DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 38 Xoves, 22 de febreiro de 2024 Páx. 15260

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, sito nos concellos de Lugo e Castroverde, promovido por Naturgy Renovables, S.L.U. (expediente IN408A/2017/013).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 16 de xaneiro de 2024, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga a autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción das instalacións do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación, sito nos concellos de Lugo e Castroverde (Lugo), promovido por Naturgy Renovables, S.L.U., cunha potencia de 22,5 MW.

Esta autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Naturgy Renovables, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O punto 4.1.5 da declaración de impacto ambiental sinala: «Proponse como importe do aval, que será actualizable e deberá fixar o órgano substantivo, tendo como base o orzamento de execución material, unha cantidade que permita garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo da restauración, da cal se propón que o 40 % corresponderá á fase de obras e o 60 % ao desmantelamento do parque eólico». En consecuencia, fíxase o importe do aval en 324.306,00 euros, dos cales 129.722,40 euros corresponderán á fase de obras e 194.583,60 euros á de desmantelamento do parque eólico.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia, regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Con anterioridade ao prazo dun mes desde o inicio das obras, a promotora deberalle achegar á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o Plan de vixilancia e seguimento ambiental, de acordo coas consideracións establecidas no punto 5 da declaración de impacto ambiental.

5. En canto aos bens e dereitos afectados por este parque eólico e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os cales mostrou a súa conformidade.

No caso de que se manifestasen perturbacións ou interferencias nos servizos de telecomunicacións legalmente autorizados, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, o promotor deberá adoptar as medidas necesarias para restablecer as condicións previas de calidade dos servizos afectados e para eliminar calquera posible afectación a estes.

Así mesmo, con carácter previo ao inicio das obras, a promotora deberá presentar ante esta dirección xeral, para a configuración definitiva do proxecto autorizado pola presente resolución, a autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA).

6. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 11.10.2023, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

Recóllense a continuación as condicións establecidas no punto 4 da DIA ás cales o promotor deberá dar cumprimento con carácter previo ao inicio das obras:

– O promotor deberá elaborar unha proposta detallada relativa ás medidas adicionais sinaladas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural para garantir a minimización do impacto por colisión en aves e quirópteros, así como ás actuacións que se deberán desenvolver para verificar a eficacia das ditas medidas. Terase en conta a altura dos aeroxeradores respecto das diferentes alturas e dirección de voo da avifauna.

O documento deberá contar, previamente ao inicio das obras, co informe favorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.

– Previamente ao inicio de obras, deberá contar co informe favorable da Confederación Hidrográfica Miño-Sil respecto do indicado na resposta do promotor ao primeiro informe dese organismo.

– O promotor, en relación co indicado no número 2.2 da DIA sobre o informe emitido pola Dirección Xeral de Saúde Pública e con carácter previo ao inicio das obras, deberá achegar a documentación e a información dos aspectos que se indican nel. No caso de que a documentación e a información relativas aos citados aspectos non se presentasen no prazo indicado ou, presentada en prazo, non resultase suficiente ou adecuada para a súa acreditación, entenderase que o estudo non cumpre cos requisitos desde o punto de vista sanitario.

7. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a promotora disporá dun prazo de tres anos, contados desde o outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no número 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por técnica ou técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas na autorización de construción, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 35 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. O promotor, de forma previa ao inicio das obras de construción, achegará un estudo que inclúa as medicións da resistividade do terreo sobre o cal se vai asentar a dita infraestrutura, coa xustificación, ou se procede modificación, do deseño da súa posta á terra se o valor obtido resulta ser superior ao empregado nos cálculos recollidos no proxecto.

10. A dirección de obra, unha vez executada a liña de evacuación e efectuadas as preceptivas medicións da resistencia de posta á terra nos apoios non frecuentados, certificará que o tempo de actuación das súas proteccións, unha vez feitos os axustes que procedan, é inferior a 1 segundo.

11. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

12. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

13. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

14. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou doutros condicionados técnicos de organismos ou empresas de servizo público ou interese xeral afectados, necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

15. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017 Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para o parque eólico.

2. O 26.1.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude. O 22.3.2018 a promotora achegou o xustificante do pagamento das taxas correspondentes á autorización administrativa de parques eólicos.

3. O 31.1.2019 a promotora solicitou unha modificación substancial do proxecto do parque eólico.

4. O 4.11.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas tomou razón do cambio de denominación de Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U. a Naturgy Renovables, S.L.U.

5. O 15.1.2020 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) comunicoulle á promotora o cumprimento de requisitos da súa solicitude de modificación substancial recollida no antecedente de feito terceiro.

6. O 8.7.2021 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, en que concluía que as posicións dos 9 aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no punto III.3.1 do Plan sectorial eólico de Galicia (Psega) respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.

7. O 10.12.2021, de acordo co establecido no artigo 33.9 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulle a documentación do proxecto do parque eólico á Xefatura Territorial de Lugo da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación (actualmente Consellería de Economía, Industria e Innovación), para a continuación da tramitación.

8. Mediante o Acordo do 17 de febreiro de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (proxecto de interese autonómico) do proxecto de execución do parque eólico Monte Contado e a súa infraestrutura eléctrica de evacuación.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 28.2.2022 e a súa corrección de erros, no DOG do 21.4.2022. Así mesmo, permaneceu exposto na xefatura territorial, así como nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Lugo e Castroverde), os cales emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Así mesmo, o dito acordo estivo exposto no portal web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación.

Durante o trámite de información pública, así como durante a tramitación do expediente, presentáronse alegacións, as cales foron remitidas e contestadas pola promotora.

9. Durante a tramitación do procedemento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Lugo, Concello de Castroverde, Retegal, Retevisión I, S.A.U., Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil e Deputación Provincial de Lugo.

A continuación, relaciónanse os organismos que emitiron, nas datas que se indican, os correspondentes condicionados técnicos: Retegal (8.3.2022), Retevisión I, S.A.U. (21.3.2022), Augas de Galicia (7.3.2022) e Deputación Provincial de Lugo (11.3.2022).

O promotor prestou a súa conformidade á totalidade dos condicionados emitidos.

Para o resto de organismos que non contestaron, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, que establece o prazo para a emisión dos condicionados técnicos do proxecto desde a recepción da solicitude, de non recibirse estes condicionados en prazo, entenderase a conformidade co proxecto, e continuarase a tramitación do procedemento.

10. O 2.10.2023 a Xefatura Territorial remitiulle o expediente á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais para continuar coa tramitación do procedemento.

11. Con respecto ao estudo de impacto ambiental, solicitáronse informes aos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Publica, Instituto de Estudos do Territorio, Concello de Lugo e Concello de Castroverde.

Cumprida a tramitación ambiental, o 11.10.2023 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública mediante o Anuncio do 13 de outubro de 2023, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, polo que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte Contado, nos concellos de Castroverde e Lugo (DOG núm. 201, do 23 de outubro).

12. O 19.10.2023 a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais requiriulle á promotora a documentación técnica refundida para a configuración definitiva do proxecto, resultante dos diversos informes, condicionados técnicos e alegacións realizadas polos distintos organismos durante o proceso de información pública.

13. O 2.11.2023 e o 4.11.2023 a promotora presentou a documentación técnica refundida (proxecto de execución e separatas) para a configuración definitiva do parque eólico, así como declaración responsable en relación cos organismos para os cales as modificacións introducidas no proxecto, como resultado dos distintos condicionados e informes emitidos, non supoñen novas afeccións.

As modificacións introducidas no proxecto como resultado dos informes emitidos durante o trámite ambiental inclúen a eliminación de catro posicións, das 9 inicialmente proxectadas, de forma que o parque eólico queda constituído por 5 aeroxeradores, configuración que conta coa declaración de impacto ambiental a que se fai referencia no antecedente de feito décimo primeiro. Así mesmo, a potencia inicialmente proxectada queda reducida de 31,05 MW a 22,5 MW.

14. O 5.12.2023, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución refundido do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Retegal e Retevisión I, S.A.U.

O 29.12.2023 Retevisión I, S.A. e o 10.1.2024 Retegal emitiron os correspondentes condicionados técnicos.

O promotor prestou a súa conformidade a estes dous condicionados.

15. O 19.12.2023 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe de referencia do artigo 33.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, para a configuración definitiva do proxecto, e concluíu que todas as posicións dos aeroxeradores cumpren a distancia mínima de 500 m ás delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable delimitado.

16. O 28.12.2023 a Xefatura Territorial de Lugo efectuou un requirimento ao promotor sobre o contido do proxecto de execución refundido achegado pola promotora o 2.11.2023, ao cal fai referencia o antecedente de feito décimo terceiro. Naturgy Renovables, S.L.U. contestou o dito requirimento o 11.1.2024, xunto cunha nova versión do proxecto «Parque eólico Monte Contado. Proxecto de execución de parque eólico e de infraestrutura eléctrica de evacuación», asinado dixitalmente o 11.1.2024 por Arturo Oliveras Sanz (graduado en Enxeñaría Industrial, enxeñeiro Eléctrico, colexiado núm. 18.063 do Colexio de Enxeñeiros Graduados e de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Tarragona), autor e responsable do proxecto do parque eólico, e Ricardo Lago Alonso (enxeñeiro industrial colexiado nº 2.221 do COEIG) autor e responsable do proxecto da infraestrutura eléctrica de evacuación, e visado con número AE059679-R02 o 11.1.2024 polo Colegio de Ingenieros Graduados y de Ingenieros Técnicos de Tarragona, incluíndo declaracións responsables dos técnicos redactores de cumprimento da normativa aplicable e de técnico competente.

17. O 10.1.2024 Naturgy Renovables, S.L.U. achegou documento en que se recolle o uso compartido da subestación do parque eólico Monciro, titularidade da dita sociedade e que está en explotación, para a evacuación da enerxía producida no parque eólico Monte Contado.

18. O 12.1.2024 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Industria e Innovación emitiu informe sobre o proxecto refundido do parque eólico achegado pola promotora o 11.1.2024, mencionado no antecedente de feito décimo sexto.

19. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede de transporte para unha potencia de 31,05 MW, segundo os informes do xestor da rede do 17.3.2021 e do 7.4.2022.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2024

Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais