

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

9. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia de acordo co establecido no artigo 34.3 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada a conselleira de Economía, Industria e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais