DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2024 Páx. 14692

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Industria e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2024, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción e a declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Carral (expediente IN407A 2022/318-1).

Expediente: IN407A 2022/318-1.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Instalación: LMT, CT e RBT lugar de Cañás.

Concello: Carral.

Feitos:

1. O día 4.10.2022, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica. Co obxecto de mellorar da calidade de subministración e coa intención de resolver as reclamacións por caídas de tensión existentes no lugar de Cañás.

Ao abeiro do artigo 123 do Real decreto 1955/2000, achegan o proxecto, que inclúe memoria, planos e orzamento, e que abrangue os seguintes documentos:

• Proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT lugar de Cañás, asinado o día 16.6.2022 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico con número de colexiado 2.980 de Vigo, e con declaración responsable do 16.6.2022.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un acordo publicado nos seguintes medios:

• Portal da transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

• DOG: 20 de marzo de 2023.

• BOP: 3 de marzo de 2023.

• Xornal La Voz de Galicia: 14 de marzo de 2023.

• Taboleiro de anuncios do concello: segundo certificado municipal do 3 de marzo de 2023.

3. Durante o período en que se someteu o proxecto ao trámite de información pública María Belén Fernández López (cotitular do predio núm. 1) presentou unha alegación en que solicita que sexan excluídos os bens da súa titularidade da RBDA e alega con fundamento o seguinte:

– Que no proxecto presentado non concorren razóns de eficiencia enerxética, tecnolóxicas nin ambientais que xustifiquen as actuacións proxectadas.

– Que non está motivada a declaración de utilidade pública para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento ou para a imposición e exercicio da servidume de paso, máis aló da mera conveniencia da distribuidora, non cumpríndose co establecido no artigo 54 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Existen limitacións á constitución de servidume de paso xa que a parcela existente é unha horta pechada anexa á vivenda de 2.750 m2 de superficie, polo tanto, inferior a media hectárea.

– Que a liña pode instalarse tecnicamente sobre terreos de dominio público ou seguindo lindes de predios de propiedade privada, sen necesidade de afectar a súa propiedade.

– Que non existe no proxecto unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que a UFD considera de necesaria expropiación.

A alegación trasladóuselle á empresa promotora que respondeu en defensa dos seus intereses.

4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Carral, Deputación Provincial da Coruña e Patrimonio Cultural.

A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos informes presentados polos ditos organismos no prazo outorgado para ese efecto.

5. O día 4.1.2024 emitiuse o informe técnico.

Consideracións legais e técnicas:

1. O xefe territorial é competente para resolver este expediente segundo o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; o artigo 41 do Decreto 116/2022, do 23 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (DOG núm. 126, do 4 de xullo), modificado polo Decreto 49/2023, do 19 de maio (DOG núm. 98, do 25 de maio), consonte a disposición transitoria primeira do Decreto do 22 de xuño, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 119, do 23 de xuño).

2. Lexislación de aplicación:

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).

• Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

• Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).

• Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

• Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).

3. Características técnicas:

As instalacións de alta tensión obxecto deste expediente están situadas no lugar de Cañás, no concello de Carral, e as súas características técnicas son as seguintes:

– Centro de transformación prefabricado de formigón tipo rural fin de liña, compacto de manobra exterior, de 160 kVA de potencia, relación de transformación de 15/0,4-0,23 kV e configuración de celas 1L+1P, con cadro de baixa tensión con tres (3) saídas (unha de reserva), para instalar na parcela con referencia catastral 15021A501001210000EH sita no lugar de Viña Grande, Cañás (concello de Carral).

– Modificación, respectando o seu actual trazado, do treito autorizado no expediente 27.209 da LMT aérea BEG-703 comprendido entre o CT Cañás (expediente 50.971/matrícula 15CQ01) e o CT Bailía (expediente 50.089/matrícula 15AQ40), consistente na instalación dun novo apoio metálico tipo AL-A-C-1000/12-H35-CA (cs) III intercalado entre os apoios existentes nº 85 (matrícula AI0WF399) de formigón tipo AL-S-HV-500/14-LIRA CSII e nº 86 (matrícula AILE08V3) de formigón tipo AL-S-HV-500/14-LIRA CSII.

– Retensado do condutor tipo LA-110 (condutor existente) nos vans da liña BEG-703 anterior e posterior ao novo apoio metálico proxectado.

– Instalación no novo apoio metálico proxectado dun paso aéreo-soterrado (PA/S) dotado de xogo de pararraios autoválvulas e de elementos de seccionamento tipo XS.

– Liña eléctrica de media tensión soterrada, a 15 kV, de 126 metros de lonxitude en condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3(1×150 mm2 Al), coa orixe paso aéreo-soterrado (PA/S) anterior e remate en cela de liña do CT proxectado.

4. Á vista da alegación formulada por María Belén Fernández López (predio núm. 1), a resposta da promotora e o resto de documentación que consta no expediente, non se pode admitir a dita alegación polas seguintes causas:

– En canto á suposta falta de motivación da necesidade das instalacións eléctricas recollidas neste proxecto, na epígrafe de obxecto do proxecto construtivo exponse que este ten a finalidade de mellorar a calidade de subministración e resolver as reclamacións por caídas de tensión existentes no lugar de Cañás, e dada a distancia a que se atopan os reclamantes do centro de transformación existente (CT Cañás, 15CQ01), é preciso a instalación dun novo centro de transformación fin de liña.

Para esta finalidade e dar subministración ao novo centro de transformación, é preciso instalar un novo apoio nese predio, baixo a liña eléctrica existente onde facer un paso aéreo-soterrado. Por iso, afecta a parcela que nos ocupa nunha superficie de 2 m2 para a colocación do novo apoio, e 4,5 m2 para o establecemento dunha servidume de paso subterráneo de enerxía eléctrica. Todo iso no terreo que xa se encontra gravado coa servidume de paso de enerxía eléctrica aérea.

– No predio, identificado no proxecto co número 1, e que se corresponde coa parcela catastral 2001 do polígono 501 do concello de Carral, non se dan as limitacións á constitución de servidume de paso, ao tratarse dun predio en que, aínda que a súa superficie sexa menor de media hectárea, non existe vivenda ningunha nin se atopa pechada por todos os seus ventos.

Con independencia de que non se trata de establecer ningunha nova servidume de voo máis aló da xa existente, a referencia a unha vivenda, a superficie do predio e o seu peche, parece indicar que a alegante realmente se refire ao predio estremeiro núm. 122 do polígono 501, que non resulta afectado por este proxecto.

– A alegante non acredita que se cumpran conxuntamente as condicións recollidas no artigo 58 da Lei do sector eléctrico e o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, para poder ter en consideración a modificación de trazado da liña, ao terse consolidado a través de diversas sentenzas xudiciais que debe de ser o solicitante da modificación quen demostre o cumprimento de todas as condicións exixidas pola normativa para que poida ser aceptada a variante proposta.

En particular, a modificación proxectada que afecta esa parcela, consistente na instalación dun novo apoio para elevar a altura da liña existente, xa se sitúa sobre o linde do predio.

– En canto a que non existe no proxecto unha relación concreta e individualizada dos bens e dereitos que a UFD considera de necesaria expropiación, basta simplemente con observar o anuncio publicado no DOG núm. 55, do 20 de marzo de 2023, para comprobar que no anexo do acordo de información pública existe esa relación de bens e dereitos afectados.

5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, no que se indica expresamente que na visita efectuada ao emprazamento da instalación non se atopa ningunha limitación das indicadas no artigo 161.1 do Real decreto 1955/2000 para impor servidumes de paso e a ocupación en pleno dominio.

Consonte con todo o sinalado,

RESOLVO:

A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.

B) A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante esta xefatura territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial, no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía, Industria e Innovación, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.

Mediante este documento notifícaselles aos interesados esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.

A Coruña, 23 de xaneiro de 2024

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña

ANEXO

LMT, CT e RBT Cañás

Relación de bens e dereitos afectados-termo municipal de Carral

Parcela

proxecto

Propietario/titular

Referencia catastral

Lugar

Afección pleno dominio (LMT, CT e/ou apoios)

LMT soterrada (servidume de paso de enerxía eléctrica)

Natureza do terreo

CT/nº do apoio

Superficie (m2)

Lonxitude (m)

Superficie (m2)

1

Herdeiros de Lourdes López Seoane

Polígono 501, parcela 2001

Viña Grande

Novo apoio metálico proxectado

2

1,5

4,5

Rústico agrario

2

Encarna Caramelo Bello

Polígono 501, parcela 121

Viña Grande

CT e acceso

39.18

Rústico agrario